O poder da observación compartida: Miradas que enriquecen o ensino na EOI de Pontevedra
Na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, esta práctica adquiriu unha dimensión transformadora, impulsando unha cultura de colaboración que beneficia tanto o profesorado coma o alumnado. Neste artigo exploramos en profundidade a experiencia de observación entre compañeiras, os seus fundamentos, desenvolvemento, retos e logros, así como o seu impacto na calidade educativa.
María Fernández González
mariafernandezgonzalez [at] edu.xunta.gal (mariafernandezgonzalez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Begoña Suárez Moreno
begonasuarez [at] edu.xunta.gal (begonasuarez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
EOI de Pontevedra
Fundamentación
Nos primeiros achegamentos á observación no eido educativo, esta estaba asociada a procesos de avaliación do profesorado, nos que unha persoa experta ou superior valoraba o desempeño docente, a miúdo con consecuencias administrativas ou laborais. Porén, co tempo, moitos teóricos e profesionais comezaron a reformular a observación desde unha perspectiva máis colaborativa e reflexiva, desligándoa da súa función meramente avaliativa e orientándoa ao desenvolvemento profesional.
Hoxe en día, a observación entre iguais propón un cambio de paradigma: trátase dun proceso horizontal, recíproco e non xerárquico, no que docentes con niveis de experiencia similares se observan mutuamente, intercambian feedback e reflexionan xuntos sobre a práctica pedagóxica. Este enfoque fomenta a confianza, o respecto e o pensamento crítico, elementos clave para que a observación se converta nunha ferramenta de mellora e non nunha fonte de presión ou ansiedade. Así, a observación compartida consolídase como un instrumento estratéxico para:
- Promover o desenvolvemento profesional docente.
- Facilitar a difusión de boas prácticas e a innovación educativa.
- Fomentar a cultura de colaboración e a aprendizaxe mutua.
- Apoderar as persoas docentes no seu crecemento profesional e persoal.
Un obxectivo común
No contexto específico das escolas oficiais de idiomas, a observación de aula adquire unha importancia particular debido ás características propias deste tipo de ensino. Ao tratarse de alumnado adulto, con traxectorias vitais e académicas moi diversas, a experiencia educativa vese mediada por factores como a motivación intrínseca, o ritmo de aprendizaxe e, en moitos casos, a intermitencia na asistencia debido a obrigas laborais ou persoais. O absentismo, que é unha realidade frecuente, xera un escenario especialmente complexo: grupos heteroxéneos con niveis dispares de progreso e unha participación flutuante.
Neste contexto, a iniciativa de observación entre iguais na EOI de Pontevedra xurdiu hai máis de seis anos, no marco dun grupo de traballo do Plan de formación permanente do profesorado (PFPP) do centro. Un grupo de profesoras decidiu abrir as portas das súas aulas, motivadas pola necesidade de compartir estratexias e afrontar xuntas os retos do ensino de idiomas nunha contorna diversa e cambiante.
Metodoloxía
Análise dos elementos observables
Nunha primeira fase analizamos os elementos observables da práctica docente tomando como referencia a listaxe elaborada por Elena Verdía no documento Aspectos que poden ser observados na clase de linguas estranxeiras, o que nos permitiu establecer un marco teórico sólido.
Observación holística e focalizada
Inicialmente, as observacións adoptaron un enfoque holístico co fin de captar a globalidade da aula sen restricións previas, pero a medida que avanzaba o proceso optouse por unha focalización progresiva cara a aspectos específicos previamente consensuados. Esta evolución metodolóxica implicou a adaptación dos instrumentos de recollida de información, así como a elaboración de fichas propias, axustadas ao contexto da escola oficial de idiomas.
Diálogo pedagóxico
Durante as sesións de análise posteriores ás observacións, o equipo docente descubriu que o verdadeiro valor da retroalimentación non reside en emitir xuízos sobre o que se ve, senón en abrir un diálogo pedagóxico profundo. No canto de ofrecer valoracións pechadas, fomos comprendendo, ao longo do proceso, que formular boas preguntas era moito máis eficaz que dar respostas rápidas ou suxestións directivas. Tal e como sinala Mariana Morais (2021), a observación entre docentes só pode ter sentido se vai acompañada dunha conversación «ética, horizontal e situada», na que se priorice a comprensión do contexto. Neste sentido, o equipo asumiu o compromiso de construír un feedback que tivese unha función formativa real, baseado en preguntas como: Que funcionou aquí? Que che fixo implementar esta estratexia? Que alternativas posibles consideraches?
Resultados e evidencias
A nosa experiencia de observación non só deixou pegada na práctica docente, senón que tamén xerou un conxunto de produtos e evidencias que documentan o percorrido realizado e amplifican o seu impacto alén do equipo docente. Entre elas inclúense as seguintes:
- Memoria para a comunidade educativa: compilación dixital das fases, resultados e aprendizaxes derivados da nosa participación na fase intracentros do Programa Observa_Acción.
- Portafolio reflexivo: documento que recolle as reflexións das docentes participantes ao longo do proceso.
- Blog Observando na cidade que observa: diario dixital das actividades e resultados da fase internacional do Programa Observa_Acción.
- Vídeo das experiencias: produción audiovisual que mostra o percorrido do proxecto desde as voces das protagonistas, dispoñible na canle de YouTube institucional.
- Docentes que observan e son observadas para mellorar na aula: entrevista radiofónica en Onda Cero.
- Artigos xornalísticos:
- «Observación docente entre iguales en la EOI Pontevedra para mejorar»
- «Observación docente en Transilvania»

