A FAXPG
A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (en diante, FAXPG), situada na Coruña, é una entidade sen ánimo de lucro fundada o 11 de novembro de 1979, que representa e defende os dereitos das persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas de Galicia.
Na actualidade atópase composta por sete asociacións de persoas xordas situadas nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra, e está afiliada a Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE, pola súa sigla en castelán). Cabe destacar tamén que é membro do CERMI Galicia, entidade que aglutina as entidades máis representativas da discapacidade na nosa comunidade autónoma.
Ademais do traballo institucional e asociativo, desenvolve ao mesmo tempo diferentes actuacións e actividades a través dos seus servizos, co fin de acadar o seu propósito e a súa misión: acadar o desenvolvemento integral das persoas xordas de Galicia, en condicións de accesibilidade universal, preservando a LSE como o noso valor principal.
Para a prestación dos seus servizos por todo o territorio galego, estes distribúense en axencias da entidade situadas nas sete localidades principais de Galicia.
Antes de profundar nos servizos que presta a FAXPG, é preciso sinalar que a entidade está a desenvolver o seu IV Plan estratéxico (2026-2028). Na actualidade, as persoas xordas galegas seguen a vivir situación de desvantaxe e desigualdade en todos os ámbitos da vida. O uso pleno da lingua de signos entre a infancia xorda segue a ser unha utopía e o acceso ao contorno social non está totalmente liberado de dificultades e barreiras. O novo plan estratéxico, ademais de servir como folla de ruta, está orientado para avanzar no cambio social e tratar de acadar melloras significativas na calidade de vida das persoas xordas ao remate da temporalidade deste.
Os eixes que vertebran o devandito plan estratéxico son tres:
Eixe 1. Eido sanitario e servizos de dependencia: asegurar que as persoas xordas poidan acceder sen problemas á atención médica pública e aos servizos de dependencia, especialmente nas cidades.
Eixe 2. Educación e desenvolvemento social: promover unha educación bilingüe e inclusiva, fortalecendo a identidade e a participación sociocultural.
Eixe 3. Fortalecemento do movemento asociativo: promovendo o relevo xeracional, reforzando a confianza interna e consolidando a estrutura federativa para defender dereitos, cultura e participación social da comunidade.
Servizos da entidade
A FAXPG conta cunha diversidade de servizos especializados en persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas. Estes servizos acompañan a persoa e a súa familia durante todo o ciclo vital, adaptándose ás demandas que xorden nas diferentes etapas. O cadro de persoal está conformado por profesionais xordos e oíntes expertos en todo o relativo ao colectivo. Estes servizos distribúense por áreas:
Área de accesibilidade
Ofrécelles ás administracións públicas e ás empresas privadas ferramentas para que poidan facer accesibles as persoas xordas, xordocegas ou con discapacidade auditiva a súa información e servizos de atención ao público. Entre os servizos dispoñibles encóntrase o subtitulado e adaptación á LSE de vídeos, a revisión e adaptación de páxinas web, a adaptación á LSE de guías ou videointerpretación.
Área de SAPX (Servizo de Atención ás Persoas Xordas)
Este servizo céntrase no fomento da autonomía persoal e está formado polas seguintes profesionais:
Traballadoras sociais: encargadas da atención á demanda de persoas xordas e xestión de recursos sociais axustados as súas características.
Mediadoras comunicativas: profesionais que realizan adaptacións comunicativas dos contornos nos que reside a persoa xorda.
Terapeutas ocupacionais: realizan sesións de terapia adaptadas a persoas xordas maiores.
Psicólogas: terapia especializada nas necesidades comunicativas das persoas xordas e as súas familias.
Área de Formación de LSE
O Servizo de Formación de LSE ten como misión fomentar un contorno accesible de comunicación entre persoas xordas e oíntes. Para iso, ofrecen cursos de LSE adaptados ao Marco común europeo de referencia para as linguas (MCER) do Consello de Europa. Os docentes son especialistas en LSE, persoas xordas nativas que ensinan non só a súa lingua, senón tamén a cultura e comunidade xorda. É importante recordar que as linguas de signos en España está recoñecida na Lei 27/2007, do 24 de outubro, pola que se recoñecen as linguas de signos españolas e se regulan os medios de apoio á comunicación oral para as persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas.
