En bici ao Xograr. Anímate a pedalear!
Sonia Cantalapiedra Álvarez. Vicedirectora, profesora de Educación Física e coordinadora do Plan Proxecta de Mobilidade Sostible e Segura
soniacantalapiedra [at] edu.xunta.gal (soniacantalapiedra[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Iria Gómez Álvarez. Profesora de Bioloxía
iria.g.a [at] edu.xunta.gal (iria[dot]g[dot]a[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Sarria - Lugo)
Orixe e contextualización
Aínda que en maio de 2020, tras o confinamento e dentro do Plan Proxecta «Escola Verde», xa propuxemos retos para promover a mobilidade sostible, é en outubro de 2020 cando comezamos coa proposta para reintroducir a educación viaria no contexto escolar como motor dun cambio de estilo de vida. Por unha banda, para formar usuarios da vía pública responsables e respectuosos e, por outra banda, como promotores do coidado dunha comunidade solidaria co medio ambiente e co resto da sociedade.
Animamos a toda a comunidade escolar a sumarse a esta iniciativa, lembramos que un dos motivos que move a creación deste proxecto é seguir as instrucións da Orde comunicada do ministro de Sanidade, do 27 de agosto de 2020, mediante a que se aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública fronte á covid-19 para centros educativos durante o curso 2020/21.
II. Recomendacións referidas a centros educativos.
24. Priorizar, na medida do posible, a utilización de espazos ao aire libre.
27. Recomendarase á cidadanía a priorización do transporte activo (andando ou en bicicleta) en rutas seguras á escola como opción de mobilidade que mellor garante a distancia interpersoal ao ser, ademais, unha opción máis saudable e que evita compartir espazos pechados.
Sobre estas recomendacións nace o Programa de mobilidade sostible que se contextualiza no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria, un centro público que na actualidade conta con 385 alumnos e alumnas, un claustro de 40 profesores e 8 PAS.
Obxectivos
O noso obxectivo xeral é desenvolver actividades para a consecución dos obxectivos da Axenda de desenvolvemento sostible 2030. Os obxectivos número 3 (boa saúde e benestar): «Garantir unha vida sa e promover o benestar para todos en todas as idades»; o número 11 (cidades e comunidades sustentables): «Lograr que as cidades e os asentamentos humanos sexan inclusivos, seguros, resilientes e sostibles» e o número 13 (loita contra o cambio climático): «Adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos» desenvolvéronse a través de moitas actividades pero, sobre todo, a través da conmemoración da SEM e das campañas «Sarria sobre rodas» e «En bici ao Xograr. Anímate a pedalear!»
Entre os obxectivos que formulamos no programa están:
- Aumentar a cultura deportiva do alumnado con respecto ao mundo da bicicleta, ás rutas cicloturistas e aos percorridos seguros que poden facer na súa contorna.
- Achegar o alumnado á normativa de tráfico e ao coñecemento dos sinais viarios principais.
- Adquirir hábitos viarios ambientalmente recomendables (camiñando, indo en bici...) nos seus desprazamentos escolares e de lecer.
- Valorar a repercusión positiva que terá na nosa calidade de vida adoptar hábitos de mobilidade activa e non motorizada.
- Elaborar carteis para a sinaléctica das rutas escolares seguras e para concienciar cara ao respecto polas prazas de aparcadoiro reservadas para persoas con mobilidade reducida (PMR).
- Tomar conciencia de como o comportamento dunha persoa como usuaria da vía pública ten consecuencias nela mesma e pode telo noutras (analizar os efectos das condutas imprudentes).
- Promover desprazamentos activos ao centro mediante campañas inclusivas e igualitarias.
- Investigar sobre determinados aspectos da contaminación do aire na vila de Sarria e expor os resultados.
- Buscar a implicación do concello e doutras entidades na mellora das condicións para desenvolver unha mobilidade sostible e segura na nosa vila.
- Conmemorar a SEM e o Día da Bici de forma creativa e dándolle protagonismo ao alumnado.
- Realizar unha marcha cicloturista en familia.
