Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI)
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) é unha entidade autonómica, sen ánimo de lucro, declarada de utilidade pública e constituída por preto de 60 asociacións de persoas con discapacidade, que traballa desde 1990 pola mellora das condicións de vida das persoas con discapacidade e que ten como propósito conseguir a plena inclusión en todos os ámbitos da sociedade. A maiores de prestar servizos, xestiona 10 iniciativas empresariais de economía social, xerando emprego no conxunto da organización para máis de 1300 persoas.
A Área de Formación de COGAMI impulsa a educación inclusiva e creamos oportunidades para as persoas con discapacidade ante os novos retos sociais e laborais.
Así, o Programa de formación de COGAMI está deseñado para responder ás necesidades e capacidades das persoas con discapacidade, co fin de favorecer a adquisición de competencias que impulsen o seu desenvolvemento profesional.
A formación deseñada ten en conta as demandas do tecido empresarial, asegurando que os contidos sexan relevantes e orientados á inserción laboral, e co obxectivo principal de proporcionar unha aprendizaxe práctica que facilite o acceso ao emprego das persoas con discapacidade.
Tamén promovemos unha escola inclusiva que garanta a igualdade de oportunidades para o alumnado con discapacidade, impulsando o deseño universal para a aprendizaxe (DUA) e proporcionándolles apoios tanto ao profesorado coma ás persoas vinculadas ao ámbito socioeducativo e ás familias, ademais de realizar actividades de sensibilización dirixidas ao alumnado.
Dentro das accións vinculadas ao eido educativo, e que COGAMI desenvolve, destacan o proxecto eDUinclusivA, o programa de promoción da autonomía persoal, as diferentes accións que levamos a cabo desde as áreas de accesibilidade e atención temperá, así como os proxectos europeos nos que participamos.
Proxecto eDUinclusivA: capacitación á comunidade educativa para a promoción da educación inclusiva
Desde o ano 2016, a Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) e, na nosa comunidade, COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) traballan para promover a educación inclusiva e o deseño universal de aprendizaxe co fin de conseguir o desenvolvemento pleno das capacidades e intereses das persoas de acordo coas súas posibilidades.
Tratamos de contribuír cos nosos recursos, coñecemento e experiencia ao labor que realizan os centros educativos e os seus profesionais para proporcionar unha educación inclusiva e de calidade para todo o alumnado.
Ao longo deste tempo puxéronse en marcha diversas accións educativas orientadas á promoción de dereitos do alumnado con necesidades educativas especiais derivadas dalgunha discapacidade, á formación do persoal docente, mellora da convivencia escolar, acceso a tecnoloxías de apoio e ao fortalecemento da participación das familias no ámbito educativo.

O noso obxectivo
O obxectivo durante estes anos foi, fundamentalmente, fortalecer a capacidade do profesorado para a abordaxe da discapacidade e o uso de metodoloxías inclusivas, garantindo unha educación máis equitativa e accesible ao longo de toda a traxectoria educativa do alumnado con discapacidade, promovendo así unha escola inclusiva e a igualdade real de oportunidades do alumnado con necesidades educativas por motivos de discapacidade.
A nosa carteira de servizos
As accións realizadas ao longo deste tempo foron as seguintes:
-Capacitar a comunidade educativa en materia de educación inclusiva. Neste senso realizáronse accións formativas dirixidas ao profesorado nas seguintes materias:
- Metodoloxías inclusivas
- Patios de recreo inclusivos
- Sistema de comunicación VERBO
- Estimulación sensorial
- Música inclusiva
- Elaboración e usos de mesas de luz
- Cultivo ecolóxico inclusivo
- Coeducación e diversidade
- Atención ao alumnado con discapacidade física e orgánica
- Recursos socioeducativos sobre discapacidade
- Prevención do acoso escolar

