Ir o contido principal
formacion
Proxeccións

Observación versus innovación

A observación entre iguais como xeito de mellora continua e calidade do ensino en Galicia
A observación educativa entre iguais pode considerarse unha ferramenta tremendamente poderosa para poñer de manifesto as nosas carencias e potencialidades no noso facer diario. Invita á reflexión e contribúe a mellorar o noso traballo como docentes.

María Parra Díaz
mariaparra [at] edu.xunta.gal (mariaparra[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
M.ª Jesús Rey Rouco
chusrey [at] edu.xunta.gal (chusrey[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Carmen Ferreiro Maseda
cferreiro [at] edu.xunta.gal (cferreiro[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
EEI San Roque (Viveiro - Lugo)

 

 

De onde partimos? Primeiras experiencias de Observa_Acción

O equipo docente da Escola de Educación Infantil San Roque en Viveiro, Lugo, apostou pola formación continua como xeito de buscar a calidade educativa nun claustro formado por mestras definitivas, o que daba seguridade e estabilidade para levar a cabo este obxectivo, tanto a curto como a longo prazo. Pescudando nas posibilidades de formación, atopámonos co Programa Observa_Acción, que ten como finalidade fomentar o desenvolvemento profesional nas competencias profesionais docentes para a cooperación e a colaboración, a construción conxunta de coñecemento e o liderado e xestión de centros a través do intercambio de boas prácticas e a observación entre iguais. Por todo isto pareceunos unha oportunidade única, dado que posibilitaba acadar respostas, de observación en directo, para as nosas inquedanzas de investigación en novas liñas pedagóxicas, xestión de tempo e recursos, organización de espazos, coordinación con outras etapas e relacións coa comunidade.

Durante o curso 2023/24 traballamos na fase 1 do programa, na etapa Comparte, realizando un traballo rigoroso de observación entre todas as mestras, pero tamén de autoavaliación tanto da práctica docente coma da metodoloxía empregada e demais elementos que inflúen no proceso educativo na vida do noso centro. Isto supuxo unha radiografía perfecta do noso labor, unha etapa tanto de autoavaliación coma de avaliación xeral que, sobre todo, serviu para reflexionar sobre que cambios queriamos realizar. Foi moi interesante contrastar a perspectiva das observadas coa das observadoras poñendo de manifesto aspectos dos que non somos conscientes á hora de desempeñar o noso rol de mestras.

Seguidamente, na etapa Acolle, cunha observación-formación centro a centro, tivemos a sorte de emparellar co CRA Mestre Manuel Garcés de Tomiño, Pontevedra, unha agrupación de centros pequenos que escolarizan a mesma etapa educativa, mais cunhas diferenzas moi substanciais: localización xeográfica, contorno, metodoloxía, organización. Así, durante o segundo e terceiro trimestres dese curso, tivemos unha observación activa e un intercambio de experiencias organizativas e metodolóxicas que nos levou a facer moitos cambios ao inicio deste curso. As máis significativas xiraron arredor da organización dos tempos, flexibilizando tanto a entrada coma o horario lectivo enteiro, sempre en función do emprego dunha metodoloxía activa baseada nos intereses e nas necesidades do alumnado, a redución do ruído visual nas aulas, e tamén a organización dos espazos, aproveitando todos e cada un deles como recurso educativo, mesmo os corredores. Tamén levamos a cabo unha maior apertura do centro dándolles posibilidades de participación activa ás familias durante a xornada lectiva. Outra das cousas que estaban entre os nosos obxectivos era a naturalización do patio e a maneira de sacarlle o máximo rendemento a pesar da climatoloxía. A observación co outro centro forneceunos algunhas ideas en canto a cambios do espazo e animounos ao emprego de chuvasqueiros e botas de auga durante o tempo de lecer nese espazo exterior.

Chuvasqueiros e botas de auga

Invernadoiro

 

Ao chegar este curso 2024/25, consideramos imprescindible continuar no programa polo enriquecedor que é, a pesar de que no curso pasado nos supuxo un grande esforzo, tanto á hora de coordinarnos para as observacións coma á hora de elaborar as tarefas de seguimento e memoria. A pesar diso, tiñamos evidencias sobradas de que a observación entre iguais, entre mestras e mestres que traballamos na mesma etapa educativa, daba como resultado melloras en todos os ámbitos do quefacer docente. Neste momento pensabamos na posibilidade de mellorar a nosa competencia en metodoloxías innovadoras de traballo en infantil que nos desen unha nova visión de aspectos que estamos abordando nos últimos anos, como son a inclusión educativa, a xestión emocional, o fomento da creatividade, o traballo en prol da coeducación e a apertura da escola ao contorno, sobre todo ao natural, co descubrimento, experimentación, coidado e xogo nos espazos naturais que nos rodean. Sabedoras de que moitas escolas italianas traballaban con pedagoxías activas e creativas, pedimos a Etapa Internacionaliza.

