Ir o contido principal
formacion
Proxeccións

Observa e actuar

Experiencia formativa de observación en tres centros distintos
A observación directa das metodoloxías didácticas doutros centros pode axudar á propia práctica docente, tanto por asimilarmos dinámicas innovadoras coma por confirmarmos que hai estratexias comúns a esta independentemente das circunstancias. Este intercambio de experiencias e de impresións enriquece e amplía a visión que temos sobre o noso propio traballo.

Paula Rodríguez Ubeira
paularoube [at] edu.xunta.gal (paularoube[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Sofía Jiménez Fernández
sofia.jimenez [at] edu.xunta.gal (sofia[dot]jimenez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
IES Plurilingüe de Ames (Ames - A Coruña)

 

Introdución

No día a día da práctica educativa, as tarefas a curto prazo, apagar pequenos lumes e as rutinas poden chegar a facernos realizar o noso traballo illadamente, algo que repercute negativamente nun oficio que se nutre directamente do intercambio de ideas, da cooperación entre compañeiros e da comunicación. Nun centro como o IES Plurilingüe de Ames, ademais, que manexa un número de alumnado alto e unhas ratios tamén elevadas, a carga de traballo que cada docente ten que asumir fai que en moitas ocasións se priorice sacar adiante o traballo máis inmediato antes que aspectos que repercuten nel máis a longo prazo. Por iso, calquera programa que proporcione o tempo, o espazo e propicie que se dean as circunstancias idóneas para poder reflexionar sobre o noso papel como docentes, sobre o espazo no que traballamos, as ferramentas e habilidades que utilizamos e sobre o capital humano participante estalle brindando á comunidade educativa unha oportunidade para formarse e mellorar un aspecto que no día a día ve como mingua o tempo que se lle consagra.

Traballando coas compañeiras do IC3 Modena Matarella

 

O que buscabamos co Programa Observa_Acción

Un programa como o Observa_Acción colabora para proporcionar as condicións idóneas para que o profesorado tenda pontes, se comunique, compare e aprenda das diferentes metodoloxías e prácticas educativas co tempo e o sosego necesarios para facelo, axudando a que esta dinámica inherente á propia práctica docente se manteña e se mellore ofrecéndolles aos participantes estar en contacto con centros e profesionais de Galicia, de España e de Europa.

Desde o centro IES Plurilingüe de Ames, e debido ás súas características xa mencionadas, consideramos que era unha oportunidade ideal para poder coñecer outras realidades alleas ao centro e nutrirnos delas. Ao graduarse en catro etapas, o programa axuda a que os participantes se vaian movendo de centros máis semellantes ao propio (en Galicia) cara a outros que traballan distinto e baixo realidades máis alleas á nosa (no noso caso, o centro IC3 Modena Matarella). Aspectos como o número de alumnado na aula, as ferramentas dixitais, a metodoloxía educativa, a distribución tanto do alumnado coma do mobiliario na aula, as zonas comúns do centro e como foron pensadas ao se construíren ou o propio horario do centro funcionan todos para dotalo dunha marca propia e responden a unha filosofía concreta, que é a que desde a comunidade educativa en concreto se quere seguir á hora de educar. Coñecer a «personalidade» de cada un dos centros visitados, ver como solucionan os problemas que puidesen ter e observar o papel de cada un dos seus integrantes foi enriquecedor e abriunos moitas ventás a novos modos de entender a aula e de dar clase, que é o que buscabamos nun primeiro momento. Como docentes de inglés, o noso interese primeiro era coñecer como outros centros abordaban as diferentes competencias lingüísticas, así como observar como era a práctica docente nunha aula en concreto e se se implementaban ferramentas dixitais neste proceso (e, de facelo, como se facía). O noso obxectivo non se cinxía a un curso en concreto, senón que buscaba atopar e aprender de metodoloxías máis innovadoras que nos axuden como profesionais a xestionar a aula dun xeito eficaz, a asimilar conceptos lingüísticos e mellorar esta competencia do xeito máis natural posible, cunha perdurabilidade no tempo que nos permitise dicir que a nosa calidade como docentes se vía mellorada logo de implementalas.

