Ir o contido principal
formacion
Proxeccións

Pequeno Teatro

Este texto xorde da necesidade urxente de desenvolver e mellorar a competencia lectora dos mozos e mozas estudantes ante a presión do mundo das imaxes e das redes, buscando fomentar a comprensión e a lectura crítica dos textos. O artigo recolle unha ampla relación de prácticas realizadas dentro e fóra da aula pola súa autora.

Anxos Rial Vidal
anxosrial [at] edu.xunta.gal (anxosrial[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
IES Sánchez Cantón (Pontevedra - Pontevedra)

 

 

Pequeno Teatro. Da competencia lectora e as súas prácticas

Hoxe en día, nas nosas aulas da ESO e de bacharelato, detectamos serias dificultades no que respecta á competencia lectora do noso alumnado; a rapazada adolescente vive nun mundo moi disperso no que as pantallas e imaxes, a inmediatez e a brevidade que estas lle proporcionan contribúe a aumentar esa dispersión e dificulta a súa interpretación, análise e comprensión dos textos escritos; a eles e elas, afeitos, afeccionados ás mensaxes audiovisuais sintéticas e precipitadas, mesmo ás veces falsas e manipuladoras, enfrontarse a un libro de lectura, a un texto escrito resúltalles fatigoso e aburrido, realizar unha lectura crítica que lles permita contrastar e desbotar falsas informacións suponlles unha andaina longa e complexa que non os atrae, á que non lle ven beneficios inmediatos.

Por estas razóns, coidamos que é urxente promover as lecturas na aula e fóra dela e que é primordial acompañalos nesta ruta polos textos escritos, dirixir e fomentar as súas prácticas lectoras que indubidablemente mellorarán a súa competencia neste ámbito e o que esta implica: a mellora da súa capacidade de análise, de interpretación dos textos e do mundo que os rodea, a adquisición de modelos intelixentes, críticos fronte a atracción do influencer do mundo das pantallas ou á facilidade que lles supón utilizar a IA na realización das tarefas (mudar a valoración do produto creado sen esforzo fronte á aprendizaxe do proceso, por exemplo).

Image

 

Se a todo o exposto anteriormente lle engadimos que os textos propostos para ler, recomendados estean redactados en lingua galega (lingua que moi poucos usan e coa que perderon o contacto non só nos núcleos urbanos, senón tamén na periferia), de entrada o rexeitamento, tristemente, é maior.

Reiteramos, pois, a urxencia e a necesidade de recuperar hábitos e espazos lectores dinámicos e atraentes para a nosa adolescencia, na aula e fóra dela e, por suposto, en galego.

Ofrecemos a continuación un relato, unha relación de prácticas dinamizadoras e formadoras da competencia lectora.

 

Das prácticas lectoras na aula

A lectura acompañada na aula, sexa porque lle dedicamos un tempo semanal a esta, unha «hora de ler», sexa dos textos recomendados polos departamentos didácticos ou seleccionados polo docente, é unha práctica enriquecedora e formadora de técnicas, de hábitos e de gustos lectores. Algunhas actividades que podemos desenvolver son, entre outras:

  • A lectura en voz alta que nos permite a participación activa de todo alumnado axuda o docente a detectar dificultades na mecánica da lectura e na súa comprensión; facilita marcar a correcta entoación e expresión (como ben sabemos, a mecánica e a comprensión lectora están directamente relacionadas cos resultados académicos do noso alumnado).

  • As pequenas dramatizacións (Pequeno Teatro) sobre fragmentos seleccionados da obra que lemos axudan á participación dinámica, favorecen captar a atención do auditorio, cativalo converténdoo en actuante no propio texto, polo cal debemos facer participar a todo o alumnado da aula na dramatización (en alternancia ou conxuntamente) animando á participación ao alumnado máis retraído.

  • Acompañar a lectura coa proxección de imaxes na pantalla da aula e/ou con música de fondo.

