Ir o contido principal
formacion
Proxeccións

A competencia lectora no traballo por ámbitos de aprendizaxe

Un cambio nas metodoloxías do centro para poder respectar os ritmos individuais de todo o alumnado
A reflexión constante e o repensar das prácticas educativas levadas a cabo nas aulas derivan na detección de necesidades que se ven cubertas grazas aos plans de formación de profesorado. Unha proposta de cambio que aposta polas pedagoxías activas e o traballo por ámbitos de aprendizaxe para poder ofrecer unha mellor educación a todo o alumnado.

Lara Fernández Pérez
larafdezp [at] edu.xunta.gal (larafdezp[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
EEI de Barrionovo (Arteixo - A Coruña)

 

 

Unha escola que evoluciona

A EEI Barrionovo é unha pequena escola de educación infantil de tres unidades con alumnado de 3 a 6 anos. Son moitos os anos de formación para crear un sinal de identidade propio que segue a consolidarse a través dos seus PFPP.

Estas formacións, ademais de encher as mochilas de coñecementos e experiencia, supuxeron un grande impacto no centro e nas aulas tanto física como organizativamente: cambios na arquitectura, adecuación de mobiliarios, un ollar diferente cara á infancia, adecuación dos documentos oficiais de centro, horarios, rutinas…

Hai sete anos formouse o claustro que segue hoxe comprometido co seu labor docente. A estabilidade, cohesión e a metodoloxía compartida fixo posible unha renaturalización do patio escolar, un cambio no reformular os recursos tecnolóxicos da etapa, comprender as necesidades de movemento, tempos e ritmos madurativos; establecer límites desde o respecto e a disciplina positiva, comprender e aceptar as emocións, a xestión emocional e a aceptación do presente social. Plans de formación complementados coa necesidade de educar da man das familias a través das ENAPA e doutros momentos en colaboración familia-escola.

Cada plan de formación nace dunha necesidade real, dun sentir compartido co fin de ofertar unha calidade educativa plena a toda a diversidade do noso alumnado.

É por iso que había que cohesionar as prácticas educativas dentro da aula coa identidade que se estaba formando na escola, seguindo así unha perspectiva respectuosa, que puidese atender a todos os ritmos evolutivos e a todas as necesidades que xorden cada día. No curso 2023/24 comezamos un PFPP sobre pedagoxías flexibles, que continúa como seminario en metodoloxías activas no actual curso escolar. A formación centrouse inicialmente en coñecer outras pedagoxías in situ. A visita a outros centros educativos e poder compartir con outras mestras as súas experiencias animounos a dar un paso máis nas nosas prácticas cara ao traballo por ámbitos de aprendizaxe.

 

Integrar a competencia lectora no traballo por ámbitos

A escola conta cunha biblioteca escolar cun gran percorrido en proxectos de dinamización, ademais conta cun espazo multidisciplinario (Espazo Fedelleiro), os cales en conxunto vertebran todo o traballo do centro. Así, leva anos formando parte de plans como Plambe, LIA e Lectura e Familias. Todas as aulas posúen biblioteca propia e a biblioteca é o motor que move a vida escolar para a posterior consecución da competencia lectora. O cambio metodolóxico derivado do PFPP supuxo un reformular de como achegar a lectura, a escritura e o acceso a información a todo o alumnado a través de prácticas activas nos ámbitos de aprendizaxe.

Afrontouse este terceiro ano de formación facendo unha implementación no centro do xa aprendido de xeito paralelo ás novas docencias e visita a outros centros que xa traballaban así (CEIP Nº1 de Tui ou CEIP de Outes). Poder visitar centros e ver directamente o traballo por ámbitos foi o xeito máis enriquecedor de poder acompañar a nosa experiencia. Os ámbitos que se decidiron implementar son arquitectura e lóxica, vida práctica, Espazo Fedelleiro e arte e letras.

Decidiuse organizar o alumnado en grupos mixtos e fixos, que se manteñen trimestralmente e rotan polos espazos de xeito semanal. Os maiores acompañan nos procesos os pequenos desenvolvendo unha titoría entre iguais.

O primeiro obxectivo foi facer accesibles as propostas e os espazos a todo o alumnado, xa que a dinámica do traballo por ámbitos é a libre circulación polas propostas. Decidiuse usar pictogramas, rutinas de pensamento e letreiros de capacidade para promover a autonomía a través da lectura de imaxes e a comprensión das mesas. Esta lectura visual, que fomenta a autonomía e comprensión do que ten que ocorrer no espazo, fai que o alumnado non requira en todo momento da axuda da mestra.

