Quérote + se te quero ben
María Castellano Barreiro, docente de Inglés no IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra)
mcastellano [at] edu.xunta.gal (mcastellano[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Inés Giménez Touriño, docente de Bioloxía no IES de Vilalonga (Sanxenxo - Pontevedra)
inesgitou [at] edu.xunta.gal (inesgitou[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Sara Gómez Camiña, docente de Orientación no IES de Vilalonga (Sanxenxo - Pontevedra)
saragomezcaminha [at] edu.xunta.gal (saragomezcaminha[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Obxectivos
Un proxecto necesario
As novas tecnoloxías mudaron a forma de relacionarnos. As redes sociais, as mensaxes instantáneas e a exposición constante á opinión allea crean novos escenarios para o amor, a amizade e, tamén, para o conflito.
O alumnado precisa ferramentas para interpretar o que ve e o que sente. Moitas ideas sobre o amor romántico, os roles de xénero ou a identidade están distorcidas polos medios e a cultura dixital.
O proxecto partiu da necesidade de concienciar sobre a pegada dixital e os perigos do mal uso das redes: control, ciberacoso, sextorsión ou condutas que vulneran a privacidade e a autoestima. Tamén tivo como obxectivo derrubar mitos románticos que perpetúan relacións dependentes ou desiguais, e promover a reflexión sobre a igualdade e o respecto pola diversidade sexual. Así mesmo, pretendeuse analizar como os medios de comunicación e a presión do grupo poden influír nas nosas condutas e na forma de entender as relacións no día a día.
Cidadanía dixital e convivencia
Un dos eixes centrais foi a educación en cidadanía dixital: aprender a usar as TIC con responsabilidade e criterio. O alumnado traballou sobre conceptos como a pegada dixital, o consentimento en liña ou a diferenza entre privacidade e exposición pública. En próximas edicións habería que incluír a intelixencia artificial.
Tamén se abordaron temas de igualdade de xénero e diversidade afectivo-sexual, fomentando o respecto polos colectivos LGTBI e desmontando estereotipos que aínda persisten.
Descrición da actividade
Aprender facendo e reflexionando
A iniciativa, na que colaboraron os departamentos de Bioloxía (docente: Inés Giménez Touriño), Orientación (docente: Sara Gómez Camiña) e Lingua Inglesa (docente: María Castellano Barreiro), apostou por unha educación integral que combina emocións, ciencia e pensamento crítico. O obxectivo é claro: axudar a mocidade a construír relacións baseadas no respecto, na igualdade e na responsabilidade, tanto dentro coma fóra das redes.
Ao longo do curso académico, o alumnado participou en dous obradoiros formativos, o primeiro centrado na educación sexual e afectiva e o segundo, na promoción do bo trato. Ambos foron impartidos por Bárbara González García, quen dinamizou sesións participativas que combinaron actividades creativas, dinámicas de grupo e debates reflexivos.

Alumnado durante un obradoiro
Para a elaboración das distintas propostas, cada departamento seleccionou as fichas do Plan Proxecta que mellor se adaptaban á súa área curricular, implementando ademais actividades específicas inspiradas nas fichas. Paralelamente, cada docente deseñou tarefas propias relacionadas coa educación afectivo-sexual, adaptadas ao nivel e ás necesidades do alumnado.
Lingua Estranxeira Inglés
Na materia de Lingua Estranxeira Inglés, desenvolveuse un conxunto de dez actividades baseadas nas fichas 1, 4, 5, 6, 7 e 8, co obxectivo de integrar a educación afectivo-sexual e emocional coa aprendizaxe competencial da lingua inglesa. A proposta combinou o uso de ferramentas dixitais, reflexión crítica, aprendizaxe colaborativa e expresión creativa, potenciando a comunicación, a empatía e a conciencia social do alumnado.
Actividade 1 – Introduce yourself: o alumnado elaborou un avatar persoal mediante Bitmoji e realizou unha breve presentación en inglés a través de Padlet. Isto reforzou a expresión oral e escrita e favoreceu a cohesión grupal.
