Voltaremos?
Elisardo López Varela
Brais López Collazo
(docentes)
1. Introdución
Unha lingua é froito da creación dos pobos para se comunicaren e para mostraren a súa identidade.
A nosa lingua milenaria, formada neste recanto peninsular como derivación do latín vulgar traído polos romanos e que posteriormente se foi estendendo cara ao sur e ocupando o actual Portugal e, máis tarde, foi levada polos seus colonizadores ao Brasil, África e Asia, é un idioma rico, coas súas regras gramaticais e cun amplo repertorio léxico que o converte nunha canle capaz de expresar tanto sentimentos como teorías filosóficas ou científicas.
Todos sabemos que nesta altura se acha en dificultades debido á penetración e á influencia do castelán, que a foi substituíndo devagar en moitos sectores. Hoxe o castelán está presente en todos os círculos da sociedade e é unha lingua normalizada, comprendida e falada por todos os habitantes do no noso país. Infelizmente, non lle acontece o mesmo ao galego, que está a sufrir unha situación preocupante pola perda continua de falantes, a pesar da enriquecedora incorporación dun elevado número de neofalantes que, con orgullo, convencemento e resolución, deciden incorporarse á normalización e dinamización do noso idioma.
Ninguén pode negar que unha lingua florece se se transmite desde o berce, de pais e nais a fillos e fillas, e/ou se nos centros de ensinanza en educación infantil e primeiros cursos de educación primaria se instala como lingua vehicular e de aprendizaxe.
Se os falantes e usuarios son importantes e definitorios para este fin, non o é menos para axudar á súa plena normalización o apoio e a comprensión dos poderes públicos e das institucións que dunha maneira ou doutra están relacionadas coa nosa lingua. Os primeiros, lexislando a favor dela (a Constitución española no punto terceiro do seu artigo 3 estabelece que «a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección». E non hai outra forma de protexer un idioma que falalo e escribilo a todos os niveis); as segundas, comprometéndose na súa dinamización e apoio.
Dentro destas institucións ten un valor especial a Real Academia Galega (RAG), como responsábel directa, segundo o mandato que lle outorga a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG 14/07/1983), que na súa disposición adicional única estabelece que «Nas cuestións relativas á normativa, actualización e uso correcto da lingua galega, se estimará como criterio de autoridade o estabelecido pola Real Academia Galega. Esta normativa será revisada en función do proceso de normalización do uso do galego»; e o Real decreto 271/2000, do 25 de febreiro, polo que se aproban os seus estatutos (BOE 55, do 04-03-2000) que estipula no seu artigo 2.º as súas finalidades; entre as que figura a seguinte:
a) Estabelecer as normas referidas ao uso correcto da lingua galega, conforme o disposto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, do Parlamento de Galicia, nomeadamente:
1. A elaboración da norma gramatical, ortográfica e fónica.
2. O inventario do léxico e a proposta dun dicionario de uso.
3. A modernización e actualización do léxico.
Polo tanto, debe deducirse que recae sobre os seus membros no seu conxunto e en particular sobre os compoñentes da súa Comisión de Lexicografía esa responsabilidade.
Non fai falta lembrar que á riqueza léxica dunha lingua contribúe a súa variedade de vocabulario, ben sexa con termos orixinarios ou ben importados. Interesa, iso si, que a xente os empregue e os sinta como seus. Historicamente, o galego leva incorporados termos de practicamente todas as linguas que o rodean, que o precederon ou coas que convive, desde linguas de substrato a linguas de superestrato e a préstamos de diversas procedencias. E na actualidade segue a acontecer o mesmo.
Canta máis variedade terminolóxica posúa un idioma máis rico será e de máis recursos léxicos disporán os escritores para elaboraren as súas obras.
A incorporación e consolidación de termos léxicos é unha constante nos diferentes idiomas. A Real Academia Española, por exemplo, rescata, inclúe ou fai propio calquera termo que se escoite ou se escriba en castelán; semella que non lle importa a procedencia, sexa latinoamericana, inglesa, de creación xuvenil etc. Pronto a incorporan ao seu corpus léxico.
Mais se observamos detidamente o criterio seguido nalgúns casos pola nosa RAG, achamos que o seu modus operandi non é o mesmo.
Dicimos isto porque hai termos galegos que están presentes no idioma, documentados xa desde hai máis de 200 anos, que no presente son utilizados por falantes e escritores e que a RAG non recolle no seu dicionario dixital, dando a sensación de que nos queren indicar que non pertencen ao corpus léxico da nosa lingua.
