Ir o contido principal
formacion
Proxeccións

Sumando experiencias, multiplicando aprendizaxes

O Programa Observa_Acción como ferramenta de mellora da calidade educativa
O presente artigo ilustra a participación do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria no Programa Observa_Acción co fin de mellorar a calidade educativa a través da observación entre iguais na procura de metodoloxías activas que enriquezan o traballo diario. Realizáronse intercambios no propio centro, no ámbito autonómico, nacional e internacional, compartindo experiencias e inquedanzas. A participación resultou positiva e xerou confianza e novas perspectivas de traballo, ademais de futuras colaboracións.

Inés Calvo Torres
ines.calvo.torres [at] edu.xunta.gal (ines[dot]calvo[dot]torres[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Sonia Bergantiños Grandío
sbergantinos [at] edu.xunta.gal (sbergantinos[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Sarria - Lugo)

 

 

A participación no Programa Observa_Acción: Desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais foi concibido desde o inicio polo IES Xograr Afonso Gómez de Sarria como unha oportunidade para complementar os proxectos de innovación educativa que estaban implantados no centro e tamén para enriquecer a liña do PFPP sobre metodoloxías activas que nos permitían promover o traballo colaborativo, a inclusión educativa, a saúde e a sostibilidade, eixes vertebradores do noso labor docente.

O obxectivo final era mellorar a calidade educativa que lles prestamos ao noso alumnado e ás familias desde o centro, fomentando propostas que incidisen na mellora da convivencia e na aprendizaxe continua do profesorado, como axente dinamizador dos centros educativos.

Así, o Programa Observa_Acción para nós ofrecía desde a súa orixe unha serie de beneficios:

  • Proposta de traballo colaborativo
  • Aumento da transparencia do labor docente
  • Fomento da aprendizaxe entre iguais
  • Traballo inter e transdisciplinario

A observación supuxo espazos de encontro entre docentes, tan necesarios e ás veces esquecidos polo ritmo diario de traballo. Foron encontros durante as observacións, pero tamén encontros previos e posteriores que se traduciron en xornadas de reflexión, de conversas e de localización de afinidades e diferenzas que melloraran o noso labor docente.

A observación, entendida en todo momento a través de emparellamentos, levouse a cabo na primeira fase, Comparte, de forma natural e por afinidades, coa única excepción de non ser observacións coincidentes entre membros dun mesmo departamento.

Observación entre iguais no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria

 

Isto permitiunos:

  • Por unha banda, que as e os docentes se sentisen cómodos e puidesen asumir sen tensión a observación por parte doutro compañeiro ou compañeira da súa aula.
  • Por outra, observacións que nos fixesen saír da nosa zona de confort, apreciando metodoloxías de traballo coas que estivésemos menos familiarizados.

Tras estas observacións iniciais, precedidas da lectura, análise e interiorización dos formularios de rexistro achegados pola Consellería, leváronse a cabo xuntanzas.

Reunión para a análise de resultados

 

As primeiras foron entre as parellas de observación (holísticas e focalizadas) e posteriormente entre todos os docentes participantes no programa, o que nos permitiu obter unha visión conxunta do contexto do Xograr como a apreciación de metodoloxías non directivas, clima de aula relaxado e proactivo de aprendizaxe, participación activa do alumnado e aproveitamento útil do tempo das sesións docentes. Unha pequena mostra deste traballo pode ser consultada na seguinte ligazón.

Superada esta primeira fase, o acceso á fase autonómica, Acolle, supuxo un aliciente e motivación para o profesorado participante, que puido ampliar as súas aprendizaxes e compartir experiencias con outros centros.

Recepción no IES Carlos Casares de Viana do Bolo

 

No noso caso foi co IES Carlos Casares de Viana do Bolo (Ourense), cunha primeira toma de contacto a través da aula virtual creada para a xestión do propio Programa Observa_Acción e que nos achegaba aos resultados do noso socio na primeira fase. Con este centro tivemos unha especial conexión e fixemos fincapé en compartir os enfoques que cadaquén tiña nos proxectos de Innovación Educativa que desenvolviamos. A observación non versou unicamente sobre as metodoloxías didácticas e de aula, senón que foi ampliada á presentación de proxectos e programas de referencia de cada centro. Isto supuxo un valor engadido para os institutos, xa que desta fase xurdiron colaboracións posteriores relacionadas co club de ciencias, a mediación de alumnado e os programas de biblioteca. Observamos cantas coincidencias e visións comúns poden existir na diversidade dos centros.