    Image

     

  • Contextualizar e dinamizar a lectura con actividades relacionadas co tema ou argumento da obra que se está a ler axuda a concentrar o interese da rapazada pola lectura, así, por exemplo, en primeiro da ESO, unha das nosas lecturas recomendadas é a novela O día que choveron gatos de Eva Mejuto e permitiunos convidar o alumnado a apoiar a lectura coa información dos elementos narrativos desta en infografías (sintéticas e atractivas visualmente), realizamos un mapa que recolle os espazos principais onde sucede a acción, imaxinamos os personaxes escollendo os máis atractivos para os lectores ao tempo que introducimos nos diálogos novos personaxes creados por nós que favorecen mudar ritmo e acontecementos.

No que respecta á reflexión sobre a linguaxe relacionamos lectura e aspectos lingüísticos como un pequeno estudo sobre o nome dos gatos da novela e o nome das nosas mascotas (en que lingua están, que significan, a intencionalidade da escolla do nome etc.), a recollida da fraseoloxía e o seu significado (abundante na obra), a listaxe de adxectivos pexorativos, do léxico relacionado coa choiva etc.

Fóra da aula realizamos unha ruta pola nosa vila seguindo os espazos que recolleramos no mapa elaborado e acompañados e acompañadas pola autora da novela, toda unha experiencia. A maiores asistimos a un encontro na nosa biblioteca cun especialista en animais que nos falou do coidado e responsabilidades de posuír unha mascota.

Image

 

Das prácticas lectoras fóra da aula: os clubs de lectura

Resulta indubidable o peso dos clubs de lectura na formación da competencia lectora. Estes espazos de complicidade, acompañamento e socialización implican aprendizaxe, mais non debemos esquecer que a participación nestes grupos lectores é voluntaria e a rapazada que se achega a eles, polo xeral, son mozos e mozas aos que lles gusta ler e non aqueles ou aquelas que precisan cultivar as prácticas lectoras sexa como afección ou como necesario reforzo da competencia (poñamos como exemplo o alumnado con necesidades educativas especiais, o diverso ou, polo xeral o alumnado masculino).

No que respecta á organización desta actividade, hai que pór especial tino ao formar os grupos lectores (por afinidades, por idade, por competencias lectoras similares...) o que nos vai permitir unha selección de obras para ler optimizadas á súa competencia, niveis de comprensión e, como non, aos seus gustos.

Nas reunións ou postas en común podemos priorizar os diálogos arredor dos temas, argumentos e personaxes, a finalidade do texto, formulación de preguntas como por que foi creado, por que acontece (análise dos momentos fundamentais da obra), por que se resolve ou queda aberto o final (prácticas de comprensión crítica), que sensacións, emocións ou pensamentos provoca ou suxire (prácticas de comprensión apreciativa), a busca de respostas colectivamente, a formulación de hipóteses e conclusións (práctica de comprensión inferencial) etc.

Image

 

Moi interesante é o tratamento creativo da obra (obradoiros de lectura creativa): introducir personaxes, recrear/representar escenas, mudar finais, realizar xogos narrativos e poéticos e asemade realizar co grupo degustacións literarias ou creación de viaxes literarias a partir dos espazos da obra ou vitais do autor/autora, elaborar novos textos... (prácticas de comprensión creativa).

Moi enriquecedor resulta na contextualización da lectura (historia, sociedade, música, arte...) a creación de referentes culturais e artísticos para os lectores e lectoras, relacionando a utilización de novos soportes para completar as lecturas como, por exemplo, os pódcasts (pódcast lecturas e memoria), os audiolibros e as degustacións lectoras en formato audio (Lecturas en la maleta de Onda Cero), prácticas que axudarán a ampliar as voces lectoras.

Achegando, pois, conclusións, a partir dos 12 anos, a práctica lectora do noso alumnado debe centrarse na reprodución do código dun xeito automático e fluído e, por suposto, en descodificar o código co fin de interpretar, comprender, analizar, sintetizar, organizar, adquirir competencias e coñecementos, xerar a partir dela novos contidos e razoamentos que o aprendan a pensar, a entender o mundo, xerar e expoñer opinións desde un punto de vista creativo, imaxinando e soñando, compartindo gustos e socializando cos compañeiros e compañeiras.

 

 

 

Bibliografía

Mejuto, Eva. O día que choveron gatos. Edicións Xerais. Vigo 2025.