Ir o contido principal
formacion
Proxeccións

Habitar a arte

A arte de comprender o mundo
Este artigo recolle unha experiencia desenvolvida no sexto curso de educación infantil, no que a arte se converte nun eixe vertebrador das aprendizaxes. A partir de diferentes procesos de formación docente vinculados aos ambientes, ás metodoloxías activas e á educación estética, constrúese unha proposta baseada na experimentación, na emoción e na creación artística como medios para favorecer aprendizaxes globais, significativas e conectadas coa realidade da infancia.

Rocío Morado Rois
rociomorado [at] edu.xunta.gal (rociomorado[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
CEIP Portofaro (Cambre - A Coruña)

 

 

A necesidade de transformar a miña práctica educativa xorde a partir das diferentes formacións desenvolvidas nos PFPP de centro, centradas especialmente na adecuación dos espazos, na importancia dos ambientes de aprendizaxe e no valor da estética e da presentación das propostas educativas.

No CEIP Portofaro, estas inquietudes comezaron a materializarse coa creación dunha aula sensorial que foi evolucionando progresivamente grazas ás formacións recibidas e á reflexión compartida sobre a práctica docente. A boa acollida por parte do alumnado e das familias, así como a participación durante dous anos consecutivos nas sesións de formadores organizadas polo CFR da Coruña, reforzaron a necesidade de continuar avanzando cara a modelos educativos máis sensibles ás necesidades reais da infancia.

Paralelamente, o coñecemento de metodoloxías activas e de experiencias desenvolvidas noutros centros educativos permitiume repensar a maneira de entender os procesos de ensino-aprendizaxe na etapa de educación infantil. Sentía a necesidade de construír unha práctica educativa na que o interese, a emoción e a experiencia tivesen un papel central, entendendo que sen estes elementos a aprendizaxe corre o risco de converterse nun proceso pouco significativo e difícil de consolidar a arte de comprender o mundo.

Image

 

Habitar a arte

Neste contexto xorde Habitar a Arte, unha forma de entender a arte non como unha actividade puntual ou complementaria, senón como unha linguaxe presente na vida diaria da aula e como unha ferramenta capaz de vertebrar as distintas áreas do currículo.

Desde esta perspectiva, o proceso artístico adquire especial relevancia. Máis alá do resultado final, interésame todo aquilo que sucede mentres o alumnado observa, experimenta, interpreta, toma decisións, comunica ou constrúe significado a través da creación. A arte convértese así nun medio de expresión, autocoñecemento e relación cos demais, permitíndolles ás nenas e nenos expresar emocións, intereses e formas de entender o mundo desde múltiples linguaxes.

Ao mesmo tempo, considero necesario afastarse dunha visión excesivamente simplificada ou infantilizada da arte na etapa de infantil.

A aproximación ás experiencias artísticas realízase desde o respecto pola capacidade da infancia para observar, interpretar e producir cultura. Por iso, a proposta incorpora obras, artistas, materiais e referencias reais, aproveitando tamén os recursos próximos ao contexto escolar: bibliografía especializada recollida da biblioteca do centro, materiais achegados polas familias, saídas a exposicións, museos... da contorna, visitas de artistas que lles achegan de primeira man as súas vivencias...

Image

 

A implementación da proposta desenvólvese a través dun proceso progresivo de experimentación artística. O punto de partida sitúase no garabato e na expresión libre do trazo mediante o movemento corporal, o ritmo e a exploración sensorial. Estas primeiras experiencias permítenlle ao alumnado establecer unha relación directa co xesto, coa marca e coa representación, evolucionando gradualmente desde formulacións abstractas cara a procesos figurativos cada vez máis intencionados.

Posteriormente introdúcese o traballo coa mancha e con diferentes técnicas de expresión plástica, como o frottage ou o xaspeado, favorecendo a observación, a interpretación e a transformación das producións propias. O proceso artístico enténdese así como un espazo de investigación, experimentación e construción de significado.

Esta proposta nace como unha experiencia de aproximación á arte desde a vivencia, a exploración e a creación libre. Non busca unicamente coñecer artistas ou obras, senón entender a arte como unha linguaxe máis da infancia, capaz de xerar pensamento, emoción, comunicación e aprendizaxe globalizada.

A través dela, as nenas e nenos experimentan co corpo, co trazo, coa mancha, cos materiais e coas diferentes formas de representación, pasando progresivamente do abstracto ao figurativo e construíndo unha mirada propia sobre a arte e o mundo que os rodea. Todo o proceso se converte tamén nunha oportunidade para favorecer a expresión oral, o interese pola escritura, a investigación e a comprensión a través de contextos significativos e emocionais.

Image

 

De maneira progresiva, a proposta avanza cara á análise de obras, a observación de artistas e a reinterpretación de creacións desde unha perspectiva activa e experiencial. O diálogo arredor da arte, a formulación de hipóteses, a comparación entre producións ou a toma de decisións sobre os propios procesos creativos forman parte habitual da dinámica de aula.

Neste contexto, a lectura, a escritura e a investigación aparecen de maneira natural e funcional. A necesidade de comunicar, rexistrar, interpretar ou compartir o vivido favorece a creación de situacións reais de aprendizaxe vinculadas á lectoescritura, integradas nun proceso globalizado no que linguaxe, emoción, pensamento e creación se desenvolven de maneira interrelacionada.

A resposta do alumnado ante este tipo de propostas foi especialmente positiva. Observouse unha maior implicación nos procesos de aprendizaxe, un incremento da capacidade de observación e análise, así como unha maior iniciativa á hora de expresar ideas, formular preguntas ou compartir descubrimentos co grupo.

Do mesmo xeito, a integración da arte na dinámica diaria da aula favoreceu a creación dun clima máis participativo, flexible e respectuoso cos diferentes ritmos e formas de aprender. O alumnado mostrou unha elevada motivación cara ás propostas de investigación, as experiencias manipulativas e as situacións de creación compartida.

Entre as principais dificultades atopadas durante a implementación destacan, fundamentalmente, a necesidade dunha planificación flexible e a importancia de dispoñer de tempos amplos que permitan respectar os procesos individuais de creación e experimentación. Así mesmo, este tipo de metodoloxías require unha revisión constante da práctica docente e unha capacidade de adaptación continua ás necesidades e intereses do alumnado.

Image

 

Conclusión

A pesar destas dificultades, a experiencia reafirma a capacidade da arte para xerar contextos de aprendizaxe máis activos, reflexivos e significativos. A integración da creación artística como eixe metodolóxico permitiu abordar os contidos curriculares desde unha perspectiva interdisciplinaria, favorecendo non só a adquisición de aprendizaxes, senón tamén o desenvolvemento da creatividade, do pensamento crítico, da autonomía e da capacidade de comunicación.

Ao mesmo tempo, a proposta puxo de manifesto a importancia de ofrecer experiencias estéticas e culturais de calidade desde as primeiras idades, recoñecendo a capacidade da infancia para interpretar, analizar e producir creación artística desde unha perspectiva sensible e crítica. Máis que unha metodoloxía pechada, Habitar a Arte constitúe unha maneira de entender a educación: flexible, aberta á transformación e construída desde a emoción, a experiencia e o respecto polos procesos de aprendizaxe da infancia.

A valoración final da experiencia é profundamente positiva, tanto pola resposta do alumnado coma polo impacto que esta maneira de traballar tivo na dinámica da aula. Lonxe de constituír unha experiencia puntual, esta proposta continúa evolucionando e reformulándose diariamente, formando xa parte da identidade metodolóxica da miña práctica educativa.

Image