Ir o contido principal
formacion
Proxeccións

Unha experiencia de observación en Estonia

Docentes de Baiona e Nigrán e asesoras do CFR de Vigo visitan unha escola en Tallin
Sete docentes (as persoas autoras) do CPI Arquitecto Palacios de Nigrán, do CPI de Cova Terreña de Baiona e do CFR de Vigo visitaron, os días 10 e 11 de febreiro de 2025, o centro educativo Tallinna Pääsküla Kool, situado no distrito de Nõmme, en Tallin.
A visita a Estonia, enmarcada no Programa Observa_Acción, tiña como obxectivo observar directamente as prácticas rutineiras dunha escola nun país que, segundo os resultados de PISA 2022 (OCDE), liderou os indicadores educativos entre os países da Unión Europea. No artigo presentamos a experiencia e as valoracións.

Mª del Carmen Álvarez Lorenzo - maruchi [at] edu.xunta.gal (maruchi[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Iria Chapela Malvido - iriachapela [at] edu.xunta.gal (iriachapela[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Luis Fernández López - luisfernandez [at] edu.xunta.gal (luisfernandez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
CPI de Cova Terreña (Baiona - Pontevedra)

Andrea Méndez Cores - andrea.mendez.cores [at] edu.xunta.gal (andrea[dot]mendez[dot]cores[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Pablo Fernández Bello - peterpanxon [at] edu.xunta.gal (peterpanxon[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios (Nigrán - Pontevedra)

Leticia Pérez Domínguez - leticiaperez [at] edu.xunta.gal (leticiaperez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Lorena Estévez Álvarez - lestevez [at] edu.xunta.gal (lestevez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
CFR de Vigo (Pontevedra)

 

 

Poder entrar nas clases, nas salas de profesorado, no ximnasio, no comedor e en todas as instalacións dun centro educativo de calquera lugar —e máis aínda se se trata dun país referente en educación pública— é un auténtico privilexio e constitúe unha ferramenta de formación permanente do profesorado de primeiro nivel. Unha secuencia clara: primeiro, observar en silencio, sen que a nosa presenza alterase os ritmos nin os procesos, para logo facerlles preguntas aos colegas docentes de Estonia e, finalmente, reflexionar dentro do grupo galego, mesmo durante a viaxe en tren desde a escola ata o centro de Tallin, onde nos aloxabamos. Esta experiencia supera calquera curso formativo. Sen querer adiantar conclusións finais, sobra dicir que pagou a pena. Entramos en detalles.

O equipo docente galego na porta principal do centro educativo Tallinna Pääsküla Kool de Tallin (Estonia)

 

O contexto institucional da visita: o Programa Observa_Acción

A visita a Estonia estivo enmarcada no Programa de formación do profesorado Observa_Acción, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, e que contou coa cofinanciamento do Ministerio de Educación e da Unión Europea.

No curso 2023/24 desenvolvemos unha primeira fase do proceso (Comparte), na que docentes de cada centro realizamos observacións entre iguais co propósito de mellorar a práctica profesional. Algunhas das observacións non se centraban en nada en particular, senón na sesión de clase en xeral (observación holística), mentres que outras se enfocaban en aspectos concretos como a organización da aula, a participación do alumnado, o uso das TIC, as relacións de convivencia etc. (observación focalizada).

As observacións nunca teñen como fin xulgar nin avaliar, senón intercambiar impresións e aprendizaxes mediante reunións previas e posteriores á cada observación. O profesorado, tanto observado coma observador, subliñou que se sentiu ben e destacou a importancia desta práctica para a mellora profesional.

 Un momento de observación holística en Estonia

 

Nunha segunda fase (Acolle), tamén durante o curso pasado, a observación realizouse entre docentes de diferentes centros de Galicia. No noso caso, participamos xuntos os dous centros dos que falamos neste artigo, aos que se uniu o CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco (A Coruña). Nesta fase non só se realizaba a observación entre docentes, senón que tamén se analizaron distintas características dos centros públicos integrados (CPI), como a organización, a estrutura, o funcionamento do comedor, os horarios, entre outros aspectos relevantes.

A terceira fase (Internacionaliza) foi a que nos levou a Tallin, para completar o proceso, observando compañeiros e compañeiras docentes doutros estados da Unión Europea.

 

Por que Estonia?

Estonia foi un destino especialmente valioso para a observación educativa, xa que, segundo os resultados do Informe PISA 2022, lidera os indicadores da Unión Europea en ciencias, matemáticas, lectura e pensamento crítico. Este rendemento destacado é aínda máis salientable tendo en conta que o seu investimento público en educación non é significativamente superior ao doutros países, como España. Ademais, as ratios alumnado-profesorado, como comprobamos na escola visitada, son moi semellantes ás dos nosos centros, o que descarta que o éxito derive exclusivamente de factores orzamentarios. Esta realidade convida a poñer o foco nas prácticas pedagóxicas, na organización dos centros e na cultura educativa, convertendo a Estonia nun referente europeo que paga a pena coñecer de primeira man. Tivemos esa sorte.