Actividade 2 – Quérote+ advice: explorouse a web oficial do programa Quérote+ para coñecer os seus servizos de asesoramento anónimo e os recursos dispoñibles sobre saúde sexual, igualdade e afectividade.
Actividade 3 – Romantic relationships: promoveuse a análise crítica do amor idealizado mediante a creación dun PowerPoint, Romantic relationships, e un debate sobre estereotipos afectivos, introducindo conceptos como o Cinderella Syndrome e o Prince Charming Effect.
Actividade 4 – What is love for you?: o alumnado elaborou un libro dixital en inglés con Book Creator no que definiu o concepto de amor desde diversas perspectivas. O resultado publicouse en liña.
Actividade 5 – Toxic relationships: partindo do visionado de curtametraxes educativas de educagenero.org, o alumnado creou vídeos de animación con Plotagon sobre relacións tóxicas, tratando temas como o control, os celos e a violencia.
Actividade 6 – The risks of online relationships: deseñáronse folletos informativos en Canva sobre os perigos das relacións en liña (cyberstalking, sexting, grooming, ghosting, sextortion).
Actividade 7 – What is the risk?: analizáronse cancións en inglés para identificar os riscos das relacións dixitais, consolidando o vocabulario e a comprensión crítica.
Actividade 8 – Tea consent: a través da aula virtual, visionouse un vídeo en inglés sobre o consentimento sexual, completado cun cuestionario de comprensión.
Actividade 9 – Contraceptive methods and sexually transmitted diseases: o alumnado, organizado en equipos, elaborou folletos informativos sobre métodos anticonceptivos e enfermidades de transmisión sexual, aplicando a lingua inglesa a contextos científicos e sociais.
Actividade 10 – You are the teachers: como culminación, o alumnado asumiu un rol docente e visitou as aulas de segundo da ESO para compartir o aprendido, explicar as actividades do proxecto e reflexionar sobre valores, experiencias e boas prácticas.

Alumnado de terceiro da ESO visitando unha aula de segundo da ESO
Actividade 11– Escape room: a revisión de contidos fíxose a través da gamificación. O escape room serviu para fixar contidos e ao tempo de diversión. Para a elaboración desta actividade o profesorado utilizou a ferramenta Genially.
En conxunto, este traballo consolidou a lingua inglesa como ferramenta para a educación integral, empregada non só como medio de comunicación, senón tamén como vehículo para o fomento da igualdade, o respecto, a prevención e a responsabilidade afectivo-sexual, fortalecendo así as competencias dixitais, sociais e cidadás do alumnado.
Bioloxía
Na materia de Bioloxía, traballáronse as fichas 3, 4, 6 e 7 e desenvolveuse un conxunto de actividades orientadas á educación afectivo-sexual desde unha perspectiva científica, crítica e integradora. O enfoque metodolóxico promoveu a aprendizaxe significativa a través da análise, a creación e a reflexión persoal e colectiva, establecendo conexións entre o coñecemento biolóxico e a comprensión social e emocional das relacións humanas.
Actividade 1 – Queremos un mundo diverso: deseño dun cartel con lema propio para promover a diversidade afectivo-sexual e valores como o respecto, a igualdade e a liberdade de ser. A actividade fomentou a reflexión sobre a necesidade de construír espazos inclusivos e igualitarios.

Cartel deseñado por alumnado de terceiro da ESO
Actividade 2 – De que vai o amor romántico?: creación dunha presentación dixital en Canva na que se analizou o concepto de amor romántico e a súa representación en produtos culturais (series, cancións, películas, redes sociais), favorecendo unha lectura crítica dos modelos afectivos.
Actividade 3 – Decisións propias: elaboración dun díptico informativo froito da reflexión sobre a influencia da presión social, os estereotipos e as normas culturais nas decisións persoais, especialmente no ámbito da sexualidade e das emocións.
