Ir o contido principal
formacion
Proxeccións

O fascinante mundo das letras

Un novo curso, un novo reto en lectura e escritura
No contexto actual de sobreinformación, dixitalización e inmediatez, o concepto de lectura transcende á mera descodificación de signos.
Cada inicio de curso comezamos con ilusión e motivacións renovadas. Nesta ocasión, o noso interese centrouse no proceso de ensino-aprendizaxe da lectura e escritura, co obxectivo de mellorar a nosa práctica docente e ofrecerlle ao alumnado experiencias máis ricas, significativas e axustadas ás súas necesidades e intereses.

Laura Carballido Suárez
laura.carballido [at] edu.xunta.gal (laura[dot]carballido[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Isabel Ortigueira España
isabel.ortigueira [at] edu.xunta.gal (isabel[dot]ortigueira[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
CEIP Campomaior (Ordes - A Coruña)

 

 

A etapa comprendida entre os 3 e os 6 anos constitúe un período clave no desenvolvemento infantil, especialmente no que respecta á adquisición da lectura e da escritura. Durante estes primeiros anos, os cativos non só comezan a familiarizarse coa linguaxe escrita, senón que tamén desenvolven habilidades cognitivas, lingüísticas e sociais que sentan as bases para aprendizaxes posteriores. Lonxe de entenderse como un proceso mecánico de descodificación de signos, a lectoescritura, coma todas as aprendizaxes nesta etapa, debe abordarse desde unha perspectiva globalizadora, lúdica e significativa, onde o neno sexa protagonista activo da súa propia aprendizaxe.

Neste contexto resulta fundamental que a intervención educativa respecte os ritmos individuais, fomente a curiosidade e aproveite situacións cotiás coma oportunidades de aprendizaxe.

Image

 

Comezamos?

A aproximación á lectura e á escritura na etapa de educación infantil, no noso centro, comeza a partir dun elemento moi próximo e moi significativo para cada neno e para cada nena da aula: o seu nome propio. O seu nome é una palabra cargada de significado afectivo, que o alumnado recoñece como propia e que esperta o seu interese de xeito natural.

A partir do nome favorécese o recoñecemento global da palabra, a identificación dalgunhas letras (especialmente a inicial), a comparación cos nomes dos compañeiros, o que permite establecer relacións de diferenzas e semellanzas. Estas actividades facilitan un primeiro contacto co sistema de escritura desde un enfoque construtivista e funcional.

Ademais, o uso do nome propio permite integrar a lectoescritura en situacións cotiás da aula (na asemblea cando facemos o control de asistencia, cando repartimos materiais ou para identificar as nosas pertenzas). Con todo isto dótase de sentido real a aprendizaxe e favorécese que sexa significativa.

Image
Image
Image

 

A través do nome tamén podemos traballar vocabulario, pois partindo da inicial de cada un podemos buscar palabras que comecen por esa letra. Esta actividade, aparentemente sinxela, ten un gran valor pedagóxico dentro do proceso de lectura e escritura, pois favorece a conciencia fonolóxica, a relación grafema-fonema, a motivación e interese, a ampliación do repertorio de vocabulario, a participación oral, a escoita activa, o respecto das quendas de palabra...

Como docentes sabemos e entendemos a necesidade e a importancia de programar partindo dos intereses e necesidades do noso alumnado e tendo en conta a contorna, as familias e o centro. No ámbito da lectura e escritura é esencial o ambiente de aprendizaxe, así como a selección dos recursos e materiais para a nosa aula a as nosas propostas. Nas aulas de infantil do noso centro non poden faltar as letras móbiles en varios formatos (pezas, imáns, plastificadas, de lixa), tamaños e materiais (cartón, madeira, plástico). Estes materiais acompáñannos durante os tres anos e constitúen un imprescindible nas diversas propostas, desde comezar xogando coas letras ata darlle valor formando palabras.

Estes materiais son variados, manipulativos e adaptados ao alumnado e ás súas características, ofrecendo diferentes niveis de apoio, tendo en conta a diversidade presente nas nosas aulas. Por todo isto, os recursos e materiais non só acompañan a práctica educativa, senón que condicionan a calidade das experiencias e aprendizaxes que vive o alumnado.

Image

 

E despois?

A selección dun centro de interese ou dun proxecto de traballo significativo para o alumnado en educación infantil resulta fundamental para favorecer o avance na lectoescritura.

Cando os contidos parten dos seus intereses, das súas vivencias, das súas necesidades, da súa contorna… a aprendizaxe da linguaxe escrita adquire un sentido funcional e motivador.

Neste enfoque, a lectoescritura non se presenta como un fin en si mesmo, senón como unha ferramenta ao servizo da comunicación, da expresión e da comprensión do contorno. No desenvolvemento de calquera proxecto de traballo xorden de xeito natural situacións de lectura e escritura: elaboración de listas, interpretación de carteis, lectura de contos, busca de información, identificación de palabras clave…

Os contos teñen un gran valor nas nosas aulas de infantil e son un recurso ideal para traballar as propiedades do texto e as propiedades do sistema de escritura (Nemirovsky). Logo da formación recibida, iniciouse unha secuencia didáctica sobre os personaxes de contos, onde cada mes estaba dedicado a un conto. O alumnado traballou aspectos coma as partes dun libro, o título, os personaxes, os conflitos e desenlaces, os finais, o vocabulario, as imaxes e ilustracións...

Image

 

Así mesmo, a aprendizaxe da lectura e da escritura debe entenderse desde un enfoque inclusivo e construtivista, sendo esencial coñecer e respectar as etapas do proceso de aprendizaxe onde se atopa o noso alumnado (Nemirovsky, Ferreiro). Para iso, é preciso facer unha observación e avaliación dos seus coñecementos previos para, a partir de aí, traballar dunha maneira individualizada, respectando as súas necesidades e características.

Image
Image

 

Conclusión

A formación continua do profesorado resulta esencial para garantir unha resposta educativa de calidade. Actualizar (ou profundar) coñecementos, reflexionar sobre a propia práctica docente ou coñecer novas metodoloxías permite ofrecerlle ao alumnado experiencias de aprendizaxe máis ricas, inclusivas e axustadas ás súas necesidades.

A posibilidade de realizar no noso centro un plan de formación permanente do profesorado (PFPP) permitiunos, como equipo, formarnos de maneira conxunta remando cara a un mesmo enfoque, o construtivismo. Deste xeito, a nosa formación como docentes foi máis alá, pois permitiunos facer equipo e crear un ambiente de traballo colaborativo, participativo e propicio para levar a cabo propostas entre niveis.

Ademais, en etapas como educación infantil, onde se sentan as bases do desenvolvemento cognitivo, emocional e lingüístico, é especialmente importante que o docente estea en constante proceso de aprendizaxe. Isto non só repercute nunha mellor intervención educativa, senón tamén nunha maior capacidade para motivar, acompañar e guiar o alumnado no seu proceso de construción do coñecemento.

En definitiva, formarse non é só unha opción, senón un compromiso profesional necesario para ofrecerlle o mellor ao noso alumnado e favorecer unha aprendizaxe significativa e de calidade.