Proxecto Bicikleteando
Nuria Castelao Bugarín, docente de Educación Física
CPI Armando Cotarelo Valledor (Boimorto - A Coruña)
nuriacastelao [at] edu.xunta.gal (nuriacastelao[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Contextualización
O proxecto que se presenta a continuación, Bicikleteando: Muller e bicicleta, foi desenvolvido no marco do Plan Proxecta correspondente ao curso 2024/25 no IES de Melide, concretamente no ámbito dos programas de saúde, dentro da iniciativa Proxecto de Vida Activa e Deportiva (PVAD), “En bici á escola”.
O IES de Melide leva anos traballando neste programa tentando normalizar e promover o uso e a integración da bicicleta na nosa comunidade educativa. Cada ano, realizamos pequenas intervencións nas que a bicicleta é o eixe vertebrador do proxecto; nas que é, nunca mellor dito, o «vehículo» que nos permite facer diferentes «viaxes» cun mesmo «destino»: a bicicleta.
Neste curso, o «destino» da viaxe era coñecer e analizar o vínculo establecido entre a bicicleta e a muller, máis concretamente, as achegas que este medio de transporte supuxo para a realidade da muller, tanto no plano social coma no persoal.
O desenvolvemento deste proxecto levouse a cabo desde a materia de Proxecto Competencial con alumnado de primeiro da ESO. Un total de 23 rapazas e rapaces divididos en dous grupos (A e B), cunha carga lectiva dunha hora semanal.
A idea de desenvolver o Plan Proxecta desde a materia de Proxecto Competencial xorde pola coincidencia da intencionalidade de ambos os proxectos: o obxectivo do Plan Proxecta é «fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que promovan o traballo cooperativo, interdisciplinario e competencial», o que é compatible coa materia de Proxecto Competencial, na que os obxectivos se centran en «desenvolver a capacidade do alumnado para aplicar coñecementos teóricos a situacións reais, fomentando a autonomía, o traballo en equipo, a creatividade e a resolución de problemas». Ambos os proxectos buscan a adquisición das competencias clave mediante un enfoque práctico e interdisciplinario. Así que, xustificamos a unión destas dúas parcelas, o Plan Proxecta e a materia de Proxecto Competencial, para lle dar acollida na «viaxe» deste ano ao noso proxecto Bicikleteando: Muller e bicicleta.
Obxectivos
Os obxectivos que marcan o rumbo nesta «viaxe» son:
- Valorar a bicicleta como instrumento de liberdade e independencia.
- Concienciar o noso alumnado do que supuxo a bicicleta para a muller.
- Difundir, sensibilizar e formar sobre as achegas que supuxo a bicicleta para a muller.
- Vivenciar as dificultades que tiveron as mulleres á hora de incorporar a bicicleta como medio de transporte nas súas vidas.
- Transformar o noso alumnado en axentes activos de cambio, facéndoo partícipe e protagonista da propia iniciativa.
Recursos empregados
Respecto dos recursos empregados para levar a cabo o proxecto deste ano, detállanse a continuación
Material tecnolóxico: ordenadores con acceso a Internet, tabletas...
Bicicletas
Chaleco de adestramento con peso (6 kg)
Roupa: saia longa (enagua) e sombreiro de época (tella)
Programas de edición de texto e de edición de vídeo
Redes sociais do centro
Materiais funxibles: tarxetas, lapis de cores…
Descrición da actividade
Neste curso escolar, o noso traballo centrouse na busca de información e indagación sobre as achegas da bicicleta á muller. Para iso dividimos o proxecto en catro fases:
- Busca de información
Difusión da aprendizaxe realizada
Elaboración de materiais
Análise da información e afondamento nela
1. A primeira fase enfocouse na busca de información. O alumnado investigou aspectos como orixes e evolución da bicicleta, en que momento as mulleres comezaron a empregala, cales foron as pioneiras en utilizar a bicicleta como medio de transporte, o sentimento de liberdade e a emancipación que supuxo para as mulleres da época, as consecuencias da súa incorporación á vida cotiá feminina, as falsas crenzas médicas asociadas ao seu uso, a relación entre muller, bicicleta e sufraxio, a transformación do vestiario, a relación entre feminismo e bicicleta…
Esta información organizábase en pequenas tarxetas que se ían compartindo nun taboleiro cada vez que xurdían datos ou ideas interesantes e que se utilizarían en fases posteriores.
