Eduquemos na igualdade
Alfredo Francisco Bermúdez Grasa, docente de Debuxo
IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño, Ourense)
alfredo.bermudez [at] edu.xunta.gal (alfredo[dot]bermudez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Introdución
Dentro do Departamento de Artes Plásticas do centro, formúlanse diferentes actividades para conmemorar datas, aplicacións prácticas que poden ser postas en común das explicacións na clase ou actividades relacionadas con outros departamentos ou grupos, como pode ser a biblioteca, dinamización da lingua galega... entre outros.
No curso 2023/24, formulouse unha actividade que se puidese relacionar co Día da Muller e na que o centro se puidese identificar cunha imaxe realizada polo alumnado. Desta maneira, traballáronse aspectos como a creatividade, o apoio entre iguais, a posta en común das reflexións do alumnado e un fomento do emprendemento na representación artística.
Desta maneira, preséntanse as artes plásticas como unha das ferramentas máis potentes visualmente para mostrar sensacións e intencións, así como dun formato que permitiu a participación no certame anteriormente nomeado.
Que se quere representar?
Neste traballo, o alumnado busca tratar varias temáticas:
1. A concienciación sobre a igualdade de oportunidades en todas as idades.
2. O dereito ao lecer e ao estudo para todas e todos.
3. As mulleres referentes na sociedade.
1. A concienciación sobre a igualdade de oportunidades en todas as idades
A nosa xuventude cada vez é máis consciente e recibe, ben sexa na súa propia familia ou con referentes das xeracións máis novas, a mensaxe de que calquera persoa, independentemente da súa situación, ten dereito a ter oportunidades para conseguir o tipo de vida que desexe.
Neste caso, o grupo considerou que estas mensaxes deben potenciarse desde pequenos desde un punto de vista positivo, onde o estudo, a formación e o feito de esforzarse sexan o mínimo para poder conseguir aquilo que queiran (boas notas, un traballo satisfactorio, dereito a tempo de ocio…).
Polo tanto, decídese representar neste deseño artístico as distintas etapas desde a idade prenatal ata a idade adulta, buscando en cada acción reproducir situacións diferentes como a aprendizaxe a través do xogo, o estudo ou mulleres que traballan e son referencias na súa profesión.
2. Dereito ao lecer e ao estudo para todas e todos
Neste caso, represéntanse tres figuras:
- Unha bebé que desde o xogo xa está aprendendo, pero sobre todo representa a aquelas que desde pequenas xa deben gozar e que son o futuro da nosa sociedade, ás cales debemos darlles as mellores condicións para que poidan realizarse como persoas.
- Dúas nenas xogando ao fútbol, facendo referencia a un feito actual como a inclusión en deportes que foron practicados principalmente por nenos nos centros e agora cada vez máis elas queren gozar dun xogo e dun deporte que permita a integración e o gozo global.
- O dereito a formarse e que calquera persoa poida realizar os estudos que queira para poder levar a cabo a vida profesional que desexe.
3. As mulleres referentes na sociedade
Neste caso, represéntanse catro figuras:
- Muller técnica: representando unha persoa que exerce nunha profesión (arquitecta, enxeñeira...) nun sector principalmente masculino, onde ela ten responsabilidades e pode levar a cabo os mesmos traballos.
- Muller médico: recoñecendo o labor daquelas que coidan da nosa saúde día a día.
- Muller artista: destacando o labor das profesións creativas e dos oficios.
- Muller educadora: non soamente polas nosas mestras e profesoras, senón polas nosas nais que se preocupan pola nosa educación, traballo e formación.
Neste punto, destaca o papel das docentes, que poden fomentar o desenvolvemento dunha mensaxe de igualdade, representando nun encerado a frase «Eduquemos na igualdade».
Como se realizou este traballo?

Este traballo, proposto polo profesor titor e coa iniciativa do alumnado, foi formulado con postas de puntos en común tanto por elas coma polo profesor titor. Tratáronse as distintas cuestións:
- Como podemos visibilizar as mulleres e que consideramos referencias.
- Que deporte está máis visibilizado e concienciado na procura da igualdade, destacando na actualidade o fútbol feminino.
- Que mensaxe de igualdade debe darse desde o colexio para que todos e todas poidamos concienciarnos ao respecto.
Desta maneira, e tendo en conta que nestes momentos o alumnado de primeiro da ESO está a traballar coa representación de persoas, decídese debuxar siluetas que permitan recoñecer cada unha das temáticas anteriormente tratadas.
A maiores, decídese utilizar unha cor por silueta/personaxe, onde se poida intuír aquilo que representa, pero sen definir o seu rostro, facendo que aqueles que vexan o traballo poidan identificarse coa acción ou coa profesión mostrada.
Finalmente, búscase representar unha harmonización de cores integrando rosa, morado e negro como parte da cor que identifica o Día Internacional da Muller cun encerado onde se escribe o lema como idea principal.
Como remate, o alumnado primou facer un traballo sinxelo, fácil de comprender e de representar, onde as cores sexan as protagonistas en combinación co morado e, sobre todo, se recoñeza que este é un labor de todas e todos.

Conclusións
Como parte do proceso, e valorizando o traballo realizado polo alumnado, decídese participar no concurso de carteis 8M, Día Internacional da Muller. Neste caso, buscábase que o alumnado puidese comprobar que as aprendizaxes obtidas foron valoradas positivamente polo profesorado e que o cartel representa moi ben as intencións dun xeito artístico.
Finalmente, o xurado do concurso recoñeceu o traballo realizado co primeiro premio na súa categoría ao alumnado de primeiro da ESO do IES Manuel Chamoso Lamas. Deste xeito, o alumnado gozou dun día nun acto organizado pola Consellería de Igualdade con actuacións e entrevistas a referentes femininos máis novos, ao mesmo tempo que puideron explicar as súas reflexións e o proceso do cartel realizado.

Un traballo que, a través dunha causa e co esforzo do alumnado, permitiu que a xente nova do IES Manuel Chamoso Lamas levase a percepción da muller ao noso contorno e esta fose reflexo na nosa sociedade galega.
