Ir o contido principal
innovaicon
Plan Proxecta

Ondas desde o Atlántico/Waves from the Atlantic

Un mar de descubrimentos para os máis pequenos. Un proxecto eTwinning que conecta culturas e coida o noso mar
No apaixonante mundo da educación infantil, cada proxecto é unha oportunidade para prender a chispa da curiosidade e fomentar o descubrimento.
O proxecto Ondas desde o Atlántico/Waves from the Atlantic, levado a cabo no marco da plataforma eTwinning, é unha experiencia pedagóxica que xorde do interese por achegar os nenos e nenas de 3 anos á cultura, á natureza e ao patrimonio marítimo do Atlántico, fomentando a cooperación entre escolas de diferentes países que comparten este océano como nexo común, con escolas de Galicia, Portugal e Lituania promovendo a conciencia medioambiental e a colaboración intercultural.
O proxecto foi recoñecido co Selo de Calidade Nacional e Europeo e, recentemente, co Premio Nacional eTwinning 2025.
O centro demostra un compromiso continuo coa colaboración internacional a través de eTwinning, o que lles permitiu obter múltiples selos de calidade e ser recoñecido como Centro eTwinning desde o curso 2023/24 e continuar nos dous seguintes anos: 2025 e 2026.

María del Pilar Pérez Álvarez, mestra de Apoio de educación infantil
Cristina Arenas Hernán, mestra de Educación Musical
CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña)
mppa [at] edu.xunta.gal (mppa[at]edu[dot]xunta[dot]gal)

 

 

O CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña leva participando en proxectos eTwinning desde o ano 2020 co Plan Proxecta, con diferentes temáticas como eixes vertebradores, pero sempre relacionadas co ámbito medioambiental. No centro estamos moi comprometidos co coidado e co respecto do medio ambiente, e queremos transmitirlle esta preocupación e interese ao noso alumnado, con diversas actividades e propostas educativas. Tamén participamos no proxecto de Escola Verde dentro do Plan Proxecta, e no programa de educación ambiental de Voz Natura que se desenvolve en Galicia.

 

A chispa inicial: Pequenas mans, grandes motivacións

A semente de Ondas desde o Atlántico/Waves From The Atlantic xermolou dunha observación sinxela pero profunda por estar situados nunha contorna privilexiada a carón do mar, o océano Atlántico que vemos todos os días: a fascinación natural dos nenos de 3 anos polo mundo que os rodea, especialmente por elementos tan evocadores como o mar e as súas criaturas. Queriamos aproveitar esa curiosidade innata para crear unha experiencia que lles permitise conectar coa natureza, expresar as súas emocións e comezar a recoñecer a existencia «doutros» fóra do seu contorno inmediato, polo que traballamos o seu hábitat e o seu coidado, tanto dentro coma fóra del.

A nosa motivación principal era ofrecerlles un primeiro contacto coa diversidade cultural e lingüística dunha maneira lúdica e accesible, moi afastada das formalidades académicas. Buscabamos que, a través de cancións, contos e interaccións simples, empezasen a asimilar a idea de que hai máis nenos e nenas no mundo que, aínda que falen outro idioma, tamén xogan, rin e descobren. A colaboración con outros centros europeos, facilitada pola plataforma de eTwinning (European School Education Platform ESEP), pareceunos o marco perfecto para que este «encontro» fose auténtico e enriquecedor desde a base.

De conexións

 

Un mar de aprendizaxes compartidas

No curso 2023/24, nace o proxecto Ondas desde o Atlántico/Waves from the Atlantic coa intención de explorar e valorar o océano Atlántico, compartindo experiencias e coñecementos entre os centros participantes: o CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña (España), a Escola Básica de Abadías de Figueira da Foz (Portugal) e Naminukas de Vilnius de (Lituania).

O océano Atlántico é un elemento común para as tres escolas participantes. A través do proxecto, os estudantes, mediante actividades colaborativas, tiveron a oportunidade de traballar conxuntamente as súas experiencias e coñecementos sobre o mar que comparten, promovendo a comprensión mutua e a colaboración intercultural, investigando sobre a vida submarina, a contaminación mariña e as diferenzas e semellanzas entre os seus mares.

Os principais obxectivos do proxecto foron:

  • Fomentar a conciencia medioambiental entre o estudantado.
  • Promover a colaboración internacional e a comprensión intercultural.
  • Mellorar as competencias lingüísticas en galego, castelán, inglés e portugués.
  • Integrar as TIC no proceso de aprendizaxe.
  • Desenvolver habilidades en ciencias, matemáticas, arte e música a través dunha metodoloxía interdisciplinaria.

O proxecto desenvolveuse ao longo do curso 2023/24, onde cada escola participante investigou e compartiu elementos propios da súa contorna costeira: os sons do mar, os peixes autóctonos, os oficios mariñeiros, as embarcacións tradicionais, os faros e mesmo as cancións populares ou contos locais co océano como protagonista.

