Ir o contido principal
formacion
Proxeccións

O proxecto lector de centro como referente común en infantil e primaria. Un cambio baseado nas achegas da investigación educativa

A coherencia e a cohesión do proxecto lector no CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro
A necesidade de elaborar un proxecto lector consensuado, coherente e actualizado, baseado nos procesos de adquisición da lectura e da escritura, levounos a buscar formación específica. Co obxectivo de realizar cambios reais e sostibles na nosa práctica educativa e partindo da análise da situación do noso centro, comezamos un proceso de cambio transversal.

M.ª Cruz Alfonso Laya
ma.alfonsolaya [at] edu.xunta.gal (ma[dot]alfonsolaya[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Silvia Piñeiro Rodríguez
sil [at] edu.xunta.gal (sil[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
María Barreiro Núñez
mariabarreiro [at] edu.xunta.gal (mariabarreiro[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Rosario Vilas Galiñanes
charolans [at] edu.xunta.gal (charolans[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro (Cambados - Pontevedra)

 

 

Fundamentación

A relevancia do proxecto lector radica na súa consideración como un instrumento fundamental para o desenvolvemento da competencia lingüística, tal e como se recolle na lexislación educativa.

Ao considerar os procesos de adquisición da lectura e da escritura como elementos clave deste proxecto, propuxémonos elaborar un documento que nos permitise o traballo coordinado en todas as áreas e etapas.

Partimos de dúas accións principais; primeiramente a formación individual, iniciada como inquedanza dalgunhas mestras (con María Mateo, de Cuentos para Crecer, Tamara Chubarovsky, Diverlexia etc.), así como o emprego do programa Comunicarnos de Siembraestrellas.

Posteriormente, co asesoramento do CFR de Pontevedra, puxemos en marcha un grupo de traballo para reelaborar o noso proxecto lector, onde todo o claustro foi partícipe da formación e do traballo realizado.

A partir de aí comezamos o proceso de reflexión. Realizamos unha análise DAFO: como o estabamos a facer, que cousas funcionaban, cales non e o que nos gustaría cambiar ou mellorar.

Parecíanos fundamental ter unha visión común e, sobre todo, ben estruturada e secuenciada de todas as habilidades necesarias para que o noso alumnado puidese transitar por estes procesos de aprendizaxe con éxito. Buscabamos un enfoque activo, significativo, multisensorial e funcional, que respectase os ritmos individuais e as etapas de cada proceso.

 

Descrición

Moitas das actividades e orientacións metodolóxicas que se abordaran na formación xa se viñan aplicando nas aulas, mais non estaban recollidas en ningún documento nin formalizadas como acordos a nivel de centro.

Decidimos priorizar, desde o inicio da educación infantil, o traballo da motricidade (equilibrio, coordinación, lateralidade, motricidade fina…), por constituír unha base esencial que favorece os procesos de adquisición da lectura e da escritura.

Image

 

Image

 

Durante estes primeiros anos, tamén lle demos especial importancia á motivación lectora (a través das lecturas compartidas e dialogadas). O desenvolvemento da linguaxe oral e da escoita activa son, así mesmo, ámbitos de traballo nos que debemos afondar durante estes anos.

O noso proxecto lector recolle a necesidade de realizar un traballo rigoroso sobre a conciencia fonolóxica desde os primeiros anos ata o primeiro ciclo de primaria. Abarcamos todos os tipos: léxica, mediante actividades de segmentación; silábica, a través da segmentación e manipulación; conciencia de rima, mediante a exposición, a identificación e a creación de rimas; e finalmente, a conciencia fonémica coa realización de actividades de análise, síntese e modificación.

Image

 

Unha vez adquirida unha base sólida e asentados os cimentos da lectoescritura, é o momento de iniciar un traballo sistemático sobre a correspondencia fonema-grafema, a habilidade para entender que cada letra (nalgúns casos grupos de letras) corresponde a un fonema. Para isto empregamos gran variedade de recursos multisensoriais que favorezan a aprendizaxe: letras móbiles, tarxetas, letras de lixa e actividades manipulativas que axudan a reforzar a asociación entre son e grafía.

