Constelacións literarias. Imos de viaxe!
Alejandra López Pérez
alejandralopezperez [at] edu.xunta.gal (alejandralopezperez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Gabriel Pérez Durán
gabriel.perez.duran [at] edu.xunta.gal (gabriel[dot]perez[dot]duran[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
IES Plurilingüe Valadares (Vigo - Pontevedra)
Introdución
O propósito deste artigo é presentar a experiencia da constelación literaria Imos de viaxe! Descubrindo o mundo a través das artes na Biblioteca escolar cun duplo obxectivo: (i) amosar o proceso de deseño e posta en práctica en 4ºESO e (ii) avaliar as dificultades inherentes deste enfoque en educación literaria, como alternativa complementaria ao esquema cronolóxico da historiografía literaria. Fíxose no IES Valadares (Vigo) ao abeiro dunha proposta do Sobreiral das Palabras, a biblioteca deste centro.
Con todo, cómpre salientar que esta proposta non se formula como unha solución pechada. Require que sexa posta a proba en contextos dispares para observar como interactúa, por exemplo, con prácticas máis cronolóxicas e como se van a construír destrezas transmedia necesarias para navegar por diferentes textos multimodais. Non se trata que o alumnado salte de xeito errático entre un formato e outro, senón que hai que garantir que desenvolva habilidades hermenéuticas precisas para decodificar criticamente os diferentes códigos semióticos implicados (textuais, visuais, sonoros…) na constelación literaria, sen perder a capacidade de afondar na súa competencia lectora e comparatista, froito da colisión temporal, estética e social das constelacións literarias.
Bases metodolóxicas: as constelacións literarias
Segundo Martos García (2025), Durán, Jover, Linares e Manresa (2023), Bengoechea, Jover, Linares e Rueda (2021a, 2021b e 2021c) e Tucker (2021), as constelacións literarias son artefactos pedagóxicos que organizan as obras en centros de interese ou núcleos problemáticos. Isto xera conexións transversais e non lineais entre os diferentes textos, sen seguir unha secuencia predeterminada (cronolóxica, xeracional, temática…). Por unha banda, este carácter reticular e non xerárquico permite trazar itinerarios multimodais e transmedia con materiais culturais diversos. Dentro desta lóxica, a idea de itertexto de Fernández Rial (2024) pódese ver como un complemento en que a lectura non se limita á materialidade da escrita. Pola outra, o choque temporal subido entre fragmentos do pasado co presente pon de relevo os mecanismos con que se constrúe un historicismo lineal que homoxeiniza calquera proceso histórico cunha falsa sensación de progreso continuo.
Nun mundo ideal, a combinación de itinerario literarios máis cronolóxicos coa construción de constelacións literarias permitiría instaurar operadores de índole metaanalítico para cuestionar as relacións de poder que hai na configuración do canon literario, entre outras moitas posibilidades. Non obstante, isto esixe ao alumnado que constrúa o sentido a partir dos diferentes fragmentos da constelación que poden estar con diferentes códigos semióticos e, asemade, en contextos temporais diferentes cos seus trazos sociopolíticos e estéticos propios que tamén hai que decodificar.
Proposta de constelación. Imos de viaxe! Descubrindo o mundo a través das artes na Biblioteca Escolar
Preparación
No momento en que o equipo de traballo da biblioteca decidiu mergullarse no tema das constelacións literarias, comezaron a xurdir numerosos interrogantes. Ao falar de libros, temas, personaxes e tópicos, resulta doado perderse nun universo infinitamente extenso que esixe establecer límites coherentes e lóxicos
En primeiro lugar, foi necesario decidir o itinerario. Para tomar esta decisión resultaba indispensable coñecer a fondo a nosa colección. Levamos a cabo o que denominamos “libros fóra”: revisamos os andeis da biblioteca, seleccionamos aqueles exemplares que, pola súa temática, contido ou formato, podían resultar interesantes. Deste xeito, comezamos a crear pequenas coleccións de libros relacionados entre si como “Dereitos humanos”, “Marxinados”, “O universo” ou “Eu contra o mundo”.
