Ir o contido principal
que e
Que é

ASAC Galicia

Asociación de Altas Capacidades de Galicia

 

Logo da Asociación de Altas Capacidades de Galicia

 

A Asociación de Altas Capacidades de Galicia (ASAC Galicia) é unha asociación sen ánimo de lucro e declarada de utilidade pública, que foi fundada no ano 1995 en Santiago de Compostela. Desde o seu nacemento, traballa apoiando as persoas con altas capacidades intelectuais e as súas familias, promovendo a reivindicación e o exercicio dos seus dereitos, e tamén participando en campañas de sensibilización e de promoción da investigación para o desenvolvemento e implantación de programas baseados no coñecemento científico que favorezan a inclusión e a participación das persoas con altas capacidades intelectuais.

 

A creación de ASAC Galicia

ASAC Galicia creouse xunto coa Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela e a actividade de ambas as dúas realizouse conxuntamente nunha historia en paralelo que chega ata a actualidade. Esta unidade inscríbese na Facultade de Psicoloxía da USC e foi dirixida nunha primeira etapa pola propia fundadora e primeira presidenta de ASAC Galicia, a Dra. Olga Díaz. Un dato destacable desta primeira etapa é o manexo de conceptos, como o de altas capacidades, que aínda non eran de uso común naquel momento fóra do ámbito máis académico. As altas capacidades engloban a precocidade, os talentos (simples ou complexos) e a sobredotación. Neses anos só se atendía á sobredotación e quedaba fóra do marco de medidas psicoeducativas o resto do alumnado precoz ou talentoso. Nesta etapa naceu o programa de talleres de enriquecemento de ASAC Galicia, na que especialistas en psicoloxía educativa deseñaron as primeiras actividades destinadas ao alumnado de altas capacidades intelectuais.

 

Taller de enriquecemento de ASAC Galicia, Auditorio Municipal de Ourense, 24/05/2025

 

Tamén se puxeron en marcha as primeiras actividades de formación e asesoramento a familias. E destaca tamén un proxecto realizado en convenio coa Fundación Barrié de la Maza que permitiu realizar test de cribado ou screening en diversos centros educativos galegos nunha iniciativa a prol da identificación de alumnado de altas capacidades intelectuais.

No ano 2012 pasou a ocupar a dirección da unidade a Dra. Carmen Pomar e comezou unha etapa na que o progresivo crecemento da asociación e a mellora xeral no ámbito galego e español das redes asociativas no ámbito das altas capacidades posibilitaron afrontar novos proxectos. O programa de talleres de enriquecemento foi modificado e naceu Ronsel do Campus, que se apoia no modelo SEM (Schoolwide Enrichment Model). Unha das actividades destacables desta etapa foi o Primeiro Congreso Internacional Noroeste de Altas Capacidades, levado a cabo no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela os días 14, 15 e 16 de setembro de 2018, cunha asistencia de máis de 350 persoas, que estivo organizado pola Asociación de Altas Capacidades de Galicia e no que participaron algúns dos maiores expertos mundiais no ámbito das altas capacidades intelectuais, como Joseph Renzulli, Sally Reis, Carmen Ferrándiz ou Javier Tourón.

 

Acto de nomeamento como Socias de mérito ASAC Galicia a Olga Díaz e Carmen Pomar, Facultade de Psicoloxía da USC, 15/04/2023

 

No ano 2018 pasou a ocupar a dirección da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC a Dra. Teresa Sánchez Castaño, que afrontou unha nova etapa de cambios que chega ata a actualidade, cun momento decisivo na etapa da pandemia, e que moldeou renovacións nas dinámicas de traballo cunha aposta decidida pola transición a virtual dalgunhas das actividades da asociación.

ASAC Galicia ten convenios vixentes coas tres universidades públicas galegas (USC, UDC e UVigo) e coa UNIR, o que propicia que se manteñan varias liñas de investigación abertas e unha colaboración na realización de prácticas de alumnado destas universidades nas actividades de ASAC Galicia.

 

Talleres de enriquecemento Ronsel do Campus

Ronsel do Campus é un programa de enriquecemento extracurricular para nenos e nenas con altas capacidades, deseñado pola Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela para ASAC Galicia e desenvolvido por Latento Altas Capacidades, spin off da USC. Ronsel do Campus baséase no modelo de enriquecemento curricular SEM do doutor en Psicoloxía Joseph Renzulli seguindo a metodoloxía dos clusters, grupos de traballo de enriquecemento con temáticas variadas que son guiados por expertos nas materias correspondentes.