As buscas eran guiadas polo profesorado. En ocasións, facilitábaselles artigos impresos, noticias de prensa, imaxes… Noutras visionabamos algún documental, película… E noutras fedellaban pola rede en busca da chispa que fixese saltar a curiosidade...
En definitiva, foron recompilando curiosidades e feitos relevantes sobre aqueles aspectos que limitaban a muller no seu día a día ou aqueles datos que nos permitían tomar conciencia da situación pola que estaba a atravesar a muller do século XIX e comprender a complicidade establecida entre a muller e a bicicleta como salvoconduto da situación pola que atravesaba.
2. Na segunda fase, análise da información e afondamento nela, fomentábase o debate arredor da información recollida na primeira fase. Intercambiábanse ideas e reflexionábase conxuntamente sobre as consecuencias que supoñía o uso da bicicleta, a independencia da muller, como influía o vestiario, a roupa ten xénero ou é unha construción social?, ata que punto a vestimenta condiciona o movemento?, a inaccesibilidade das mulleres a certos espazos sociais, existían restricións sociais e culturais para a muller da época?, podía unha muller do século XIX participar en foros políticos?, estaba ben visto?, podía a muller acudir a certos espazos sen ir acompañada dun home?, ten a muller, hoxe en día, a mesma mobilidade ca o home?, como inflúe a linguaxe na percepción da igualdade entre homes e mulleres?…
Basicamente, nesta fase, organizábanse debates e foros, establecíanse comparacións con situacións actuais e promovíase o pensamento crítico e a crítica construtiva.
3. A terceira fase, elaboración de materiais, é a que lle outorga orixinalidade ao produto final. Como podiamos facer atractivo un contido teórico para o noso alumnado?, como formulalo para que o fixesen seu?, de que xeito podiamos ensamblar os coñecementos adquiridos?, como condensar toda a información adquirida de xeito fresco e atractivo?… Non só queriamos facelo práctico, senón facelo vivencial, de maneira que o puidesen sentir para así poder empatizar con el.
Aquí reside a dificultade e a maxia deste proxecto: pensamos nunha situación motriz que reflectise os inconvenientes que tiña ser muller no século XIX e aquí ocorréusenos a idea de gravar o instante concreto de subir a unha bicicleta cunha saia de época e cun chaleco de 6 quilos de peso (que era o que pesaba a roupa interior no século XIX). Fixemos pasar unha centena de rapaces reproducindo o mesmo xesto, o mesmo movemento, no mesmo espazo, quedando así reflectida a incomodidade que supuña subirse a este artefacto, poñendo de manifesto a desigualdade inherente á condición feminina no século XIX.
Ademais recollemos todas as palabras que lle outorgaban significado a ese momento: dependencia, dúbida, dificultade, obstáculo, estorbo, desvantaxe, hándicap, atranco, traba, apuro, contratempo, pexa, inseguridade, temor, desconfianza, reticencia, estigma… Evidenciamos así a importancia da linguaxe como condicionante.
O resultado foi:
- Creación dunha folla voandeira que recolle a información máis relevante sobre as achegas da bicicleta á muller (autonomía social, transformación do vestiario, liberdade e emancipación, saúde e benestar físico, maior visibilidade nos espazos públicos, símbolo do sufraxio e loita pola igualdade de xénero).
- A elaboración dun vídeo onde se recolle a recreación do que vivían e sentían as mulleres do século XIX á hora de montar en bicicleta. Neste vídeo queda recollido todo o labor realizado. Convidámosvos a botarlle unha ollada ao resultado final.
