Voces que inspiran, aulas que transforman
Nerea Gil González, docente de Pedagoxía Terapéutica no IES do Milladoiro (Ames - A Coruña)
nereagilgonzalez [at] edu.xunta.gal (nereagilgonzalez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Santiago Gómez Fuentes, docente de Educación Primaria no CEIP Plurilingüe de Agolada (Pontevedra)
santiago.gomez [at] edu.xunta.gal (santiago[dot]gomez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
1. Contextualización
A presente experiencia educativa xorde dunha análise reflexiva e crítica da realidade social contemporánea, co firme propósito de fomentar no alumnado do CEIP Ortigueira o desenvolvemento de valores baseados na equidade. Baixo a premisa de construír unha contorna de aprendizaxe plenamente igualitaria, o centro deseñou e implementou durante o curso 2024/25 unha intervención integral enmarcada no Plan Proxecta: Donas de Si, en converxencia con programas de éxito educativo que fomentan o impulso da igualdade, itinerario proposto dentro proxectos de inclusión educativa (PIE). Segundo Blanchard Giménez e Muzás Rubio (2015), a efectividade deste tipo de proxectos integrados con impacto social require unha transformación profunda do rol docente, quen debe actuar como mediador a través dun proceso constante de reflexión e compromiso coa innovación.
Neste contexto, a idiosincrasia do centro, caracterizada por unha ratio reducida con aproximadamente 70 alumnos/as e pola elevada implicación do claustro, actuou como un elemento facilitador clave para o deseño dunha proposta multinivel. Como sosteñen Felner et al. (2007), as comunidades pequenas de aprendizaxe favorecen a flexibilidade organizativa e pedagóxica necesaria para personalizar o ensino e aplicar este tipo de enfoques de maneira eficiente. Esta configuración permitiu a execución de actividades transversais que involucraron a toda a comunidade educativa, promovendo unha aprendizaxe competencial, inclusiva e adaptada a todas as etapas (Ainscow, 2020).
2. Obxectivos
Obxectivo xeral: fomentar o apoderamento feminino e contribuír á desconstrución dos estereotipos de xénero a través dunha abordaxe educativa integral e participativa.
Obxectivos específicos:
- Visibilizar referentes femininos galegos en diversos ámbitos do coñecemento e da cultura para proporcionarlle modelos de éxito transversais ao alumnado.
- Promover a conciencia crítica ante os nesgos de xénero presentes na literatura tradicional e na vida cotiá, incentivando lecturas e discursos alternativos.
- Sensibilizar en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero, fomentando valores de corresponsabilidade, respecto e bo trato.
- Fomentar a aprendizaxe cooperativa e o traballo por competencias a través de proxectos de investigación e difusión protagonizados polo alumnado.
- Dinamizar a participación da comunidade educativa en espazos de diálogo e reflexión compartida sobre a equidade de xénero.
- Intervir na paisaxe pedagóxica do centro, transformando os espazos físicos en recursos didácticos permanentes con perspectiva de xénero.
3. Desenvolvemento do proxecto
A implementación do proxecto articulouse arredor de tres eixes estratéxicos que permitiron unha intervención graduada e integral: as conmemoracións de datas sinaladas, o deseño de actividades específicas por ciclo e un proxecto monográfico sobre mulleres deportistas galegas. Baixo un enfoque activo e participativo, o alumnado situouse como protagonista da súa propia aprendizaxe, integrando contidos transversais de xeito colaborativo. Para o deseño destas dinámicas, tomáronse como referencia as directrices e iniciativas propostas na Guía de coeducación: Estratexias para unha educación en igualdade (Xunta de Galicia, 2019), adaptándoas á realidade do noso contexto escolar.
Como punto de partida, e co obxectivo de xerar un sentimento de identidade e cohesión arredor da iniciativa, creouse un logotipo e unha web dedicada ao proxecto Donas de Si. Este espazo funcionou como un repositorio dinámico onde se compartiron materiais e evidencias das actividades, favorecendo a transferencia do coñecemento á comunidade educativa.
Logotipo do proxecto (Elaboración propia)
Conmemoracións específicas
O primeiro eixe de actuación centrouse en converter as efemérides en oportunidades de reflexión crítica. No marco do 25N (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller), deseñouse un recurso interactivo con propostas didácticas e adaptadas a cada nivel educativo:
Baixo a premisa de camiñar xuntas cara á igualdade real, esta xornada promoveu a participación activa de todo o alumnado, culminando coa elaboración do mural colectivo «Pegadas que cambian o conto».
