Os nomes da terra, os nomes da xente
Héctor Cajaraville Araújo, docente de Lingua Galega e Literatura
CPI Plurilingüe da Picota (Mazaricos - A Coruña)
hcajaraville [at] edu.xunta.gal (hcajaraville[at]edu[dot]xunta[dot]gal)

1. Introdución
Os apelidos non son só unha serie de elementos lingüísticos cos que identificar as persoas que os portan; tamén contan a historia dun idioma, dunha comunidade, dun territorio. Mentres que os nomes de pía son unha escolla puntual (ás veces simplemente produto da moda do momento), os apelidos trazan unha liña temporal que se remonta moitas xeracións atrás.
Se levamos «Fernández» de apelido, podemos ter a certeza de que algún devanceiro noso se chamou Fernando; do mesmo xeito que apelidarse «Ferreiro» é a proba de que alguén da nosa familia se dedicou a esta profesión, tan importante na transición entre a Idade Media e a Idade Moderna na que se consolidaron os apelidos. E se o noso apelido é «Carballal», con certeza os nosos antepasados viviron nun lugar con presenza abondosa desta árbore.
Os apelidos mostran tamén as cicatrices das feridas que a historia dun pobo foi deixando na súa manifestación máis transcendental: a lingua. Así, en Galicia moitos dos apelidos propios (Laxe, Xesto, Xerpe...) foron falsamente castelanizados (Lage, Gesto, Gerpe...) nun proceso de deturpación que só nos últimos tempos se comezou a inverter.
A Costa da Morte, á que pertence Mazaricos, posúe unha enorme riqueza onomástica de seu e gran parte dos seus apelidos son privativos (endémicos, poderiamos dicir) desta área. Pero este tesouro lingüístico está ameazado: debido á inercia que impera nesta rama da lingüística, os apelidos con maior grao de uso acaban estendendo o seu oligopolio ata poñer en risco de desaparición os menos frecuentes.
Coñecer, valorar, preservar e dar a coñecer esta riqueza é ao mesmo tempo un dereito e unha obriga das persoas no ámbito individual, das institucións no ámbito colectivo e, entre medias, de todas aquelas entidades e organizacións con sensibilidade cara a este elemento do noso patrimonio inmaterial.
2. Obxectivos e delimitación do corpus
A hipótese de partida deste traballo é a existencia dunha estreita relación entre os apelidos do alumnado do CPI A Picota de Mazaricos e a toponimia máis próxima, xa sexa a do propio concello ou a da súa contorna. E o seu obxectivo será, polo tanto, demostrar este vínculo.
Para a súa elaboración tomouse como fonte a listaxe que recolle o alumnado do centro (ciclos de infantil, primaria e secundaria) matriculado no curso 2023/24. Trátase dun universo de 227 individuos (45 de infantil, 103 de primaria e 79 de secundaria), o que ofrece un corpus de 454 apelidos (163 unha vez eliminadas as redundancias).
Os apelidos de orixe patronímica (Domínguez, Fernández, García, González, López, Martínez, Núñez, Rodríguez, Suárez, Vázquez...) non serán de interese directo para o estudo por varios motivos: non están asociados á toponimia, a súa distribución é ampla en todo o territorio galego (é dicir, non son representativos dunha zona en concreto) e a súa transparencia etimolóxica (polo xeral, ‘fillo/a de...’) fai innecesarias explicacións a maiores.
Por razóns similares, non se desenvolve de xeito detallado a información dos apelidos denominados «de alcume», é dicir, os procedentes de profesións, características físicas ou morais: Blanco, Ferreiro, Formoso, Iglesias, Pensado, Velo...
A análise máis pormenorizada reservouse para os apelidos toponímicos e, dentro deles, para os orixinarios das diferentes parroquias de Mazaricos e/ou doutros concellos pertencentes á súa comarca, limítrofes ou cos que a poboación mazaricá mantén un vínculo especial: A Baña, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muros, Muxía, Negreira, Noia, Outes, Santa Comba, Val do Dubra, Vimianzo e Zas.

