Ir o contido principal
formacion
Proxeccións

Escoitámonos?

A radio escolar como medio, recurso e motivo para ler
O presente artigo trata de describir unha das experiencias levadas a cabo no curso 2024/25 no CEIP Santo Estevo de Parga (Lugo) dentro do marco da súa radio escolar (RadioParga), neste caso con nenos e nenas de terceiro de educación primaria e a través da obra teatral de Paula Carballeira As ferreñas (en vivo e en directo).

Beatriz Caamaño Louro
beatriz.caamano [at] edu.xunta.gal (beatriz[dot]caamano[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Xoel Gutiérrez Roca
xoel.gutierrez.roca [at] edu.xunta.gal (xoel[dot]gutierrez[dot]roca[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Lucía Rivas Mourelos
luciamourelos [at] edu.xunta.gal (luciamourelos[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga (Guitiriz - Lugo)

 

 

A radio como medio. Radioparga como proxecto de centro

O proxecto de radio escolar do CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga é RadioParga, que xorde no curso 2022/23 e constitúe o eixe vertebrador do programa Mulleres na radio, no que o alumnado de quinto e sexto de educación primaria realiza entrevistas con perspectiva de xénero a mulleres galegas destacadas en diferentes ámbitos profesionais como o xornalístico, o científico ou o emprendedor, entre outros. Tamén se emprega para a realización de lecturas dramatizadas e para iniciativas didácticas diversas como a elaboración de cuñas publicitarias para locais, empresas e negocios da contorna.

A participación das familias en moitas destas actividades e proxectos é fundamental nesta escola rural, na que a radio se erixe tamén como un xeito de facer comunidade mediante as canles de RadioParga en Spotify, Facebook e Instagram. É aquí onde as familias, moitas veces protagonistas das entrevistas, poden escoitar os seus fillos e fillas.

Desde o equipo directivo estase a formar anualmente a todo o profesorado que se incorpora ao centro para que poida empregar este recurso cando o desexe, tanto de forma individual coma mediante enfoques pedagóxicos colaborativos.

Image

Radio comunidade educativa

 

A radio como recurso. Detección de necesidades na aula, obxectivos, metodoloxía e avaliación do proxecto

O profesorado de terceiro de educación primaria, en reunións tanto formais coma informais, sinalaba sobre a aprendizaxe dalgúns nenos e nenas dificultades para unha lectura fluída e expresiva. Este feito acentuábase na área de Lingua Galega e Literatura, dado que neste grupo a maioría era castelanfalante, con importante presenza de alumnado estranxeiro e de etnia xitana que carecía de apoios e recursos fóra do ámbito escolar e que presentaba, a maiores, unha escasa motivación pola lectura e unha importante exposición a pantallas e videoxogos.

A importancia da lectura a todos os niveis, sumada a estas características que acabamos de sinalar, fixo que tras os resultados da primeira avaliación, decidísemos propoñer uns obxectivos para traballar especificamente esta destreza aproveitando as vantaxes e a motivación que nos ofrecía a radio.

Ás consideracións anteriores, debemos engadir que o alumnado non tiña ferramentas para avaliar a súa mellora e percibir os seus erros. Debido a isto, tentouse deseñar un proxecto que involucrase o alumnado tamén na fase de avaliación das producións, sinxelo pero efectivo a pequena escala.

Para este fin houbo unha estreita colaboración entre a mestra especialista en Audición e Linguaxe e o titor do grupo, fomentando así unha intervención cooperativa e inclusiva en formato de codocencia. Decidimos apostar pola radio como medio para que o alumnado non soamente lese, senón que aprendese a escoitarse e que desta forma puidese mellorar as súas destrezas lectoras dun xeito lúdico e favorecendo a súa retroalimentación para así ser quen de autoavaliarse.

O proxecto levouse a cabo nas sesións nas que tanto a mestra de AL coma o mestre titor estabamos na aula. Comezamos esta andaina na segunda avaliación e prolongouse tamén na terceira. Concretamente realizabamos dúas sesións semanais. Nas primeiras simplemente se realizaron ensaios cunha gravadora a través de diferentes lecturas, como a lenda da «Fonte da Nena», recollida polo portal Galicia Encantada (Enciclopedia Dixital de Fantasía Popular de Galicia) e que se sitúa na parroquia de Santo Estevo de Parga da nosa vila, no lugar de Buxío.

