Escape room Gardiás
Andrea Fidalgo Giráldez
Profesora de Lingua Castelá e Literatura no IES do Castro (Vigo - Pontevedra)
andreafidalgo [at] edu.xunta.gal (andreafidalgo[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Contextualización
No marco do programa Proxecta+ «Donas de si», no IES do Castro elaborouse e púxose en práctica unha actividade didáctica de tipo escape room. Esta actividade está relacionada con todas as demais propostas traídas ao centro polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, que se centraron en reivindicar a todas aquelas mulleres que, tanto no ámbito persoal coma no profesional, dedicaron as súas vidas a coidar a outras persoas.
A proposta naceu da vontade de visibilizar o papel destas mulleres na sociedade, poñendo o foco nas que tradicionalmente se encargaron dos coidados —na casa, na escola, na saúde, na vida comunitaria— sen recoñecemento nin compensación.
A actividade está adaptada de tal maneira que pode ser resolta por alumnado de todos os niveis de ensinanza secundaria. As primeiras experiencias de aplicación déronse en cuarto da ESO e posteriormente a actividade levouse aos grupos de igualdade e mediación. Tamén se puxo o recurso á disposición do profesorado participante en «Donas de Si» para que teña a oportunidade de compartir o escape room con outros grupos de alumnado.
Obxectivos
Obxectivos xerais:
- Promover a igualdade de xénero a través dunha actividade vivencial, lúdica e educativa.
- Visibilizar o papel esencial das mulleres nos coidados, tanto no ámbito privado coma no público.
- Fomentar unha mirada crítica sobre os estereotipos, roles tradicionais e desigualdades que afectan as mulleres.
- Contribuír á recuperación da memoria histórica das mulleres silenciadas ou invisibilizadas.
Obxectivos específicos:
- Reflexionar sobre o valor social e económico dos coidados, así como sobre quen os realiza e en que condicións.
- Recoñecer e valorar o papel das mulleres como «gardiás» da vida, da saúde, da educación, da comunidade.
- Descubrir referentes femininos.
- Traballar a empatía, o respecto e a escoita activa como ferramentas de cambio social.
- Mellorar as competencias comunicativas, lóxicas e colaborativas mediante a resolución de enigmas e tarefas en grupo.
Obxectivos transversais:
- Desenvolver a capacidade para traballar en equipo, asumindo roles diversos e cooperando para un fin común.
- Estimular a autonomía persoal, a toma de decisións e a creatividade.
- Integrar valores como a solidariedade, a xustiza social, o recoñecemento e a responsabilidade afectiva.
- Fomentar o interese por metodoloxías innovadoras como a gamificación e a aprendizaxe baseada en retos.
- Favorecer un ambiente escolar inclusivo, equitativo e comprometido coa igualdade.
Recursos empregados
Recursos materiais:
Todos os materiais foron deseñados pola coordinación do Proxecta+ «Donas de Si». Creáronse catro probas diferentes centradas cada unha delas nunha figura feminina relacionada cos coidados: Jane Addams, Elizabeth Blackwell, María Montessori e Florence Nightingale. O compendio completo dos recursos materiais é o seguinte:
- Tarxeta inicial.
- Tarxetas de probas de Jane Addams: tarxeta inicial con información sobre a súa figura e a explicación da proba, tres tarxetas con diferentes necesidades sociais e os dereitos que os representan, tres tarxetas con imaxes que representan eses dereitos, tarxeta coa explicación sobre o manexo do código que resulta de unir correctamente as tarxetas.
- Tarxetas de probas de Elizabeth Blackwell: tarxeta inicial con información sobre a súa figura e explicación da proba, tres tarxetas con «síntomas», tres tarxetas con «diagnósticos», tarxeta coa explicación sobre o manexo do código que resulta de unir correctamente as tarxetas.
- Tarxetas de probas de María Montessori: tarxeta inicial con información sobre a súa figura e explicación da proba, tarxetas cun relato feminista dividido en varias partes, tarxeta que indica que o alumnado debe pedirlle axuda ao instrutor da actividade unha vez que teña ordenado o texto.
- Tarxetas de probas de Florence Nightingale: tarxeta inicial con información sobre a súa figura e a explicación da proba, tarxeta co mapa do hospital, cinco tarxetas de cruzamento con preguntas e posibles respostas, cinco tarxetas de cruzamento erróneo, tarxeta coa explicación sobre o manexo do código que resulta unha vez que se completou o percorrido.
- Tarxetas finais: unha tarxeta final xeral e catro tarxetas (unha por cada muller reivindicada) que recuperan a súa historia.
- Cofre con espazo para incorporar catro cadeados.
- Catro cadeados de cores diferentes.
- Sobres para incluír as tarxetas coas probas.
- Un marcador de tinta invisible con luz ultravioleta.
Recursos físicos:
A maiores, será preciso contar con espazos axeitados para levar a actividade á práctica. Pode empregarse unha aula, a biblioteca ou un espazo de usos múltiples. É recomendable que haxa mesas e cadeiras dispoñibles.
Se as condicións do centro o permitisen, o máis axeitado sería ter un lugar de inicio e fin da actividade (onde se darán as pistas iniciais, onde estará o cofre que teñen que abrir e a onde tamén poderán acudir as alumnas e alumnos para pedir axuda se a precisan) e catro recunchos dedicados a cada unha das outras probas, decorados acordes coa proba que van realizar.
Recursos humanos:
Tamén é necesaria a presenza dalgún membro do profesorado que aplique a actividade e guíe o alumnado cando perciba dificultades para resolver algunha proba.
Descrición da actividade
O escape room Gardiás foi deseñado como unha experiencia inmersiva na que o alumnado debe resolver unha serie de enigmas e probas nun tempo límite de 50 minutos (a duración dunha sesión). A narrativa central xira arredor da idea de recuperar as historias de mulleres coidadoras que foron esquecidas ou invisibilizadas pola historia. O seu legado estará oculto nun cofre custodiado por catro cadeados con códigos que deberán abrir coas claves que irán descubrindo a medida que resolvan cada proba.
A actividade comezará coa entrega ao alumnado da tarxeta inicial na que se explica o obxectivo da actividade e a súa razón de ser:

A continuación o equipo irá ao lugar no que se desenvolverá a primeira proba, relacionada coa figura de Jane Addams. Recibirán un novo sobre no que atoparán as seguintes tarxetas. Primeiro deberán ler as indicacións xerais e despois emparellar correctamente as imaxes que están nas tarxetas ovaladas coas descricións que teñen nas láminas rectangulares. Ao emparellar correctamente todas as tarxetas terán que darlles a volta a poderán comprobar que se forman tres números: 4, 5 e 6. Unha vez que consigan estes números, deben achegarse ao cofre co arquivo secreto, onde atoparán unha nova tarxeta na que se indica que deben poñer estes números en orde ascendente (de menor a maior) para lograr abrir o cadeado e pasar á seguinte proba.

A continuación inclúese unha mostra das tarxetas:

Tras completar con éxito a primeira proba, o equipo irá ao recuncho dedicado a Elizabeth Blackwell. Recibirán un novo sobre no que atoparán as seguintes tarxetas. Primeiro deberán ler as indicacións xerais e despois emparellar correctamente as tarxetas de «síntomas» coas tarxetas de «diagnóstico». Todas estas tarxetas, que inclúen «males» relacionados coa desigualdade entre homes e mulleres, teñen na súa parte traseira uns números que deberán sumar unha vez que teñan correctamente feito o emparellamento. Unha vez que consigan estes números, deben achegarse ao cofre co arquivo secreto, onde atoparán unha nova tarxeta na que se indica que deben poñer estes números en orde descendente (de maior a menor) para lograr abrir o cadeado e pasar á seguinte proba.
A continuación inclúese unha mostra das tarxetas:

Tras completar con éxito a segunda proba, o equipo irá ao recuncho dedicado a Florence Nightingale. Recibirán un novo sobre no que atoparán as seguintes tarxetas. Primeiro deberán ler as indicacións xerais e despois achegarse ao mapa do «hospital» de Florence. Se o espazo o permite, o máis axeitado é imitar o percorrido do mapa (que terán tamén en formato tarxeta) no piso do recuncho e colocar os sobres coas preguntas nos cruzamentos que lles corresponden. Se non fose posible, con colocar os sobres nunha mesa ben etiquetados é suficiente. O alumnado deberá seguir o percorrido polo mapa desde a entrada e, cada vez que chegue a un cruzamento, abrir o sobre correspondente. En cada sobre atopará unhas preguntas con varias opcións de resposta que terán ao lado unha frecha cun enderezo. Se escollen ben a resposta, irán a outro cruzamento con outra pregunta, pero, se escollen mal, o sobre conterá un aviso para que volvan ao inicio do percorrido. Se o alumnado consegue responder correctamente todas as respostas, chegará ata «enfermos graves», que será o final do percorrido. Unha vez que rematen, o seu percorrido polo mapa debuxará un número dous e, cando vaian abrir o cadeado correspondente, atoparán unha mensaxe na que se indica que deben repetir o resultado do percorrido tres veces.
A continuación inclúese unha mostra das tarxetas:
![]() |
|
|
Tras completar con éxito a terceira proba, o equipo irá ao recuncho dedicado a María Montessori. Recibirán un novo sobre no que atoparán as seguintes tarxetas. Primeiro deberán ler as indicacións xerais e despois poñer en orde a historia que conta o resto das tarxetas. Neste caso é unha moi breve adaptación da historia do libro A trenza, de Laetitia Colombani, xa que é unha historia relacionada co mundo educativo e co acceso das nenas e de todas as persoas discriminadas á educación. Unha vez que toda a historia estea ben ordenada, seguindo as lóxicas textuais da coherencia e da cohesión, o alumnado irá pedirlle axuda á persoa de referencia, que lle entregará un bolígrafo con lámpada para desvelar tinta invisible. Previamente estarán marcadas coa tinta invisible e de forma ordenada no texto varias letras que conformarán a clave para abrir o seguinte cadeado e poder abrir finalmente o cofre. Cómpre sinalar que hai outras opcións para destacar o código que tamén son posibles (modelos con ocos que, superpostos ao texto, deixan ver as letras seleccionadas, transparencias marcadas en lugares estratéxicos para que destaquen as devanditas letras ao poñelas sobre o texto etc.).
A continuación inclúese unha mostra das tarxetas:
![]() |
Unha vez rematada a cuarta proba, o alumnado poderá desbloquear o cuarto cadeado que custodia o cofre co arquivo secreto, que abrirán nese momento. No arquivo estarán a tarxeta final e catro tarxetas que falan da historia destas mulleres e que, grazas ao seu traballo en equipo, volven ser de dominio público e podemos coñecer.
|
|
|
Metodoloxía
A actividade baseouse na metodoloxía de aprendizaxe baseada en xogos (gamificación), coa finalidade de aumentar a motivación e o compromiso do alumnado a través dunha experiencia educativa lúdica e significativa.
Antes da realización do escape room, o alumnado foi familiarizándose coa temática dos coidados e coa súa relevancia social, así como coa historia de mulleres que destacaron neste ámbito. Durante a actividade, o profesorado actuou como facilitador, observando e asistindo os equipos cando era necesario, sen interferir directamente na resolución das probas.
Os equipos foron mixtos e diversos, de entre catro e oito participantes, dependendo do nivel educativo no que se poñía en práctica a actividade. En xeral, todos os grupos funcionaron ben e o número de alumnado non foi un problema para permitir a participación de todos os seus membros na resolución das probas.
Tras completar o escape room, os equipos reflexionaron sobre o desenvolvemento da actividade, o seu contido e compartiron as súas experiencias, aprendizaxes e emocións. Esta posta en común permitiu consolidar os coñecementos adquiridos e fomentar unha discusión crítica sobre a importancia dos coidados e a igualdade de xénero. Así mesmo, serviu como método de avaliación da experiencia, que foi xeralmente «moi positiva» segundo os e as participantes.

Conclusións
A experiencia do escape room feminista Gardiás permitiu transformar o espazo educativo nun lugar de xogo, reflexión e aprendizaxe crítica, onde o alumnado puido achegarse á realidade das mulleres que coidan e que, moitas veces, permanecen invisibilizadas. A través das distintas probas e da narrativa proposta, o alumnado foi quen de recoñecer o valor dos coidados, cuestionar os estereotipos de xénero e poñer en valor o papel das mulleres na sociedade.
Esta actividade puxo de manifesto que metodoloxías como a gamificación e a aprendizaxe baseada en retos son ferramentas eficaces para fomentar a participación, o traballo en equipo e o pensamento crítico, especialmente cando se abordan temas tan complexos como a igualdade e a xustiza social.