Un exemplo especialmente significativo foi a creación dun libro colaborativo dixital, no que cada escola achegou ilustracións feitas polos nenos e nenas sobre o mar da súa rexión. Isto permitiu traballar a oralidade, a comprensión do medio e a conciencia cultural, ao tempo que se desenvolvía o sentido da colaboración internacional.

Libro colaborativo con logo

 

Tamén se empregaron ferramentas TIC como vídeos curtos, xogos interactivos e presentacións, sempre adaptadas á idade dos participantes. Grazas a estas dinámicas, o alumnado puido escoitar outras linguas, recoñecer diferentes acentos e culturas, e, sobre todo, sentir que formaba parte dun proxecto común, sen fronteiras.

Outras actividades tamén foron:

  • A investigación sobre o océano Atlántico, explorando a súa importancia ecolóxica, cultural e social.
  • A creación de materiais artísticos, utilizando materiais reciclados para representar a vida submarina.
  • A elaboración de vídeos e podcasts para compartir as súas aprendizaxes e reflexións sobre a protección do medio ambiente.
  • O intercambio cultural a través de videoconferencias e actividades conxuntas coas escolas socias.
  • A elaboración dun mural.

Mural final

 

  • A creación dunha mascota, para o que houbo que poñerse de acordo sobre as súas características.
  • A elaboración de pezas musicais con elementos mariños.

Cunchas musicais

 

  • Lecturas compartidas e actividades de expresión oral. Pódese escoitar desde o minuto 10 na radio escolar.
  • O uso de ferramentas dixitais para crear xogos educativos e presentacións.
  • A investigación sobre a contaminación e propostas de solucións.

Estas actividades permitíronlle ao alumnado mellorar as súas competencias lingüísticas, científicas e tecnolóxicas, ao tempo que fomentaron a súa creatividade e o traballo en equipo.

Desde a súa orixe, a motivación principal foi crear pontes entre escolas de diversas rexións atlánticas, facilitando unha aprendizaxe activa, sensorial e significativa, adaptada á etapa de educación infantil. O enfoque metodolóxico baséase nunha pedagoxía vivencial, lúdica e emocional, onde os máis pequenos son protagonistas das súas aprendizaxes.

Este proxecto demostrou como, a través do xogo e da interacción, podemos poñer as primeiras sementes dunha aprendizaxe significativa e global.

 

Tecendo o proxecto: Explorando o Atlántico cos cinco sentidos

Ondas desde o Atlántico/Waves from the Atlantic destaca polo seu valor integrador e emocional: non só promove o coñecemento do medio natural e cultural, senón que tamén fortalece valores como o respecto, a empatía, a curiosidade e a cooperación. Ao traballar temas locais con proxección internacional, o proxecto reforza a identidade propia ao tempo que abre a porta á diversidade.

O desenvolvemento de Ondas desde o Atlántico/Waves from the Atlantic centrouse na experiencia sensorial e no xogo libre e dirixido, adaptado á idade do noso alumnado.

1. Exploración e sensorialidade: comezamos introducindo o tema do mar a través de contos, de cancións e da manipulación de obxectos reais ou representacións de elementos mariños. Por exemplo, creamos un recuncho sensorial do mar con area, cunchas e pequenos animais mariños de goma. Os nenos puideron tocar, cheirar e experimentar coas texturas e os sons do océano. Esta fase inicial permitiulles familiarizarse co vocabulario e coas ideas asociadas ao mar de forma vivencial.

Podedes ver máis actividades na seguinte ligazón: ACTIVIDADES / ACTIVITIES | European School Education Platform

Cunchas

 

2. Conectando con «outros»: A colaboración coas escolas asociadas foi a través de intercambios moi sinxelos e visuais. Compartimos cancións cantadas polos nenos en galego e eles facían as súas no seu idioma, unha poesía alusiva ao mar destacada do país, animais mariños pintados polos nenos feitos coas familias, para facer un mural conxunto, onde cada escola achegaba o seu «anaco de mar».

3. Expresión creativa e emocional: Os nenos e nenas animáronse a expresar as súas aprendizaxes e emocións a través da arte. Pintaron grandes lenzos con ondas, crearon peixes de cartolina coas súas propias mans e «viaxaron» en barcos imaxinarios pola aula. O movemento e a música foron ferramentas constantes para interiorizar o concepto das «ondas».

A clave en cada paso foi a observación atenta do educador para guiar a aprendizaxe, permitindo que cada neno explorase ao seu ritmo e de acordo cos seus intereses. Os desafíos foron mínimos, pero, cando xurdían (como a dificultade de conexión cos socios), resolvéronse con flexibilidade e creatividade, priorizando sempre a experiencia dos pequenos.

Desde o punto de vista docente, permitiu establecer vínculos profesionais entre educadores de distintos países, compartir recursos, metodoloxías e boas prácticas, e fomentar un clima de reflexión e mellora continua.

Para o desenvolvemento do proxecto, utilizáronse os seguintes recursos:

Jigsawplanet

 

  • Materiais de refugallo: para a realización de manualidades e actividades artísticas.
  • Contidos audiovisuais: como vídeos e podcasts para a difusión dos resultados do proxecto.