Proxecta Bicikleteando: Muller e bicicleta 2025
4. Cuarta fase: Divulgación. Realizouse unha saída á contorna próxima ao centro para a difusión dos materiais elaborados. O alumnado visitou diferentes establecementos locais para expoñer o produto final. Os días que se levou a cabo esta intervención, o alumnado repartía as follas voandeiras elaboradas por eles mesmos e facían unha explicación breve do proxecto realizado.
O resultado foi moi gratificante, xa que levar o traballo da aula ao exterior fai que o alumnado se sinta parte do proxecto e o viva como propio. É nese momento cando se produce a verdadeira aprendizaxe.
Conclusións
Non sei se este proxecto cumpre coa premisa da innovación, agora ben, si presenta un valor engadido: o valor do sentimento (experimentaron a incomodidade en primeira persoa), o valor de facelo noso (uso de elementos propios da nosa cultura: saia (enagua), sombreiro (tella), o valor de partillalo (poñelo en práctica co resto do alumnado do centro), o valor de facer sentir (a través do uso de material deportivo: chaleco lastrado, bicicletas), o valor de transmitir (sacalo fóra do centro educativo), o valor de sentirnos seguros de que o noso alumnado se sentise orgulloso do seu traballo (a satisfacción coa que transmitiron os coñecementos), o valor de que con pouco se pode facer moito (sen grandes pretensións)…
Como docente de Educación Física, considero que somos uns afortunados de poder ter o movemento como ferramenta de traballo, de ter o corpo como arxila para moldear, pois, o noso corpo e o movemento son dos poucos elementos diferenciadores na realidade, cada vez máis virtual, na que nos tocou vivir. Competir contra esta sociedade da inmediatez é complicado cando os valores da nosa materia son constancia, traballo e esforzo. Agora ben, se o conseguimos, non hai «realidade virtual» que esperte as nosas emocións e sentimentos como o fai a «verdadeira realidade».
Rematamos retomando ese paralelismo inicial co que comezamos o artigo entre aprendizaxe, viaxe, destino e bicicleta: non existe viaxe sen «desprazamento» nin aprendizaxe sen «transformación». Nesta ocasión, cada pedalada permitiunos coñecer a lóxica interna existente entre muller e bicicleta; lóxica interna que nos permitiu avanzar con cada pedalada, empatizar con cada itinerario e aceptar que, unha vez acadado o destino, comezará unha nova viaxe.
Xunta de Galicia. (s. d.). Plan Proxecta. Portal educativo da Xunta de Galicia. https://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta
Xunta de Galicia (2022, setembro, 26). Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia. Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220926/AnuncioG0655-190922-0002_gl.html
Campos Posada, A. (2024, xuño 3). La bicicleta, el vehículo feminista que empoderó a las mujeres en el siglo XIX. National Geographic Historia.
https://historia.nationalgeographic.com.es/a/la-bicicleta-el-vehiculo-feminista-que-empodero-a-las-mujeres-en-el-siglo-xix_12597
Dosis de Diseño. (s. d.). Bicicleta y mujeres: La máquina del feminismo. Substack.
https://dosisdediseno.substack.com/p/bicicleta-y-mujeres-la-maquina-del-feminismo
Ministerio de Cultura y Deporte. (s. d.). La moda femenina durante el siglo XIX (PDF).
Oliva, S. (2024, setembro, 13). Pantalón de mujer: su historia y evolución en la moda femenina. Vogue México.
https://www.vogue.mx/moda/articulo/pantalon-de-mujer-su-historia-y-evolucion-en-la-moda-femenina
Burgos, L. (2021, novembro 3). La historia del pantalón en la mujer. MsWorker.
https://www.msworker.com/blogs/universomsworker/la-historia-del-pantalon-en-la-mujer
Rodríguez Roldán, R. (2021). Maruja Mallo (1902-1995): Mujer y mujeres: Un universo creativo en femenino. Revista Eviterna, (10), 184-197.
https://revistas.uma.es/index.php/eviterna/es/article/view/12531/16448