Ir o contido principal
formacion
Proxeccións

Observa_Acción: a participación da Escola Oficial de Idiomas da Coruña nun programa de observación entre iguais

Deirdre Barry-Murphy
dbmurphy [at] edu.xunta.gal (dbmurphy[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Auria Rodríguez Gómez
auria [at] edu.xunta.gal (auria[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
EOI da Coruña

 

 

Introdución

As escolas oficiais de idiomas (EOI) son centros públicos dependentes das administracións educativas das comunidades autónomas, especializados na ensinanza de idiomas modernos para persoas adultas. A súa oferta educativa está regulada dentro do Marco europeo de referencia para as linguas (MCERL) e abrangue desde o nivel A1 ata o C2. Estes centros caracterízanse por contar cun profesorado especializado, cun alumnado moi diverso en idade, formación e obxectivos, e por ofrecer unha formación lingüística de calidade enfocada no desenvolvemento das competencias comunicativas.

En concreto, a Escola Oficial de Idiomas da Coruña, na que se enmarca esta experiencia, é a escola máis grande de toda Galicia, onde se imparten once idiomas, entre eles o árabe e o ruso, que non se imparten en ningunha outra da comunidade autónoma. É unha escola con máis de 4000 alumnos, 90 profesores e catro seccións en distintas localidades próximas, ademais da sede central da Coruña. Todo isto fai que sexa moi difícil que os membros do claustro coincidan para compartir experiencias docentes, problemas, novidades metodolóxicas etc. Se engadimos a isto o feito de que os nosos horarios teñen poucas quendas en común, créase ás veces unha sensación de soidade entre o profesorado. Por este motivo, cando se convocou por primeira vez, no curso 2022/23, o Programa Observa_Acción, baseado na observación entre iguais, o noso centro non dubidou en participar, xa que o considerou unha oportunidade de mellorar tanto a nosa práctica docente coma a comunicación e a colaboración entre os membros do claustro, en liña cos piares fundamentais do proxecto educativo do centro. Polo tanto, co obxectivo de fortalecer estes aspectos, o centro participou neste programa que se levou a cabo en varias fases e en colaboración con outras escolas oficiais de idiomas de Galicia, España e Europa durante tres cursos académicos: 2022/23, 2023/24, 2024/25.

 

Motivos para participar

Como se mencionou antes, dada a realidade da nosa escola, en varias avaliacións internas o profesorado mencionou o problema de sentirse só no centro educativo. Solucionar esta cuestión nun centro das nosas características é difícil, pero tiñamos claro que a clave é crear espazos de confianza onde falar, compartir e reflexionar. A decisión de participar neste programa naceu da vontade do centro por fomentar unha cultura de aprendizaxe profesional continua entre o profesorado, sempre dirixido á mellora da práctica docente. Mediante a observación entre iguais, créase un deses espazos e ábrese unha liña de conversa e reflexión sobre a práctica docente entre o profesorado, onde podemos aprender uns dos outros, intercambiar ideas e mellorar conxuntamente.

Ademais de fortalecer a colaboración interna, o programa permitía establecer pontes entre diferentes EOI, creando redes de cooperación que van máis alá do funcionamento illado de cada centro. Esta rede de apoio mutuo entre profesionais da ensinanza de idiomas axuda non só a detectar boas prácticas, senón tamén a adaptar metodoloxías ás realidades específicas de cada contexto. Nun momento no que o cambio metodolóxico, a atención á diversidade e o uso das tecnoloxías están cada vez máis presentes na aula, este tipo de iniciativas convértese nunha oportunidade para compartir coñecemento e mellorar a calidade do ensino. Estes foron, de feito, os obxectivos nos que puxemos énfase na nosa solicitude de participación.