Mapa dos 17 concellos que abrangue o estudo

Parroquias e lugares do concello de Mazaricos. © Mavarelacruz
Polo tanto, esta investigación centrarase de modo especial nos apelidos «nativos» de orixe toponímica; é dicir, os que son tamén nomes de lugar na zona de estudo. Así, centraremos o estudo nun total de 91 apelidos, que imos distribuír en oito categorías segundo a súa relación coa contorna: agrotopónimos (procedentes de topónimos asociados a actividades agrarias), antropónimos/posesores (propietarios de terreo), ecotopónimos (construcións e vivendas), fitotopónimos (mundo vexetal), haxiotopónimos (nomes de santos), hidrotopónimos (correntes de auga), orotopónimos (relevo e accidentes xeográficos) e zootopónimos (mundo animal).
Non quere isto dicir que desbotemos o resto de apelidos presentes entre o noso alumnado, pois de todos eles (dos 163, incluso os de procedencia foránea e os que teñen orixe e/ou significado dubidosos) se ofrece información pertinente; pero o punto de partida da investigación é analizar a relación entre apelidos e topónimos, e serán os apelidos toponímicos autóctonos os que centren os nosos esforzos investigadores.
3. Estrutura das entradas
A estrutura para as entradas daqueles apelidos que configuran a parte principal da nosa análise é a seguinte:
Táboa 1. Exemplo de entrada tipo

No volume impreso esta información está distribuída do seguinte xeito:

Aspecto final dunha das páxinas do traballo
Aparecen na táboa superior algúns dos elementos gráficos creados para este traballo: cando un apelido se presente en Mazaricos con maior frecuencia ca en ningún outro concello galego (xa sexa por número de casos ou pola porcentaxe da poboación que porta ese apelido) na súa entrada aparecerá unha icona, que pode presentar as seguintes figuras e cores:
. Tractor azul: cando para ese apelido o concello de Mazaricos ocupe o primeiro posto polo número de casos ou pola porcentaxe dos seus portadores.
. Vaca laranxa: cando para ese apelido o concello de Mazaricos ocupe os postos segundo ou terceiro polo número de casos ou pola porcentaxe dos seus portadores.
. Toxo amarelo: cando para ese apelido o concello de Mazaricos ocupe os postos sexto a décimo polo número de casos ou pola porcentaxe dos seus portadores.
. Por último, cando un dos apelidos do noso alumnado aparece como topónimo no concello de Mazaricos (o que imos denominar match!), ademais dos datos habituais inclúense fotografías do lugar e daquelas alumnas e alumnos que portan o devandito apelido.
4. Recursos empregados
A base documental para a posta en marcha do traballo foi dupla: por unha parte, a listaxe do alumnado do centro (proporcionada pola súa dirección); e por outra, a denominación oficial de todos os nomes de lugar habitados de Mazaricos (fornecida polo Concello).
O número de casos de cada apelido (tanto en Galicia coma en Mazaricos) obtívose a partir da ferramenta dixital Cartografía dos apelidos de Galicia, realizada polo Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago (USC) a partir do censo de 2001. Malia tratarse dunha base de datos de hai máis de dúas décadas (e que, polo tanto, xa non reproduce fielmente a realidade actual), non existe un material recente máis acaído, polo menos de difusión pública. Así mesmo, os topónimos oficiais do resto de concellos están extraídos da web Nomenclátor de Galicia, da Xunta de Galicia.
Para a realización das fotografías que acompañan este estudo (as dos lugares e as do alumnado portador dos apelidos de interese) dispuxemos do material fotográfico do centro. No caso das imaxes do alumnado, estas foron realizadas na aula de Fotografía do edificio de primaria nunha dobre sesión.
Para a manipulación das imaxes e a súa e montaxe posterior empregamos o software gratuíto Gimp. Así mesmo, para o tratamento dos textos e a súa maquetación empregamos as aplicacións LibreOffice e Scribus, respectivamente (tamén de balde).
5. Descrición e temporalización
A primeira parte da investigación (outubro-novembro de 2023) consistiu na sistematización das nosas bases documentais, labor que se levou a cabo coa axuda de alumnado do centro. Foron elas e mais eles (nomeadamente Érika Castro Formoso e Leire Santos Quintáns de primeiro da ESO; Ismael Amado Piñeiro, de segundo da ESO e David Alvela Fernández e Michelle Quintáns Atán, de terceiro da ESO) os encargados de ordenar apelidos e nomes de lugar, e de extraer os datos das páxinas web coas que traballamos.
A continuación (decembro de 2023), un equipo de profesores do centro desprazouse por todo o territorio do concello para tomar imaxes dos lugares cuxos topónimos se corresponden con algún dos apelidos do alumnado. Foron en total catro xornadas de traballo realizadas durante as fins de semana, tras repartir a superficie municipal noutras tantas áreas.