Actividade 4 – Non ás ITS: deseño dun logo e dun adhesivo para fomentar o uso responsable do preservativo e a prevención das ITS, combinando creatividade, saúde e responsabilidade social.
O traballo desenvolvido en Bioloxía permitiu vincular os contidos científicos co desenvolvemento de competencias sociais, éticas e emocionais, consolidando unha visión integral da sexualidade baseada na igualdade, no pensamento crítico e no respecto pola diversidade.
Departamento de Orientación
O programa educativo do Departamento de Orientación tivo como obxectivo principal a educación afectivo-sexual do alumnado desde unha perspectiva integral, inclusiva e respectuosa coa diversidade. Para iso, empregáronse as fichas 1, 2, 3, 4, 5 e 7 do proxecto, estruturadas en cinco actividades temáticas complementarias.
Actividade 1 – Que é a sexualidade?: introdución ao recurso institucional Quérote+ mediante a exploración da súa web, unha chuvia de ideas inicial e un debate arredor dos conceptos de sexo, estereotipos de xénero e orientación sexual, apoiado por vídeos divulgativos.
Actividade 2 – A orientación e a identidade sexual: reflexión sobre a linguaxe respectuosa e a desmitificación de prexuízos sobre o colectivo LGTBI mediante dinámicas de posicionamento (verdadeiro/falso), lectura de testemuños e creación de carteis de sensibilización.
Actividade 3 – O amor romántico: análise crítica dos roles de xénero e da violencia machista a partir dunha nova xornalística recente, con exercicios de clasificación de estereotipos e visionado de curtas audiovisuais.
Actividade 4 – A relación dos sexos a través da tecnoloxía: abordaxe do uso responsable das tecnoloxías nas relacións afectivas e sexuais, mediante un cuestionario e recursos audiovisuais que promoveron o pensamento crítico sobre a exposición dixital.
Actividade 5 – A concepción e a anticoncepción: dinámicas participativas e investigación en grupo sobre prevención das ITS e métodos anticonceptivos, incluídas simulacións de interaccións sociais e a elaboración dun díptico informativo oficial.

Alumnado de primeiro de FP básica elaborando cartelería
En conxunto, o programa favoreceu a formación integral do alumnado, potenciando competencias persoais, sociais e emocionais vinculadas á educación sexual, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade, e contribuíndo á creación dun clima escolar inclusivo, igualitario e consciente.
Metodoloxía
A metodoloxía usada seguiu o modelo dos catro C do século XXI: comunicación, colaboración, pensamento crítico e creatividade. O profesorado actuou como guía, provocando reflexións e axudando a transformar as ideas do alumnado en accións concretas. Ademais, traballáronse temas transversais e integráronse os obxectivos de desenvolvemento sostible relacionados coa igualdade e coa diversidade, promovendo unha aprendizaxe baseada en valores e na responsabilidade social.
Recursos empregados
Os recursos empregados no desenvolvemento do proxecto foron de natureza analóxica e dixital, permitindo unha aproximación versátil e integral á aprendizaxe. Para a elaboración de materiais publicitarios e doutras actividades presencias utilizáronse materiais funxibles, tales como papel, cartolinas ou goma eva, que favorecen a creatividade manual e o traballo colaborativo.
Paralelamente, os recursos dixitais desempeñaron un papel fundamental tanto na creación das actividades coma na difusión do proxecto. O alumnado dispoñía de ordenadores, o que facilitou o desenvolvemento das tarefas e a interacción cos contidos. Entre as ferramentas dixitais empregadas destacan a aula virtual Moodle e diversas aplicacións educativas como Plotagon, Book Creator e Padlet, que permitiron integrar competencias tecnolóxicas, comunicativas e afectivo-sexuais, promovendo unha aprendizaxe activa, creativa e participativa.
