Máis que catro paredes: espazos que escoitan a infancia
O anhelo de atopar novas formas de distribuír o espazo para ofrecer experiencias funcionais, significativas, equitativas e respectuosas co noso alumnado levounos a iniciar un camiño de reflexión sobre a nosa práctica docente na etapa de educación infantil.
Esta reflexión derivou nunha modificación profunda coa que buscamos a implementación de novos enfoques, métodos e estratexias no ámbito educativo co propósito de mellorar o proceso de ensino-aprendizaxe.
Natalia Mariño Gago
nmgago [at] edu.xunta.gal (nmgago[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Andrea Farpón Vázquez
andrea.farpon [at] edu.xunta.gal (andrea[dot]farpon[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
CEIP San Tomé (Cambados - Pontevedra)
A premura para buscar espazos axeitados ás necesidades do noso alumnado e a creación de contornos de aprendizaxe que fomenten a participación activa e o desenvolvemento integral das nenas e nenos levounos a iniciar a nosa andadura formativa.
No curso 2022/23 iniciamos o primeiro seminario no PFPP co que intentabamos buscar respostas a moitas das nosas inquedanzas sobre a influencia do espazo e dos materiais nas aprendizaxes do noso alumnado de educación infantil.
O que nun principio parecía ser a busca dunha fórmula máxica para modificar espazos converteuse nun proceso no que xa levamos implicadas catro cursos e que deu lugar a unha reflexión profunda sobre a nosa forma de ensinar. Esta reflexión desembocou no recoñecemento da necesidade de formación para atopar novos enfoques, métodos e estratexias no ámbito educativo co propósito de mellorar o proceso de ensino-aprendizaxe. Comezamos o primeiro seminario facendo unha análise DAFO que nos permitiu identificar as nosas debilidades, fortalezas, ameazas e oportunidades; obter unha fotografía do noso día a día e marcar os obxectivos que pretendiamos conseguir.
No noso centro, o CEIP San Tomé, están escolarizados 115 nenas e nenos na etapa de educación infantil, distribuídos en dúas liñas (dúas unidades por nivel). A ratio é numerosa e os espazos escasos.
A raíz desta análise DAFO, decidimos comezar a ter as primeiras formacións sobre pedagoxías alternativas. Así, no curso 2022/23 recibimos formación de Iria e María do CRA Antía Cal e visitamos as súas escolas e no curso 2023/24 continuamos ampliando a nosa formación da man de María Consuelo Iglesias do CRA de Vilarello, Patricia Gestoso de Createctura e Cristina Méndez Arosa, ao tempo que mantivemos as visitas a outros centros como o CEIP de Viñagrande.
A medida que nos fomos formando e coñecendo o marabilloso traballo doutras compañeiras de educación infantil, decatámonos moi pronto de que as realidades que se nos presentaban non tiñan nada que ver coa nosa, xa que o noso alumnado era moito máis numeroso e careciamos do espazo mínimo necesario para levar a cabo as propostas que tan ben desenvolvían nos seus centros. Así pois, o noso obxectivo centrouse en crear un modelo propio de organización espazo-temporal, adaptado ás nosas características, ao noso tipo de centro, de alumnado, de profesorado, de familias e, en definitiva, da nosa comunidade educativa.
Este proceso, no que aínda estamos inmersas, implicou desaprender, cuestionar o que dabamos por feito, saír da zona de confort e tamén grandes doses de coordinación, xenerosidade e colaboración.
Iniciamos así unha transformación que comezou cun longo período de reflexión, debate, cesión para chegar a consensos, toma de decisións e implementación de cambios.
Un dos acordos mais importantes ao que chegamos e que sostén toda a liña metodolóxica da reforma que estabamos a construír foi entender a necesidade de adaptar as aulas e a nosa forma de ensinar ao momento evolutivo do noso alumnado..
É por iso que decidimos especializar as aulas por nivel, tratando de que as nenas e nenos tivesen diferentes propostas de aprendizaxe con distintos materiais e experiencias en cada espazo, pero que ao mesmo tempo se complementasen, ofrecendo unha educación equitativa e integral. Na actualidade, esta decisión tradúcese en que temos aulas especializadas, organizadas en ambientes con materiais específicos que respectan o momento evolutivo das nenas e nenos de tres e catro anos e, neste curso, remataremos xa os trocos nas de cinco anos.
A transformación das aulas fíxose de xeito consensuado, valorando todas as propostas metodolóxicas e de organización espazo-temporal que se nos ían suxerindo nas sesións de formación coas relatoras e aplicando o que se adaptaba á nosa realidade.
Outra decisión importante foi establecer desdobres en cada aula, unha novidade que nos permitiu optimizar os recursos persoais e espaciais para ofrecerlle unha atención máis individualizada ao noso alumnado. Cando a aula do nivel contiguo queda baleira pola presenza dunha especialista, a mestra de apoio do grupo vai a esa aula coa metade dos nenos e nenas e traballa a estimulación da linguaxe oral a través do programa Comunicarnos de Belinda Haro, mentres que a mestra titora se centra nos diferentes contidos da matemática. Isto facilitounos o traballo en pequenos grupos e axudounos a poñer en práctica toda a secuenciación de contidos matemáticos que fomos interiorizando na nosa formación.
Asemade, continuamos chegando a acordos importantes que cambiaron o rumbo do noso traballo e melloraron a calidade educativa do noso alumnado. Un deles foi a modificación das entradas ao colexio das nenas e nenos de educación infantil. Fixemos a benvida máis acolledora e pausada, accedendo ás aulas ao seu ritmo, a medida que van chegando desde os 4 anos. Nas aulas atópanse propostas de actividades motivadoras e variadas para que cada neno ou nena poida elixir a máis acorde aos seus intereses ou ao seu estado de ánimo.
Tamén se estableceu a realización de sesións semanais de libre circulación entre as aulas do mesmo nivel para que o alumnado teña acceso ás propostas das dúas aulas complementadas e poidan interrelacionarse entre si, fomentando que se coñezan e gocen de máis experiencias entre o grupo de iguais.
As mestras dun mesmo nivel coordínanse e deixan propostas diferentes en cada aula, complementarias, e as nenas e nenos diríxense libremente á aula ou á proposta que máis lle agrada. Aquí mestúrase o alumnado das dúas clases de xeito libre.
Decidimos tamén enviarlles ás familias, cada trimestre, uns informes de avaliación individualizados, xa que consideramos que teñen máis coherencia cos cambios metodolóxicos que estivemos a levar a cabo. Con eles, pretendemos facilitarlles unha comprensión máis clara ás familias, favorecendo a transmisión de información sobre o proceso de aprendizaxe das súas fillas e fillos, explicando os avances relativos ao seu desenvolvemento integral.
Esta forma de traballar que parte da necesidade de adaptar as aulas ao momento evolutivo do noso alumnado fixo que nos centrásemos en formarnos nos diferentes procesos de aprendizaxe que se levan a cabo na etapa de educación infantil. Por iso, no curso 2023/24 comezamos a centrarnos no ámbito da matemática.
O primeiro bloque temático que abarcamos foi a lóxica. Grazas á relatora Cris Méndez, fomos descubrindo os procesos implicados: identificación, emparellamento, clasificación, ordenación, seriación, igualdade/diferenza e transformacións. Creamos un documento base no que recollemos propostas de actividades amosadas na propia formación para traballar os procesos tanto de xeito vivencial coma manipulativo, así como propostas que fomos poñendo en práctica nas nosas aulas. Todo isto permitiunos gañar seguridade á hora de planificar de xeito secuenciado o tratamento da lóxica.
Algún exemplos de actividades que realizamos para o tratamento dos procesos da lóxica foron os seguintes:

Paralelamente, durante este curso, centrámonos na reforma integral das aulas de 3 anos. Unha delas conta con máis material simbólico e artístico e a outra incorpora máis variedade de propostas de construción e actividades sensoriais. A continuación, presentamos un dos ambientes dunha das aulas onde o alumnado, nun dos momentos da xornada, pode acceder de xeito libre a propostas matemáticas que xa sabe facer para adquirir máis autonomía. Nesta ocasión, poden empregar o material tanto de xeito individual coma en parellas, se así o consideran.

Nas sesións do PFPP no curso 2024/25 adentrámonos nos procesos de numeración coa formadora Cris Méndez: contar, cuantificadores básicos, correspondencias, conxuntos equivalentes, padróns físicos, subitización e estimación, clasificacións cuantitativas, ordenación de conxuntos por cantidades, recta numérica, padróns numéricos e composición/descomposición. Algunhas das actividades que levamos a cabo para fomentar estes procesos foron as seguintes:

Como consecuencia deste novo modelo de organización, centrado nos procesos evolutivos, o noso rol como mestras tamén mudou. Estamos nunha etapa de formación, procuramos observar os procesos, intentamos non dirixir as súas aprendizaxes, senón guialas, acompañámolos no seu curso evolutivo, presentándolles propostas que os estimulen e que lles provoquen curiosidade por manipular e investigar, xerando aprendizaxes significativas e funcionais.
Toda esta andaina por entender e respectar os procesos evolutivos sería imposible sen a implicación de todo o equipo de mestras de educación infantil (8), de primeiro ciclo de primaria (4) e de pedagoxía terapéutica do centro (2). Tratamos así de acceder todas á mesma formación para seguir unha liña metodolóxica común que respecte a equidade. A coordinación coas compañeiras do primeiro ciclo de educación primaria e coas pedagogas foi moi enriquecedora e axudounos a asegurar unha transición coherente, coordinada e agradable á seguinte etapa educativa.
Neste curso 2025/26 rematamos os seminarios a través do PFPP coa reforma consensuada das aulas de 4 e 5 anos e tamén abordaremos a secuenciación de contidos e criterios de avaliación das nosas programacións ao longo da etapa, tratando de facer un traballo coherente e de elaborar un documento base que estableza as liñas metodolóxicas do traballo en educación infantil no noso centro. Daremos así por concluída a primeira parte dun proceso formativo que, lonxe de rematar, non fixo máis que comezar.

Conclusión
Coa implementación dos coñecementos adquiridos nestes catro cursos a través dos seminarios do PFPP, na etapa de educación infantil realizamos os cambios metodolóxicos necesarios para sentar as bases dunha reforma integral do proceso de ensino-aprendizaxe. Unha reforma profunda, reflexionada e consensuada que se reflectiu nunha nova forma de percibir, sentir e vivir a educación infantil; tendo en conta o momento evolutivo de cada nena e neno, respectuosa cos seus intereses, necesidades e potencialidades e cos das súas familias. Os trocos realizados foron moi importantes e incidiron no benestar emocional do alumnado, pero quizais os cambios máis importantes foron os que se iniciaron nos cerebros de todas as mestras que participamos, permitíndonos lembrar que nunca é tarde para desaprender e comezar a trazar novos camiños.