Descrición da actividade e organización
Un ano máis amosamos o noso compromiso coa mobilidade sostible e segura e co coidado do medio ambiente. Traballamos arreo pola promoción dos hábitos sostibles entre os membros da comunidade educativa e tamén de fóra dela.
Xa durante o mes de xullo fixemos a inscrición do noso centro na SEM (Semana Europa da Mobilidade) e tamén convidamos o Concello a participar, compartimos cos concelleiros ideas e propostas e programamos a nosa semana.
Comezamos en setembro acudindo co alumnado á saída da Volta Ciclista a Galicia, animando os corredores e aproveitando para ampliar a cultura deportiva do alumnado. Esta actividade valeunos para abrir o pano ante a conmemoración da SEM (Semana Europea da Mobilidade Sostible); en resumo, por cuarto ano consecutivo celebramos a SEM e, nesta ocasión, con multitude de actividades. Propostas de educación viaria, de sostibilidade, de seguridade, de concienciación… algunhas delas coa colaboración do Concello de Sarria, outras coa colaboración da Asociación Diversa, outras coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo ou do club ciclista local DHGTeam, con AESLEME, coa Garda Civil ou coa DXT.
O alumnado exponlle ao público o resultado do estudo sobre a calidade do aire de Sarria, realizado durante dous cursos. Neste caso, hai que sinalar a colaboración do Concello de Sarria para adquirir tubos de mostras específicos para o estudo da contaminación do aire e tamén a elaboración de paneis específicos para publicitar os carteis informativos. Este estudo realizouse dentro do proxecto competencial durante dous cursos coa docente de Bioloxía Iria Gómez Álvarez.
Para espertar a concienciación cara á mobilidade adaptada, o alumnado do ciclo medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia que temos no centro percorreu Sarria analizando o uso das prazas de aparcadoiro reservadas para persoas con mobilidade reducida e colocou cartelería impactante, tamén analizou as dificultades para desprazarse en cadeira de rodas por distintas zonas da vila.
Coa colaboración da Asociación Diversa, plataforma pola diversidade infantil da comarca de Sarria, buscouse sensibilizar o alumnado sobre a necesidade de eliminar as barreiras arquitectónicas e ofrecéuselle á rapazada a posibilidade de descubrir xogos de mesa sobre accesibilidade (por exemplo, co xogo Cidades Accesibles). Deste modo, concienciando, aprendendo e desfrutando, o alumnado achegouse de forma lúdica á mobilidade e descubrimos o reto que supón para unha persoa con diversidade funcional desprazarse pola rúa.
Seguindo con esa concienciación, este ano volvemos contar con persoal de AESLEME (asociación pola prevención de accidentes de tráfico e ONG de atención a vítimas de accidentes) para falarnos de seguridade viaria e de responsabilidade (non só ao volante, senón tamén como acompañantes nun vehículo), unha sesión moi interesante que provocou aprendizaxes para a vida.
Outras actividades salientables foron as sesións prácticas realizadas nas clases de Educación Física. Alumnado da ESO e de BAC experimentou unha xincana de habilidade sobre a bicicleta que abarcou todo o pavillón. Grazas á colaboración do club ciclista local DHGTeam e aos seus monitores, o alumnado mellorou as súas habilidades e achegouse ao coñecemento de varios sinais de tráfico.
Tamén o técnico da Federación Galega de Ciclismo Jacobo Ucha achegou nocións teóricas sobre seguridade, sobre a mecánica da bici e as distintas modalidades que presenta o ciclismo.
O venres, para completar as actividades conmemorativas da Semana Europea da Mobilidade, o alumnado de bacharelato participou nun escape room da DXT. En catro grupos, o alumnado tiña que resolver de forma coordinada e áxil a atención a unha persoa accidentada nunha colisión de tráfico e mobilizar todos os efectivos posibles para resolver con éxito a situación.
Por outra banda, o alumnado de primeiro e segundo da ESO recibiu unha charla do Plan director da Garda Civil sobre seguridade na vía pública, na que se recalcaron as normas que hai que cumprir como peóns e como usuarios de bicicleta.
Con estas propostas e convidando a todos os membros da comunidade educativa do Xograr a participar o domingo 22 de setembro no Día Internacional sen Coches, rematamos esta interesante semana.