O verdadeiro fío condutor da proposta foi o libro de Paula Carballeira As ferreñas (en vivo e en directo). Esta obra permitiunos, por unha banda, traballar a conmemoración das Letras Galegas 2025, dedicadas á poesía oral e popular e ás cantareiras (Adolfina, Rosa, Eva e as pandeireteiras de Meis) e, por outra, darlle sentido ao emprego de RadioParga, xa que nesta un grupo de nenas chamadas As Ferreñas invocan e coñecen os espíritos das pandeireteiras homenaxeadas precisamente no seu programa de radio escolar.

Outro reforzador para enlearnos no proxecto foi o feito de que a mestra de educación musical estaba impartindo clases de pandeireta cunha importante participación por parte de todo o centro. Deixamos aquí unha pequena mostra: 

Arquivo de audio

 

O grupo recibiu con entusiasmo todas estas propostas e, sorprendentemente, ao escoitarse, primeiro coa gravadora e posteriormente na radio, era capaz de detectar os propios erros expresivos e prosódicos cunha actitude proactiva e positiva. A radio era un xogo e non importaba que non saísen as escenas á primeira, nin á segunda… nin á quinta! Simular un programa de radio e sentir as súas voces era un xogo divertido e motivador que animaba a ler e a practicar o seu papel nos diferentes actos e escenas, incluso de xeito voluntario, querendo levar para a casa os materiais necesarios para repasar a lectura.

Audio exemplo das Ferreñas: 

Arquivo de audio

 

E a humilde actividade de ler e escoitarse foi volvéndose cada vez máis motivadora para o grupo, de xeito tal que empezaron a empregarse efectos sonoros e mesmo colaboracións da titora e do alumnado de cuarto, tocando a pandeireta e interpretando algunhas personaxes.

Audio cantando:

Arquivo de audio

 

En canto aos obxectivos didácticos desta proposta, facemos unha distinción relativa a catro ámbitos fundamentais:

En primeiro lugar, os relacionados directamente coa destreza lectora dentro da competencia en comunicación lingüística (CCM):

  • Optimizar a fluidez e velocidade lectora.

  • Favorecer unha boa prosodia (entoación e ritmo).

  • Ampliar o dominio semántico.

  • Gozar da lectura.

En segundo termo, os vinculados coa expresión oral.

  • Traballar na dicción e articulación.

  • Adaptar a proxección da voz.

Dentro dun terceiro ámbito, os asociados ás destrezas socioemocionais:

  • Incrementar o autoconcepto mellorando a autoconfianza.

  • Desenvolver actitudes empáticas

  • Favorecer a escoita activa.

E finalmente aqueles ligados ao traballo colaborativo e cooperativo.

  • Aumentar a coordinación intragrupal.

  • Desenvolver a corresponsabilidade.

  • Atender os tempos de entrada e saída para favorecer a fluidez.

Atendendo á metodoloxía, decidimos combinar estratexias innovadoras mediante aprendizaxe baseada en competencias, buscando unha participación activa e contextualizada. Para este fin tentamos seguir un enfoque inclusivo e tecnolóxico que puidese favorecer a alfabetización emocional e audiovisual, situando o alumnado no centro da súa aprendizaxe.

Para avaliar o presente proxecto empregamos diversas estratexias, valéndonos de instrumentos variados tanto para analizar o seu proceso (a través de rúbricas e listas de cotexo) coma os resultados obtidos. Tamén consideramos fundamental contar con métodos de autoavaliación e heteroavaliación para o propio alumnado (mediante dianas de autoavaliación ou ferramentas similares).

