Cando as Matemáticas se contan
Rocío García Casalderrey
rociogarciacasalderrey [at] edu.xunta.gal (rociogarciacasalderrey[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Olga Torres Cancela
otorres [at] edu.xunta.gal (otorres[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
IES Chan do Monte (Marín - Pontevedra)
Contextualización e fundamentación teórica
O proxecto realizouse entre as docentes de Matemáticas que asinan este artigo e que imparten clase no IES Chan do Monte xunto con outra compañeira docente do CIFP Montecelo, centros públicos de Pontevedra cun alumnado diverso en ritmos, intereses e perfís cognitivos.
A idea de introducir a lectura como recurso educativo nas aulas de Matemáticas xorde da observación dunha realidade común: moitos estudantes non len nin desfrutan coa lectura, e moitos tampouco atopan nas matemáticas un espazo amable. O reto foi unir ambos os mundos para ofrecer unha experiencia diferente, máis emocional, accesible e competencial. A partir desta realidade, créase un grupo de traballo, constituído por tres docentes, para atopar textos de diversas tipoloxías que encaixen co currículo de Matemáticas e deseñar a partir deles actividades para as sesións de Matemáticas na aula.

A busca de textos foi laboriosa, pero motivadora
Os obxectivos do proxecto foron:
- Traballar a competencia comunicativa e a matemática de forma integrada.
- Introducir a lectura de textos literarios ou divulgativos como ferramenta didáctica nas aulas de Matemáticas.
- Traballar de maneira competencial, relacionando a realidade descrita nos fragmentos literarios e divulgativos cos contidos curriculares da materia de Matemáticas nos diferentes niveis educativos.
- Fomentar o gusto pola lectura a través da curiosidade matemática.
- Potenciar o pensamento lóxico-matemático a través da lectura.
- Crear curiosidade polos libros levados á aula para espertar o interese pola súa lectura.
- Mellorar a competencia lingüística e comunicativa no ámbito científico.
- Promover a inclusión e o acceso á aprendizaxe mediante estratexias DUA.
- Favorecer a motivación, a atención e o pensamento crítico do alumnado.
Descrición da experiencia
O proxecto desenvolveuse en etapas complementarias, realizadas a través de dous grupos de traballo de cursos académicos consecutivos, que permitiron avanzar de forma progresiva desde a investigación ata a práctica na aula:
Primeiro grupo de traballo, curso 2023/24: Atopar as palabras que conducen ás matemáticas
Durante o primeiro grupo de traballo, centrámonos na selección de textos. Buscáronse fragmentos de libros que contivesen referencias matemáticas explícitas ou que permitisen establecer pontes co currículo da materia.
Cada texto foi analizado para determinar a que nivel educativo, sentido matemático e criterio de avaliación podía asociarse, para o cal se elaborou unha táboa de correspondencias.
A tarefa non foi sinxela: tratábase de atopar un equilibrio entre o interese literario e o valor didáctico. Así apareceron fragmentos de novelas, contos, biografías de científicos ou mesmo novelas gráficas.
O resultado foi un banco de parágrafos de lecturas variadas, vinculables ás matemáticas, organizados por diferentes niveis da ESO e da FP básica e relacionadas cos sentidos matemáticos e criterios de avaliación correspondentes. Este banco de recursos serviu como punto de partida para a seguinte etapa.

Vista parcial da táboa de textos atopados e organizados no primeiro grupo de traballo
Segundo grupo de traballo, curso 2024/25: Materializar a conexión entre as palabras e as matemáticas
No segundo curso, co material xa recompilado, o grupo de traballo comezou a deseñar as actividades para levar as lecturas á aula. O resultado foi un inventario de actividades, vinculadas a cada fragmento de libro, organizadas por niveis e relacionadas cos sentidos matemáticos e criterios de avaliación correspondentes, no que se pode consultar a temporalización, a descrición da actividade e os materiais necesarios para desenvolvelas na aula.

Índice das actividades feitas no segundo grupo de traballo

Exemplo de actividade desenvolvida no segundo grupo de traballo
As propostas de actividades foron deseñadas tendo en conta a diversidade nas aulas e as diferentes necesidades de aprendizaxe. Empregando os conceptos do deseño universal de aprendizaxe:
- O chan baixo garantiuse coa accesibilidade aos textos literarios mediante a súa lectura en voz alta por parte da docente, e mesmo o tempo de diálogo que afonda na comprensión dos textos e os seus contidos matemáticos.
- O teito alto ofréceo o propio libro que se leva á aula para ler o texto. O alumnado pode solicitalo para continuar individualmente a súa lectura na casa. Para non perder a espontaneidade da curiosidade lectora, dispor da posibilidade de entregarllo na mesma sesión será sempre un extra.
É moi importante ler o texto escollido directamente do libro, para pór en valor o propio libro como fonte de coñecemento e entretemento. Se hai varios exemplares na biblioteca do instituto, traballar con eles na aula facilita o seguimento da lectura.
- As paredes anchas representáronse nas múltiples vías de participación (escoitando, lendo, dialogando, reflexionando) e as variadas metodoloxías das actividades.

