Ir o contido principal
formacion
Proxeccións

Unha ollada desde un CRA en Vilaboa

Experiencia no Programa Observa_Acción do CRA de Vilaboa Consuelo González Martínez
A observación directa das metodoloxías didácticas doutros centros pode axudar á propia práctica docente, tanto por asimilarmos dinámicas innovadoras coma por confirmarmos que hai estratexias comúns a esta independentemente das circunstancias. Este intercambio de experiencias e de impresións enriquece e amplía a visión que temos sobre o noso propio traballo.

M.ª Concepción Pérez Núñez
CRA de Vilaboa Consuelo González Martínez (Vilaboa - Pontevedra)
opaconchita [at] edu.xunta.gal (opaconchita[at]edu[dot]xunta[dot]gal))

 

 

 

Unha ocasión oportuna

Comezaba o curso 2022/23 á vez que remataba a participación nun consorcio Erasmus+ coordinado polo CFR de Pontevedra que favoreceu a configuración dunha liña de formación de internacionalización no marco do PFPP anual do centro. Dirixir a mirada cara a outras realidades ofreceu unha nova visión e moitas ganas de seguir aprendendo e mellorando a prol da calidade do ensino. Inmersos na construción dese itinerario formativo, en outubro do 2022, xurdiu a ocasión de participar no Programa Observa_Acción: Desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais. Coa aprobación en pleno do claustro e cunha participación do 85 % do profesorado, naceu o proxecto Unha ollada desde un CRA en Vilaboa, amparado no itinerario Observación_Acción: Mirando cara a Europa: Erasmus+ Unha ollada desde un CRA en Vilaboa.

As liñas competenciais docentes escollidas para focalizar as observacións no programa foron a competencia en innovación e investigación e mais a competencia dixital: educación e transformación dos centros.

Os obxectivos marcados inicialmente no proxecto perseguían acadar melloras relacionadas co uso da tecnoloxía de xeito responsable e integrado nos proxectos do alumnado, a organización dos espazos —interiores e exteriores— de xeito adaptado ás necesidades da infancia, a xestión e organización administrativa nun CRA e a transmisión de información, entre outros.

Ademais buscabamos abrir as nosas portas, permitir unha ollada allea ao CRA, recibir, acoller, mostrar e compartir o noso, o que facemos e construímos. Coñecer, observar, conectar, repensar, aprender e volver con outra perspectiva.

 

Desenvolvemento do Programa Observa_Acción

O programa presentouse como unha grande oportunidade para visibilizar a nosa particular realidade e as prácticas educativas do centro; á vez que aprender dos outros, mergullarnos noutras realidades para nós descoñecidas, cambiar a mirada, reflexionar e, de ser o caso, implementar e/ou adaptar o observado e aprendido.

As catro fases do programa eran intracentros, intercentros, estatal e europea.

Recibimos formación presencial, on-streaming e á través da aula virtual, o que nos permitiu aclarar conceptos (observación holística, observación focalizada…), dispor de referentes para organizar as nosas sesións (entrevista previa, folla de observación, análise conxunta e reflexión)… e preparar as observacións.

No primeiro curso completamos as fases 1, intracentros (Comparte), e 2, intercentros (Acolle).

 

1. Comparte: Observación entre pares dentro do centro educativo.

Todo un reto organizativo nun CRA no que os corredores son estradas e, á vez, unha oportunidade marabillosa. Organizados en parellas e coa mirada de explorador, visitamos as escolas doutro xeito, abrimos as portas e asistimos, en segundo plano, ás sesións que cada día teñen lugar no CRA e ás que nunca asistimos.

Observación de sesión de RobotriCRA centrada no pensamento computacional na Escola de Figueirido

 

Entrevista na radio co CEP Plurilingüe de Riomaior no marco da difusión da experiencia

 

Observación na Escola de Barciela dunha sesión de traballo por ambientes

 

Memoria fase 1

 

2. Acolle: Observación entre centros dentro da comunidade autónoma.

Primeiro recibimos dous mestres e unha mestra do CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro. Abrímoslles ás portas das cinco escolas e da biblioCRA, e organizamos tres sesións de observación tras analizar previamente os seus intereses. Aprendemos das súas miradas e reflexións. Posteriormente, catro mestras e un mestre do CRA, xunto á asesora do CFR, viaxaron a Cerceda, visitaron o seu centro, asistiron a distintas sesións de aula e chegaron con novas ideas que compartiron con todo o claustro, especialmente centradas na competencia didáctica, que orixinariamente non era a liña que se ía seguir no proxecto.

Xuntanza de reflexión final cos observadores recibidos do CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro na Flor da Paz do CRA de Vilaboa

 

Observación de sesión plurilingüe de ART no CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro

 

Memoria fase 2

 

No segundo ano participamos na fase 3 estatal (Conecta).

