Ir o contido principal
formacion
Proxeccións

Máis alá das letras: o espertar das palabras na Gándara

Experiencias reais onde as palabras falan
A importancia da competencia lingüística, como eixe vertebrador das aprendizaxes, levounos a reflexionar en que punto nos atopabamos para pór en marcha dinámicas que permitisen dar unha resposta educativa eficaz á realidade e necesidade do noso centro. Estas dinámicas, recollidas en catro eixes, permítennos traballar cada unha das destrezas que conforman a devandita competencia.

Nuria Batista Limérez
nuriabatista [at] edu.xunta.gal (nuriabatista[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Laura González Bertoa
lauragonzalezbertoa [at] edu.xunta.gal (lauragonzalezbertoa[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Aroa López Armesto
aroalopez [at] edu.xunta.gal (aroalopez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Tania Rodríguez Jácome
taniar [at] edu.xunta.gal (taniar[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Isabel Sabucedo González
isabucedo [at] edu.xunta.gal (isabucedo[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Beatriz Veiga Jato
beaveigajato [at] edu.xunta.gal (beaveigajato[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
CEIP Plurilingüe A Gándara (Monforte de Lemos - Lugo)

 

 

De onde partimos?

Na sociedade actual existen factores como a exposición temperá prolongada ás pantallas, a diminución do tempo de conversa no fogar ou a inmediatez do día a día, que condicionan o desenvolvemento da competencia lingüística.

Conscientes desta realidade, e tras analizar os resultados obtidos nas avaliacións trimestrais e diagnósticas, no CEIP Plurilingüe A Gándara (Monforte de Lemos), decidimos converter o desenvolvemento da competencia lingüística nun obxectivo prioritario da nosa proposta pedagóxica.

Deste xeito, para poder lograr que o noso alumnado consiga un dominio funcional das linguas, vertebramos a nosa formación en liñas de traballo que perseguen o desenvolvemento desta competencia: desde a adquisición e dinamización da lectoescritura ata a promoción da oralidade coa radio escolar.

A maiores, integramos outras formacións promovidas polos centros de formación e recursos próximos, relacionadas coa promoción e dinamización da biblioteca escolar, ferramenta imprescindible para a consecución das nosas metas.

 

Onde estamos?

Ao longo deste proceso formativo, reafirmamos a importancia de deseñar actividades lúdicas e dinámicas que non só motiven, senón que garantan a participación activa e a inclusión de todo o alumnado, convertendo a diversidade e a heteroxeneidade do noso centro nunha oportunidade máis de aprendizaxe.

Ademais, as iniciativas levadas a cabo deseñáronse baixo unha óptica transversal, contando coa implicación directa e coordinada dos distintos equipos do centro, o que nos permitiu asegurar unha visión máis completa e integrada, garantindo que cada actividade repercuta positivamente nas distintas destrezas que conforman a competencia lingüística.

Sen perder de vista os vínculos que se establecen entre as nosas propostas e coa finalidade de facilitar a súa exposición, pasamos a organizalas en catro eixes fundamentais.

Eixe 1: A oralidade e a linguaxe multimodal

O punto de partida co que o alumnado comeza a desenvolver as súas habilidades lingüísticas é a linguaxe oral, por iso é lóxico que sexa un dos piares que debemos reforzar. Buscamos lograr que o alumnado use a linguaxe oral para comunicarse de forma eficaz, con seguridade e en contextos diversos.

Neste proceso formativo do noso centro, tamén tomamos conciencia de que a adquisición da linguaxe oral vai moito máis alá da propia fonoloxía, xa que comunicar é unha arte que implica varias canles: movementos corporais, imaxes, sons, silencios… Por iso, buscamos integrar no noso proxecto propostas que convertan a lingua nunha ferramenta verdadeiramente funcional. Entre as máis destacadas atópanse:

  • Radio escolar: este curso comezamos a empregala e decatámonos de que é, na nosa opinión, a ferramenta estrela para traballar as habilidades lingüísticas, dado que xogar a ser locutores é moi atractivo para a meirande parte do noso alumnado. Ademais, permítenos traballar a vocalización, modular os tons de voz, controlar o ritmo, redactar axeitadamente os guións e comprender o escrito.

Creamos un programa chamado O faladoiro da Gándara, onde publicamos as iniciativas levadas a cabo, como «Mulleres no deporte», «Palabras bonitas de amizade» ou o «Día de Rosalía».