- Apoiar o profesorado mediante o asesoramento e a información en relación con contidos, proporcionando unidades didácticas, guías metodolóxicas e outros materiais que lle permitan traballar co seu alumnado e proporcionar unha educación equitativa e inclusiva na súa comunidade.
- Apoiar e impulsar a participación das familias na comunidade educativa, con accións formativas como:
- Alfabetización dixital
- Formación en materia de discapacidade
- Explicación da LOMLOE
- Certificado de discapacidade/ dependencia / incapacidade
- Recursos socioeducativos
- Promoción de habilidades sociais no trato das persoas con discapacidade

- Apoiar as familias mediante o asesoramento e a resolución de consultas relacionadas coa educación inclusiva.
- Impartir charlas de sensibilización en materia de discapacidade, dirixidas tanto ao alumnado coma aos docentes.
Os contidos e as actividades que se levan a cabo están adaptados ao ciclo educativo no que se realizan:
- Infantil: «Aquí xogamos todas e todos»
- Primaria:
- 1º ciclo de primaria: «A diversidade no mundo»
- 2º ciclo de primaria: «Discapacidade e accesibilidade»
- 3º ciclo de primaria: «O camiño inclusivo»
- Secundaria: «Falemos de discapacidade»
- Bacharelato: «Prevención de lesións medulares»
- Establecer alianzas e redes de colaboración con outras entidades, co fin de compartir e dar a coñecer boas prácticas en materia de inclusión educativa.
Neste senso, cabe destacar as colaboracións con:
- Fundación María José Jove, a través das xornadas «Aprendendo a incluír»
- Universidade de Santiago de Compostela (campus de Lugo), con actividades de alumnado en prácticas
- Feira Municipal de Educación e Formación do Concello de Mos
- Rede CeMIT
- Unidade de Atención á Diversidade da Universidade da Coruña
- Obradoiros de sensibilización en colaboración cos servizos de atención temperá

As nosas persoas destinatarias
O proxecto vai dirixido a todas as persoas que conforman a comunidade educativa:
- Persoal docente
- Outro persoal non docente vencellado ao ámbito educativo
- Familiares do alumnado
- Alumnado

Os nosos resultados
Ao longo do ano 2024, logramos sensibilizar a 2928 alumnas e alumnos en centros educativos de toda Galicia.
Ademais, impartíronse 22 accións formativas nas que participaron 563 docentes, que recibiron formación especializada en educación inclusiva, o que incide favorablemente na eliminación de barreiras nas aulas e na mellora da convivencia escolar.
Tomaron parte 161 familias que recibiron asesoramento e formación en materia de educación e discapacidade.
Participaron no proxecto 40 centros educativos e 11 entidades do ámbito socioeducativo da comunidade.
Programa de promoción da autonomía persoal do CEGADI
Desde o Programa de promoción da autonomía persoal do CEGADI lévase a cabo unha intervención transdisciplinaria con menores desde os 4 ata os 18 anos de idade. Realízase unha detección de necesidades e establécense obxectivos de autonomía desde as áreas de intervención.

Realízase unha intervención tanto no CEGADI coma na contorna natural dos menores, atendendo a todas as áreas da súa vida (contorna familiar, contexto educativo, social…).
A intervención execútase de maneira transdisciplinaria desde as áreas de fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia, neuropsicoloxía, psicoloxía, traballo social e educación social. Como apoio á intervención, contamos con recursos que facilitan o traballo coas nenas e nenos, tales como a terapia acuática, a sala de estimulación sensorial, realidade virtual, novas tecnoloxías…
De cara a que a intervención sexa integral, unha parte fundamental é o centro educativo, polo que se mantén unha coordinación coas áreas de Orientación e Titoría, e cos profesionais de referencia (persoal coidador, mestres en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, e Educación Física, entre outras.) para coñecer as dificultades que pode ter na contorna escolar, valorar o uso de produtos de apoio e ofrecer pautas de intervención adaptadas ao contexto escolar (accesibilidade do menor no centro educativo, posicionamento na aula, acceso aos materiais de estudo, sistemas alternativos e aumentativos de comunicación…) ofrecéndolles tamén asesoramento e formación ás/aos profesionais de referencia.
Tamén resulta imprescindible o asesoramento e intervención coas familias de cara a integrar os obxectivos acadados na vida diaria. Unha vez finalizada a participación no programa, este asesoramento continúa no tempo e as familias acoden cando o precisan e/ou hai cambios significativos na situación da nena ou do neno.
Atención temperá
É un servizo dirixido a dar atención a nenas e nenos de 0 a 6 anos con desafíos no seu desenvolvemento, que poden ser transitorios ou permanentes, ou ter un risco de presentalos.
Ofrécelles ás nais e aos pais o apoio, o coñecemento e as habilidades necesarias para que involucren os seus nenos en oportunidades de aprendizaxe diarias, promovendo a confianza e as competencias tanto da nena ou neno coma das súas persoas titoras e/ou coidadoras.