Estes recursos, métodos e estratexias foron empregados en diferentes momentos para lograr unha avaliación inicial, formativa e final do alumnado. Analizamos deste xeito a progresión nas destrezas lingüísticas, insistindo nas relacionadas coa lectura e tamén nas actitudes e autoconcepto, pois partiamos duns niveis baixos de autoimaxe que afectaban ao seu desempeño (indefensión aprendida). Atendemos á motivación, actitude e traballo en grupo, fundamentais para o clima de aula. Todo isto para lograr unha axeitada triangulación dos resultados e observacións que nos permitise achegarnos o máis posible á análise do grao de consecución dos obxectivos.

Ao tempo foi importante o proceso de avaliación do grao de adecuación do proxecto ao propio desempeño docente, a través do cal analizamos aspectos como o grao de consecución dos obxectivos, a adecuación dos recursos aos devanditos obxectivos, a coherencia das actividades cos criterios de avaliación seleccionados e a detección de necesidades de formación docente para a continuación da iniciativa en cursos posteriores.

Image

Radio As Ferreñas

 

A radio como motivo. Conclusións e prospectiva

Por que a radio pode ser unha ferramenta eficaz para o ensino das linguas en educación primaria?

Desde a nosa perspectiva, considerando os resultados obtidos na experiencia, podemos confirmar que resultou de grande axuda para o desenvolvemento de competencias e habilidades no noso alumnado que non acadabamos con outras propostas. Todo isto consecuencia, seguramente, do grao de implicación logrado no estudantado, que, grazas á revisión constante das súas producións, era por fin consciente das súas debilidades e fortalezas e partícipe realmente activo no proceso de ensino aprendizaxe.

Logrouse, deste xeito, unha notoria progresión na súa expresividade e fluidez lectoras en pouco tempo; as prácticas gravadas e a comparación entre elas son a mostra concreta destes avances.

Pero non soamente foron desenvolvidos aspectos facilmente mensurables coma estes, senón tamén outros que non se poden observar nos produtos, pero si no transcurso do proceso, como puideron ser a participación do alumnado, a cohesión grupal ou a inclusión educativa do alumnado con máis dificultades na área de Lingua Galega e Literatura.

Polo tanto, o deseño de situacións de aprendizaxe cun enfoque comunicativo, como tentamos que fose esta iniciativa, posúe un gran potencial para o ensino de destrezas e habilidades dun xeito innovador, dando lugar a unha experiencia creativa vinculada á lectura.

O produto final obtido, unha dramatización vinculada á conmemoración do Día das Letras Galegas, deu lugar a outras iniciativas posteriores, algunhas das cales mitigan quizais a destreza que nos quedaría por abranguer: a expresión escrita do alumnado. Por exemplo, realizouse un rap xunto ao alumnado de cuarto de EP e para futuros proxectos de aula tentaremos que as lecturas teatralizadas na radio partan en maior medida das propias producións do alumnado.

Vemos fundamental o traballo conxunto entre o profesorado para o correcto desenvolvemento de iniciativas como a que vimos de describir, que é perfectamente aplicable para a práctica pedagóxica de calquera centro educativo, e máis dun colexio rural e de pouco alumnado coma este. O CEIP Santo Estevo de Parga desenvolve neste curso 2025/26 diversos programas de innovación educativa como Radio na Biblio, LÓVA, Patios Dinámicos, Mus-e ou Mediación Escolar, para os cales se necesita a implicación de todo o claustro co obxectivo de que se traballen de forma vinculada co currículo, intereses e nivel de desenvolvemento do alumnado, sen esquecer a súa contextualización coa contorna.

Neste curso 2025/26 o noso colexio segue a empregar a radio escolar no día a día da aula e tamén dentro do proxecto documental integrado (PDI) sobre castrexos e romanos que se leva a cabo. Por exemplo, os cursos de infantil, primeiro e segundo de educación primaria traballan os «oficios castrexos» e para iso usan a radio para entrevistar a persoas da zona dedicadas a profesións que xa existían na época estudada.

Image

Castrexos e romanos

 

 

Bibliografía

Carballeira, P. (2025). As ferreñas (en vivo e en directo). [Edición dixital]. Recuperado: https://doi.org/10.32766/rag.448

Reigosa, A. (s. d.). A Fonte da Nena. [Entrada nun blog]. Recuperado de: https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=1&id=408