Finalmente, un programa de cooperación entre docentes coma este é tamén unha oportunidade para mellorar a comunicación dentro do propio centro educativo, xa que crea espazos nos que compartir experiencias e inquedanzas entre compañeiros. No noso centro, onde ata hai pouco non tivemos unha sala de persoal común, senón só departamentos illados, mesmo divididos no caso dos departamentos máis grandes, consideramos que sería unha boa idea abrir, a un tempo, as portas dos departamentos e das aulas.

 

Como se levou a cabo

O Observa_Acción foi promovido pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, que delegou a organización nos CFR da comunidade autónoma. De acordo co deseño do programa, desenvolveuse en catro fases, ao longo de tres cursos escolares. Na primeira fase, que tivo lugar de xeito interno na EOI da Coruña, participaron de xeito voluntario 21 docentes de distintos departamentos de idiomas (alemán, chinés, francés, galego, inglés e portugués). O profesorado organizouse en parellas ou pequenos grupos de observación, planificando previamente as sesións nas que ían participar como observadores e observados. As visitas ás aulas, guiadas por follas de observación facilitadas polo programa, estaban precedidas e seguidas de encontros onde se comentaban os obxectivos da observación, os aspectos metodolóxicos que cómpre analizar e, posteriormente, se reflexionaba sobre as conclusións e aprendizaxes adquiridas. A participación foi voluntaria e respectuosa, cun enfoque formativo e non avaliador, o que favoreceu un ambiente de confianza e colaboración. Destacamos o feito de que houbo algúns profesores de departamentos diferentes que observaron as aulas de compañeiros doutros idiomas, o que contribuíu a expandir as relacións interdepartamentais.

Na segunda fase, a experiencia estendeuse á EOI de Pontevedra, onde se repetiu o modelo, adaptado á realidade dos dous centros e contrastando a nosa escola cun modelo parecido dentro da mesma comunidade autónoma. Un grupo de profesoras da EOI de Pontevedra visitou o noso centro nunha xornada e outro grupo de profesoras da EOI da Coruña devolveu a visita uns días despois.

Na terceira fase, o proxecto trasladouse á EOI Jesús Maestro de Madrid, o que supuxo unha proxección estatal da iniciativa, promovendo a difusión das aprendizaxes máis alá do ámbito galego e posibilitando tamén a observación de diferenzas administrativas entre comunidades autónomas. De novo, un grupo de docentes de ambos os centros visitou o outro, seguindo coa dinámica de observación e conversa.

Na cuarta e última fase, desta vez unidireccional, tres profesoras da EOI da Coruña, xunto co asesor do CFR, fixeron unha visita de observación á Europaschule de Dortmund, Alemaña, un centro de educación secundaria no que se imparten diferentes linguas.

 

Beneficios obtidos

Os beneficios do programa foron numerosos e percibidos tanto no ámbito individual coma colectivo. En primeiro lugar, permitiulle ao profesorado coñecer outras formas de abordar o ensino de idiomas, descubrir dinámicas e estratexias innovadoras, e repensar a súa propia práctica docente. A exposición a diferentes estilos e enfoques metodolóxicos favoreceu a apertura e a reflexión crítica, aspectos esenciais para o desenvolvemento profesional.

Por outra banda, a observación entre iguais fomentou unha maior cohesión no claustro, xa que os docentes puideron compartir experiencias en espazos informais e dialogados, xerando un sentimento de pertenza e colaboración. O intercambio constante de impresións e o feito de abrir as aulas aos compañeiros contribuíu a crear unha cultura de centro máis participativa e orientada á mellora continua.

No ámbito organizativo, a experiencia tamén puxo en valor a capacidade de coordinación dos equipos docentes, a importancia da planificación compartida e a necesidade de establecer tempos para a reflexión e o diálogo pedagóxico.