Na terceira fase, a nacional Conecta, experimentamos un intercambio de experiencias moi intenso, unha reflexión moi enriquecedora e un coñecemento de diferentes formas de traballar e organizar un sistema educativo, que permiten perseguir e acadar os mesmos obxectivos. Concretamente foi co IES Albalat de Navalmoral de la Mata en Estremadura. A oportunidade de achegarnos ao funcionamento e á organización dun centro pertencente a outra comunidade autónoma fíxonos comprobar que existe unha linguaxe común entre ambos, e permitiunos crear un espazo de crecemento conxunto e comprobar que algunhas das nosas propostas, que aínda estaban sobre o papel, podían ser unha realidade coa vontade de todos e todas, como no caso da docencia compartida. Desta fase xurdiron puntos de encontro, como a colaboración en liña dos clubs de xadrez e o compromiso de colaborar en proxectos nacionais a través da Agrupación dos Centros.

Na fase internacional, Internacionaliza, fomos emparellados co Colegiul National Mihai Eminescu de Constanza, unha escola secundaria pública de Romanía a través da que puidemos comprobar as diferenzas que dentro dun mesmo continente existen entre sistemas educativos.

Sesión de observación no Colegiul National Mihai Eminescu de Constanza

 

As sesións compartidas centráronse na observación da práctica diaria nas aulas e no coñecemento da organización do centro e dos proxectos que levan a cabo, incidindo nos aspectos culturais, solidarios e internacionais que impregnan as súas prácticas educativas. Ademais, o compromiso do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria coa sostibilidade e a inclusión social resultaron de interese para o centro acolledor, o que nos permitiu acadar futuras colaboracións. Ademais, percibimos que a nosa identidade como centro tamén ten cabida para a aprendizaxe doutras escolas máis alá das nosas fronteiras.

Chegamos á conclusión de que, a pesar das diferenzas culturais e lingüísticas, o enfoque na acollida e trato co alumnado é similar e que en ambos os centros buscamos, nas actividades extraescolares e complementarias de formación, un achegamento aos espazos naturais que nos rodean, ás actividades culturais e de promoción do patrimonio e ás de coñecemento e respecto das tradicións propias e alleas.

Ao mesmo tempo que participabamos neste programa, o noso centro estaba, e está, inmerso na posta en marcha de programas internacionais a través da participación en proxectos Erasmus+ nos ámbitos SCH e VET. O acceso en Observa_Acción á fase Internacionaliza supuxo tamén un importante pulo nesta liña, xa que dela xurdiu o noso primeiro proxecto eTwining, clave na dinamización europea do noso instituto. En colaboración cun terceiro centro educativo de Turquía, na actualidade estase a desenvolver o proxecto Ther art of empathy co alumnado de segundo da ESO, que persegue o coidado da esfera emocional do noso alumnado, compartindo a experiencia co alumnado dos outros dous centros educativos.

En todas as fases se tiveron en conta, ademais, outros aspectos, como a observación dos tempos de lecer do alumnado, a reflexión compartida sobre os intereses e motivacións da mocidade e a localización dos recursos cos que podemos achegarnos a eles. Non esquecemos tampouco a importancia do coidado dos propios docentes. Atopamos en cada un dos emparellamentos espazos de ocio compartido cos compañeiros e coñecemos cada unha das vilas, achegándonos ás súas realidades e ao seu patrimonio natural e cultural.

Cultura e lecer compartidos entre escolas

 

Un paso pola rúa das Antigüidades de Sarria ou polo veciño concello de Samos, unha andaina pola Morrena de Chaguazoso de Vilariño de Conso, unha visita ao parque nacional de Monfragüe ou un encontro coa cultura Romana, a través do Cazinoul de Constanza, tamén foron posibles grazas a este programa e foron testemuña de conversas que afianzaron os lazos de cooperación entre docentes de todas as escolas.

 

Reflexión final

Unha vez que finalizou a nosa participación no programa, a valoración por parte do profesorado implicado é altamente positiva. Como reflexión final, dicir que a nosa participación no Programa Observa_Acción se baseou na xenerosidade e solidariedade dos seus participantes. No ámbito individual cada docente mostrouse abertamente e con liberdade aos seus iguais, aceptando comentarios construtivos que mellorasen a súa práctica docente; no ámbito colectivo, como centro, mostramos os proxectos e iniciativas que nos definen e identifican, con responsabilidade e satisfacción pola acollida recibida. Este intercambio ofreceunos confianza e seguridade ao tempo que nos mostrou novas perspectivas e inquedanzas metodolóxicas.

Agradecementos: ao alumnado e profesorado do IES Carlos Casares (Viana do Bolo, Galicia), do IES Albalat (Navalmoral de la Mata, Estremadura) e do Colegiul National Mihai Eminescu (Constanza, Romanía), pola súa acollida e polas experiencias compartidas.