A continuación, nas semanas seguintes colgamos pílulas informativas sobre normativa viaria e coñecemento de sinais de tráfico.
A partir desa semana comezamos co sistema de préstamo gratuíto de bicicletas e de cascos que ten en marcha o instituto desde hai tres anos (con enlace á páxina web do centro).
Publicamos a nosa participación na SEM, na súa páxina oficial, baixo o lema «Espazo vivido, espazo compartido».
Xa en outubro comezamos o proxecto «Sen vandalismo» en colaboración coa Fundación Barrié, que remataría en abril cunha acción social para promover a mobilidade sostible e segura. Nesta proposta, a través da asociación APES, un grupo de segundo da ESO do noso centro deseñou unha serie de actividades para realizar co alumnado do CEIP Frei Luís de Granada que ían desde axudarlle a cruzar a rúa ao alumnado de primaria ata sensibilizar sobre as rutas escolares a pé e unha serie de xogos para coñecer sinais de tráfico ou a importancia de atar ben o casco na bicicleta. Para isto contouse coa colaboración da policía local. Esta actividade desenvolveuse en maio.
Entre outubro e novembro preparamos a memoria para acceder aos premios nacionais AESLEME Compromiso pola Educación Viaria do que resultamos gañadores e o noso director José Manuel Valcarce viaxou a Madrid para recoller o galardón.
O proxecto premiado reflectía o traballo desenvolto durante os catro anos anteriores. Este vídeo foi parte do material entregado para a valoración:
No mes de marzo xa contactamos co club ciclista local DHGTeam para organizar e poñerlle data á saída en bici en familia, que quedou marcada para o segundo sábado de xuño.
En abril realizamos actividades para concienciar e sensibilizar, traballando a inclusión coa experimentación de mobilidade adaptada coa conmemoración do Día da Educación Física na Rúa baixo o lema «A educación física, unha ferramenta poderosa para a inclusión». Así, o Departamento de Educación Física e o ciclo medio de Atención á Persoas en Situación de Dependencia organizou once zonas de deportes adaptados, varias delas na rúa (que grazas á colaboración do Concello se pechou ao tráfico). Así traballouse, por zonas, habilidade con cadeira de rodas, futman, baloncesto adaptado, boccia ou tenis de mesa adaptado. Acudiu á actividade todo o alumnado de sexto de educación primaria da comarca de Sarria (alumnado do Colexio A Asunción, do Colexio A Merced, do CEIP de Oural e do CEIP Frei Luís de Granada).
Durante todo o curso impulsamos o uso da bicicleta como medio de transporte sostible e premiamos o alumnado que compartiu rutas (a través de aplicacións móbiles) ou o que veu ao instituto en bici. Eses agasallos proceden de doazóns de casas comerciais que colaboraron ao longo destes anos (A Volta Ciclista, Sogama, equipos ciclistas, comercios locais, federacións de ciclismo ou de tríatlon etc.).
Por terceiro ano consecutivo, estudouse a calidade do aire e a contaminación acústica nunha investigación impulsada pola docente de Bioloxía e de Proxecto Competencial, Iria Gómez Álvarez.
Tras dous anos analizando a concentración de NO₂ (gas relacionado coa combustión dos vehículos) en distintos puntos da comarca, pasouse a analizar o material particulado nos mesmos puntos ca en anos anteriores. Nesta ocasión, o centro formou parte do proxecto estatal AmIAire, unha iniciativa de investigación-acción baseada en metodoloxías de ciencia cidadá.
O proxecto tivo como obxectivo controlar en primeira persoa a calidade do aire en zonas urbanas e rurais. Os datos recollidos foron destinados á comunidade científica e ás administracións públicas, co fin de mellorar os modelos de dispersión e deposición de partículas, así como de contribuír ao deseño de novas políticas de mobilidade e urbanismo.
