Ir o contido principal
formacion
Proxeccións

Observar para transformar: Observa_Acción no IES Sánchez Cantón

O IES Sánchez Cantón desenvolve desde o curso 2022/23 unha ambiciosa proposta formativa chamada Observa_Acción integrada no Proxecto de convivencia do centro (CON+VIVES). A iniciativa busca fortalecer a cultura de formación entre iguais, fomentar a reflexión compartida e promover innovacións metodolóxicas reais a partir da observación sistemática entre docentes co fin de mellorar a nosa práctica diaria, promover a convivencia positiva e dotar o profesorado de ferramentas útiles para a xestión emocional, a resolución de conflitos e a inclusión educativa.

Sabela Pérez Agulla
sabela.perez.agulla [at] edu.xunta.gal (sabela[dot]perez[dot]agulla[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
María Buceta Fernández
mbuceta [at] edu.xunta.gal (mbuceta[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
IES Sánchez Cantón (Pontevedra)

 

Fundamentación

A experiencia que presentamos xorde do traballo conxunto dunha gran parte da nosa comunidade no Proxecto de convivencia do centro (CON+VIVES), que comezou a súa traxectoria no curso 2017/18 e que actualmente presenta dúas liñas claras de formación: o PIE, centrado na formación do alumnado en convivencia (equipos de axuda e mediación); e o Plan de formación permanente do profesorado (PFPP), centrado no traballo formativo do profesorado a través da iniciativa Observa_Acción, desenvolvida no IES Sánchez Cantón desde o curso 2022/23, coa colaboración do CFR de Pontevedra e a Consellería de Educación. Esta iniciativa artéllase como unha ferramenta de desenvolvemento profesional e innovación metodolóxica, pero sobre todo como un mecanismo clave no fortalecemento da convivencia positiva no centro.

A necesidade educativa que se pretende atender co Programa Observa_Acción é múltiple: mellorar a xestión da aula, fomentar a educación emocional, fortalecer o traballo colaborativo entre docentes e afondar na prevención de conflitos. A convivencia positiva, un dos piares do PEC do centro, vese aquí enriquecida mediante unha experiencia formativa que implica observar e ser observado, reflexionar sobre a propia práctica e compartir saberes e estratexias entre iguais.

O programa parte da idea de que todo o profesorado pode aprender da experiencia doutros e que a innovación emerxe, en boa medida, da observación crítica e do diálogo posterior. A metodoloxía, baseada no ciclo de planificar-observar-reflexionar-compartir, permite crear cultura de formación entre iguais e promove cambios metodolóxicos reais e contextualizados.

 

Descrición

O Programa Observa_Acción foi implementado na ESO e no bacharelato todos os cursos desde que comezou no ano 2022/23 e estrutúrase sempre do mesmo xeito en distintos contextos:

Un seminario de 30 a 40 horas, cunha parte formativa (9 a 12 horas) e unha parte práctica na que se realizan observacións cruzadas entre docentes de distintas materias e niveis educativos.

Desde o primeiro ano, desenvolveuse en distintas fases:

  • Fase 1: No curso 2022/23 realizouse a primeira formación sobre o proceso de observación docente coa relatora Mónica Pérez Santiago a través do CFR de Pontevedra, e en liña a través do CAFI. Con esta formación asentamos as bases e implementamos o Observa_Acción no noso propio centro, centrándonos principalmente na xestión e clima da aula.
  • Fase 2: No mesmo ano, e xa integrados no Programa Observa_Acción do CAFI, o noso centro pasou á segunda fase, na que se implementou a observación intercentros en Galicia, no noso caso, con docentes do IES Río Cabe, de Monforte de Lemos.

  • Fase 3: Durante o curso 2023/24, como parte do Plan de convivencia, decidiuse afondar na xestión das emocións e levamos a cabo unha formación en xestión e regulación de emocións coa relatora Aixa Permuy. Nesta fase, ademais de realizar observacións focalizadas na xestión de emocións no noso propio centro, tamén intercambiamos experiencias co IES Infanta Elena de Jumilla (Murcia), realizando observacións intercentros no ámbito español e focalizadas na observación das emocións e no uso das novas tecnoloxías.

  • Fase 4: No curso 2024/25 pasamos á fase 4, na que fixemos un intercambio internacional, no que tres docentes do noso centro tiveron a oportunidade de realizar observacións no Fredrika Bremer Gymnasium en Estocolmo (Suecia) e dúas profesoras visitaron o noso centro co mesmo obxectivo.

No que corresponde ás observacións no noso centro, este ano decidimos facer a formación en prácticas restaurativas e círculos de diálogo cos relatores Rafael Pérez de Lis e Ana Isabel Pérez e, polo tanto, as nosas observacións están focalizadas na implementación destas novas ferramentas nas nosas aulas, para fortalecer vínculos entre o alumnado a través dos círculos e restaurar relacións en caso de conflito.

As sesións desenvólvense ao longo de todo o curso escolar, con momentos clave: a planificación inicial durante o primeiro trimestre (definición de obxectivos persoais e de centro, elaboración de guías de observación e propostas de formación), a fase de observación na aula, durante o segundo trimestre (2-3 sesións por docente), a reflexión (entrevistas previas e posteriores á observación, e encontros colectivos para compartir conclusións, realizar retroalimentación asertiva e propoñer melloras) e, por último, a difusión (na web do centro, seminarios e encontros, tanto dentro coma fóra do centro).

