Ir o contido principal
innovaicon
Plan Proxecta

Nós tamén creamos!

Animando a escola

D’Agostino Pérez, María del Carmen
Domínguez Santomé, Ana María
Penín Estévez, Ana B.
Porto Vázquez, Eloy
Vargas González, Vanesa N.
CEIP Plurilingüe Carlos Casares  (Nigrán - Pontevedra)

 

 

Neste artigo exporemos a nosa experiencia de animación coa técnica de stop motion. A nosa andaina comeza hai máis dunha década en pleno auxe dos traballos audiovisuais nas redes, cun modelo de comunicación que cos novos medios chega ao alcance de todas: presentacións con música, debuxos, audios do alumnado... Daquela, ábrense posibilidades de creación na escola moi tentadoras para un profesorado curioso e altamente motivadoras para o alumnado abraiado co novo impulso das pantallas.

Neste contexto, a Consellería de Educación en colaboración con Política Lingüística, a TVG e a editorial OQO presenta o certame Nós tamén creamos! A atracción foi inmediata por todo o que reúne o certame: animación á lectura, dinamización da lingua galega, creatividade, desenvolvemento audiovisual e plástico, planificación, atención, responsabilidade nas tarefas e un bo feixe de motivacións para o alumnado e o profesorado participante.

Tanta é a confianza que o CEIP Plurilingüe Carlos Casares se presenta en catro ocasións e gaña en dúas convocatorias o certame.

Ademais dos premios do certame, gañamos as habilidades da animación que empregamos ao longo dos anos noutros proxectos escolares como ferramenta de creación audiovisual que, sen dúbida, deixaron unha pegada inesquecible no alumnado.

Agora ben, se estades valorando presentarvos ao certame NTC, a motivación non debe centrarse en gañar, senón no camiño, no gozo ao ollar cada unha das fotografías, a maxia de lle dar vida a un obxecto inanimado e a satisfacción de contar unha historia á vosa maneira.

No camiño hai moitos atrancos, non imos mentir, desde o deseño das personaxes, as posibilidades de movemento e a súa estabilidade, a produción dos escenarios, os tempos, a adaptación do conto ao guión gráfico, a luz (eterna inimiga)... E todo isto tendo en conta que nós non somos profesionais do audiovisual nin contamos cos medios e coñecementos técnicos, somos só mestras e mestres e nenas e nenos xogando a contar e animar, pero todo é posible na escola e somos quen de facer traballos dignos con moi pouco.

A clave para realizar e rematar unha curta con éxito está nunha boa planificación de cada unha das fases do proxecto e, por suposto, no apoio e compromiso do equipo directivo para a adaptación dos tempos do profesorado e espazos para a gravación; sen isto é mellor non comezar.

A continuación imos expoñer como realizamos a nosa curta gañadora da última edición na categoría de primeiro ciclo: Quen levou a Lúa? Agardamos que vos sirva de orientación se estades pensando dar comezo a unha aventura similar.

Como todo proxecto, o primeiro é establecer uns obxectivos e non perdelos de vista.

 

Obxectivos:

- Crear unha curtametraxe de animación coa técnica do stop motion.

- Valorar a literatura e as persoas que interveñen nela.

- Comprender a transición da linguaxe escrita á audiovisual.

Acadamos un nivel moi significativo na adaptación e transformación da obra orixinal á curtametraxe, respectando a historia principal e ofrecendo unha nova visión a través da música, o desenvolvemento dos movementos e expresión emocional dos personaxes... Logramos contar a mesma historia desde outro punto de vista.

- Desenvolver a visión plástica, creación de personaxes, análise do movemento, escenografía e música.

- Recoñecer e crear un guión gráfico, análise dos tempos-escena e a relación entre o tempo-movemento e fotograma.

O guión gráfico foi a clave para desenvolver con éxito a curta, foi un gran traballo en equipo entre o profesor de Música Eloy Porto e o alumnado.

 

Fases do proxecto

Se os obxectivos son claves, o establecemento das fases do proxecto son fundamentais.