Nun segundo momento, aínda que todas estas constelacións nos resultaban atractivas, decidimos afondar na pregunta de por que é pertinente e para que realizar esta proposta. Como docentes, reflexionamos sobre a importancia de dar a coñecer ao alumnado a necesidade de preservar os dereitos das persoas e de cultivar valores como o respecto e a tolerancia. Nos tempos actuais, considérase fundamental recuperar a memoria da historia recente, e achegar biografías que exemplifican como, en ocasións, a realidade supera a ficción. O alumnado precisa coñecer esta realidade, adquirir ferramentas críticas e desenvolver unha actitude comprometida fronte ás inxustizas sociais.
A partir desta reflexión naceu “Imos de viaxe!”, unha proposta concibida como un percorrido de descuberta no que o alumnado puidese coñecer o mundo a través dunha selección variada de fondos bibliográficos, empregando diferentes soportes e ferramentas.
Tendo en conta as obras seleccionadas e a temática abordada, consideramos que 4º da ESO era o nivel máis axeitado para a súa implementación, especialmente nas sesións de titoría polo seu carácter transversal. Esta decisión permitiunos tamén orientar o deseño das actividades que integrarían o itinerario.
O deseño da proposta
Para crear unha constelación literaria a partir destes libros foi necesario coñecer en profundidade o seu contido e ir tecendo conexións entre as diferentes obras. Organizámonos por parellas e deseñamos unha batería de actividades que posteriormente puxemos en común co obxectivo de dotar a proposta de coherencia e atopar un fío condutor compartido. Foi precisamente neste proceso de reflexión cando comprendemos que eran os propios libros os que nos guiaban cara a distintos destinos, abrindo camiños e suxerindo novas paradas.
A partir desta idea, decidimos estruturar a proposta como unha viaxe pola literatura e a arte: un percorrido organizado en diferentes estacións, cada unha delas vinculada a unha lectura e a un reto específico. Deste xeito, o alumnado avanza de maneira activa nun itinerario no que cada actividade se converte nunha nova descuberta e nunha oportunidade para construír coñecemento.
Partindo desta metáfora da viaxe, organizamos o alumnado en equipos cooperativos de catro persoas, tendo en conta a diversidade da aula e as súas necesidades educativas. Á chegada na porta da biblioteca, recibímolos cunha benvida especial, como se estivesen a piques de iniciar unha gran viaxe. Alí entregámoslles un sobre coa súa tarxeta de embarque e unha carta de presentación.
A tarxeta de embarque: contiña os datos identificativos do equipo e a data de inicio da viaxe. Ademais, incluía cinco casas correspondentes aos retos e ás paradas obrigatorias do itinerario.
A carta de presentación: indicaba a porta de embarque desde a que comezaba a viaxe. Cada carta incluía un fragmento pertencente a unha das obras seleccionadas e o alumnado debía identificar a cuberta correspondente entre as diferentes opcións proxectadas na pantalla da biblioteca.
As paradas desta viaxe
Unha vez descuberta a porta de embarque, iniciábase a aventura. A biblioteca organizouse en diferentes postos de traballo identificados co número de cada estación e acompañados dunha ficha de actividades e dunha folla de respostas.
1ª estación: Billy Elliot
A actividade comeza cun xogo interactivo baseado en diferentes escenas da película Billy Elliot. A partir da súa visualización, o alumnado completa a ficha técnica da obra e resolve diversas cuestións, algunhas delas vencelladas aos dereitos humanos. A proposta complétase coa consulta do libro de non ficción “50 películas con las que hacerse mayor”, de Miranda Colombo.
2ª estación: Caperucita en Manhattan
A partir da lectura dun fragmento da obra de Carmen Martín Gaite no que se describe Manhattan e a súa contorna, o alumnado localiza diferentes lugares emblemáticos nun mapa, relacionando a lectura coa interpretación de imaxes e coa localización espacial da información.