 

Problemas atopados

A pesar dos numerosos aspectos positivos, tamén se identificaron algunhas dificultades durante o desenvolvemento do programa. A principal tivo que ver coa falta de espazos e de tempos específicos para compartir de maneira estruturada as aprendizaxes e reflexións derivadas das observacións. O horario lectivo e as cargas docentes dificultaron a planificación de encontros regulares, o que nalgúns casos limitou o seguimento profundo das observacións realizadas. Esta falta de tempo para as conversacións previas e posteriores foi aínda máis clara nas visitas dos e aos outros centros, xa que o tempo das viaxes foi limitado e os participantes expresaron que sentiron que estas fases se fixeron con moito máis apuro ca a primeira, desenvolvida só na nosa escola.

Tamén ligada ao tempo está a cuestión do calendario marcado desde o programa, xa que no caso das visitas a outros centros, particularmente na colaboración coa EOI de Pontevedra, non puidemos escoller o momento, e coincidiu co final de curso e o inicio das probas, que nas EOI ocupan moito tempo e non son o mellor momento para observar aulas.

Outra cuestión que foi percibida como problemática por parte dos participantes foi que o programa dá unhas instrucións e follas de observación talvez demasiado ríxidas, que en ocasións resultaron pouco comprensibles e difíciles de poñer en práctica, sobre todo para os centros de réxime especial.

Por outra banda, aínda que a maioría do profesorado se implicou con entusiasmo, nalgúns casos foi necesario superar reticencias iniciais derivadas do medo ao xuízo ou da falta de experiencia previa neste tipo de iniciativas, o que levou a unha tendencia a emparellarse con persoas coas que xa existía unha afinidade previa, moitas veces dentro do mesmo departamento. Foi clave, neste sentido, insistir no carácter formativo e non avaliador do programa.

Tamén, nun centro grande coma o noso, no que houbo unha alta participación no programa, resultou complicado que no momento no que pasamos ás fases nas que había visitas a outros centros só unha parte reducida dos participantes puido desprazarse. Ademais, no caso das visitas fóra de España, hai que engadir a dificultade de atopar centros educativos de similares características ás escolas oficiais de idiomas.

Outro desafío foi o de recoller e sistematizar toda a información e as boas prácticas detectadas, de maneira que puidesen quedar recollidas nun repositorio común accesible para todo o claustro. A falta de ferramentas e tempo para este labor fixo que parte do coñecemento xerado quedase nas persoas participantes, sen sempre chegar a compartirse de maneira ampla.

 

Despois de Observa_Acción

Na EOI da Coruña, consideramos que a experiencia acumulada nestas catro fases é un punto de partida que permitirá deseñar unha proposta máis integrada e adaptada ás necesidades do centro, incorporando as aprendizaxes dos cursos anteriores e mellorando a planificación dos tempos e dos espazos de encontro. Nesta dirección, xa no presente curso 2024/25 puxemos en marcha un seminario dentro do PFPP do centro co título «Compartir boas prácticas docentes entre iguais», no que a observación docente é un dos eixes principais, e incidindo na idea de crear un espazo e un tempo para a conversa entre docentes. Este seminario continuará o vindeiro curso e intentaremos que o traballo resultante del se entreteza cunha nova participación no Programa Observa_Acción, de xeito que os participantes poidan tamén visitar outros centros.

Preténdese, así mesmo, fomentar a creación de pequenos grupos de traballo por linguas ou temáticas, que permitan afondar na reflexión metodolóxica e contribuír á creación dun banco de recursos compartido. A participación en redes de centros, a colaboración con outras EOI e a internacionalización seguirán a ser un obxectivo prioritario, pois é fundamental para manter unha mirada aberta e en constante evolución.

En resumo, a observación entre iguais demostrou que é unha ferramenta poderosa para mellorar a práctica docente, fortalecer os vínculos profesionais e fomentar unha cultura de centro baseada na colaboración e na aprendizaxe continua. A EOI da Coruña aposta por continuar neste camiño, convencida de que a mellora da ensinanza pasa, inevitablemente, pola mellora da formación do profesorado e pola reflexión constante sobre as nosas prácticas docentes.