O equipo de profesorado debe reunirse e planificar os momentos de cada unha das fases no tempo (de novembro a fins de maio), concretando en datas cada unha das fases e deixando unha marxe de dúas semanas aproximadamente para a fin da montaxe tendo en conta que algunha das fases pode demorarse nos tempos establecidos. Unha vez determinadas, o alumnado participante debe coñecelas e comprendelas: que imos facer en cada fase? É moi interesante que as teñan presentes nun taboleiro da aula porque son as que marcan a ruta do proxecto.

- Solicitude, creación e difusión do grupo de traballo (setembro-outubro)

- Elección do conto (novembro-decembro)

- Elaboración da poesía, deseño e composición da melodía, arranxos e gravación (xaneiro-febreiro)

- Elaboración do guión gráfico (xaneiro-febreiro)

- Creación de personaxes e escenarios (febreiro-marzo)

- Gravación das escenas (marzo-abril)

- Edición e montaxe (abril-maio)

Solicitude, creación e difusión do grupo de traballo

Esta fase inicial parte da motivación persoal dun ou varios mestres que procuran a complicidade entre o profesorado afín e o equipo directivo.

- Establecese o grupo de traballo de profesorado e alumnado segundo as bases da convocatoria.

- Determínase o coordinador ou coordinadora do grupo e envíase a solicitude de participación.

- Comunicáselles ás familias e ao claustro de profesorado. É moi importante que as familias coñezan o proxecto, pois vai alterar as dinámicas, tempos, agrupamentos e contidos do curso. Debemos contar coa súa implicación explicándolles os obxectivos do proxecto e como encaixan nos contidos das distintas áreas da nosa programación anual.

- Nesta fase tamén lle amosamos ao alumnado as orixes da animación a través de xoguetes, elaboramos un taumatropo por alumno e dous fenaquistoscopios para a aula.

Elección do conto

Un representante da editora OQO vén ao centro darnos unha formación inicial (logo complétase a través de Platega) sobre as bases da animación, a aplicación coa que se pode gravar... e entréganos os doce contos dos que debemos elixir un para a nosa curtametraxe.

Neste momento, nós xa tiñamos claro que queriamos realizar un conto «musical» onde contariamos a historia cantando e bailando.

O noso centro, grazas á aposta do mestre de música Eloy Porto, conta cun coro de música tradicional en galego e o alumnado ten asumida esta valiosa forma de expresión artística e de transmisión da lingua co cal o reto foi aceptado con naturalidade.

O equipo de profesorado realizou unha lectura dos doce contos e fixo unha primeira escolma de cinco contos baseando o criterio da elección naqueles con máis posibilidades de ser cantados.

Elaboración do guión gráfico

O guión é gráfico, é un documento en forma de viñeta onde se desenvolve a curta escena a escena. É onde se transforma o conto da linguaxe literaria á linguaxe visual.

Para comezar co noso guión, é imprescindible coñecer ben o conto, imaxinar a historia en imaxes cinematográficas, determinar as súas variacións, adaptacións ao noso contorno, ambientes-escenarios. As escenas non só se limitan a contar o conto, teñen que transmitir emocións, que senten os personaxes?, podemos engadir algunha acción chistosa que libere tensións e ademais debemos pensar no tipo de música ou efecto que acompaña a escena, así como nos seus tempos.

Se os personaxes van ter conversas ou narracións, é interesante facer un primeiro borrador do audio nunha pista por escena, para ter unha aproximación do tempo das escenas segundo eses audios. Nós empregamos o programa libre Audacity.

Temos que coñecer os distintos planos cinematográficos e que se consegue con cada un deles, intentaremos combinalos sen medo, danlle dinamismo á curta e van facilitarnos as transicións entre escena e escena. Se non movemos a cámara entre escena e escena, algo vai mal. Pensemos na diferenza entre o teatro, onde os personaxes deambulan nun escenario, e o cine, onde a cámara persegue o detalle e centra o espectador neste.