Mural colectivo de pegadas
A visibilización do talento feminino no ámbito STEM protagonizou a conmemoración do 11F (Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia). Esta acción articulouse arredor dunha mostra sobre as galardoadas co Premio María Josefa Wonenburger, unha exposición cedida en réxime de préstamo ao centro a través do Plan Proxecta. Tomando estes paneis como recurso didáctico de base, o alumnado do terceiro ciclo de educación primaria asumiu un rol activo de difusión e encargouse de elaborar guías explicativas dirixidas tanto ás familias como ao resto do alumnado. A proposta dinamizouse mediante estratexias de gamificación, entre as que destacou a creación dun bingo educativo cun contido baseado na información recollida na propia mostra expositiva.
Arredor do 8M (Día Internacional da Muller), desenvolveuse a proposta baixo a epígrafe «As nosas referentes». Nesta actividade, tanto o alumnado coma o persoal do centro colaboraron na creación dun mural colectivo composto por imaxes sobre as mulleres que serven de inspiración na súa vida cotiá. Esta iniciativa permitiu conectar a reivindicación global coa contorna afectiva e próxima da comunidade educativa, visibilizando modelos femininos reais e diversos.
Mural de imaxes de mulleres referentes
Cada acto, conmemoración ou celebración no centro converteuse nun espazo de posta en valor da nosa identidade cultural con perspectiva de xénero. Desta maneira, no festival de fin de curso o alumnado do segundo e terceiro ciclo de educación primaria protagonizou unha homenaxe ás cantareiras, interpretando pezas do noso folclore como «A saia da Carolina», «Ven bailar, Carmiña» ou «Palmira». Esta emotiva actuación non só lles rendeu tributo ás mulleres protagonistas do Día das Letras Galegas, senón que serviu para reivindicar o papel esencial da muller na preservación e transmisión da tradición oral en Galicia.
Unha gran fonte de inspiración e motivación para o traballo arredor das cantareiras foi o encontro coas autoras da colección «Mulleres Galegas», facilitado polo Plan Proxecta. Durante a sesión, o alumnado achegouse á figura das cantareiras galegas a través dunha proposta que combinou a ilustración en directo coa interpretación de diversas cantigas tradicionais. A participación dunha cantareira, que empregou diferentes instrumentos musicais para enriquecer o relato, supuxo unha experiencia vivencial clave para o desenvolvemento do proxecto.
Actividades específicas por ciclo
Ademais das accións conxuntas, cada etapa desenvolveu propostas adaptadas ás súas características e intereses.
Educación infantil: o traballo centrouse na lectura de contos sobre igualdade de xénero seguindo algunhas das propostas da Guía de literatura infantil e xuvenil para a igualdade II (Xunta de Galicia, 2020). Nesta liña, o alumnado de educación primaria visitou as aulas de infantil para narrar historias como Daniela Pirata ou Alén loita e acariña, realizando actividades vinculadas. Así mesmo, o alumnado de terceiro de EP elaborou un audioconto coa reinterpretación de Cincenta en formato cómic e narración oral.
Primeiro ciclo de EP: a partir do material didáctico Os Bolechas pola igualdade, o alumnado elaborou un decálogo pola igualdade. Este recurso colocouse de forma creativa nas escaleiras do centro, transformándoas nun espazo visualmente educativo e de reflexión.
Escaleiras do centro cos vinilos do decálogo pola igualdade
Segundo ciclo de EP: desenvolveuse un proxecto monográfico sobre mulleres deportistas galegas.
Terceiro ciclo de EP: o alumnado traballou con fotografías propias para representar situacións cotiás de desigualdade e propoñer alternativas máis xustas. O resultado plasmouse no mural «Tratámonos ben», exposto nun dos corredores do centro como evidencia do compromiso do grupo.
Proxecto monográfico: Mulleres deportistas galegas
O alumnado de segundo ciclo de educación primaria, dentro da materia de Proxecto Competencial, desenvolveu de xeito progresivo un monográfico sobre as mulleres deportistas galegas estruturado en tres fases secuenciais.
Primeiro trimestre: fase de investigación e adaptación
O alumnado seleccionou, de xeito consensuado e por intereses propios, nove deportistas galegas de elite en activo: Saleta Castro, Teresa Abelleira, Judith Rodríguez, Julia Benedetti, Vicky Vilariño, Ana Peleteiro, Susana Rodríguez, Belén Toimil e Teresa Portela. Ante a dificultade de atopar fontes de información accesibles, o profesorado elaborou textos adaptados en formato noticia, para facilitar o acceso do alumnado aos datos máis relevantes de cada figura.