  • Apadriñamento lector e contadas: actividades que nos brindan unha nova oportunidade para que o alumnado cambie o «ter que ler» como unha obriga e dea o paso a «querer ler», compartindo estas experiencias con alumnado de menor idade e co Centro de Educación Especial Infanta Elena.

  • Xogos de mesa: con propostas adaptadas a todas as idades do centro e a diferentes temáticas, favorecendo o desenvolvemento competencial do noso alumnado. No caso do ámbito lingüístico, o noso obxectivo é favorecer o aumento de vocabulario, mellorar a expresión e a comprensión oral e reforzar a comprensión lectora. Ademais, inciden directamente na pragmática da linguaxe, obrigando o alumnado a interactuar, negociar e comunicarse en contextos reais, favorecendo tamén as relacións entre iguais. Son situacións moi motivadoras para o alumnado porque, aínda que en moitas ocasións, eles non son conscientes, están traballando procesos básicos da oralidade a través do xogo e, ademais, descobren novas fontes de pracer que favorecen as relacións interpersoais.

  • Participamos no Plan Proxecta «Nós tamén creamos», onde, tras a formación recibida, creamos un stop motion a partir de contos en lingua galega. O alumnado elaborou os diferentes escenarios cos correspondentes elementos necesarios para a súa representación. Tamén adaptaron as historias para poder ser contadas por eles.

Image

 

Eixe 2: O centro como motor de hábitos lectores

Durante anos, fomos vendo como o desinterese do noso alumnado pola lectura era cada vez maior, por iso decidimos non ser meros espectadores e tomar cartas no asunto, buscando iniciativas que lles redescubran o pracer de ler, xa que este é o recurso máis eficaz para mellorar a capacidade de comprensión.

Deste xeito, as nosas aulas e, especialmente, a nosa biblioteca convertéronse en espazos de experimentación, levando a cabo iniciativas entre as que destacan:

  • Escapismo e Biblio-retos: aproveitando as diversas conmemoracións como o Día das Bibliotecas Escolares, Rosalía de Castro, Entroido… o alumnado realiza unha serie de xogos de escapismo onde teñen que resolver os enigmas propostos facendo uso dos recursos bibliográficos e dixitais da biblioteca coa finalidade de aprender a utilizala como fonte de información e recursos e poder así atopar o código que lles permite obter a chave para poder abrir a porta e saír da biblioteca.

No caso da actividade dos Biblio-retos trátase de adiviñar o nome de personaxes literarias a partir de diversas pistas que se lles van dando ao longo de distintos días para que poidan buscar información e dar co seu nome.

  • Club de lectura: A Gandariña é un club no que participa un grupo numeroso de alumnado do centro e que ten como finalidade fomentar a lectura como fonte de pracer.

Nel, organízanse reunións periódicas nas que o alumnado comparte, comenta e reflexiona sobre as obras lidas, o que mellora as relacións interpersoais entre eles. Ademais, para fomentar o carácter lúdico e dinámico, propóñense actividades vencelladas coa lectura, como representacións, xogos de mímica, sopas de letras, crebacabezas… que repercuten nas diferentes destrezas lingüísticas.

  • Bibliopatios:  iniciativa que converte o tempo de lecer nunha oportunidade para achegar o alumnado ao mundo da lectura dunha maneira lúdica, libre e motivadora, favorecendo ao mesmo tempo habilidades como a autonomía, a responsabilidade e o coidado de materiais. Habilitouse un espazo dentro do patio escolar onde o alumnado pode coller libros adaptados aos seus intereses e idades.

  • Saídas ao teatro e contacontos: promovidas por diversas institucións, como o Concello de Monforte ou a biblioteca municipal, coa finalidade de darlle a coñecer ao alumnado a existencia destes espazos, traballando a escoita activa e desenvolvendo a súa sensibilidade estética.

  • Encontros con autores: onde conversar cos propios escritores das historias que len nas aulas somerxe o alumnado no mundo literario desde unha perspectiva viva e real, aumentando a motivación pola lectura.

  • Recomendacións lectoras como Bookflix: con esta actividade o alumnado, autonomamente, escolle o libro que quere ler e, posteriormente, elabora unha valoración persoal (en diferentes soportes: de forma escrita, vídeos…). Esta proposta respecta os diferentes ritmos, favorece a participación activa e a súa motivación, ao tempo que mellora a comprensión lectora.