Este programa lévase a cabo de forma presencial nas facultades de Psicoloxía e de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela e en formato en liña, en sábados alternos, distribuídos en dous cuadrimestres cun total de 18 sesións por curso escolar. Nel participan nenos e nenas desde os 4 ata os 19 anos, distribuídos en niveis por franxas de idade. Cada un destes niveis está supervisado por psicólogos especializados no eido das altas capacidades, que lles proporcionan apoio aos monitores (especialistas en diversas materias) no desenvolvemento integral dos perfís e na potenciación de fortalezas de carácter dos participantes en obradoiros, mentres realizan labores de seguimento e acompañamento psicolóxico en grupo. A selección temática dos talleres faise segundo as preferencias mostradas polos nenos e nenas participantes. Estas son as temáticas dalgúns dos talleres realizados: desenvolvemento socioemocional, medio ambiente, escritura creativa, zooloxía, artesanía, matemáticas, arte dramática, artes gráficas, arquitectura, ciencia, deseño e construción, debate, fotografía, deseño de produto, publicidade, xogos de rol, cómic, filosofía e literatura.

 

Equipo de monitoras e monitores dos talleres Ronsel do Campus, Facultade de Psicoloxía da USC, 01/06/2024

 

Escolas de familias

ASAC Galicia promove a participación das familias e doutros axentes sociais a través da nosa escola de familias, un programa anual de conferencias de profesionais de contrastado prestixio que ten como obxectivo proporcionarlles ás familias dos nenos e nenas con altas capacidades información, ferramentas e pautas de actuación relacionadas coa atención ás súas necesidades educativas, sociais e emocionais. O noso obxectivo é ofrecer respostas ás numerosas dúbidas que xorden a diario sobre o desenvolvemento das nenas e nenos con altas capacidades. As escolas de familias realízanse de xeito paralelo aos talleres de enriquecemento e manteñen unha conexión para a súa realización de xeito presencial ou virtual segundo o mesmo calendario. Cando se realizan en liña, utilízase a aplicación Zoom e realízase gravación destas que pasa a formar parte dun repositorio na canle de YouTube da asociación e, cando se realizan de modo presencial, teñen lugar na Aula Viqueira da Facultade de Psicoloxía da USC.

 

Itinere

Itinere é un proxecto de mentoría para a orientación vocacional de alumnado adolescente (terceiro e cuarto da ESO e primeiro de BACH) realizado desde ASAC Galicia pola Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela. Neste programa o alumnado participa en seminarios de técnicas de estudo, de motivación, de xestión emocional ou autocoñecemento, profundando no coñecemento de actividades e profesións de todos os eidos laborais, realizando traballos en equipo ou visitando centros de investigación e empresas. Todo isto faise desde unha perspectiva de investigación e intervención dirixida ao alumnado adolescente en relación coa súa toma de decisión tanto vocacional coma profesional e desta forma potenciar o seu talento. No bienio 2025-2027 iniciouse a terceira edición de Itinere.

 

Medallas ASAC Galicia

No ano 2024 convocouse a primeira edición das Medallas ASAC Galicia de boas prácticas na atención ao alumnado con altas capacidades intelectuais. O obxectivo principal deste recoñecemento é darlles visibilidade ás boas prácticas educativas e animar a que os centros e docentes traballen en busca do benestar dos nenos e nenas con altas capacidades e lles dean resposta ás súas necesidades educativas. Prémianse os proxectos que, desde a inclusión, se axustan ao proceso de ensino e aprendizaxe para que o alumnado de altas capacidades poida desenvolver ao máximo as súas capacidades en todos os ámbitos: intelectual, persoal e social. Os centros premiados na primeira edición das Medallas ASAC Galicia realizada no ano 2024 foron:

  • Medalla ao CEIP Valle Inclán de Vigo
  • Accésit 1 ao IES Isidro Parga Pondal de Carballo
  • Accésit 2 ao Colexio Internacional Eirís da Coruña
  • Accésit 3 ao Colexio Divino Salvador de Vigo

 

Premio de Investigación en Altas Capacidades Intelectuais ASAC Galicia

No ano 2025 convocouse a primeira edición destes premios que teñen como obxectivo promover, fomentar, recoñecer e difundir publicamente obras de investigación de calidade no ámbito das altas capacidades, valorando así a relevancia desas investigacións e a divulgación na sociedade do obxecto de estudo. O premio está dirixido a traballos de investigación inéditos, orixinais, de calidade e relevancia, de rigor científico e profundidade de análise mediante traballos de fin de grao, traballos de fin de máster e teses de doutoramento.

 

Investigación en ASAC Galicia

Desde a fundación de ASAC Galicia colabora con universidades e entidades de referencia, impulsando proxectos que xeran coñecemento, visibilidade e impacto educativo. Asemade, proxectos educativos como Ronsel do Campus ou Itinere foron obxecto de comunicacións en congresos de psicoloxía de ámbito internacional. ASAC Galicia colaborou recentemente con investigacións de doutoramento, traballos de fin de grao, traballos de fin de máster das seguintes entidades: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña, Universidade de Vigo, Universidade de Nebrija, Universidade Alfonso X El Sabio, Universidade de Alicante, Universidade Oberta de Catalunya, Universidade de Zaragoza ou Universidade de Salamanca.