 

Repercusións e innovación tras a última fase de observación

O CFR de Lugo buscou centros onde desenvolver a observación focalizada que queriamos realizar en función das nosas demandas. Así foi como viaxamos a Padua, Italia, ao XIV Instituto Comprensivo Statale Galileo Galilei formado por diversos centros de distintas etapas educativas.  Alí recibiunos a directora do centro, Fabiola Baldo, da que coñecemos de primeira man todos os aspectos organizativos desta agrupación de centro.

Encontro coa directora

 

O feito de viaxar a Italia permitiunos coñecer como se desenvolve o sistema educativo nun país alleo ao noso. Tal como nos explicou a directora, os equipos directivos italianos desempeñan un papel distinto aos españois e non exercen docencia durante o seu mandato. Ademais, o seu rango de acción non se limita a un único centro, senón a todo un grupo de escolas de diferentes niveis educativos. Neste caso, o XIV Instituto Comprensivo de Padua comprende unha escola infantil, catro escolas de primaria e dúas escolas de secundaria. Isto permite unha maior coordinación entre os centros e favorece a continuidade entre eles consensuando obxectivos comúns.

Mapa de centros que compoñen o Instituto Comprensivo

 

Posteriormente, da man de Silvia Calore, mestra especialista en inclusión educativa, pasamos a observar o labor docente de todo o equipo docente dunha escola de infantil con paralelismos coa nosa, a Scuola Infanzia «La Giraffa».

Puidemos observar como contar con ratios baixas, dispor de máis persoal e ter uns espazos amplos e polivalentes favorecen unha atención do alumnado máis individualizada a pesar de non contar con excesivos recursos materiais.

A volta da viaxe supuxo un punto de inflexión que nos levou a avaliar en contraste co que expuxemos das prácticas observadas na escola italiana. As repercusións no noso centro, neste primeiro momento, pasan por investigar máis sobre o traballo pedagóxico desde a calma para favorecer a inclusión e o benestar emocional, que o equipo docente de La Giraffa levaba á práctica cada día e que, sen dúbida, favorecen o desenvolvemento cognitivo. Incorporamos momentos de meditación e respiración profunda, acondicionamos espazos tranquilos que lle permiten ao alumnado poder ir relaxarse e calmarse en momentos puntuais. Máis a longo prazo, traballaremos no desenvolvemento de habilidades sociais, fundamentais nesta etapa, a través da elaboración dun manual con técnicas de resolución de conflitos na primeira infancia que poidamos levar á práctica todas as  mestras. Asemade, a súa Aula della natura, un espazo con especies de plantas autóctonas, hotel de insectos, poza e espazo de plantación de flores e hortalizas, pareceunos un xeito moi interesante de lles achegar aos nenos de infantil a natureza colaborando cos compañeiros de educación primaria, algo que tamén podemos facer nós xunto ao noso centro adscrito, o CEP Lois Tobío. Tamén nos chamou a atención a súa carpa xeodésica que se pode empregar como espazo para a realización de diversas actividades.

Aula della natura

 

Conclusións

A observación entre iguais resulta moi motivadora para realizar unha reflexión profunda do traballo tanto individual coma no ámbito do claustro e as repercusións e melloras no centro son evidentes, pero inevitablemente levan tamén a unha fase de investigación a partir do observado e a outra de implementación na vida diaria da aula dos acordos tomados. As achegas e reflexións desta viaxe están a levarnos cara á mellora do clima no centro, favorecendo a inclusión e o benestar emocional de todas e todos. As medidas tomadas tamén están a incidir na mellora da atención sostida e da concentración. Con todo, é preciso seguir avaliando para reformular algúns aspectos nos que estamos interesadas como a xestión do ruído ambiental, o emprego da música para marcar tempos, o fomento da autorregulación nas tarefas diarias e rutinas, e a nosa propia actitude como exemplo sen o emprego da palabra.

Consideramos esta experiencia formativa como unha oportunidade inmensa de mellora da calidade educativa do centro, dándonos a motivación suficiente para seguir investigando en innovación, pero, sobre todo, de realizar reflexións que nos levan a integrar todas as propostas detalladas na práctica diaria do centro que continuaremos implementando o vindeiro curso.