Outeiro de Bois, un dos lugares fotografados para o estudo
Ao regreso das vacacións de Nadal, o Departamento de Plástica organizou as dúas sesións fotográficas nas que se distribuíu a toma de imaxes do alumnado na aula de Fotografía do centro. Foi o profesor desta materia quen se encargou do tratamento das imaxes para eliminar fondos e sobreimprimir textos (tal e como se pode apreciar nesta dobre imaxe):

Sesión fotográfica e montaxe final
Tamén o Departamento de Plástica organizou o traballo do grupo de alumnos e alumnas que participaron na elaboración das ilustracións empregadas neste traballo (tractor, toxo, vaca), en cuxa escolla se buscou unha identificación coa paisaxe e a principal actividade económica de Mazaricos, a gandería. Os deseños elixidos foron os realizados por Noa Canosa Lema (primeiro da ESO) e Samuel Cambeiro Leis e Fabio Gesto Noya (terceiro da ESO).
O Departamento de Lingua Galega coordinou a redacción do traballo (meses de febreiro a maio de 2024), coa axuda de profesorado doutras materias (especialmente de Bioloxía e Historia). O material que se empregou para esta parte da investigación (artigos científicos, manuais e outros volumes, dicionarios, páxinas web...) figura no apartado de «Bibliografía».
Cómpre engadir que nalgúns casos foi preciso falar cos pais e nais do noso alumnado para indagar sobre a procedencia dalgún apelido ou coñecer detalles da súa historia familiar, de modo que o traballo acabou sendo o produto do esforzo colectivo de toda a comunidade educativa (incluso do resto da veciñanza do concello de Mazaricos, que proporcionou información acaída e de interese para a elaboración deste traballo, nomeadamente para a identificación da toponimia menor e mais a microtoponimia).
O Departamento de Lingua Galega tamén dirixiu unha consulta ao Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (en relación cos apelidos dos que había dúbidas sobre a súa procedencia e/ou significado), que respondeu de xeito acaído a todas as dúbidas formuladas.
Neste apartado é preciso facer mención do profesor Alberto Fortes Novoa, do Departamento de Matemáticas do IES García Barbón (Verín), pola axuda prestada para a confección dos mapas interactivos que complementan este estudo, de cuxa elaboración se encargou o profesor da materia de Plástica durante o mes de maio de 2024.