3ª estación: Que cabe nun calcetín?
É un xogo de dilemas feito a partir da obra homónima de Paula Carballeira. O alumnado ten que responder diferentes disxuntivas e reflexionar por escrito sobre as razóns da súa elección. Segundo a resposta escollida, cada participante descobre —mediante códigos QR— con que arquetipo da Commedia dell'Arte ou ser da mitoloxía galega se identifica.
4ª estación: Federico
Nesta actividade trabállase o formato da banda deseñada a través da obra “Federico”, de Ilu Ros. O foco sitúase na relación entre Poeta en Nueva York e a viaxe de García Lorca a esta cidade, combinando lectura e análise visual das ilustracións desde unha perspectiva vangardista e innovadora. Tras a análise, o alumnado completa unha ficha con cuestións de reflexión e comprensión lectora.
5ª estación: People Power
Esta estación céntrase nos dereitos humanos. Nun primeiro momento, o alumnado debe descubrir un artigo da Declaración universal dos dereitos humanos e relacionalo historicamente co lema “White only”. Posteriormente, achégase a figura de Rosa Parks mediante a lectura do álbum ilustrado “El autobús de Rosa”, de Fabrizio Silei, a partir do cal realízase unha pequena investigación sobre a súa vida e o seu impacto social.
6ª estación: A menina de vermelho
Os contos tradicionais teñen presenza neste percorrido a través de “A menina de vermelho”, na versión ilustrada de Aaron Frisch. A obra presenta unha protagonista situada nunha contorna urbana e hostil, que serve como punto de partida para reflexionar sobre a conservación do ambiente. Esta actividade complétase co libro de non ficción “Barrios, bloques y basura”, de Julia Wertz.
7ª estación: Moda galega
Para pechar o percorrido, o alumnado trasládase á cidade de Vigo a través dunha selección de poemas de María Reimóndez. As actividades desta estación céntranse na análise e comprensión de textos poéticos, establecendo relacións con rúas e comercios emblemáticos da cidade. Ademais, promóvese a reflexión sobre a representación da muller e sobre as imposicións e prexuízos estéticos asociados ao mundo da moda.
Concurso: a banda sonora
Nun itinerario cheo de historias, información e emocións, a música tamén ocupa un lugar relevante. Unha vez completadas as cinco estacións obrigatorias, proponse o concurso “Lecturas con banda sonora”, consistente en escoitar dez cancións —indicando título e intérprete— e relacionalas coa obra literaria máis axeitada das diferentes estacións da constelación.
Produto final: que levo desta viaxe?
Co obxectivo de reflexionar sobre a experiencia vivida na biblioteca escolar, propúxose a realización dun produto final en que o alumnado puxo en xogo as súas habilidades e convidóuselle a que salientase aquilo que lle gustaría conservar desta experiencia. Para iso, ofrecéronse diferentes opcións: a elaboración dun manifesto, a gravación dun programa de radio ou a creación dun produto artístico e literario, como un cartel, un collage ou un knolling.
Reflexións finais e avaliación da práctica
Como docentes, cando asistimos a algunha formación convertémonos en coleccionistas de boas ideas. Considerámolas que resolven problemas que detectamos no noso día a día da aula. Unha vez asimilado os seus principios básicos, como sinala Fernández (2026), a lóxica de aplicación é a seguinte: preparas a actividade con todos os elementos fundamentais, convencido de que vai funcionar, pero non o fai. Ou ben non se produce unha aprendizaxe clara, ou ben non funcionou como se esperaba (ibid.). Cal pode ser a reacción inmediata: se non funciona, talvez non é unha boa idea.