Observando unha aula da Scuola Elementare Statale Martin Luther King, en Portile

 

A formación do Programa Observa_Acción

Do centro IES Plurilingüe de Ames participamos no Programa Observa_Acción un total de seis persoas ao longo de todo o programa. O seu seguimento foi levado a cabo máis consistentemente polas autoras deste artigo polo mero feito de que estivemos presentes en todas as fases do programa e coincidimos en que quizais o máis interesante foi observar como as condicións materiais de cada centro son fundamentais para proporcionar unha ou outra experiencia educativa. Tivemos acceso a centros educativos moi diferentes ao noso, especialmente na fase 4 do programa, o que nos proporcionou elementos para comparar e contrastar coa nosa realidade docente e fixo que a experiencia fose proveitosa. É máis factible ofrecer unha práctica docente máis completa polo simple feito de ter acceso a espazos, ferramentas ou condicións mellores e poder comprobar de primeira man como estes cambios efectivamente teñen como consecuencia que a calidade educativa mellorou e afianzou a nosa postura ao respecto. A problemática máis urxente que se nos presenta no día a día da aula ao profesorado de Galicia en xeral e moi especialmente ao profesorado dunha lingua estranxeira como o inglés é o número de alumnado na aula, xa que non nos permite nin facer un seguimento do alumnado tan exhaustivo como nos gustaría, nin ser quen de facer que todo o alumnado estea igual de presente na aula participando e formando parte dela. Unha lingua estranxeira ten como obxectivo principal que o/a estudante consiga unha certa fluidez no idioma, perséguese un coñecemento máis práctico ca teórico, e as aulas grandes dificultan que todo o alumnado teña acceso a pór en uso o idioma e de recibir feedback pormenorizado e personalizado por parte do docente.

Diante da Scuola Elementare Statale Martin Luther King, en Portile

 

Por outra banda, o contacto con colegas é un dos aspectos que máis nos achegou nestes intercambios. Malia a profesión docente ter unhas características comúns, hai moito espazo para desenvolver o noso traballo en consonancia coa nosa propia maneira de entender a educación, a relación co alumnado, a aprendizaxe e as nosas propias materias. Coñecer outras maneiras de encarar todas estas cuestións abre a porta á autoavaliación da práctica docente e das dinámicas na aula, algo que debería estar sempre presente. Estarmos en contacto con aulas e metodoloxías tan diversas deunos pé non só a observar as circunstancias e condicións materiais que afectan ao desenvolvemento das clases, senón tamén a observarnos a nós mesmas desde moitos ángulos distintos.

 

Co alumnado de teatro do IC3 Modena Matarella

 

Transferencias grazas á participación no Programa Observa_Acción

A observación das clases, especialmente no centro de Módena (IC3 Módena Matarella), fíxonos procurar implementar actividades e dinámicas na aula dirixidas a mudar dous aspectos principalmente: o primeiro é despegarnos da clase maxistral na que o docente leva o peso comunicativo e o segundo é mellorar a autonomía da aula.

Para iso, seguimos o exemplo das aulas do centro mencionado, pero tamén do comportamento que observamos no alumnado nos cambios de clase. Así, implementamos actividades en grupos reducidos dentro da clase global e incentivamos a resolución de problemas entre iguais con actividades como as estacións de aprendizaxe.

Desta maneira, o alumnado reflexiona sobre coñecementos adquiridos e benefíciase do que os compañeiros suman, sen a interferencia da persoa docente, que é un axente simplemente observador neste momento. Ademais, refórzase deste xeito a destreza que consideramos máis importante na aprendizaxe de linguas estranxeiras: a produción oral.

 

Conclusións

A nosa participación no Programa Observa_Acción foi, en termos xerais, tremendamente positiva. O contacto con outros docentes, sobre todo cos compañeiros do IES Andalán de Zaragoza (aos que coñecemos na fase 3 do programa) e do IC3 Modena Matarella (aos que vimos na fase 4 deste), permitiunos gañar distancia sobre o noso xeito de dar as clases e reflexionar sobre que cousas podemos reforzar, cales non reportan beneficio e debemos cambiar e cales podemos implementar de novo. Algo que debería ser parte do noso día a día, pero que moitas veces deixamos de lado, como é o intercambio de coñecementos con colegas vese tremendamente incentivado e reforzado grazas a un programa como o Observa_Acción, que non só fomenta o contacto entre centros, senón que permite facelo entre aqueles que non están próximos xeograficamente, algo que é tremendamente enriquecedor e útil.

Como docentes de lingua estranxeira, as conclusións que tiramos desta oportunidade están na liña de defender que a colaboración entre centros e colegas axuda ao desenvolvemento e a avanzar e que este tipo de iniciativas deben de ser promovidas e incentivadas, así como na de observar que a calidade da práctica docente depende directamente de que o propio profesor dispoña de tempo suficiente para dedicarlle tanto á aula en global coma a cada alumno individualmente.

https://www.instagram.com/p/DBbR1HNsyCG/