O obxectivo que se persegue é que nais e pais, persoas coidadoras e profesionais traballen en conxunto no coidado, desenvolvemento e autonomía das nenas e nenos para que poidan ter a mellor calidade de vida tendo en conta as súas capacidades.
Que principios consideramos
As nenas e nenos aprenden mellor a través das experiencias diarias, cando teñen a oportunidade de facer e de practicar na súa contorna, nas súas rutinas e interactuando coas persoas que queren.
Atendemos ás necesidades da familia, da escola e da comunidade. Empregamos as fortalezas que a familia xa ten, axudamos a adquirir novas estratexias que favorezan o desenvolvemento (participación, socialización, autonomía...) e identificamos oportunidades de aprendizaxe nas rutinas do día a día (xogo, baño, almorzo...). Todas as familias, co apoio e os recursos necesarios, poden favorecer o desenvolvemento das súas fillas e fillos.
Os programas de intervención son individualizados e parten das necesidades, estratexias e recursos de cada familia.
Onde se realizan os apoios
- A intervención pódese realizar no servizo de atención temperá ou onde a nena ou neno se relaciona (na casa, na escola, no parque...).
- A familia e a escola ofrecen moitas oportunidades de aprendizaxe.
- As intervencións sempre teñen en conta as rutinas diarias, sen implicar traballo a maiores para a familia.
Centros de atención temperá que xestionamos
Mancomunidade Baixo Miño (A Garda, Tui, O Rosal e Tomiño), Concello de Ponteareas, Concello de Mos, Concello de Sada, Concello de Poio, Agrupación de Concellos de Bergondo, Abegondo Carral e Agrupación de Concellos de Miño, Pontedeume e Vilarmaior.
Accesibilidade