Un momento de observación con dramatización por parte da docente

 

A visita a Tallinna Pääsküla Kool

A Tallinna Pääsküla Kool é unha escola pública de ensino xeral fundada en 1985. Ofrece ensinanza desde o primeiro ata o noveno curso, o que corresponde aproximadamente ás idades de 7 a 15 anos, segundo o sistema educativo estoniano. O centro destaca pola súa aposta por metodoloxías innovadoras e proxectos internacionais.

Desde a Raekoja plats (praza do Concello de Tallin), preto do noso hotel, ata a escola, faciamos unha viaxe diaria duns 45 minutos. Esta incluía tomar un tren que nos achegaba á escola durante unhas mañás frías, aínda que non tanto como cabería esperar para a época do ano e a latitude. En todo caso, desde as aulas puidemos ver nevar.

A chegada á escola esixía todo un ritual para enfrontar o frío. Unha gran sala chea de armarios e botas —do alumnado, docentes e visitas— servía para deixar os abrigos e o calzado de rúa, que se cambiaba por zapatillas. Ao rematar a xornada, tocaba prepararse de novo para o inverno máis cru que agardaba detrás da porta.

Agardábanos Liis Enson, líder de actividade e docente de Ciencia e Tecnoloxía e que lideraba tamén o traballo creativo do propio centro e os proxectos internacionais. Ela foi a encargada de guiarnos polo centro e de introducirnos nas particularidades do sistema educativo estoniano. A súa implicación coa visita galega foi excepcional. «Aitäh!»

Ao longo de dous días visitamos aulas de Matemáticas, Física e Química, Bioloxía, Música, Inglés, Educación Física, Building Thinking Class (no que Markus, a través da aprendizaxe cooperativa, traballaba o pensamento crítico) e Español (impartida por Julio, un madrileño afincado en Estonia), en grupos de secundaria.

Un momento de intercambio, durante a clase, co profesor da clase de Construción do Pensamento,

no que se aplicaban dinámicas de aprendizaxe cooperativa

 

Eramos un grupo demasiado numeroso para pasar desapercibido nunha aula, pero, quizais pola rutina habitual de ter observadores, o alumnado seguiu co seu traballo con normalidade.  Asistimos a clases moi académicas e rigorosas, outras máis dinámicas e innovadoras, e tamén a aulas específicas como as de Cociña ou Carpintería. De novo, observamos un elevado grao de autonomía no profesorado ao observar liñas metodolóxicas de traballo moi diferentes e todas ben aceptadas pola comunidade.

Dentro da aula, moita autonomía. Algúns alumnos chegaban tarde, sentaban con normalidade, collían o material e comezaban a traballar. Outros utilizaban o móbil para facer operacións ou consultar información, e logo gardábano sen problemas. Por suposto, como adoita acontecer en grupos grandes, tamén houbo algún intento de interromper ou desafiar a clase, que foi respondido coa absoluta indiferenza por parte da profesora. Funcionou.

A autonomía tamén se pon en evidencia no consello de alumnado, formado por dous ou tres delegados por clase, que organizan eventos internos e con outras escolas, tratan temas como a comida ou as actividades deportivas, e que supón un elemento importante na organización e na vida do centro.

No ámbito do centro, a autonomía maniféstase na liberdade organizativa. Por exemplo, neste centro o alumnado máis novo tiña tres ou catro sesións de clase ao día, cun período de lecer amplo, onde desfrutaba obrigatoriamente do exterior e con moita liberdade de movementos. As clases dos máis maiores podían ter unha carga horaria de 35 horas semanais, moi semellante ao noso sistema. Unha organización do horario que dependía das necesidades de aprendizaxe do alumnado e que variaba en cada curso, xa que nin empezaban á mesma hora nin remataban por igual.

 

Algunhas observacións e valoracións

Algúns aspectos que queremos compartir e que foron motivo de análise por parte do grupo observador, moitas veces tomando como referencia a nosa realidade, foron, entre outros, os seguintes, que organizamos por ámbitos:

Organización e xestión

  • Entre cada clase, o alumnado dispón de 10 minutos de desconexión, que usa con absoluta liberdade e sen supervisión de persoal directa.
  • Non hai escolas especiais: o alumnado intégrase nos centros xerais.
  • A dirección está formada por profesionais non docentes, especialistas de xestión e son os responsables de contratar o profesorado.
  • A inspección educativa non está presente na vida do centro salvo en casos moi excepcionais. En todo Estonia só hai oito inspectores para visitar os centros. O mesmo pasa coa dirección do centro, que non ten demasiada presenza nas clases. A autonomía profesional céntrase en cada profesor e cada profesora.
  • Sorprendeunos moito que, en clases e momentos puntuais, o alumnado estaba separado en grupos por sexos.
  • Intervención relevante dos concellos na vida educativa, presente tanto pola contratación de postos de traballo dependentes do municipio esenciais para a vida escolar coma na achega de material e infraestruturas.