O noso obxectivo é darlle continuidade ao programa traballando cada ano distintos aspectos que promovan a convivencia positiva e a resolución de conflitos, a través da formación, a observación na aula e a implementación de boas prácticas docentes.

O programa intégrase co traballo desenvolvido no Plan de convivencia do centro, do que tamén forma parte a estrutura de convivencia: os equipos de axuda (primeiro e segundo da ESO), mediación (terceiro e cuarto), o equipo de convivencia (titorías e coordinación de convivencia, titorías de aula, orientación e xefatura de estudos), o comité de igualdade e a escola de familias; integrando todos estes elementos nunha estratexia común de benestar e inclusión.

 

Presentación de evidencias

Durante todas as fases empregáronse diversos instrumentos de recollida e análise da información das diferentes sesións do Observa_Acción: guías de observación focalizadas comúns, rexistros individuais, documentos de reflexión colaborativos e materiais audiovisuais. A guía de observación, deseñada especificamente para cada fase do programa, permite analizar dimensións clave como a comunicación, a interacción co alumnado, o uso de recursos didácticos e a xestión emocional.

Os resultados foron compartidos a través de espazos virtuais (padlets colaborativos, aula virtual, Mentimeter), a páxina web do centro e presentacións en seminarios e obradoiros internos e externos (tanto en sesións no CFR de Pontevedra e de Vigo coma noutros centros educativos da nosa contorna). Ademais, o proceso foi documentado a través de fotos, vídeos e documentos de síntese que recollen impresións, aprendizaxes e propostas de mellora.

 

Reflexións sobre a práctica

A experiencia por parte do profesorado participante é moi positiva. A posibilidade de ser observado nun marco seguro e construtivo, e de observar a outros compañeiros, xera un clima de confianza no que autoavaliar e coavaliar a nosa práctica e buscar e implementar alternativas e/ou solucións colectivas promoven unha convivencia positiva e melloran o proceso de ensino-aprendizaxe. Os docentes valoran especialmente o feito de recibir feedback de maneira directa, empática e útil, que lles axuda a mellorar aspectos concretos da súa práctica.

Por outra banda, a observación intercentros constata que hai moitas prácticas e rutinas comúns en todos os centros independentemente da cidade ou país, mentres que outras poden ser inspiradoras e cuestionar e transformar a nosa realidade (rutinas de aula, programas, coordinación etc.).

A posta en práctica tamén permite identificar necesidades formativas reais, como a mellora na xestión da diversidade, a educación emocional e o uso de metodoloxías activas. Neste período percibimos certas dificultades: falta de tempo para a coordinación, a complexidade de certos grupos e a necesidade de máis formación e apoio institucional para lle dar continuidade ao proceso.

Un dos nosos retos é facer extensiva a experiencia a todo o claustro e lograr que a cultura da observación e o traballo pola mellora continua da convivencia se integren plenamente na dinámica do centro. Actualmente desenvólvea un 60 % do profesorado aproximadamente.

 

Incidencia na mellora das aprendizaxes, motivación e clima de aula

As observacións e reflexións realizadas están tendo un impacto directo na mellora da práctica docente, o que redunda nunha maior motivación do profesorado e do alumnado. A sistematización da observación permite detectar boas prácticas que se van replicando e adaptando a distintos contextos, creando un clima de centro moito máis colaborativo.

A formación específica durante estes cursos en educación emocional, prácticas restaurativas e círculos de diálogo permitiu, ademais, integrar dinámicas, principalmente proactivas, pero tamén restaurativas, nas titorías e nas sesións de aula, fortalecendo a cohesión grupal e a comunicación e creando un ambiente máis relaxado e participativo nas aulas. A atención ás emocións e ao clima relacional é un factor clave na prevención e «provención» de conflitos e na creación de espazos de aprendizaxe seguros e inclusivos.

A coordinación co Plan de convivencia é tamén un elemento clave. O Observa_Acción serve como canle para reforzar os principios do plan e mellorar o clima xeral do centro.

 

Valoración final e expectativas de continuidade

O Programa Observa_Acción, dentro do marco CON+VIVES, demostra que é unha ferramenta eficaz e transformadora, valorada positivamente por todos os sectores da comunidade educativa. Queda patente que a formación en convivencia e, en particular, a observación entre docentes contribúen a mellorar tanto a práctica docente coma a experiencia educativa do alumnado.

Polo tanto, considérase non só conveniente, senón necesario integrar esta proposta na práctica habitual do centro. Trátase dun modelo de traballo que combina innovación metodolóxica, coidado emocional e compromiso colectivo, e que pode ser replicado noutros centros co apoio axeitado.

Nun contexto educativo no que a complexidade e os desafíos son crecentes, programas coma este resultan imprescindibles para manter viva a vocación docente, fortalecer os equipos educativos e garantir unha aprendizaxe significativa e respectuosa para todo o alumnado.

Observar, reflexionar, restaurar e transformar. Esa é a folla de ruta que guía o compromiso do IES Sánchez Cantón coa convivencia e cunha escola máis humana.