Avaliación e impacto
A avaliación do proxecto realizouse mediante un enfoque múltiple, combinando rúbricas, enquisas e murais colaborativos, co obxectivo de recoller evidencias tanto do proceso coma dos resultados das actividades desenvolvidas. Ademais, elaborouse unha memoria interactiva, que recolle de forma visual e reflexiva as evidencias de execución e que inclúe imaxes, vídeos e textos reflexivos, accesible en liña a través da seguinte ligazón: Memoria interactiva do proxecto.
Para garantir a difusión e visibilidade do proxecto utilizáronse tanto medios dixitais coma tradicionais. Creouse un espazo na web titulado QUÉROTE + para anunciar o proxecto, e elaborouse un vídeo promocional que se difundiu en plataformas como YouTube, Facebook e Instagram. Complementariamente, utilizáronse cartelería e logos elaborados en goma eva para lle dar visibilidade ao plan de traballo dentro do centro educativo.

Cartelería e logo do proxecto
Ademais, deseñouse merchandaxe institucional co logo do proxecto, incluídas mochilas e chapas que foron distribuídas entre o alumnado, promovendo o sentimento de pertenza e a implicación co proxecto

Alumnado coas mochilas e as chapas
Segundo se desprende das enquisas de valoración, o balance global do proxecto foi moi positivo: aumentou a participación activa do alumnado, mellorou a convivencia e desenvolveuse unha maior conciencia crítica sobre o uso responsable das redes sociais e o respecto nas relacións interpersoais, consolidando os obxectivos educativos en materia afectivo-sexual e cidadá.
Conclusións
Educar para querer mellor
A educación afectivo-sexual é un dos piares fundamentais na formación integral dos alumnos e alumnas, a cal busca non só que respecten a diversidade, senón que se coñezan a si mesmos, construíndo unha autoestima positiva, que os axude a desenvolver relacións interpersoais saudables e igualitarias.
O proxecto QUÉROTE + SE TE QUERO BEN é, en definitiva, unha aposta por unha escola que educa corazóns e conciencias, que entende que o amor tamén se aprende e que preparar para a vida é moito máis que ensinar contidos: queremos que aprendan a quererse mellor a si mesmos e aos demais.
Conapred México (7 de xullo de 2014). Campaña sensibilización Always #LikeAGirl [vídeo]. YouTube. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=Fr8tN6tVOmA
Instituto da Muller (2022). Guía de educación afectivo-sexual en contextos educativos. Ministerio de Igualdade.
Lena Ordóñez, A., González Suárez, A., Fernández Fernández, A. B., Blanco Orviz, A. G., Fernández García, A. I., Suárez Suárez, A. M., Silva Hermida, E., Rubio Fernández, M. D. & Mier Corteguera, M. (2007). Ni ogros ni princesas: Guía de educación afectivo-sexual para primeiro a cuarto de la ESO. Consellería de Saúde e Servizos Sanitarios. Recuperado de https://associacioperlacoeducacio.org/wp-content/uploads/2018/02/ni-ogros-ni-princesas.pdf
Prensky, M. (2010). Teaching digital natives: Partnering for real learning. Thousand Oaks, CA: SAGE Publications.
Sen autor (24 de febreiro de 2025). Un hombre ingresa en prisión por agredir y retener a su expareja tras quebrantar una orden de protección. Público. Recuperado de https://www.publico.es/mujer/violencia-machista/hombre-ingresa-prision-a...
UNESCO (2021). Comprehensive sexuality education: Global review 2021. París: Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO).
Xunta de Galicia (2023). Programa QUÉROTE+. Santiago de Compostela: Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Xunta de Galicia – Consellería de Sanidade/Servizo Galego de Saúde (s. d.). VIH e outras ITS. Recuperado de https://www.sergas.es/saude-publica/vih-e-outras-its?idioma=es
Xunta de Galicia – Consellería de Sanidade/Servizo Galego de Saúde. (s. d.). Material divulgativo. Recuperado de https://www.sergas.es/Saude-publica/Material-divulgativo-TB?idioma=es
Ministerio de Sanidade (España) - Sección ITS cidadáns.