O guión gráfico tamén ten incidencia na composición da canción, xa que o discurso literario ten que cinguirse á duración das escenas. E tamén debe ser tido en conta para compoñer os motivos musicais que serven como introdución e ponte.

Todas estas consideracións do guión gráfico ten que coñecelas o alumnado e o equipo de profesorado. A mellor forma de identificalas é a través da análise de curtas reais. Nós utilizamos as curtas de Contos do Camiño de OQO e Xabarín da TVG), que son fantásticas porque, ao igual que no noso proxecto, adaptan contos reais a curtametraxes de animación e sorprenderavos a facilidade coa que o alumnado identifica os diferentes planos e efectos unha vez que os coñece.

Tamén é necesario ter unha noción ou prototipo dos escenarios e personaxes para valorar as posibilidades de movemento e os enfoques.

Cando temos asimilados estes conceptos, podemos aventurarnos a comezar o noso guión. Non é necesario que a elaboración sexa lineal, o mellor é comezar por aquelas escenas que temos claras. Nós utilizamos un A5 por escena co fin de ter espazo suficiente para o debuxo e os textos, logo escaneámolos e compoñemos o guión final de xeito lineal.

Canta máis información conteña o guión, máis doada será a gravación.

Creación de personaxes e escenarios

Esta é a fase máis diversa e creativa. Cadaquén debe buscar a súa proposta plástica. Podemos axudar con algunhas consideracións que pensamos que son fundamentais se apostades por realizar unha gravación en tres dimensións.

- Fixemos unha primeira achega con ideas ofrecidas polas familias implicándoas tamén neste proxecto, dándolle coñecemento ao equipo docente sobre outras posibilidades de creación de personaxes.

- Preparade con antelación os materiais e elixide sesións de clase continuas. É mellor empregar uns días na tarefa que ir a sesións salteadas nas que teremos que volver cos preparativos cada vez.

- O tamaño das personaxes non pode ser moi pequeno, van ser manexadas polo alumnado, unha dimensión aproximada á dunha botella de auga de medio litro, unha lata... tampouco moi grandes, senón o tamaño dos elementos do escenario, por exemplo, dunha casa, en proporción á personaxe serían inviables.

- Se queredes que as personaxes sexan articuladas, podedes crear unha armadura. Nas redes hai moitas propostas para realizar armaduras articuladas, a opción máis sinxela é a de arames entrelazados e logo recubertos de trapo, vestidos, plastilinas, arxilas.

- Para estabilizar as personaxes, a mellor opción é usar imáns de neodimio e como base do escenario un encerado imantado sobre unhas mesas.

- Escollede unha aula illada para o estudo de gravación, a poder ser que non teña outra función desde que montedes o escenario ata que rematedes a gravación.

- A luz para a gravación debe ser artificial e indirecta para evitar as sombras; polo tanto, o estudio ten que ter persianas, senón as nosas fotografías serán distintas segundo o momento do día.

- Preparade un fondo amplo que vos dea marxe de movemento e de enfoque na cámara, que rodee toda a base onde actúen as personaxes, e separade a mesa do fondo para poder andar arredor para mover calquera elemento.

- Reservade un espazo no estudio de gravación para os trebellos do escenario e as personaxes, así como para os materiais que precisedes para posibles reparacións.

- Poñede o guión gráfico nun taboleiro ou pegado na parede do estudio.

Gravación das escenas

Para a gravación da curta empregamos o programa libre Stop Motion Studio, pagamos catro euros na súa versión Pro e deste xeito puidemos acceder a todas as ferramentas do programa.

Instalámolo nunha tableta sinxela e contamos cun trípode e un soporte para fixala. O programa é moi recomendable porque crea el mesmo a secuencia da escena coas fotografías que imos tirando e a motivación para o alumnado é excelente.

Organizamos pequenos grupos de gravación de 4-5 alumnos/as e repartimos as escenas. O grupo de profesorado participante empregou as súas horas libres na gravación e fixemos un cuadrante coa dispoñibilidade. O profesorado ía á aula buscar o grupo de alumnado correspondente, segundo a escena que se fose gravar.

