Ir o contido principal
formacion
Proxeccións

Observa_Acción, espionaxe e avaliación docente? Máis ben todo o contrario, positividade, diálogo e confianza

Tiveches a experiencia de ser titora ou titor das prácticas do mestrado? Tiveches a oportunidade de ter algunha compañeira ou compañeiro apoiándote dentro da aula?
Se foi así e a túa vivencia resultou favorecedora, o Programa Observa_Acción será para ti un perfecto complemento e poderás ser parte impulsora para a súa solicitude. Se a experiencia non foi o ben que cabería esperar, este programa pode dar unha óptica diferente. Pola contra, se non tiveches a oportunidade de experimentar este tipo de docencia, o Observa_Acción pode contribuír a perder certos medos ou prexuízos e ter unha perspectiva distinta sobre ter un docente dentro da nosa aula.

Verónica Hermida López
veronica.hermida.lopez [at] edu.xunta.gal (veronica[dot]hermida[dot]lopez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
César Sánchez Pampín
cesarsanchez [at] edu.xunta.gal (cesarsanchez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
IES Xesús Taboada Chivite (Verín - Ourense)

 

O IES Xesús Taboada Chivite decide no curso 2023/24 acoller o Programa Observa_Acción. Foi unha satisfacción resultar escollidos, xa que a solicitude incluía a formulación dunha serie de datos e tarefas que debían pasar uns criterios de selección. Os motivos que nos levaron a formular esta petición foron variados. Algunhas das persoas que decidimos participar tiñamos certas experiencias anteriores. Durante a pandemia puxemos no centro en marcha un padlet no que, de xeito voluntario, o claustro achegaba ferramentas ou metodoloxías que levaba a cabo nas aulas durante o confinamento. Este xeito de compartir experiencias naquel momento foi significativo e evidenciou unha experiencia positiva. Este programa dá pé a seguir compartindo dentro do propio centro. Ademais, seguindo con esa época coa que tanto tivemos que avanzar nalgúns eidos, non esquezamos que as portas das aulas estaban abertas para garantir unha ventilación cruzada. De novo, este tamén foi un feito que redundaba na observación. Ir polos corredores, sentir a vida das aulas coas explicacións, as tonalidades noveis das voces das compañeiras e compañeiros, as voces do alumnado etc. era unha observación significativa que, ademais, podería contribuír á mellora do clima da aula. Era como se ao alumnado lle importase ensinar o que se estaba a facer e se coidasen máis os aspectos relativos ás actitudes na aula. Agora as portas volven pecharse e nós queremos volver abrilas, aínda que sexa de xeito metafórico. O descrito ata aquí xustifica unha parte importante da necesidade de acoller este programa.

Por outro lado, cos recursos que temos intentamos propiciar experiencias que favorezan a intervención/participación de varios docentes dentro da aula: actividades conxuntas de grupos desdobrados ou a docencia compartida. O Observa-Acción pode influír no claustro para acoller estas metodoloxías.

Por último, somos un centro acostumado a colaborar con outros institutos, polo que o feito de poder acoller nunha segunda fase do programa a docentes doutro centro foi visto como unha oportunidade para poder afianzar colaboracións futuras entre ambos.

Volvendo ao inicio, para nós foi moi importante poder formar un grupo de sete profesoras e tres profesores de nove especialidades diferentes (Educación Física, Filosofía, Francés, Inglés, Lingua Castelá,  Tecnoloxía, Orientación e Relixión Evanxélica) no que a cohesión e a implicación sempre estiveron presentes e no que o traballo foi moi enriquecedor e positivo. Deste xeito, o proceso de planificación asociado ao calendario creado resultou ser un éxito.

A primeira fase do programa (etapa Comparte) implicaba ver como resultaría, por exemplo, que unha persoa da materia de Educación Física observase a outra de Tecnoloxía, e viceversa, ou como unha de Tecnoloxía observase a outra de Lingua Castelá. Aprendemos diferentes modos de levar a cabo as observacións e todo o proceso asociado a elas: desde a preparación dunha entrevista inicial, pasando polo momento propio da observación coa recollida de datos e, posteriormente, pola reflexión entre iguais e a posta en común das evidencias. Neste sentido, as reflexións achegadas polo profesorado evidenciaron sensacións e aprendizaxes positivas, tal e como pode verse no seguinte padlet creado para tal fin.