Tomando como referencia as suxestións do noso alumnado e tratando de ofertar novidades, o profesorado elabora recomendacións mensuais, tanto lectoras coma de xogos, adaptadas ás diferentes idades e tendo en conta as efemérides próximas. Tamén se inclúen nestas trípticos que recollen propostas actuais para o tempo en familia.

  • Paseo da fama: tomando como referencia o famoso paseo da fama de Hollywood, no centro tentamos reproducilo levándoo ao mundo literario. Para isto, recompilamos as preferencias en canto á lectura das diferentes aulas e elaboramos estrelas cos títulos dos libros máis repetidos que logo colocamos no chan do corredor do centro. Con isto tentamos fomentar o hábito lector no alumnado ao tempo que favorecemos as recomendacións entre os nenos e nenas.

Image

 

Eixe 3: Produción escrita con sentido

Nas formacións realizadas, démonos conta de que ensinar a escribir non podía ser unha tarefa mecánica e sen sentido, na que o alumnado deba empregar certas normas gramaticais. Escribir é moito máis. É lograr que o alumnado empregue as palabras con intención e cun fin determinado, seguindo un plan, para poder proxectar a súa voz no mundo.

Baixo esta premisa, puxemos en marcha diversas iniciativas de comunicación real, que transforman o acto de escribir nunha experiencia significativa. Entre estas destacamos:

  • Carteo: realizado con outros centros da provincia de Lugo, no que alumnos e alumnas de distintos grupos dos centros intercambian cartas, presentándose e dando a coñecer a zona na que viven. Isto permítelles ver a funcionalidade da lingua para establecer vínculos persoais.

  • Obradoiros de postais: que se realizan ao longo do curso, sendo unha iniciativa que promove esta vertente social da lingua, favorecendo a súa conexión coas persoas máis vulnerables, como o centro de anciáns.

  • Obradoiros de escritura creativa: caligramas, dioramas, poesía… onde o alumnado pode xogar, manipular e experimentar posibilidades infinitas coas palabras, descubrindo o pracer de crear.

  • Elaboración de xornais e revistas: Gandaricias 2026, Gandariña… son exemplos destas actividades. En Gandaricias 2026, cada grupo acudiu á biblioteca onde indagou e seleccionou información relevante sobre unha poeta galega, para posteriormente crear unha noticia que pasou a formar parte do noso xornal.

Gandariña, a revista anual do centro, recolle diferentes artigos elaborados polo alumnado do centro, no que comparten diferentes temáticas: saídas, conmemoracións, experimentos…

Image

 

Eixe 4: Identidade lingüística

Como eixe final, non podemos deixar de lado a contorna, a base do desenvolvemento persoal e social do noso alumnado, especialmente nun contexto coma o do noso centro, onde a diversidade lingüística é un aspecto fundamental.

Para traballar o respecto das diversas identidades lingüísticas, levamos a cabo propostas como:

  • Dígocho eu!: inspirándonos no formato televisivo, o alumnado xera contidos divertidos para desmentir loiadas lingüísticas e aclarar dúbidas ortográficas. Así mesmo, dado que contamos cunha gran diversidade lingüística e cultural no centro, incluímos na proposta a tradución de palabras típicas en diferentes idiomas.

  • Festival das Letras Galegas: onde a música e a palabra se unen para festexar a nosa herdanza cultural. O alumnado leva a cabo unha posta en escena de diferentes composicións propias da nosa cultura (obras de teatro, cancións, chistes, refráns, regueifas etc.).

 

A onde queremos chegar?

Sendo realistas, sabemos que aínda queda moito camiño por andar, pero tamén é certo que estamos mudando moitos hábitos, introducindo novas maneiras de ensinar e aprender e que os resultados nos mostran a mellora no proceso de ensinanza-aprendizaxe do alumnado, polo que seguimos en constante cambio e mellora para continuar dando unha resposta educativa o máis axustada posible á realidade do noso centro.

En definitiva, a nosa meta final é ter un proxecto de centro que parta da biblioteca escolar como eixe central e vertebrador de todas as actividades que se vaian realizando ao longo do curso nas distintas materias para que sexa o alumnado o verdadeiro protagonista das aprendizaxes e que as palabras cobren todo o seu sentido.

Ligazón ao portal do cole.