Precisamente isto é o que pode suceder con esta proposta didáctica. Nun principio, os alicerces das constelacións literarias semellan unha caixa de ferramentas axeitada para combater problemas no ensino da literatura sinalados por Durán, Jover, Linares e Manresa (2023). Ora ben, tamén hai que ter en conta dous factores: (i) en que grao se pode implementar este artefacto didáctico e garantir certo éxito nunha aula concreta e (ii) cales son as condicións que permitirían que funcionase correctamente (Fernández 2026).
Por motivos de espazo, tan só imos enumerar algúns dos problemas máis importantes que nos atopamos á hora de implementar esta experiencia co alumnado de 4ºESO. Non obstante, tamén hai que considerar as limitacións que expuxemos con anterioridade:
Ferramentas e estadas para un lector con capacidade crítica e hermenéutica en textos multimodais e en diferentes eixes cronolóxicos e espaciais. Unha das mudanzas máis esixentes que leva aparellada as constelacións é a integración complexa de múltiples textos de diversa índole. Como sinala Cruz Ripoll Salceda (2023) a capacidade de integrar diferentes informacións de fontes diversas é unha habilidade lectora complexa. Se o alumnado non domina este tipo de destrezas, hai que lle proporcionar actividades multinivel cun ensino explícito desta capacidade: (i) rutinas de pensamento (compara e contrasta, entre outras), (ii) organizadores gráficos para que o alumnado poida entender os mecanismos comparatísticos básicos do choque temporal das constelacións literarias, (iii) exercicios de inferencia para que o alumnado poida encher “espazos baleiros” dos diferentes textos, (iv) guías que garantan unha lectura estratéxica dos elementos culturais da constelación para certificar un esforzo deliberado en profundar no seu significado (Cruz Ripoll Salceda 2023), e (v) extensión da alfabetización dixital á lectura hipertextual e multimodal (ibíd), en que haxa un ensino explícito de como navegar de formato en formato e de ligazón en ligazón, sen se perder polas múltiples canicouvas textuais. En caso de non reforzar este aspectos, pódese correr o perigo de converter a constelación nunha serie de lecturas illadas sen que se despregue a súa complexidade semántica e relacional.
Análise do custe-beneficio por parte do docente: canto traballo supón a construción deste tipo de artefactos didácticos e en que aulas se vai implementar para garantir un mínimo de éxito? Máximas como menos elementos de conexión, pero tratados con máis profundidade poden ser de moita axuda para non nos frustrar nos primeiros fracasos e asegurar certo éxito para evitar que o alumnado se perda.
Bengoechea, Ángeles, Guadalupe Jover, Rosa Linares e Flora Rueda (2021a). Constelaciones literarias. [En liña] (Consulta: 07.02.2026).
Bengoechea, Ángeles, Guadalupe Jover, Rosa Linares e Flora Rueda (2021b). Leer la palabra y el mundo. [En liña] (Consulta: 06.02.2026).
Bengoechea, Ángeles, Guadalupe Jover, Rosa Linares e Flora Rueda (2021c). Constelaciones literararias para la Literatura Universal en Bachillerato. [En liña] (Consulta: 06.02.2026).
Cruz Ripoll Salceda, Juan (2023). Un marco para el desarrollo de la competencia lectora. Madrid: Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes.
Durán, Carmén, Guadalupe Jover, Rosa Linares e Mireia Manresa (2023). La educación literaria en el marco de la LOMLOE. Madrid: Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes.
Fernández, Juan G. (2026). “Por qué las buenas ideas educativas fracasan en el aula”, Investigación Docente. [En liña] (Consulta: 09.05.2026).
Fernández Rial, Rosalía (2024). Mover ficha. Proposta didáctica para as aulas de linguas e literatura. Vigo: Galaxia.
Martos García, Alberto. E. (2025). “Los itinerarios de lectura y las constelaciones literarias como artefactos didácticos”, Tejuelo. Didáctica de la lengua y la literatura 41, 171-198.
Tucker, Amanda (2021). “Reading Texts, Reading People: Cognitive Literary Science and Pedagogy”, Arts and Humanities in Higher Education 20:4, 1-17.