As actuacións que vén realizando a Área de Accesibilidade de COGAMI nesta materia pódense dividir en dúas seccións diferentes: por unha banda, temos os centros educativos e, pola outra, as contornas próximas a estes.
En ambos os casos realizamos informes de accesibilidade, tendo en conta as normas de obrigado cumprimento que afectan a cada un destes espazos.
Estes informes identifican, en calquera dos casos, as incidencias que se atopan, valórase a súa importancia e preséntanse propostas de mellora.
Dentro dos centros educativos, temos en conta o concepto de «cadea de accesibilidade», analizando os accesos, os percorridos interiores e os espazos de uso. No que respecta aos espazos de uso, están as aulas, os espazos de recreo ou os aseos, por exemplo. En relación cos percorridos, analizamos normalmente os de cambio de altura e valoramos as escaleiras, a seguridade e a accesibilidade, e os ascensores no caso de que existan.
Tamén facemos propostas de instalación de ramplas ou ascensores para lograr dotar de accesibilidade os centros educativos que carecían dela.
A realización dos informes para o asesoramento e a análise dos centros educativos e as súas contornas adoita comprender os seguintes pasos:
- Contacto co centro educativo e programación da visita.
- Visita ao centro educativo, con acompañamento dalgunha persoa responsable. Visítanse os espazos nos que o centro educativo atopa dificultades ou dúbidas. De xeito puntual, analízanse algúns outros elementos non previstos inicialmente.
- Durante a visita, realízase unha reportaxe gráfica dos elementos e do percorrido, unha toma de datos (dimensións, disposición de elementos) e solicítase información sobre as necesidades específicas identificadas polas persoas responsables.
- Realización dun informe na oficina, no que se analizan todos os datos recollidos, se leva a cabo unha valoración de cada un deles e se redacta o informe, no que se recolle a listaxe de incidencias e unha proposta de mellora para cada unha delas. No caso de que as incidencias sexan dificilmente resoltas nunha única acción, preséntase unha priorización.
Estes informes pretenden mellorar as condicións de accesibilidade e, sendo conscientes dos recursos limitados dos que normalmente se dispón, tratamos de indicar que actuacións deben ser prioritarias e cales secundarias.
Propostas e actuacións máis importantes realizadas no ámbito educativo
Unha das actuacións de maior importancia nos últimos anos foi a realización dun plan de accesibilidade universal para o campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.
Realizouse unha revisión das condicións de accesibilidade das diferentes facultades que compoñen este campus. Identificáronse incidencias en materia de accesibilidade e realizáronse propostas de mellora cunha planificación temporal (priorizacións).
Unha actuación similar tivo lugar no campus sur da Universidade de Santiago de Compostela, coa revisión de todas as súas facultades e a realización de propostas e priorizacións. Nestes espazos, e a través do Concello de Santiago, tamén se analizaron as contornas, o que deu como resultado un plan de accesibilidade específico para este campus.
Presentáronse propostas de plans de accesibilidade tamén para a Universidade de Vigo, institución coa que sostemos diálogo e encontros desde hai anos. Recentemente enviamos a nosa última proposta, dado que nos foi solicitada unha análise conxunta da accesibilidade dos campus de Pontevedra, Vigo e Ourense.
Tamén se realizou unha xornada formativa e de sensibilización na que tivo lugar un pequeno percorrido en cadeira de rodas polo campus de Vigo.
Con respecto a outros centros educativos, todos os anos recibimos consultas por parte dos equipos directivos ou, puntualmente, a través das ANPA, solicitando asesoramento en materia de accesibilidade.
Frecuentemente, teñen lugar visitas a centros educativos nas que se identifican incidencias e se presentan orzamentos para a realización de informes (este tipo de traballos realízanse habitualmente con cargo ás administracións públicas). En calquera caso, a nosa prioridade é a de lograr que se mellore a accesibilidade do centro educativo, polo que tratamos de ofrecer información suficiente para que se poidan realizar, cando menos, algunhas actuacións de mellora.
No Concello de Santiago, realizouse unha análise dos 13 CEIP públicos xestionados polo devandito concello, con especial énfase nas condicións de accesibilidade dos espazos de recreo e as súas contornas, e emitiuse un informe con indicacións e actuacións aconsellables para a posta en marcha dun proxecto de patios inclusivos.
Proxectos europeos
A través da súa Área de Proxectos, COGAMI participa activamente desde as súas orixes en varios programas europeos. Destacan as actuacións no sector educativo a través de programas como Erasmus+ e outros predecesores, co obxecto de promover a inclusión e a mellora das competencias educativas e profesionais das persoas con discapacidade. Entre os últimos proxectos desenvolvidos atópanse:

Este proxecto Erasmus+ ten como obxectivo contribuír á participación social das persoas con discapacidade a través da mellora da súa formación profesional en materia de xardinería e agricultura. COGAMI, como líder do consorcio, xunto con outras entidades socias de Croacia, Dinamarca, Grecia, Portugal e España, traballa para proporcionarlles recursos adaptados ás persoas formadoras, favorecendo as oportunidades de emprego. A través deste programa creáronse diversos produtos e servizos:
- Manual de formación en xardinería en formato accesible
- Guía para persoas formadoras baseada en prácticas inclusivas
- Curso de formación para persoas formadoras segundo o Universal Design for Learning (deseño universal para a aprendizaxe)
- Xogo educativo en materia de principios de xardinería sostible
Cabe subliñar que este proxecto foi recoñecido como Boa Práctica en Erasmus+ no sector VET en 2024.
ACT-INCLUSIVE: Actors of Change Towards Inclusive Education
Este proxecto Erasmus+ promove a educación inclusiva como un dereito humano fundamental, aliñándose coa Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade e o piar europeo de dereitos sociais.
COGAMI forma parte dun consorcio internacional con entidades de España, Hungría, Eslovenia, Chipre, Francia e Bélxica que, a través deste proxecto, trata de sensibilizar sobre a importancia e os beneficios da educación inclusiva, e de dotar de ferramentas tanto o alumnado con discapacidade coma o persoal dos centros educativos.
Entre as actividades do proxecto destacan:
- Elaboración de «Country Sheets» (follas de país) en relación co estado da inclusión educativa nas escolas europeas
- Compilación de boas prácticas en educación non formal
- Creación dun manual de formación e sensibilización («Training and Awareness-Raising Manual») en materia de educación inclusiva
- Desenvolvemento dun cómic e un audiolibro sobre comunicación inclusiva en varios idiomas (galego, castelán, inglés, francés, grego, húngaro e esloveno)
- Realización de obradoiros en escolas con actividades como concursos de arte
Inno3D-SEN: Empowering SEN Professionals with 3D Printing Innovations
Este proxecto centra o seu esforzo na capacitación de profesionais da educación especial e terapeutas na utilización da tecnoloxías de impresión 3D para crear dispositivos de rehabilitación personalizados. A inclusión de tecnoloxías innovadoras busca mellorar a accesibilidade e fomentar a igualdade de oportunidades no mercado laboral para persoas con discapacidade.
Entre os principais obxectivos do proxecto destacan:
- Formación de docentes e terapeutas en impresión 3D
- Creación de metodoloxías de formación baseadas en grupos focais
- Desenvolvemento dun 3D Hackathon, fomentando a colaboración e a creatividade
- Promoción da alfabetización dixital mediante o uso da tecnoloxía 3D
- Impulso da sostibilidade ambiental mediante o uso de filamentos reciclados
Este proxecto é froito da colaboración transnacional entre entidades de España (COGAMI, líder do consorcio), Grecia e Italia.
A través destes programas, COGAMI reafirma o seu compromiso coa educación inclusiva, a mellora das competencias profesionais das persoas con discapacidade e a implementación de novas tecnoloxías para facilitar a accesibilidade e a inserción laboral.
A participación nestes proxectos europeos supón unha aposta firme pola igualdade de oportunidades e a formación ao longo da vida.
A importancia da educación inclusiva para o alumnado con discapacidade
A educación é un dereito recoñecido e enténdese a todos os niveis educativos. Tanto a Convención das Nacións Unidas sobre dereitos das persoas con discapacidade coma a Constitución española e as leis orgánicas de educación establecen a igualdade de oportunidades e non discriminación no sistema educativo e o dereito a unha educación inclusiva.
A educación é un dos factores clave para o desenvolvemento persoal e social de calquera persoa, xa que non só supón adquirir coñecementos, senón tamén un enriquecemento persoal e ter maiores oportunidades para o futuro profesional. Aínda que se dan avances, seguen existindo numerosas barreiras e problemas para unha inclusión educativa real, tanto na educación primaria coma na secundaria e na etapa universitaria, e isto provoca un maior abandono escolar e un escaso índice de participación das persoas con discapacidade en estudos superiores.
É necesario reivindicar unha verdadeira inclusión educativa, dado que o nivel de estudos é un factor clave na inclusión laboral das persoas con discapacidade. A maior formación da persoa, meirandes probabilidades de atopar un emprego e mellores condicións laborais. Neste senso, a formación para o emprego é clave na inclusión das persoas con discapacidade e na súa participación social.
Cómpre facilitar e promover que as persoas formen parte activa na sociedade, así como sensibilizar a cidadanía e as persoas con discapacidade de que poden desempeñar un papel activo nela.
Entre todas e todos debemos construír unha sociedade inclusiva, que teña en conta a todas as persoas, rachar cos estereotipos e estigmas existentes sobre as persoas con discapacidade e poñer énfase nas súas capacidades en lugar de situalo nas súas limitacións.