3. Conecta: Colaboración entre comunidades autónomas adheridas ao Programa Observa_Acción.

Como xa acontecera na fase 2, esta vez recibimos o CRA Campos Castellanos de Cantimpalos, en Castela e León. Convivimos durante dous días con tres mestras do colexio rural castelán. A experiencia, moi enriquecedora, foi máis pausada ca na fase Acolle. Puidemos amosar as nosas actividades extraescolares, percorrer o centro sen présa e desenvolver as sesións de observación acordadas. Posteriormente chegou a nosa quenda. Catro mestras e un mestre, acompañados da nosa asesora, puxeron rumbo a Segovia e atoparon outra realidade moi diferente á nosa: un CRA que escolariza alumnado de educación infantil, primaria e secundaria, unha escola cabeceira que semellaba un centro público integrado (Cantimpalos) e dúas unitarias (Escarabajosa e Mozoncillo). Xa de volta en Vilaboa, as compañeiras fixeron unha posta en común co profesorado que non puido viaxar para relatar o acontecido na súa visita e destacaron distintos recursos e metodoloxías que poderían ser unha oportunidade para nós.

 

Xuntanza previa ás sesións de observación no CRA Campos Castellanos

Vídeo Memoria fase 3

 

No terceiro e derradeiro curso, desenvolvemos a fase 4 europea (Internacionaliza).

4. Internacionaliza: Visita a un centro educativo dun socio europeo.

A expedición estivo formada por tres mestras do CEP Plurilingüe de Riomaior, dúas mestras titoras e o secretario do CRA, acompañados de dous asesores do CFR. Viaxaron ata a Illa de San Miguel nas Azores para coñecer a EBI Água de Pau. No contexto do sistema educativo portugués, foron os espazos, os recursos humanos, a metodoloxía e os valores os aspectos que centraron a atención do grupo visitante.

Inicio da xornada escolar na EBI Água de Pau

Memoria fase 4

 

Impacto no CRA

Cada unha das fases percorridas remataron na elaboración dunha memoria. Na súa confección converxeron os rexistros das observacións, as reflexións, as distintas evidencias, as propostas de mellora… e, sobre todo, o traballo conxunto en equipo, a creatividade e o compromiso docente coa mellora dos procesos de ensino-aprendizaxe.

Os intercambios resultaron sumamente enriquecedores, sorprendeu gratamente a gran cantidade de matices positivos, moi por riba dos negativos. Estas apreciacións abriron distintas vías de mellora que foron progresivamente implementándose na organización dos espazos nas cinco escolas, na planificación das sesións de aula e dos obradoiros co alumnado, destacando a dinamización dos espazos e o incremento de convivencias entre escolas. Fixemos autocrítica, fomos quen de detectar os nosos erros, principalmente referidos ao control do grupo e á xestión do alumnado.

Partindo dos obxectivos do plan, así como dos instrumentos do observación empregados, foron moitas as reflexións, aprendizaxes, dúbidas e experiencias que se compartiron. Desde a análise da organización espacial e o uso dos espazos interiores e exteriores, ata as rutinas que promoven diariamente hábitos de vida saudable. A finalidade de compartir o proceso de aprendizaxe con outros compañeiros a partir da observación parte da base de traspasar as portas da aula desde o respecto, a admiración e o principal obxectivo de enriquecernos.

No ámbito organizativo, desde a dirección do centro o esforzo foi grande, tanto nas observacións internas coma na planificación das acollidas e visitas a outros centros.

En cada fase foi fundamental facer unha reflexión previa antes de ser observados, deterse e ser conscientes de que non consiste en impresionar o observador, non temos que planificar nada fóra do habitual nin sentirnos examinados. Ter isto en conta é primordial para que a observación sexa real e a retroalimentación produtiva. No caso concreto da fase intracentros-Comparte, facer observacións entre pares fortaleceu os vínculos profesionais e persoais entre mestres e mestras: compartir, propor, dialogar, planificar… algo especialmente necesario nun CRA, dado que o profesorado se atopa cada día separado, espallado nas distintas escolas e con escasas oportunidades de encontro.

 

Conclusión

Ao igual que o prácticum universitario docente, a observación debería ser obrigatoria na formación permanente do profesorado como parte da carreira profesional docente. Observar e ser observado é unha ferramenta poderosa de metacognición docente para as escolas e centros educativos de calquera tipoloxía. A observación posibilita tecer novas redes de colaboración, analizar a práctica educativa, innovar, reformular o proceso de ensino-aprendizaxe e establecer metas para o noso propio desenvolvemento profesional. Observa_Acción é un instrumento para a reflexión que axuda a identificar as fortalezas e debilidades tanto da práctica docente coma do funcionamento xeral do centro escolar, e levar a cabo unha investigación para crecer profesionalmente a través da posta en común de diferentes metodoloxías, e proporcionar un ambiente enriquecedor para toda a comunidade educativa.

Cómpre sinalar que nas observacións realizadas prestamos, se cadra, máis atención á competencia didáctica ca ás competencias fixadas no proxecto inicial. Fixámonos moito na metodoloxía de cada docente, na xestión do deseño universal da aprendizaxe, nas estratexias empregadas para a motivación do alumnado.

No proxecto inicial, recollemos a necesidade de facer unha análise dos erros, dunha visión externa e de observar outras formas de traballar. Puidemos reflexionar sobre erros, coñecer novas formas de ensinar noutros centros e especialidades, e coñecer novos recursos e técnicas... Tivemos a opción de ser observados por alguén alleo ás nosas propostas e recibir unha retroalimentación construtiva, maioritariamente positiva sobre as nosas prácticas, o que supuxo un pulo e un reforzo para seguir ensinando, mellorando e innovando.

A participación no programa Erasmus+, así como repetir a experiencia Observa_Acción, debúxase no horizonte e, mentres, as portas do CRA están abertas a exploradores inquedos.