Image

 

Image

 

Image

 

Image

 

Establecemos facer o paso á escritura en dous momentos. Inicialmente, a escritura lévase a cabo de forma cognitiva, empregando letras móbiles, imantadas, acuñadas, teclados… Nesta fase utilizamos preferentemente letras maiúsculas. Consideramos que, antes de comezar a traballar a escritura manuscrita, debería estar ben consolidado este tipo de escritura cognitiva, así como desenvolta a motricidade fina.

Image

 

Image

 

No que respecta á comprensión lectora, acordamos desenvolver os seguintes ámbitos de traballo: nun primeiro momento, a precisión (como prerrequisito á comprensión, xa que ler non é descodificar); posteriormente, a fluidez e a entoación, pois ler rápido non significa necesariamente comprender. Como aspectos relacionados co desenvolvemento da linguaxe, o vocabulario e a sintaxe son ámbitos fundamentais para acadar unha boa comprensión dos textos.

Ademais, resulta fundamental incorporar o traballo explícito de habilidades cognitivas e estratexias que favorezan unha comprensión profunda dos textos. Neste sentido, promovemos a construción de inferencias, a adquisición de estratexias de síntese, estratexias metacognitivas (repetir a frase difícil, explicala con palabras propias, reler...) e estratexias autorreguladoras (antes, durante e despois da lectura, é dicir, tarefas de planificación, supervisión e avaliación, respectivamente).

Todo este traballo vai acompañado de actividades específicas de fomento da lectura a distintos niveis: de centro, de aula e familiar.

No ámbito do centro e da biblioteca escolar, promóvense iniciativas como obradoiros, exposicións, visitas de autores, préstamos semanais, dinamización da biblioteca e creación de espazos atractivos e cómodos que favorezan o hábito lector.

No ámbito da aula, lévanse a cabo propostas como contacontos dramatizacións, selección de contos presentes en todas as aulas a partir dos que se desenvolvan actividades e proxectos, lecturas compartidas, creación de historias, contos e poemas, lectura diaria...

Image

 

Finalmente, fomentamos a implicación das familias a través de propostas como as mochilas viaxeiras, recomendacións lectoras, a participación de lectores invitados e en actividades especificamente dirixidas ás familias desde a biblioteca escolar.

 

Reflexións sobre a práctica

A acollida por parte do alumnado foi moi positiva, xa que están acostumados a traballar con materiais manipulativos, actividades orais e xogos. Este ano e os vindeiros serán fundamentais para comprobar se a implantación do proxecto lector tivo o éxito esperado. Para iso será clave a súa avaliación e a autoavaliación.

Polo momento, as achegas están sendo moi favorables, xa que estamos vendo melloras significativas nos procesos de lectura e escritura, sobre todo daquel alumnado con dificultades.

Quizais botamos en falta máis material manipulativo, xogos e recursos para a formación do profesorado, que iremos mercando. As principais dificultades que atopamos están relacionadas, sobre todo, coa falta de tempo para atender e traballar de forma axeitada e individualizada con cada alumno ou alumna segundo as súas necesidades. O incremento do alumnado con dificultades e a elevada ratio constitúen limitacións estruturais que un proxecto lector, por sólido que sexa, non pode compensar por completo.

 

Como incidiu na mellora das aprendizaxes, da motivación e do clima da aula?

Polo que levamos observado ata o momento, este xeito de traballar contribúe de maneira significativa á mellora do clima da aula, xa que o alumnado é máis autónomo, experimenta o éxito de forma máis segura e progresiva e mostra unha maior motivación cara á aprendizaxe.

 

Valoración final da experiencia e expectativas de continuidade

Consideramos que este proxecto supón un paso moi importante cara ao centro que queremos ser, as experiencias que queremos ofrecer e o tipo de aprendizaxes que queremos promover.

A súa continuidade permitirá consolidar unha liña de traballo común, coherente e vertebrada ao longo das distintas etapas educativas.

A valoración global que facemos é satisfactoria e anímanos a continuar nesta liña de traballo. As nosas expectativas pasan por consolidar este proxecto lector no tempo e por reforzar os recursos materiais e formativos do centro. Todo isto co obxectivo de seguir mellorando progresivamente os procesos de ensino e aprendizaxe da lectura e da escritura do noso alumnado.