 

O tesouro do mar: O que «Ondas» nos deixou

O verdadeiro valor de Ondas desde o Atlántico/Waves from the Atlanctic radica nos momentos máxicos e nas pequenas grandes conquistas que observamos nos nosos alumnos e alumnas. Estes son os aspectos que queremos compartir e que consideramos unha aprendizaxe valiosa para todo o colectivo docente de infantil:

- Esperta sensorial e emocional: o proxecto permitiulles aos nenos e ás nenas conectar coa contorna natural dunha forma moi rica, desenvolvendo a súa curiosidade e sensibilidade cara ao mundo mariño. Fomentouse a expresión de emocións a través do xogo e da creatividade.

- Primeiros pasos na interculturalidade: dunha maneira moi intuitiva, os pequenos empezaron a comprender que existen outros nenos e nenas no mundo que se comunican doutra forma, pero comparten xogos e curiosidades similares. Isto xermolou unha semente de respecto e apertura cara á diversidade.

- Desenvolvemento da linguaxe e da comunicación: a través de cancións, de contos e da interacción cos elementos do mar, os nenos ampliaron o seu vocabulario (tanto en galego coma en inglés, con palabras clave como «sea», «wave», «fish») e melloraron a súa capacidade de expresión.

- Fomento da creatividade e da autonomía: o proxecto proporcionou un espazo seguro onde os nenos puideron explorar libremente, manipular materiais e crear as súas propias «obras de arte», potenciando a súa imaxinación e autonomía no xogo.

- Colaboración docente enriquecedora: ao equipo educativo, traballar neste proxecto colaborativo brindounos a oportunidade de intercambiar ideas e boas prácticas con outros compañeiros europeos, enriquecendo a nosa propia práctica e fomentando a creación dunha comunidade de aprendizaxe.


A avaliación do proxecto realizouse de forma continua, tendo en conta os seguintes aspectos:

  • Participación activa dos estudantes na realización das actividades propostas.
  • Calidade dos materiais elaborados, como vídeos, podcasts e materiais artísticos.
  • Colaboración entre as escolas participantes na realización de actividades conxuntas e de intercambios culturais.
  • Impacto na comunidade educativa a través da difusión dos resultados do proxecto.

E unha avaliación final que responderon todos os participantes: o alumnado, o profesorado e as familias.


Resultados e recoñecementos

O proxecto Ondas desde o Atlántico foi distinguido con varios galardóns que avalan a súa calidade pedagóxica e impacto educativo:

  • Selo de Calidade Nacional e Europeo eTwinning, o cal recoñece a excelencia no uso das TIC e a colaboración internacional.
  • Premio Nacional eTwinning 2025 en España, destacado como un dos mellores proxectos do país na categoría de educación infantil.

Estes recoñecementos subliñan o compromiso do proxecto coa educación de calidade, a inclusión social e a sensibilización ambiental.

 

Conclusión: Pequenos pasos cara a un mundo máis grande

Ondas desde o Atlántico/Waves from the Atlantic é unha proba de que a colaboración internacional non ten límites de idade e demostra que, mesmo a unha idade temperá, é posible desenvolver actividades significativas e transculturais que fomenten aprendizaxes profundas. O uso das TIC pode enriquecer a educación e promover valores de respecto cara ao medio ambiente, a diversidade cultural e a aprendizaxe significativa. Ondas desde o Atlántico/Waves from the Atlantic é unha mostra de que a internacionalización da educación pode e debe comezar desde os primeiros anos, alimentando a semente dunha cidadanía global, crítica e comprometida. Con este alumnado deseñamos experiencias significativas que poñen as sementes da curiosidade, o respecto e o amor pola aprendizaxe.

Os recoñecementos acadados, como o Selo de Calidade Nacional e Europeo eTwinning e o Premio Nacional eTwinning 2025, avalan a calidade pedagóxica e o impacto educativo deste proxecto.

Unha experiencia que, sen dúbida, deixa pegada nas ondas do coñecemento e nas emocións dos máis pequenos e pequenas.

 

Notas:

1. As imaxes e materiais gráficos utilizados no proxecto están dispoñibles na plataforma TwinSpace do proxecto Ondas desde o Atlántico.

2. Agradecemos a colaboración das escolas participantes, dos estudantes e das súas familias, que fixeron posible este proxecto.


 

Bibliografía

 

 

European School Education Platform (s. d.). Ondas desde o Atlántico/Waves from the Atlantic. Recuperado de https://school-education.ec.europa.eu/en/etwinning/projects/waves-atlantic/twinspace?prefLang=es

 

 

Palabras clave

eTwinning

Ondas desde o Atlántico/Waves from the Atlantic

Educación ambiental

Ondas desde o Atlántico/Waves from the Atlantic

colaboración internacional

Ondas desde o Atlántico/Waves from the Atlantic

aprendizaxe baseada en proxectos

Ondas desde o Atlántico/Waves from the Atlantic

TIC

Ondas desde o Atlántico/Waves from the Atlantic