 

Profesorado e persoal

  • Contan cunha pedagoga social encargada da relación coas familias e outra especializada para abordar os casos de atención á diversidade.
  • O profesorado ten un labor importante no sistema e considérase relevante na vida do país. Dedícanse a programar, ensinar e avaliar, e non a funcións distintas como regular entradas e saídas do centro, facer gardas ou outras funcións de apoio ou burocráticas, que son realizadas por outro tipo de persoal.
  • Hai complementos salariais extraordinarios para o profesorado que, voluntariamente, desexe realizar máis tarefas, distintas daquelas para as que foi contratado: clases de cociña, teatro, estudo en horario diferente do lectivo e outras.

Alumnado e familias

  • A repetición de curso é excepcional e require a autorización expresa das familias.
  • Hai unha independencia e confianza no alumnado, saben exactamente que na clase se está para aprender, pero, ao mesmo tempo, a escola tamén pensa no seu ocio e descanso para procurar unha boa concentración no momento preciso.

 

Metodoloxía, avaliación e recursos

  • O Estado realiza avaliacións externas en terceiro, sexto e noveno curso, que se viven como algo de moita importancia nas escolas, coa preparación previa que iso require.
  • As avaliacións, por competencias, sempre determinan decisións que poden, mesmo, modificar a carga horaria das materias (avaliación formativa).
  • No centro visitado percibimos un escaso traballo ou importancia da biblioteca, que se centra exclusivamente na función tradicional de préstamo de libros, sen espazos axeitados para a lectura.
  • Instalacións deportivas: ata catro espazos amplos diferentes dentro do centro (máis o espazo natural fronte á escola) para a realización das clases de Educación Física.
  • Na xestión de aula vimos un escaso protagonismo de ferramentas tecnolóxicas e non existe debate sobre o seu emprego ou non. O seu uso está centrado na necesidade de aprendizaxe e busca de información.
  • A universidade é gratuíta.

 

 A autonomía foi observada en moitas aspectos, por exemplo, no uso libre do teléfono móbil cando era necesario para a tarefa da aula,
por exemplo, para buscar información

 

Houbo distintos momentos para compartir e reflexionar entre representantes educativos da escola báltica e do grupo galego

 

Unha valoración final e provisional

Parte do profesorado estoniano co que falamos opinaba que os bos resultados en PISA se deben a que o alumnado estuda moito, xoga o necesario, existe disciplina e se realizan numerosas probas de avaliación, cuxos resultados marcan o camiño que hai que seguir. Consideran importante o seu labor, aínda que senten que non está ben retribuído, e sinalan que nalgúns casos teñen dificultades coa intervención das familias en determinadas decisións educativas.

A visita foi unha oportunidade única, aproveitada ao máximo en 48 horas intensas de curiosidade, comunicación e colaboración. Evidentemente, trátase de dous sistemas moi distintos, cunha diferenza cultural importante, que comeza cunha maior confianza no sistema estoniano, o cal depende pouco (salvo no marco legal) da clase política nin presenta tantas variacións, salvo aquelas que xorden para mellorar a práctica educativa.

Unha sensación de concreción, de ausencia de dispersión e de foco no verdadeiramente importante: aquilo que é necesario aprender e, polo tanto, educar. Constatouse a ausencia de exceso de materias nos distintos cursos, cunha organización flexible e adaptada ás necesidades do alumnado, que evoluciona cun horario diferente en cada etapa.

Horario do centro

             

En resumo, sentimos unha gran fortuna por poder vivir esta experiencia, que resultou moi efectiva para entender as razóns do éxito educativo dun sistema estable e flexible, que mestura o tradicional coa actualidade tecnolóxica, baseado nunha confianza mutua para aproveitar as mellores ferramentas educativas cun fin común.

Queda por ver que se pode traspoñer e que non á nosa realidade, tanto na aula coma na organización de centro. O grupo seguirá traballando no próximo curso e, se EDUGA quere, seguiremos contando.

Clase de Danza

 

 

Agradecementos

Ao Programa Observa_Acción e á Consellería de Educación da Xunta de Galicia pola oportunidade dada.

Ao alumnado e profesorado da Tallinna Pääsküla Kool por deixarse observar para mellorar a nosa formación e a Liis Enson pola preparación da visita, a súa profesionalidade e atención.

 

 

Palabras clave

educación en Estonia

Unha experiencia de observación en Estonia

PISA

Unha experiencia de observación en Estonia

Observa_Acción

Unha experiencia de observación en Estonia

Formación do profesorado

Unha experiencia de observación en Estonia