Segundo trimestre: interacción directa e visibilización
Nesta etapa, o alumnado estableceu contacto directo coas protagonistas a través de diferentes canles. Realizáronse entrevistas en liña en directo con Saleta Castro e Vicky Vilariño, mentres que Susana Rodríguez enviou as súas respostas por escrito e Julia Benedetti o fixo a través dun vídeo dirixido á rapazada. Paralelamente, creáronse paneis informativos que se foron expoñendo no centro para visibilizar estas traxectorias entre o resto da comunidade educativa.
Terceiro trimestre: produtos finais e transferencia
O proxecto culminou coa creación de recursos orixinais deseñados integramente polo alumnado.
- Podcasting: gravación de pezas sonoras sobre a vida e logros de Ana Peleteiro e Teresa Abelleira.
- Kamishibai: creación dun conto que fusiona realidade e ficción sobre as biografías de Judith Rodríguez, Belén Toimil e Teresa Portela, integrando ilustración e narración oral.
- A liga das galegas: elaboración dun xogo de mesa. O alumnado encargouse do deseño integral: as normas de xogo, o taboleiro e o dado, as fichas (obxectos simbólicos de cada deporte) e a redacción das tarxetas de pregunta/resposta baseadas na súa propia investigación.
Xogo de mesa creado polo alumnado a partir da investigación
4. Metodoloxía
A estratexia pedagóxica fundamentouse nunha metodoloxía activa e transformadora, centrada na perspectiva de xénero como eixe transversal. O proxecto fuxiu dun enfoque exclusivamente teórico para situar o alumnado no centro da construción da aprendizaxe, empregando dinámicas que favorecen a implicación, a motivación e a participación activa, como sinalan Vázquez Cano e Sevillano García (2021). Neste sentido, a gamificación e a aprendizaxe baseada no xogo permitiron converter os contidos en experiencias máis significativas, facilitando a experimentación, o reto e o compromiso co propio proceso de aprendizaxe.
Un piar fundamental foi a aprendizaxe a través do xogo e a creación de produtos culturais propios, como podcasts, narrativas visuais ou xogos de mesa. Partimos da premisa de que aprender xogando é tamén unha ferramenta de apoderamento, xa que permite ensaiar modelos de relación máis equitativos e horizontais. Esta metodoloxía vivencial foi clave para que o alumnado interiorizase referentes femininos e para converter a aula nun espazo transformador de visibilización e cuestionamento dos roles tradicionais. Tal e como recollen Contreras Espinosa e Eguia (2017), este tipo de enfoques contribúe a xerar contextos educativos máis interactivos e motivadores. Ademais, a creación de produtos propios e o uso de propostas lúdicas adaptadas á educación primaria reforzan o valor pedagóxico do xogo como recurso didáctico e como ferramenta para desenvolver competencias de maneira integrada, tal e como expoñen Rodríguez Padín et al. (2023).
5. Avaliación
A avaliación fundamentouse nun enfoque formativo e continuo, combinando a observación sistemática, probas interactivas ou o uso de rúbricas para as tarefas máis complexas. Fomentáronse tamén dinámicas de autoavaliación e coavaliación, o que permitiu que o alumnado fose consciente do seu propio proceso de aprendizaxe, así como da importancia que adquire a propia avaliación.
Os resultados superaron os obxectivos iniciais e lograron unha implicación activa de toda a comunidade educativa. Máis alá da mellora nas competencias comunicativas e no desenvolvemento do pensamento crítico, o maior éxito foi ver como o alumnado amosou con orgullo os seus produtos finais, apropiándose dos contidos e da visibilización da igualdade. A transformación de espazos físicos do centro e o recoñecemento das familias consolidaron o éxito dun proxecto que xa forma parte da identidade do centro.
6. Promoción do proxecto
A proxección exterior e a implicación das familias foron fundamentais para lle dar sentido social á aprendizaxe. O proxecto empregou estratexias de comunicación que permitiron levar o traballo do alumnado fóra das aulas:
- Conectividade dixital: o uso de códigos QR facilitou que materiais como o audioconto de terceiro de EP entrasen directamente nos fogares, fomentando o diálogo familiar sobre a igualdade.
- Espazos de exposición: aproveitáronse fitos como o Día da Muller e da Nena na Ciencia para converter os corredores do centro nunha galería de aprendizaxe aberta, amosando murais, fotografías e guías elaboradas polos discentes.