Aspecto dun dos mapas interactivos
Tamén no mes de maio se completaron os anexos e outros elementos periféricos da investigación (vocabulario de termos específicos, recompilación da bibliografía empregada, redacción dos agradecementos...).
Os últimos días do curso (xuño de 2024) serviron para ultimar a maquetación e a corrección dos textos, obter permisos de uso das imaxes do alumnado, facer públicos os mapas interactivos e elaborar a memoria do proxecto. Nesta fase final do traballo foi imprescindible a colaboración da Secretaría do centro e do seu persoal administrativo.
6. Principais conclusións
A análise dos datos recollidos analizouse a partir das seguintes premisas e permitiron establecer as conclusións que aquí se recollen:
1. O universo deste traballo constitúese a partir dos 163 apelidos diferentes que porta o alumnado do noso centro. Tendo en conta que partimos dun total de 454 apelidos (227 alumnos) o índice de recorrencia é moi baixo: 2,78 (454/163); é dicir, a variedade de apelidos é moi ampla (71,8 apelidos diferentes por cada 100 persoas).
2. Deses 163 apelidos totais, 39 (o 23,9 %) son de procedencia foránea (30, o 18,4 % do total) ou de orixe descoñecida (9, o 5,5 % do total), de modo que non podemos incorporalos como parte desta investigación ao mesmo nivel ca os 124 restantes (76,1 %), de clara orixe galega.

Gráfico 1. Distribución dos apelidos do estudo segundo a súa orixe
3. Deses 124 apelidos «autóctonos» (é dicir, os de procedencia local ou próxima e cuxa historia está contrastada), 91 teñen procedencia en nomes de lugar (un 73,4 %). Podemos concluír, logo, que arredor das tres cuartas partes dos apelidos do noso alumnado teñen orixe toponímica.

Gráfico 2. Clasificación dos apelidos de orixe autóctona
3. Dos 91 apelidos de orixe toponímica autóctona, un total de 20 (ou sexa, o 22 %) son asemade nomes de lugar pertencentes ao concello de Mazaricos: Arcos, Atán, Cacheiro, Casais, Castro, Cives, Costa, Figueira, Gesto, Grille, Insua, Lago, Olveira, Otero, Quintáns, Recarey, Sande, Santabaya, Valle, Vilar. Dándolles a volta aos datos, podemos dicir que dos 111 nomes de lugar distribuídos polas 12 parroquias de Mazaricos, o 18 % ten presenza nos apelidos do noso alumnado; é dicir, case un de cada cinco topónimos de Mazaricos é a un tempo apelido dos seus veciños e veciñas.

Gráfico 3. Apelidos toponímicos autóctonos
4. Un total de 64 rapazas e rapaces dos 227 do centro (28,2 %) levan algún dos 20 apelidos asociados a nomes de lugar do noso concello.
5. Se ampliamos a pescuda a toda a zona de estudo, 66 dos 91 apelidos do corpus principal (o 72,5 %: os 20 presentes no noso concello e outros 46 máis) aparecen na toponimia da bisbarra. A distribución por estes 17 municipios é a seguinte (entre parénteses achégase a forma oficial en galego, no caso de non coincidir co apelido):
Táboa 2. Apelidos presentes na toponimia doutros concellos da contorna

