Colabora coa revista
A Revista Galega do Ensino. EDUGA (RGE) edítase en formato dixital e con carácter semestral (nos meses de xuño e decembro).
Orienta a edición ao coñecemento da educación en calquera das súas áreas disciplinares e ao desenvolvemento profesional das funcións pedagóxicas.
A RGE acepta traballos de teoría, investigación activa e práctica adaptados ás diversas seccións de que consta.
- Investigación
Acolle artigos de especialistas de recoñecido prestixio que desenvolven a súa actividade en universidades ou centros de investigación e cuxas liñas de investigación inciden directamente no ámbito educativo pola súa relevancia e actualidade.
- Experiencias
Acolle traballos descritivos sobre actividades propias do exercicio dunha función pedagóxica que promovan aprendizaxes e incidan na formación integral do alumno.
- Foro
Acolle colaboracións en que autores, cun fondo coñecemento da realidade educativa e unha acreditada solvencia profesional, expresan a súa opinión sobre temas actuais ou fan partícipe á comunidade educativa de aportacións didácticas innovadoras.
- Entrevista
Acolle, baixo o formato de entrevista, conversas con profesionais de sona que permiten aos lectores profundar nun tema obtendo directamente unha valiosa información.
- Que é
Sección informativa en que se ofrecen datos básicos (composición, funcións, tarefas que desenvolven, contacto) de asociacións, fundacións, movementos de renovación pedagóxica, etc. cuxo traballo está vinculado ao ámbito educativo.
- Formación
Enfoques
Colaboracións de expertos destacados en formación do profesorado que reflexionan sobre o panorama educativo e a profesión docente.
Proxeccións
Experiencias docentes que proxectan a formación recibida polo profesorado e inclúen reflexións sobre os cambios introducidos e as súas repercusións na comunidade educativa.
Ampliacións
Propostas de lecturas profesionais que motiven para seguir aprendendo.
- Innovación
Plan Proxecta
Acolle proxectos levados a cabo polos centros educativos no marco do Plan Proxecta+ da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que foron recoñecidos polo seu carácter innovador, actualidade e relevancia pedagóxica.
Contidos educativos
Os artigos desta sección están relacionados con obxectos dixitais educativos publicados no repositorio de contidos do espazoAbalar. Os/as asesores/as de contidos do CAFI proporán a creación do artigo aos/ás autores/as daqueles recursos de comprobada calidade previa experimentación na aula.
- Bibliotecas
Acolle artigos relacionados coas bibliotecas escolares, como instrumento fundamental dos centros para apoiar os procesos de aprendizaxe, así como o desenvolvemento do currículo e dos Proxectos Lectores de Centro. Incluiranse experiencias de calidade en relación co fomento da lectura entre os distintos sectores da comunidade educativa, e boas prácticas na incorporación de metodoloxías activas, con carácter interdisciplinar, que busquen a adquisición das competencias básicas do alumnado.