Algunhas das actividades con material manipulativo elaboradas no grupo de traballo
Práctica na aula: levar a lectura ás aulas
Búscase que cada sesión deseñada siga unha estrutura sinxela, pero efectiva:
1. Lectura en voz alta do fragmento seleccionado: lecturas individuais, por parella ou colectivas.
Cando o punto de inicio se deseñou como unha lectura por parte da docente a toda a clase, a motivación foi o resultado dunha enquisa feita pola docente Olga Torres ao alumnado da ESO do IES Chan do Monte sobre os seus hábitos lectores e nas súas familias. A enquisa reflectiu que a unha importante porcentaxe do alumnado nunca lle leran na casa ou non se acordaba de que o fixeran na familia. A lectura oral engade neste tipo de alumnado, dun perfil lector baixo, un estado emocional que crea atención, ritmo e emoción. Moito alumnado que non adoita ler (ou a quen nunca lle leron de neno) séntese atraído pola novidade de escoitar un texto narrado. E a sorpresa de que a docente empregue unha novela ou cómic para impartir unha clase de Matemáticas crea o clima propicio para o éxito da actividade.
2. Diálogo posterior sobre o que chama a atención, o que se entende ou o que se intúe. Trátase de conectar coa idea matemática presente no texto. Dáse a oportunidade de participar oralmente, de escoitar os compañeiros e de abrir un tempo de reflexión individual e/ou colectiva. As posibilidades didácticas deste tempo poden ser moi variadas: desde poder facer unha avaliación inicial ata o peche dunha unidade, un reforzo ou unha ampliación. A docente guiará o alumnado segundo os seus obxectivos.
3. Actividade práctica asociada: ao estar o grupo de traballo formado por tres docentes con experiencias na aula diferentes, foi moi enriquecedor para o deseño das actividades e xurdiu unha metodoloxía moi variada. Pódense consultar na seguinte ligazón as actividades deseñadas.

Alumnado participando nalgunha das actividades
Avaliación e valoración do profesorado
As docentes observaron tres dimensións fundamentais:
1. Comprensión e expresión lingüística: o alumnado mellorou a capacidade de interpretar enunciados e de explicar o razoamento matemático.
2. Motivación lectora: o alumnado mostrou curiosidade polos libros levados á aula; nalgúns casos solicitaron continuar a lectura pola súa conta.
3. Actitude ante a materia: diminuíu a ansiedade e aumentou a participación. As matemáticas deixaron de percibirse como alleas á vida real.
As docentes tamén experimentaron un cambio de mirada: o libro converteuse nun recurso didáctico máis, tan válido coma a calculadora ou o compás.
Esta experiencia supuxo, ademais, un espazo de aprendizaxe compartida entre docentes. O traballo conxunto entre profesoras de secundaria e formación profesional básica permitiu ampliar perspectivas e deseñar actividades transferibles a distintas etapas.
Conclusións e proxección futura
O proxecto Cando as Matemáticas se contan demostrou que a lectura é unha poderosa ferramenta para aprender matemáticas, fomentar o pensamento crítico e crear pontes entre emoción e lóxica-matemática.
A lectura en voz alta —tan habitual noutras materias e tan pouco empregada nas ciencias— permitiu humanizar a aula, activar a atención e promover a comprensión profunda.
O enfoque DUA mostrou ser especialmente útil: ofrecendo distintas formas de acceso, expresión e implicación, logrouse que cada estudante atopase o seu propio modo de participar.
A atención á neurodiversidade non foi un obxectivo adicional, senón unha consecuencia natural dunha metodoloxía inclusiva.
Entre as liñas de continuidade que o grupo propón para próximos cursos destacan:
- Ampliar o banco de textos con novas lecturas literarias e científicas.
- Incorporar dinámicas interdisciplinarias.
- Elaborar unha guía de boas prácticas sobre lectura e competencia matemática para compartir con outros centros.
A experiencia deixou unha conclusión común ás tres docentes:
Ler na aula de Matemáticas non supón unha perda de tempo, senón un investimento. Porque cando as Matemáticas se contan, tamén se comprenden.