6. Algúns apelidos foron deturpados para ocultar a súa orixe plenamente galega. Sucede isto con Gerpe (Xerpe), Gesto (Xesto), Lage (Laxe), Noya (Noia), Otero (Outeiro), Santabaya (Santabaia), Valle (Val) e a variante Villar do apelido Vilar. De cara ao estudo, consideramos de igual valor os apelidos deturpados e os que non foron obxecto desta aberración lingüística. E entre os apelidos considerados de interese para este estudo, ademais dos deturpados tamén se incluíron estoutros: Recarey (asociado a Recarea) e Cacheiro (asociado a Cacheiros).
7. Malia a crecente achega foránea, é evidente a presenza entre o alumnado de apelidos propios da zona, e incluso dalgúns endémicos do noso concello. Como mostra desta ligazón entre apelidos e territorio, achéganse os seguintes datos:
• Mazaricos ocupa o primeiro lugar entre os concellos galegos na clasificación dos seguintes 12 apelidos (polos casos totais e/ou pola porcentaxe dos seus portadores): Alvela, Alvite, Atán, Berbia, Cerbán, Cuns, Esperante, Estalote, Lado, Moledo, París, Sanchiño.
• Nunha segunda categoría, Mazaricos ocupa o segundo ou o terceiro lugar entre os concellos galegos na clasificación dos seguintes dez apelidos, polos casos totais e/ou pola porcentaxe dos seus portadores: Antelo, Beiro, Castelo, Cives, Noya, Oreiro, Pais, Santabaya, Traba, Tuñas.
• Finalmente, Mazaricos ocupa os postos cuarto a décimo na clasificación dos seguintes 22 apelidos, polos casos totais e/ou pola porcentaxe dos seus portadores: Agulleiro, Arcos, Caamaño, Cacheiro, Calo, Cambeiro, Capelo, Carreira, Casais, Ferradás, Figueira, Grille, Lago, Mourelos, Quintáns, Sambade, Santiago, Senra, Sieira, Tomé, Trillo, Velo.
É dicir, en 44 dos 163 apelidos do noso alumnado (27 %), Mazaricos está entre os dez primeiros postos na listaxe dos 313 concellos galegos, polo número de casos ou pola súa porcentaxe con respecto ao total. Case todos eles de orixe toponímica. E iso a pesar de que o concello de Mazaricos non supera os 4000 habitantes.
8. Á vista destes datos, podemos concluír que o concello de Mazaricos presenta un alto grao de estanquidade (é dicir, de conservación) en canto aos apelidos mesmo dos seus habitantes máis novos, unha situación que, polos movementos migratorios de saída e chegada, xa non resulta doada de atopar noutras áreas (mesmo na contorna da Costa da Morte) nas que esa estabilidade só se observa nos tramos de idade máis altos.
9. Dos 44 apelidos nos que Mazaricos ocupa algún dos 10 primeiros postos da clasificación por concellos, 28 (o 63,6 %) son topónimos localizados no propio municipio ou noutro(s) da bisbarra: Alvite, Atán, Berbia, Cerbán, Cuns, Esperante, Moledo (todos eles no primeiro posto); Antelo, Beiro, Castelo, Cives, Noya, Santabaya, Traba, Tuñas (nos postos segundo e terceiro); Arcos, Cacheiro, Calo, Cambeiro, Carreira, Casais, Figueira, Grille, Lago, Mourelos, Quintáns, Sambade e Senra (nos postos cuarto a décimo).
10. Ao noso entender, todo o anterior contribúe a corroborar a hipótese de partida: a estreita vinculación entre os apelidos do noso alumnado e a toponimia máis próxima; é dicir, entre os nomes da terra e os nomes da xente de Mazaricos.
Bascuas, Edelmiro (2006). Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia. Sada-A Coruña: Edicións do Castro.
Cabeza Quiles, Fernando (2008). Toponimia de Galicia. Vigo: Galaxia.
Martínez Lema, Paulo (2010). A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do tombo de Toxos Outos (ss. XII-XIV). Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC.
Méndez Ferrín, Xosé Luís (2007). Consultorio dos nomes e dos apelidos galegos. Vigo: Xerais.
Navaza, Gonzalo (2006). Fitotoponimia galega. Santiago de Compostela: USC-ILG.
Piel, Joseph-Maria e Dieter Kremer (1976). Hispano-gotisches Namenbuch. Heidelberg: Carl Winter.
Webgrafía
A Mesa pola Normalización Lingüística: A caixa dos apelidos.
Asociación Galega de Onomástica
Boullón Agrelo, Ana Isabel/Xulio Sousa Fernández (dirs.): Cartografía dos apelidos de Galicia. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega.
Forebears: Nomes & Recursos de Genealogía.
Instituto Nacional de Estatística (INE): Nombres y apellidos.
Xunta de Galicia: Nomenclátor Galicia.
[Para todos os casos, as últimas consultas foron realizadas en xuño de 2024]
Dicionarios
• Dicionario da Real Academia Galega
[Para todos os casos, as últimas consultas foron realizadas en xuño de 2024]