- Interacción no centro: na fase final, os paneis das deportistas galegas trasladáronse ao patio escolar. Esta acción permitiu que o alumnado de segundo ciclo actuase como guía, explicándolle os contidos ao resto de compañeiros e compañeiras de xeito directo.
Rapaces amosando os paneis informativos durante a exposición no patio
- Mostra final e peche simbólico: na entrada do festival de fin de curso, unha exposición dos produtos finais (xogos de mesa, kamishibai, paneis informativos e podcast) permitiulle á comunidade educativa coñecer de primeira man a diversidade de propostas. Como recoñecemento, o alumnado participante recibiu un crebacabezas personalizado, que incluía un acceso á web do proxecto para que o traballo tivese continuidade nas casas.
Exposición dos produtos finais na entrada do festival
Estas accións de difusión non só visibilizaron o esforzo académico, senón que consolidaron o centro como un axente activo na transmisión de valores de coeducación e recoñecemento feminino.
7. Conclusións
O proxecto Voces que inspiran, aulas que transforman demostrou que a igualdade de xénero se aprende de xeito máis eficaz cando se traballa de forma práctica, participativa e integrada na vida diaria do centro. A través desta metodoloxía, o alumnado non só descubriu referentes femininos fundamentais da nosa cultura e deporte, senón que desenvolveu unha mirada crítica ante os estereotipos de xénero desde as idades máis temperás.
A creación de produtos propios, a transformación dos espazos escolares e a implicación activa das familias fixeron da aprendizaxe unha experiencia significativa e compartida. En consecuencia, o proxecto contribuíu a consolidar unha cultura escolar máis inclusiva, coeducativa e comprometida coa equidade, deixando unha pegada real na identidade do centro.
En definitiva, esta experiencia confirma que educar en igualdade é, en esencia, educar para formar un alumnado máis consciente, respectuoso e capaz de construír relacións máis xustas. Coas ferramentas e referentes compartidos este curso, o noso alumnado está hoxe mellor preparado para ser protagonista dunha sociedade baseada na equidade e no respecto mutuo.
Ainscow, M. (2020). Promoting inclusion and equity in education: Lessons from international experiences. International Journal of Inclusive Education, 24(7), 701-716. https://doi.org/10.1080/13603116.2019.1624847
Blanchard Giménez, M. e Muzás Rubio, M. D. (2015). Cambio de roles en la escuela e incidencia transformadora en el contexto a través de la metodología de proyectos integrados. Contextos Educativos. Revista de Educación, (18), 11-26. https://doi.org/10.18172/con.2662
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. (2024, 27 de maio). Resolución da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se regula o Plan Proxecta+ e se establecen as bases para a participación dos centros docentes sostidos con fondos públicos durante o curso 2024/25. Xunta de Galicia. https://www.lingua.gal/c/document_library/get_file?folderId=1652211&name=DLFE-27401.pdf
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. (2024, 15 de outubro). Resolución da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se establecen as bases para a convocatoria do Programa para o impulso de centros referentes na modalidade de proxectos de inclusión educativa (PIE) para o curso 2024/25. Xunta de Galicia. https://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/resolucion_programa_impulso_de_centros_referentes_pie_2024-25_.pdf
Contreras Espinosa, R. S. e Eguia, J. L. (Eds.). (2017). Experiencias de gamificación en aulas. InCom-UAB Publicacions. https://incom.uab.cat/publicacions/downloads/ebook15/Ebook_INCOM-UAB_15.pdf
Felner, R. D., Seitsinger, A. M., Brand, S., Burns, A., e Bolton, N. (2007). Creating Small Learning Communities: Lessons From the Project on High-Performing Learning Communities About «What Works» in Creating Productive, Developmentally Enhancing, Learning Contexts. Educational Psychologist, 42(4), 209-221. https://doi.org/10.1080/00461520701621061
Rodríguez Padín, R. (Coord.). (2023). Jugar y aprender: Experiencias didácticas de gamificación y aprendizaje basado en el juego (ABJ) en educación primaria. Plataforma Educa.
Secretaría Xeral de Igualdade, Consellería de Emprego e Igualdade. (2019). Guía coeducativa para os centros escolares de Galicia. Xunta de Galicia.
Secretaría Xeral de Igualdade, Consellería de Emprego e Igualdade. (2020). Guía de literatura infantil e xuvenil para a igualdade II. Xunta de Galicia.
Vázquez Cano, E. e Sevillano García, M. L. (2021). Gamificación en el aula. McGraw-Hill/Interamericana de España.