- Inicio
- Sección
A revista
A autoridade docente como responsabilidade compartida
Juan Granados Loureda, director de Eduga
Como sinalaba a filósofa Hannah Arendt, a autoridade na educación non se basea nun exercicio de poder, senón na asunción por parte do adulto da responsabilidade sobre o mundo ao que introduce os máis novos. En Galicia, o recoñecemento da autoridade pública do profesorado non debe entenderse como un privilexio estamental, senón como a garantía mínima necesaria para que ese proceso de introdución no mundo —que é o ensino— poida levarse a cabo nun ambiente de normalidade, seguridade e respecto mutuo.
Para entender o alcance desta figura, é preciso remitirse ao sólido armazón normativo que nos rexe: a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, desenvolvida polo Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro. A estas normas súmanse a Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOMLOE) e a Resolución do 5 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato no réxime ordinario no curso académico 2025/26.
Pero, que significa realmente que o docente sexa «autoridade pública»? No noso ordenamento, esta condición non é un título honorífico, senón un status xurídico que desenvolve tres proteccións esenciais:
Presunción de veracidade: segundo o artigo 7 da Lei 4/2011, os feitos constatados polo profesorado no exercicio das súas competencias teñen valor probatorio. A xurisprudencia (SAP C 470/2018) aclara que isto lle outorga ao docente unha especial credibilidade que require unha proba en contrario para ser desvirtuada, o que permite axilizar a corrección de condutas sen a indefensión que provoca o «palabra contra palabra».
Protección penal reforzada: o docente está amparado polo artigo 550 da Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal. Calquera agresión, ameaza ou intimidación grave contra un profesor no exercicio das súas funcións considérase un delito de atentado, o que supón penas máis severas para os agresores. Segundo o Tribunal Supremo, esta condición é inherente ao cargo e non require ningunha formalidade previa.
Dereito á asistencia xurídica: a Administración ten a obriga de proporcionarlle apoio legal ao profesorado. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estableceu que esta asistencia é un dereito subxectivo que o docente pode esixir xudicialmente para a súa defensa en ámbitos civís, penais ou administrativos derivados do seu traballo.
O realismo impón recoñecer que esta autoridade se enfronta hoxe a desafíos inéditos, especialmente nos medios dixitais e redes sociais, onde o acoso pode ser devastador para a paz escolar. Por iso, resulta fundamental o anuncio do conselleiro Román Rodríguez sobre a nova Oficina de Atención ao Docente. Este servizo non será unha simple estrutura burocrática, senón que se creará con rango de lei, ofrecendo amparo especializado fronte á violencia baixo unha premisa de tolerancia cero. Velaquí as súas principais características:
Funcións principais: o seu obxectivo é informar, amparar e protexer os docentes. Ofreceralles asesoramento especializado e acompañamento a aqueles que sexan vítimas de ameazas ou acoso.
Foco na violencia dixital: unha das súas prioridades será combater as agresións que se producen en redes sociais e medios telemáticos, recoñecendo que o acoso dixital ten un impacto grave na convivencia escolar e na dignidade do profesional.
Complemento á autoridade pública: esta oficina funciona como o brazo executor e de apoio práctico á condición de autoridade pública do docente. Mentres a lei outorga o status e a presunción de veracidade, a oficina garante que o profesor non se sinta só ante unha agresión física ou verbal, aplicando unha política de tolerancia cero.
Asistencia xurídica: coordinarase para asegurar que o dereito subxectivo á asistencia xurídica gratuíta por parte da Administración sexa efectivo e áxil en casos de atentado contra a autoridade.
Desde EDUGA entendemos que estas medidas son o escudo, pero o corazón da autoridade segue a ser o recoñecemento social. Como ben sostén a educadora Inger Enkvist, «a autoridade non é un fin en si mesma, senón a condición previa necesaria para que o saber sexa transmitido». Nun tempo de confusión de roles, reivindicar a autoridade do mestre non é un acto de nostalxia, senón de xustiza co alumnado, porque só nun ambiente de orde e respecto se garante o dereito real á educación e ao esforzo intelectual.