Cando a creatividade impulsa a competencia matemática
Lucía Cendán Ramil
luciacendanramil [at] edu.xunta.gal (luciacendanramil[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Laura Calaza Díaz
laura.calaza.diaz [at] edu.xunta.gal (laura[dot]calaza[dot]diaz[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Jesús Ledo Calvo
susoledo [at] edu.xunta.gal (susoledo[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
IES Moncho Valcarce (As Pontes de García Rodríguez - A Coruña)
Introdución e fundamentación
O IES Moncho Valcarce, situado nunha contorna semiurbana e con alumnado diverso no relativo ao nivel sociocultural e académico, converteuse nos últimos anos nun espazo propicio para impulsar accións innovadoras destinadas a mellorar a motivación e o rendemento académico. No caso das Matemáticas, observouse que boa parte do alumnado percibe a disciplina como abstracta, afastada da vida cotiá e escasamente conectada con experiencias significativas. Esta situación motivou o Departamento de Matemáticas a desenvolver estratexias que fomentasen unha experiencia máis rica, creativa e vivencial.
Durante o curso 2023/24, varios docentes do departamento, con inquedanza por renovar a práctica didáctica, coincidimos na idea de aproveitar o potencial das matemáticas como eixe vertebrador de actividades interdisciplinarias. Deste xeito, creouse un grupo de traballo dentro do Plan de formación permanente do profesorado (PFPP) co obxectivo de establecer un espazo de coordinación e reflexión compartida que permitise deseñar, planificar e implementar actividades motivadoras e accesibles para todo o alumnado, desde a ESO ata o bacharelato.
O enfoque metodolóxico do grupo baseouse en principios como a aprendizaxe activa, a resolución creativa de problemas, a manipulación e experimentación como porta de entrada aos conceptos, a integración de contidos a través de tarefas significativas e a potenciación da competencia matemática máis alá dos límites curriculares. A creatividade, lonxe de ser anecdótica, actuou como motor para comprender mellor as matemáticas en contextos próximos ao alumnado.
O proxecto Matemáticas Creativas
O grupo de traballo permitiu establecer un calendario de acción, repartir responsabilidades e compartir recursos, garantindo a continuidade do proxecto Matemáticas Creativas ao longo de dous cursos e abrindo novas vías de innovación. Esta iniciativa permitiu desenvolver actividades que empregan as matemáticas para interpretar, crear, xogar e explorar. Así pois, a creatividade, entendida como descubrimento de padróns, formulación de conxecturas e deseño de solucións, funcionou como eixe vertebrador.
Esta liña de traballo impulsou a creación de actividades con diferentes graos de complexidade e adaptadas á diversidade do noso alumnado, implicando a parte da nosa comunidade educativa. No segundo curso, integráronse no grupo compañeiras dos departamentos de Debuxo e Tecnoloxía, o que enriqueceu o proxecto con propostas interdisciplinarias que combinaron o razoamento lóxico coa expresión visual e fomentaron aprendizaxes máis significativas e complexas.
Actividades desenvolvidas

Mostra fotográfica das distintas actividades impulsadas polo grupo de traballo de Matemáticas Creativas no IES Moncho Valcarce
Ao longo de dous anos, desenvolvéronse múltiples actividades centradas nas matemáticas e na súa relación con outras disciplinas científicas, cun enfoque creativo e interdisciplinario que favoreceu aprendizaxes significativas e motivadoras.
Unha das primeiras iniciativas levadas a cabo consistiu na construción dunha árbore de Nadal formada exclusivamente por corpos xeométricos elaborados polo alumnado. A actividade permitiu traballar conceptos de xeometría espacial. O resultado final foi unha árbore exposta na entrada principal do centro, facendo visibles as matemáticas para toda a comunidade escolar.
Outro proxecto destacado foi o Concurso de Esopías, levado a cabo en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Nel traballáronse pequenas composicións poéticas de carácter numérico. Esta proposta fomentou o pensamento creativo e o uso lúdico da linguaxe, e permitiu abordar conceptos matemáticos desde perspectivas inusuais. A participación foi elevada e hai que destacar a orixinalidade e a capacidade de integrar humor, linguaxe e estrutura matemática. Amósase na imaxe 2 unha pequena mostra das esopías elaboradas polo alumnado.

Exemplos de esopías presentadas no concurso organizado no IES Moncho Valcarce
Ese mesmo curso decidimos dar inicio, co alumnado do primeiro ciclo da ESO, ás Olimpíadas Matemáticas do IES Moncho Valcarce. Nelas propuxéronse cuestións e problemas de razoamento lóxico-matemático, permitíndolle ao alumnado experimentar as matemáticas dun xeito máis dinámico, competencial e lúdico.
A culminación das actividades propostas polo departamento neste curso foi a realización da Semana das Matemáticas, que incluíu obradoiros no lecer, talleres de papiroflexia para alumnado e profesorado guiados por Teresa Otero Suárez, e coa exposición de «Marzo, mes das matemáticas». Durante esta semana organizáronse xogos e retos matemáticos abertos a todo o alumnado, promovendo un ambiente de descubrimento continuo e reforzando o carácter comunitario do proxecto. Un dos talleres con mellor acollida foi o de Palitroques, impartido por Victor González García-Echave. Nel o alumnado puido experimentar coa construción de formas, estruturas e padróns. Desde unha perspectiva matemática, favoreceu a comprensión da xeometría, da combinatoria e da aritmética. En termos arquitectónicos, o alumnado analizou estabilidade, resistencia, proporcións e formas estruturais, comprobando que figuras sinxelas, como o triángulo, poden dar lugar á construción de pontes e armazóns resistentes.
Ademais, a coordinación do departamento dentro do grupo de traballo fixo posible que durante esta semana se amosase polos corredores do centro o labor de investigación levada a cabo por todo o alumnado, ESO e bacharelato. O profesorado seleccionou varias figuras relevantes no eido das matemáticas —desde Euclides, pai da xeometría, ata figuras máis actuais como a primeira gañadora da medalla Fields, Maryam Mirzakhani— e asignáronse por niveis e grupos para que o alumnado elaborase uns carteis nos que se recollesen os datos biográficos, o contexto histórico, os logros acadados e o impacto das súas contribucións no desenvolvemento posterior das matemáticas. Con esta actividade conseguimos que o alumnado coñecese mellor a evolución desta disciplina a través das achegas de figuras destacadas.