Máis de 100 centros escolares de todo o Estado participaron na iniciativa, que tamén promoveu a sensibilización do alumnado sobre a importancia dunha boa calidade do aire. Ademais, no instituto, o alumnado realizou unha comparativa dos datos dos distintos anos e analizou a relación entre a contaminación acústica e atmosférica, así como a contribución, no ámbito local, á mellora da pegada de carbono individual mediante desprazamentos en bicicleta ou a pé. A proposta, coordinada pola Universidade de Deusto en colaboración con Ibercivis e Scicling, e co apoio da FECYT, combinou ciencia, deporte e medio ambiente mediante percorridos en bicicleta entre algúns centros participantes.
Compartimos o noso proxecto de mobilidade sostible e segura con outros centros educativos a través do programa Erasmus+ e así cinco profesores portugueses coñeceron o noso traballo; tamén dentro do proxecto Observa_Acción, na súa fase internacional, co profesorado dun centro romanés.
Dentro do Club de Ciencia do instituto realizamos o experimento A bici que xera enerxía e, coa colaboración dos departamentos de Matemáticas, Tecnoloxía, Física e Educación Física, logramos que unha bicicleta nun rolete, conectada a un alternador, fixese soar un aparello de música ao pedalear.
Con este traballo interdisciplinario o alumnado, a maiores, descubriu o funcionamento do sistema de cambios e a enerxía que podemos xerar con cada pedalada, máis a enerxía que consumimos con determinado tempo de pedaleo.
Publícase a inscrición na II Ruta Cicloturista en Familia e contactamos con Fontecelta para obter augas e uns agasallos para os participantes.
Rematamos o curso organizando a II Ruta Cicloturista en Familia coa participación de distintos membros da comunidade educativa (pais, nais, alumnado e profesorado) e do club ciclista local DHGTeam.
Utilizamos a bicicleta na clase, traballamos a habilidade e a seguridade
Todo o proxecto pode verse nesta ligazón.
Recursos empregados
O instituto conta con oito bicicletas para préstamo, dez cascos, numerosos soportes para bicis e ferramentas para realizar pequenas reparacións, así como inchadores.
Faise un mantemento periódico destas. Tamén contamos con diferentes materiais para agasallar o alumnado máis implicado (botellas, chaveiros culotes, camisolas, reflectores, bolsas ou camisetas).
O gastos específicos como a saída en bici ou as reparacións máis custosas son asumidas polo centro educativo a través de proxectos como Sosti-Lab.
A través de fondos Plambe adquirimos libros para promover a afección ao ciclismo.
Metodoloxía
A metodoloxía que se empregou foi activa e participativa, dándolle protagonismo ao alumnado. Atenderemos os seus intereses e propostas, trataremos de desenvolver competencias útiles para a vida e de involucralos no coidado e mantemento do material (bicicletas que prestará o centro).
A metodoloxía da aprendizaxe servizo foi unha das máis empregadas como quedou patente no estudo da calidade do aire de Sarria ou na campaña «Sarria sobre rodas», a través deste enfoque buscouse espertar a responsabilidade social e a cidadanía activa para que o alumnado sexa un axente activo na súa comunidade.
Por outra banda, empregouse a investigación-acción, xunto coa aprendizaxe cooperativa para a realización do experimento «A bici que xera enerxía».
Avaliación
A avaliación foi continua e buscou o incremento da mobilidade sostible entre todos os membros da comunidade educativa.
Para facer a avaliación inicial, o profesorado de Educación Física incluíu na ficha individual do alumnado as preguntas: Tes bicicleta? Sabes andar en bici? Así, partindo desa análise, obtivemos datos sobre a posesión de bicicleta por parte do alumnado e tamén do alumnado que utiliza transporte escolar. A avaliación sumativa realizouse con cada actividade, o grao de motivación e de aceptación do alumnado, o interese suscitado, as aprendizaxes obtidas etc. A avaliación final resultou da análise da consecución ou non dos obxectivos fixados, valorando a calidade dos produtos elaborados e o grao de implicación e participación do alumnado. Cómpre dicir que a avaliación foi moi positiva, alta participación do alumnado, premios obtidos, publicidade das iniciativas, interese doutros centros cara ás nosas propostas etc.
Asemade, levamos un control periódico do uso dos aparcabicicletas e diario do préstamo das bicicletas do centro. O primeiro si foi un pouco máis baixo ca outros anos, cremos que en parte provocado polas malas condicións meteorolóxicas que houbo durante o segundo e parte do terceiro trimestre, pero, en cambio, o préstamo de bicis foi máis alto ca outros anos.