A orde de gravación das escenas tampouco é lineal, grávanse segundo a situación do escenario, vestimenta, trebellos etc.

Unha vez no estudio, analízase en grupo a escena que se vai gravar e determínanse os roles do alumnado para esa escena: cámara e animadores.

O tamaño das fotografías empregado foi o de 16:8, que é o máis utilizado nas pantallas actuais.

Prepárase a escena e faise un pequeno ensaio, movementos, percorridos, luz, quendas de animación para o movemento das personaxes, situación da cámara, enfoque, tempo-número de fotografías necesarias.

Analizamos a escena desde a pantalla da cámara. É moi importante que o que vemos a través dela nos guste, que cada fotografía teña sentido e que a composición sexa atractiva.

Cando temos clara a escena, comezamos a gravación. Os movementos dos animadores teñen que ser controlados tanto á hora de mover as personaxes coma nos percorridos para retirarse do escenario, procurando non mover nada accidentalmente e arruinar a gravación.

Ademais, deben de situarse detrás da cámara, xa que os seus corpos xeran sombras ou poden aparecer na foto. Avanzamos na gravación cun compás de grande equipo: «Atención! Foto 1- Disparo – Animación - Atención! Foto 2...». A mestra ou mestre é quen dirixe este equipo.

Houbo escenas que parecían doadas e foron complicadas, momentos moi emocionantes co que estabamos a crear e outros desesperantes. A experiencia da gravación, a complicidade do estudio, os sorrisos e a frustración, as tomas falsas... Pensamos que esta é a fase máis significativa para o alumnado e paga a pena o esforzo por todo o aprendido.

Edición e montaxe

A edición e a montaxe foi realizada polo profesorado do equipo.

En cada un dos días de gravación é conveniente descargar as escenas gravadas en cartafoles independentes co número da escena correspondente.

O programa Stop Motion Studio permite descargar o vídeo ou as imaxes, nós empregamos as dúas formulas.

As escenas levámolas a montaxe unha por unha no programa Movie Maker, importando as fotografías e o audio correspondente á escena. A vantaxe de importar as fotografías é que podes encaixar os tempos co tempo de audio e mesmo seleccionar aquelas que desexes que vaian máis lentas ou rápidas en tempos aproximados de entre 0,16 e 0,24 por segundo. Unha vez que se edita a escena, gardámola numerada nun cartafol de montaxe final. Ademais, deste xeito non traballas cunha montaxe tan ampla co risco de perder todo o traballo realizado.

A montaxe final foi realizada co programa Pinnacle Studio, que permite crear diferentes capas de son é vídeo.

Avaliación

Planeamos reunións do grupo de traballo para avaliar as seguintes cuestións e conclusións:

  • Motivación e implicación do profesorado e do alumnado en cada unha das fases de desenvolvemento

Coma en todo proxecto de longa duración houbo altibaixos na motivación do alumnado, dándose pequenas anécdotas individuais nas que trataron de eludir as tarefas. A tarefa preferida do equipo de alumnado foi a de cámara. Polo xeral, o grao de implicación e entusiasmo foi alto e as aprendizaxes son moi significativas en todo o grupo.

En canto ao grupo de profesorado, os altibaixos foron provocados polos tempos escolares ao ter que coordinar horarios e funcións alleas a este proxecto coa capacidade de implicación, e nalgúns momentos foi imposible. Con todo, o equipo demostrou apoio e dilixencia durante todas as fases, cun nivel de competencia moi alto.

  • Os tempos e espazos propostos

En canto aos tempos e espazos, a fase de gravación demorouse no tempo en dúas semanas e a elección do estudio de gravación foi óptima.

  • A avaliación final estivo centrada nos obxectivos propostos e no resultado da propia curta

Acadáronse de xeito moi satisfactorio todos os obxectivos propostos. Creouse unha gran curta, ben planificada e cunha calidade expresiva excelente da que todo o equipo de alumnado e profesorado se sente orgulloso.

 

Bibliografía

 

 

A achegada polo plan de formación Proxecta-Platega

Tipos de plano

Armadura arame e parafusos