Nesta fase tiñamos claro que un dos obxectivos era aprender do proceso e poder incorporar novas ferramentas didácticas/metodoloxías/habilidades ao noso proceso de ensino-aprendizaxe e, sobre todo, que xamais se trata de avaliar a práctica docente da persoa observada. De feito, unha das preocupacións que constatamos era que a persoa observada se sentise incomodada, algo que se superou baixo un clima de confianza; pero tamén baixo as premisas marcadas. 

Tamén nos preocupaba como sería a reacción do alumnado ante esta situación e debemos sinalar que nos sorprendeu a súa naturalidade. Nun primeiro momento, pensamos que a presenza doutros docentes na aula ía alterar o seu funcionamento normal; pero nada máis lonxe da realidade. Unha vez máis, comprobamos que se adaptan moi ben a distintas formas de impartir docencia.

A segunda fase (Acolle) levounos a emparellarnos co IES Rodeira (Cangas), un centro cunha localización completamente diferente á nosa. Desde un primeiro momento as sensacións foron positivas. O espírito de colaboración entre os grupos de traballo levounos a afrontar esta segunda etapa coa intención anteriormente comentada: crear rede, favorecer o intercambio de experiencias e colaboracións en momentos futuros. Tanto na visita ao noso centro coma na visita ao deles mantívose un clima de cooperación e colaboración en todo momento baixo a propia premisa do persoal asesor, que era a de desfrutar para que a observación fose produtiva e enriquecedora. Deste xeito, nós puidemos ensinarlles programas/proxectos que temos instalados no centro desde hai tempo (ChiviTEI, os musicais en galego, Erasmus+, aspectos organizativos etc.) e no IES de Rodeira puidemos ver outros que tamén nos causaban interese (Erasmus+, Banda Deseñada, Programa KIVA, espazos de traballo, aspectos organizativos etc.). Nesta fase foron moi importantes as reunións previas para buscar aqueles aspectos sobre os cales nos gustaría centrar as observacións. As canles corporativas como a aula virtual e tamén outras non corporativas como un grupo de WhatsApp creado e denominado «Observa_Acción entre sardiñas e touciño» foron fundamentais para poder abordar esa etapa.

No curso actual non deixamos de ter contacto co centro pontevedrés, abofé que seguiremos colaborando en actuacións conxuntas (xornadas de convivencia, banda deseñada etc.).

Estas dúas etapas implicaron un grupo importante de profesorado e a experiencia non lle pasou desapercibida ao resto do claustro nin ao alumnado. A idea de contar con varias persoas docentes dentro da aula e que o alumnado se beneficie diso segue a estar presente no centro e desde ese punto de vista o programa e a súa difusión contribúe a iso:

Nesta fase tampouco deben pasar desapercibidas as reflexións das docentes e dos docentes participantes tal e como se evidencia no padlet creado para tal fin

Froito deste traballo, os dous centros temos a posibilidade, por reunir a puntuación necesaria, de continuar neste curso coa terceira fase do programa. No noso caso, durante o mes de maio desenvolveranse as mobilidades co centro IESO Sierra la Mesta (Santa Amalia-Badaxoz).

O Observa-Acción reflicte no profesorado partícipe opinións sobre o ciclo da observación acorde cos estudos de Matthew O´Leary Keynote (catedrático de Educación, director do centro de investigación CSPACE [Birmingham City University]):

  • Representa unha oportunidade para discutir a práctica.
  • É construtivo.
  • Aumenta a confianza.
  • Non é ameazante.
  • Ten carácter colexial no sentido de responsabilidade compartida.
  • É positivo e non crítico.
  • Resulta observador antes que sentencioso.
  • É un catalizador do pensamento.
  • É poderoso.
  • É unha plataforma para o diálogo profesional
  • É relaxante
  • É instrutivo

Por último, na seguinte ligazón pódese visualizar o impacto e a sinerxía asociados a este programa extraídos da memoria da nosa etapa Acolle.