Image

Rutinas de pensamento

 

Outro aspecto relevante era integrar os fondos bibliográficos nas propostas co fin de complementar, dar acceso á información e achegar os libros desde o gozo para xerar un vínculo coa literatura e un significado no seu uso no día a día.

Estes fondos introducen propostas que invitan a ler e construír no ámbito de arquitectura ou a investigar e experimentar no Espazo Fedelleiro, pero é no ámbito de arte e letras no que os contidos están máis explicitamente asociados ao traballo dos prerrequisitos da competencia lectora.

Image

Libros que acompañan

 

O ámbito de arte e letras

Se entendemos a competencia lectora como unha máquina en funcionamento, esta funcionaría grazas ao movemento de tres engrenaxes: a lectura, a escritura e o acceso á información.

No ámbito de arte e letras combínanse estas tres engrenaxes. A benvida ao espazo cada día iniciase cunha pequena lectura dos libros que nutren as propostas de xogo (pode ser calquera xénero literario ou un texto informativo). Esta lectura introduce, informa ou complementa a proposta e invita a volver a acudir a ela para relacionar coñecementos. Polo tanto, en todo momento, estase ofrecendo a posibilidade de acceder a información a través dos libros.

Ofrécense tamén propostas para poder chegar á escritura nas que o control da man é o protagonista: modelaxe con diferentes materiais e ferramentas (plastilina ou barro); recortado e resgado a través de obradoiros de papel, creación de vidreiras con pulverizadores de auga, grafomotricidade creativa experimentando con trazos e cores, ou colaxe; costura sobre o tear ou cestería (sempre coidando a direccionalidade da escritura, de esquerda a dereita). O achegamento ao control da psicomotricidade fina trabállase ofrecendo diferentes soportes e materiais e dando a posibilidade de poder facelo desde posturas corporais variadas e a posibilidade de movemento.

Image

O corpo en acción

 

A promoción da linguaxe oral e a creación de historias a través das propostas de xogo simbólico ou minimundos fomentan a ampliación progresiva do vocabulario, traballando o significado das palabras en contexto. O alumnado comparte a través da palabra a historia creada.

A conversión grafema-fonema e a conciencia fonolóxica abórdanse a través da interacción con materiais manipulativos e sensoriais. Estas propostas requiren do acompañamento dun adulto e varían desde o uso de máquinas de escribir, impresión de letras, caixas de sons ou letras de lixa estilo Montessori.

Image

Trazados, sons e letras

 

Unha das propostas que acompañan o inicio da lectura e da escritura é o traballo a través das narrativas visuais, que ofrecen a tipoloxía textual da banda deseñada. Este xénero tan accesible para o alumnado de educación infantil permite acceder á imaxe, á trama da historia, á palabra e á fonética a través das onomatopeas e, polo tanto, pódense abordar estes contidos segundo o momento evolutivo no que se atope o alumnado. Esta proposta tamén é acompañada e remata coa creación dun pequeno cómic no que o alumnado pode crear unha historia profundando nos compoñentes da narrativa (protagonista, personaxes, trama, lugares…).

Image

Narrativas gráficas

 

O ámbito de arte e letras ofrece tamén unha proposta máis artística: o laboratorio de cores. A exploración das distintas gamas cromáticas a través de mesturas. Unha vez máis, preséntanse códigos gráficos que supoñen unha lectura visual e, tras a experimentación libre, existe un proceso de rexistro do proceso de elaboración nunha «colección» de cores. A proposta evoluciona e remata coa creación dunha obra pictórica que transmita unha mensaxe concreta.

Image

Laboratorio de cores

 

As propostas evolucionan e cambian segundo o interese e o uso destas, adaptándose para dar resposta ás necesidades individuais. Son abertas para poder atender a toda a diversidade, pero teñen un fin concreto.

En definitiva, o espazo de arte e letras é unha experiencia a través do trazo e da exploración e control da man e do corpo, da relación e interpretación de mensaxes a través da palabra ou da ilustración, para así poder organizar o pensamento e o coñecemento relacionando e integrando a información percibida, promovendo unha aprendizaxe significativa a través da propia experiencia.

Esta nova organización dos espazos e dos tempos foi moi motivadora para todo o alumnado do centro. As propostas autónomas e os agrupamentos mixtos fan que o alumnado asuma un rol diferente nas situacións de xogo. O alumnado adaptouse aos sistemas de rotación sen dificultade e acadou máis confianza e seguridade nos desprazamentos polo centro. Xéranse vínculos con todo o profesorado e non só coa mestra de referencia, polo que as relacións se nutren de xeito positivo. Ademais, poder reducir a ratio permite unha mellor atención e acompañamento por parte das mestras. O claustro segue a apostar pola continuidade desta liña formativa para poder afianzar e mellorar o traballo por ámbitos de aprendizaxe.