Calquera persoa, a título persoal, como profesional ou colectivo profesional dun sector, que queira mellorar os seus coñecementos para o seu día a día, pode contactar coa entidade para recibir información sobre os cursos que se ofrecen tanto en modalidade presencial coma en liña.
Área de Emprego
Encargados de mellorar a empregabilidade das persoas xordas e xestionar a intermediación laboral. Para isto conta con profesionais como técnicos de formación, axentes de emprego, orientadoras laborais e preparadoras laborais.
Área de Educación
Área encargada da atención aos nenos e nenas xordos e ás súas familias. Traballan desde un enfoque integral do neno, contando coa familia como elemento imprescindible e utilizando a LSE como valor principal.
Os servizos ofrecidos son os seguintes:
Formación de LSE: para menores xordos e as súas familias. Poden acudir a clases en grupo con outros nenos, de forma individual ou en familia.
LSE na aula: clases de LSE en centros educativos con alumnado xordo. Ensínanse contidos esenciais e consensuados cos docentes, adaptando así a clase e facendo partícipes a todos os compañeiros e compañeiras.
- Logopedia: profesionais expertos nas implicacións da xordeira, con coñecementos en LSE e a súa utilidade para a adquisición da lingua oral.
- Intervención pedagóxica: profesionais encargadas da intervención en canto a dificultades de aprendizaxe que poden experimentar os nenos e nenas xordos, como a lectoescritura, memoria, atención e funcións executivas, entre outras.
- Técnico de familias: encargado das demandas das familias, intervencións familiares específicas e organización de actividades de ocio inclusivo.
Charlas formativas
Co fin de formar os futuros profesionais, lévanse a cabo charlas específicas en CIFP ou universidades, nas que se explica a xordeira, as súas implicacións, adaptacións necesarias e un pequeno taller de lingua de signos.
Material de difusión
Trátase dun material en liña de difusión que se pode solicitar de forma gratuíta. Neste, unha persoa xorda, especialista de LSE, explica a realidade das persoas xordas adaptadas a diferentes idades (6-9/9-12/12-16) e no que se inclúe un pequeno taller de LSE.
Talleres para familias
Espazo accesible para as familias no que se tratan temas de interese, achegados por elas mesmas durante as intervencións.
Concurso anual Cantamos coas Mans
Trátase dun concurso escolar no que poden participar todos os centros educativos galegos e ten como obxectivo difundir a LSE. Os centros deben preparar unha canción en LSE e enviar un vídeo coa súa proposta. Posteriormente realízanse as votacións e, unha vez coñecidos os gañadores, acoden a un acto de entrega de premios. O pasado 8 de maio do presente ano tivo lugar a entrega de premios da 9ª edición.
I Seminario de Educación Bilingüe
No próximo mes de novembro realizarase o I Seminario de Educación Bilingüe organizado pola FAXPG. Neste seminario participarán profesionais con diferentes perfís e con experiencia en educación bilingüe (LSE-lingual oral).
A FAXPG ten como valor principal o uso e difusión da lingua de signos como forma de accesibilidade universal. O coñecemento da LSE favorece, no caso dos máis pequenos, a comunicación no eido do fogar e da escola, aspecto imprescindible para evitar a privación lingüística (enténdese como a falta de acceso axeitado e temperán a unha lingua natural durante o período crítico da adquisición da linguaxe).
É por esta razón pola que aposta da FAXPG e formar aos centros en materia de bilingüismo (LSE-lingua oral), co obxectivo de coñecer outras formas de ensino que poden favorecer a comprensión dos nenos e nenas xordos, senón tamén de calquera neno. A finalidade é achegarlles aos mestres novas metodoloxías innovadoras, explicadas por profesionais cunha ampla experiencia e con exemplos e materiais claros.
Para rematar, desde a entidade gustaríanos trasladar unha mensaxe final. Cando falamos da inclusión real e accesibilidade plena para as persoas xordas, estamos a falar de dereitos. Pero estes dereitos non se garanten sós: comeza coa sensibilización, o coñecemento e o compromiso de todas as partes da sociedade. Só así poderemos construír o camiño cara a unha sociedade máis solidaria, máis xusta, máis inclusiva onde todos poidan gozar das mesmas oportunidades sen sufrir ningún tipo de discriminación pola súa discapacidade ou pola súa lingua natural.