Impacto
Desenvolvemento profesional docente
A observación entre iguais tivo un impacto profundo no desenvolvemento profesional das docentes participantes debido a que a experiencia se foi consolidando progresivamente ao longo dos anos ata integrarse na cultura de centro, estendéndose a todos os niveis e linguas impartidas. Entre os beneficios destacables atópanse os seguintes:
- Mellora de habilidades pedagóxicas: observar a outras compañeiras permite descubrir novas estratexias, recursos e enfoques.
- Apoderamento docente: o intercambio de ideas e o recoñecemento mutuo reforzan a confianza profesional e xeran un clima de apoio e crecemento.
- Cultura de colaboración: a experiencia contribuíu a romper dinámicas individualistas promovendo o compañeirismo e o sentido de pertenza ao centro.
Comunidades de práctica
Como froito da experimentación conxunta no marco do PFPP, xurdiu a necesidade de abrir o diálogo alén do propio centro, tecendo redes profesionais con outras escolas oficiais de idiomas, como a EOI da Coruña, a EOI de Valladolid e co Liceul Teoretic Gheorghe (Transilvania), que visitamos co gallo da nosa participación no Programa Observa_Acción, impulsado pola Consellería de Educación.


Innovación
A observación de aula espertou as nosas inquedanzas sobre como as contornas educativas condicionan a experiencia educativa. Nas sesións de análise identificamos tres eixes fundamentais que consideramos prioritarios á hora de repensar os espazos educativos do presente e do futuro:
- A inclusión
- A integración das tecnoloxías
- A sostibilidade.
Estas dimensións mostráronse non só como desexables, senón como necesarias, e por iso decidimos embarcarnos nun proxecto europeo que nos permitise afondar nelas, baseándonos no enfoque promovido polo Future Classroom Lab de European Schoolnet, que propón unha visión innovadora da aula como ecosistema flexible, inclusivo e tecnoloxicamente integrado. O proxecto EDUGASPACE representa a transferencia do traballo iniciado coa observación docente ao ámbito da innovación.


Calidade educativa
Por outra banda, a experiencia da observación tivo un impacto tanxible na calidade educativa:
- O profesorado: mellora da comunicación (instrucións e explicacións), do tratamento do erro e da atención individualizada.
- O alumnado: aumento do tempo de participación e da autonomía.
- Xestión da aula: diversificación dos agrupamentos e mellora do clima mediante a resolución de conflitos.
- Sesión de clase: secuenciación das actividades a través do diario dixital de aula, aplicación de tarxetas de entrada e saída.
- Recursos e materiais: modernización do mobiliario de aula, aproveitamento dos paneis dixitais e integración de ferramentas dixitais.
Valoración da experiencia
A implementación da observación entre iguais non está exenta de desafíos. A diversidade de horarios dificulta a organización das observacións, requirindo flexibilidade e, en ocasións, a permanencia no centro fóra do horario habitual. Doutra banda, algunhas docentes poden sentir reticencia ao seren observadas, por medo ao xuízo ou á exposición, aínda que a experiencia demostra que estas resistencias diminúen co tempo e a práctica, tal e como sinalan as compañeiras:
«Ao comezo sentía que me estaban xulgando, mais axiña comprendín que se trataba de aprender xuntas, de compartir e crecer como profesionais.»
«A observación entre compañeiras é unha oportunidade para saír da rutina, descubrir novas perspectivas e fortalecer a comunidade docente.»
No que atinxe ao alumnado, lonxe de percibir esta práctica como unha intromisión, respondeu con interese e naturalidade, especialmente cando se lle fixo partícipe do sentido pedagóxico da experiencia.
Conclusión
A experiencia da EOI de Pontevedra demostra que a observación entre iguais é unha poderosa ferramenta de desenvolvemento profesional, innovación e mellora da calidade educativa. Ao abrir as portas das súas aulas, as docentes construíron unha comunidade de aprendizaxe baseada na confianza, o diálogo e o apoio mutuo, onde cada mirada compartida enriquece o ensino e transforma a escola.
Nun contexto educativo que demanda cada vez máis colaboración, adaptación e innovación, a observación entre compañeiras revélase como unha práctica imprescindible para afrontar os retos do presente e do futuro, apoderando as persoas docentes e mellorando a experiencia de aprendizaxe de todo o alumnado.
Alarcón Pérez, C. (2007). ¿Cómo puedo mejorar mi labor docente? (IV): Los agrupamientos. Dispoñible en http://cvc.cervantes.es/aula/didactired/anteriores/enero_08/14012008a.htm
Arribas Arévalo, B. (2011). La retroalimentación como herramienta para la mejora de la práctica docente, en RedELE, Biblioteca 2011, segundo trimestre, número 12. Dispoñible en https://www.mecd.gob.es/educacion/mc/redele/biblioteca-virtual/numerosanteriores/2011/memoriama ster/2-trimestre/arribas.htm
Fernández González, M., Barreiro Quibén, I., Gómez Cernadas, P., Suárez Moreno, B. (2023). Gogoetarako eta hobekuntzarako funtsezko tresna atzerriko hizkuntzen didaktika mistoan. Hizpidehelduen euskalduntzearen aldizkaria, ano 41, núm. 102.
O’Leary, M. (2014). Classroom Observation. A guide to effective observation of teaching and learning (2n edition, 2020). Londres: Routledge.
Lasagabaster, D. e J. M. Sierrra (eds.) (2004). La observación como instrumento para la mejora de la enseñanza-aprendizaje de lenguas. Cuadernos de educación, 44. ICE-HORSORI, Universitat de Barcelona.
Morales Lobo, M. (2023). La observación de aula: Un instrumento para la mejora educativa a través de la mirada y la escucha. Ediciones SM.
Rodríguez del Tronco, J. et al. (2017). Smartfeeback. Madrid: LID.