Á esquerda listaxe de persoeiros importantes no eido das matemáticas, documento elaborado polo Departamento de Matemáticas do IES Moncho Valcarce. Á dereita, carteis elaborados polo alumnado do centro en relación coa vida e obra destes
No seguinte ano académico, retomáronse algunhas das actividades feitas no curso anterior, pola boa acollida que tiveran entre o alumnado e polo seu valor pedagóxico que axudou a mellorar a competencia matemática. Entre elas están as Olimpíadas Matemáticas, o Concurso de Esopías e, por suposto, a realización da Semana das Matemáticas.
Pero, como non podía ser doutro xeito, o grupo de traballo comezou coa construción doutra árbore de Nadal, neste caso coa construción dunha árbore de Sierpinski. O alumnado, organizado en pequenos equipos, comprobou que a partir de figuras simples, como tetraedros, e seguindo padróns de repetición, é posible crear estruturas complexas cheas de beleza. A actividade facilitou a comprensión de conceptos como autosimilitude, recursividade e fractais, fomentando tamén o razoamento lóxico e a conexión entre matemáticas e arte.
Por outra banda, impulsouse o Concurso de Fotografía Matemática. A intención foi que o alumnado identificase elementos matemáticos da súa contorna, como simetrías, proporcións, formas xeométricas ou sucesións presentes na arquitectura, na natureza ou na vida cotiá. Esta actividade permitiu desenvolver competencias de razoamento, argumentación e comunicación matemática, ao tempo que fomentou a observación crítica.
Unha das actividades máis apreciadas polo alumnado foi a elaboración de flextangles, figuras tridimensionais de papel que se poden dobrar e xirar continuamente. Esta actividade permitiu traballar conceptos xeométricos básicos —polígonos, ángulos, simetrías e redes—, fomentar a visualización de transformacións, planificar secuencias e relacionar figuras planas con tridimensionais. Aproveitamos as caras dos flextangles para ilustrar diferentes conceptos: puntos e rectas notables, propiedades aritméticas, teoremas como os de Pitágoras e Thales, así como mensaxes de respecto, inclusión e igualdade. Deste xeito, os flextangles evidencian que as matemáticas van máis aló de números e fórmulas, mostrando tamén forma, simetría e beleza.
Reflexións sobre a práctica e incidencia na aprendizaxe
A acollida por parte do alumnado foi moi positiva desde a primeira edición, con especial interese nas actividades de carácter manipulativo ou creativo. O traballo con materiais concretos, a resolución de retos non convencionais e a aproximación das matemáticas a contextos próximos contribuíron a mellorar tanto a autoestima como a disposición cognitiva cara á materia. Esta metodoloxía permitiu aplicar conceptos en contextos reais e creativos, consolidando os contidos e incrementando a motivación e a participación voluntaria. Ademais, a posta en marcha de dinámicas cooperativas xerou un ambiente de aula máis distendido, favorecendo unha percepción máis accesible, útil e atractiva das matemáticas.
O formato de grupo de traballo do PFPP resultou determinante para o éxito do proxecto, ao facilitar espazos estables de coordinación, garantir continuidade interanual e permitir unha planificación coherente das actividades. A colaboración docente contribuíu a xerar un clima de aprendizaxe compartida e unha maior cohesión interna no departamento.
Dificultades e propostas de mellora
A principal dificultade atopada foi a coordinación de tempos e espazos entre cursos diversos, xunto coa elaboración de materiais específicos, que requiriu un esforzo notable por parte do profesorado. Con todo, o traballo conxunto permitiu superar en gran medida estas limitacións.
De cara ao futuro, considérase necesario reforzar a formación interna do departamento, ampliar o uso de recursos dixitais e avanzar cara a un proxecto interdisciplinario de centro no que as matemáticas actúen como eixe integrador. Este enfoque permitiría facer visible a presenza constante das matemáticas na vida cotiá e a súa utilidade en múltiples ámbitos do coñecemento, fomentando así unha aprendizaxe máis significativa, contextualizada e competencial.
Valoración final e continuidade
A valoración global do proxecto é extraordinariamente positiva. Ao longo de todo o proceso, as matemáticas demostraron ser un eixe transversal capaz de conectar aprendizaxes, fomentar a creatividade e potenciar a competencia matemática do alumnado. Os resultados superaron as expectativas iniciais: o alumnado expresou satisfacción coa metodoloxía, amosou maior autonomía, confianza nas propias capacidades e un notable incremento do interese pola materia.
O grupo de traballo consolidouse como unha ferramenta eficaz dentro do PFPP, razón pola que se decidiu continuar a iniciativa no curso actual. Nesta nova etapa, o foco céntrase na formación docente mediante o uso de ferramentas dixitais, a intelixencia artificial e o editor de textos LaTeX. A creatividade, a coordinación e a vontade de innovar continúan sendo os piares sobre os que se seguirán construíndo novas experiencias educativas no IES Moncho Valcarce.