Tamén promoveu as seguintes investigacións:

  • Investigación sobre acoso escolar e altas capacidades. Universidade de Vigo - ASAC Galicia. Inicio: abril 2023 - Finalización: 2025. Responsable: Dra. Mónica Rodríguez Enríquez.
  • Investigación sobre redes atencionais en alumnado con altas capacidades intelectuais. Universidade Internacional da Rioxa (UNIR) - ASAC Galicia. Inicio: maio 2023 - Finalización: 2025. Responsable: Dra. Sandra Santiago.
  • Investigación sobre funcións executivas en alumnado con altas capacidades intelectuais. UNIR - ASAC Galicia. Inicio: novembro 2025. Responsable: Dra. Almudena Gómez Pulido.

 

Formación do profesorado e Palestras ASAC Galicia

No programa de enriquecemento extracurricular Ronsel de Campus participa alumnado de prácticum e de prácticas da USC, futuros docentes que complementan a súa formación en altas capacidades a través da experiencia nos nosos talleres. Todas estas actividades están coordinadas desde a Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC. Ademais disto, ASAC Galicia participa frecuentemente en congresos, xornadas ou programas de formación do profesorado; actividades organizadas por diversas entidades educativas nas que se realiza un labor de divulgación e formación no eido das altas capacidades intelectuais.

En decembro de 2023, ASAC Galicia puxo en marcha un proxecto consistente na realización de conferencias en liña sobre a temática xeral da inclusión educativa: as Palestras ASAC Galicia. O obxectivo destas palestras foi desenvolver e implantar programas baseados no coñecemento científico e na boa práctica, así como iniciativas que favorezan a inclusión e a participación social, e tamén colaborar na formación e o no asesoramento de profesionais da educación. A primeira edición deste proxecto foi realizada nos meses de marzo e abril de 2024 e repetiuse no mes de abril de 2025. A relatora foi a directora do equipo técnico do programa de enriquecemento Ronsel do Campus, Miriam Fernández Barreiros, que impartiu a docencia titulada «Altas capacidades: por que, quen, que, como e para que», que estivo acompañada do presidente de ASAC Galicia. Na primeira edición participaron docentes de máis de 30 centros educativos e na segunda edición alcanzouse a cifra de 50 centros participantes.

 

Xornada Converxencias na Diversidade: TDAH, AACC, TEA

Tras o éxito alcanzado na primeira edición desta xornada, que se levou a cabo en Ourense no mes de febreiro de 2024, convocouse a Segunda Xornada Converxencias na Diversidade: TDAH, AACC, TEA, que tivo lugar no mes de abril de 2025 na sede da ONCE da Coruña e que estivo organizada por ADAHPO Ourense, ANHIDA Coruña, ASPERGA (Asociación Síndrome de Asperger Galicia), FEGADAH e ASAC Galicia. A xornada foi unha aproximación aos lugares comúns e puntos de encontro na atención á diversidade nos campos do trastorno por déficit de atención e hiperactividade, altas capacidades intelectuais e trastorno do espectro autista. A xornada abriuse cunha mesa redonda titulada «No eido familiar», na que participaron algúns familiares de nenas e nenos dos ámbitos TDAH, AACC e TEA. Incluíronse palestras de cada un dos ámbitos e, por último, pechouse a xornada coa mesa redonda «No eido educativo».

 

Campañas de visibilización

  • Campaña de visibilización «Non son raro», que consistiu na realización de varios vídeos dirixidos por Roi Fernández nos que participaron nenas e nenos da asociación, o científico Jorge Mira, o actor Antonio Mourelos e a xornalista María Solar.
  • Campaña «Así non son», que incidía na necesidade de fuxir de estereotipos no aspecto físico, pero sobre todo nos aspectos cognitivos que xeralmente se asocian ás altas capacidades intelectuais.
  • Campaña «30º aniversario ASAC Galicia», na que se conmemorou mediante un vídeo a traxectoria desta asociación e o traballo de moitas persoas a prol deste colectivo.

 

Cartel da campaña conmemorativa do 30º aniversario da fundación da asociación

 

  • Campaña en Pediatría, que tivo como obxectivo proporcionarlles aos centros de saúde información e ferramentas sobre as altas capacidades intelectuais para favorecer a súa identificación, especialmente desde o ámbito da pediatría, conectando así o campo da sanidade co da educación para poder axudar ao desenvolvemento integral das nenas e nenos con altas capacidades.
  • Campañas en colaboración con Unión AACC, federación de ámbito estatal de asociacións de altas capacidades.
  • Campañas «14 de marzo», realizadas para celebrar o Día das Altas Capacidades e deseñadas arredor de temáticas diversas.
  • Campaña «30 días de conciencia», na que se realizou unha recompilación de diversos materiais de impacto nos medios de comunicación nos 30 anos de existencia de ASAC Galicia.