Para a avaliación final analizamos:
- Aumentar a cultura deportiva do alumnado con respecto ao mundo da bicicleta, ás rutas cicloturistas e aos percorridos seguros que poden facer na súa contorna. Cremos que se conseguiu, grazas á cartelería exposta e á asistencia nos eventos ciclistas da vila.
- O incremento do uso da bicicleta por parte dos membros da comunidade educativa (tanto de alumnado coma de profesorado e doutras persoas traballadoras do centro). Mantívose con respecto a outros anos, pero foi irregular ao longo do ano.
- O apoio e implicación de institucións, entidades, clubs... da contorna foi moi alta: Concello, Policía, club ciclista local, DXT, Garda Civil, Diversa e AESLEME, entre outros.
- Deuse unha participación media do alumnado como colaborador e impulsor das iniciativas; houbo unha alta ou moi alta participación nalgún grupo de alumnado e moi escasa noutros.
- A adquisición de coñecementos grazas ás investigacións realizadas sobre contaminación do aire e factores que inciden na nosa saúde foi moi alta.
- Obtívose un coñecemento medio dos sinais básicos de tráfico e das normas como peóns e usuarios da vía pública.
- O número de publicacións realizadas sobre este proxecto no blog específico do Plan Proxecta, nas redes sociais do centro e na prensa foi moi moi alto.
- O grao de implicación doutros centros educativos neste proxecto foi alto, xa que realizamos dúas actividades co alumnado do frei Luís de Granada e unha cos outros tres centros de educación primaria da comarca de Sarria.
Outro factor avaliable é a participación do profesorado e podemos dicir que, nas distintas actividades realizadas ao longo do ano, participou profesorado de moitos departamentos (Bioloxía, Educación Física, Xeografía e Historia, Música, Tecnoloxía, Física e Química, Matemáticas, Servizos á Comunidade, entre outros) e tamén o persoal de servizos do centro.
Conclusións
Este proxecto está afianzado e mantén a súa continuidade tras cinco anos en marcha. Consideramos que o compromiso do IES Xograr coa sostibilidade e coa mobilidade sostible quedou plenamente reflectido. É necesario recalcar e agradecer o apoio recibido por parte de entidades, empresas, clubs e asociacións, o cal nos axudou a premiar o alumnado máis implicado, a mellorar as actividades e a abrir as propostas a todos: alumnado, familias, profesorado e persoal non docente.
Este proxecto é un exemplo de traballo interdisciplinario e transversal que tamén se viu reforzado por outros proxectos do centro coma o Club de Ciencia, Edusostibilidade, Sosti-Lab, Polos Creativos ou o Plambe. Por outra banda, é unha proposta que transcende o centro, xa que promove o uso da bicicleta en familia e as rutas escolares activas. Ao longo destes anos contactouse co Concello de Sarria e coa Deputación Provincial de Lugo para solicitar o arranxo dunha zona próxima ao río para crear unha ruta escolar nun contorno natural.
Pola súa vez, este proxecto colaborou co Plan de hábitos de vida saudables, co Selo de Vida Saudable, co Plan de convivencia e co Plan de acción titorial.
Tamén cómpre dicir que os distintos recoñecementos recibidos nestes anos repercutiron positivamente no proxecto (obtención de bicicletas para o préstamo, adquisición de materiais, cascos, inchadores etc.).
Foi moi interesante compartir este proxecto con outros centros educativos españois e tamén do estranxeiro.
A bibliografía exposta a continuación formou parte da exposición realizada na biblioteca do centro para impulsar a mobilidade sostible.
EDWARDES-EVANS, L., LAGET, S., MCGRATH, A. (2023). La historia oficial del Tour de Francia. Ed. Libros de Ruta.
VV. AA. (2017). Las mejores rutas del mundo en bicicleta. Barcelona: Ed. Geoplaneta.
VV. AA. (2016). Atlas ilustrado de la bicicleta. Madrid: Ed. Susaeta.
WALKER, D. (2017). Ciclismo con (mucho) humor. Madrid: Ed. Libsa.