2. O caso «Voltar»
Esta forma verbal na actualidade está presente —aínda que minoritariamente— na fala. Sen querermos caer na anécdota, por exemplo, o reflexo da súa presenza achámolo «documentalmente» nas camisolas de varios equipos deportivos e nas bandeirolas e pancartas que se enarboran en actos deportivos ao longo dos recintos de todo o país.
Citemos, por exemplo, como significativa a cantidade de veces que aparece o termo nas camisolas (e outros estandartes) dos futbolistas do Celta de Vigo cando voltou a se clasificar para as competicións europeas no mes de maio a finais da temporada 2024/25. Na celebración, os xogadores do club portaban camisolas coa gravación «VOLTAR a EUROPA». Na rede social X, o 5 de xuño de 2025, o futbolista Borja Iglesias escribe: «soñamos con voltar en Europa e alá imos». Así mesmo, o propio club publicitou o Eurocelta coa fotografía de todo o equipo coa mesma lenda: «VOLTAR a EUROPA». Na rede social X obtivo miles de likes e foi reproducido máis de 1000 veces.

Camisola Celta de Vigo
E como sinal inequívoco da súa actual existencia, aínda se pode achar na mesma rede X, o día 18 de setembro de 2025, @MCeleste1923, onde escriben: «Nova canción do @RCCelta con motivo do regreso a Europa. A colaboración é con Hard GZ (@HardGaliza) e o nome é “Voltarei”. O videoclip sairá este venres ás 12:00 h, rccelta.es/gl/club/actual…».
Así mesmo, podemos espreitar as pancartas da xuventude do grupo Riazor Blues no estadio de Riazor, tamén as que aparecen en calquera outro recinto deportivo de Pontevedra, Ourense, Santiago… En Riazor é frecuente ollar a través de bufandas portadas por numerosos seareiros a gravación do lema «VOLTAREMOS», en referencia ao desexo de que o Dépor suba de categoría.
Alén diso, observámola nas bancadas do Club Fútbol Pontevedra recollida en X o 15 de xaneiro de 2025: «A LENDA XA VOLTOU». E tamén a podemos achar o día 15 de setembro de 2025, na rede social X: «Pontevedra CF. Día de partido. Día de voltar a Pasarón». O mesmo acontece en escritos do UD Ourense e doutros clubs.
Son testemuños do seu uso, que reflicten un intento claro da súa normalización na sociedade galega.

Estadio de Pasarón (Pontevedra)
Se fica demostrada a súa presenza actual na sociedade, no pasado —desde o século XVIII até o XXI— podemos achala espallada en numerosos textos conservados de innumerábeis autores.
Xa no século XVIII fora empregada por frei Martín Sarmiento (1746-1770) na «Copla 20», páx. 85, tal como recolle o profesor J. L. Pensado Tomé no seu libro Colección de voces y frases gallegas, edición y estudio por..., publicado pola Universidade de Salamanca en 1970:
Que vêñan, que volten,
a vila, ao eido,
almorzan, merendan,
e failles proveyto
E onde explica: «Que veñan, que volten. Que volten, de volvo, is, volutum, el frecuentativo latino voluto, volutare, y perdida la U: volto, voltare: ‘repetir el volver’», páx. 212); «El verbo botar es más usado y tiene más acepciones en Galicia que en Castilla. Se debe escribir con B y no con V, para distinguirle de votar de voveo, es; y de voltar de volvo, volutum», páx. 371. Tanto aparece en Sarmiento como no comentario de Pensado.
No século XIX, dan testemuño da súa existencia os dicionarios e vocabularios da época. Así:
Francisco Javier Rodríguez (1863), Diccionario gallego-castellano, ed. de Antonio de la Iglesia González, A Coruña: «Voltar: repetir la vuelta ó vueltas. Sarm., port. é ital. id., franc. volter, lat. Volutare». Recolleuna de Sarmiento (século XVIII).
José Manuel Pintos Villar (1865), Vocabulario gallego-castellano, edición de Margarita Neira e Xesús Riveiro, A Coruña, RAG, 2000: «Voltar: volver».
Juan Cuveiro Piñol (1876), Diccionario gallego, Barcelona: «VOLTAR: Repetir la vuelta ó vueltas».
No século XX a súa presenza foi unha constante, como veremos a seguir. Xa no seu primeiro terzo a empregara o académico e fundador da RAG, Florencio Vaamonde Lores, na súa obra Bestas bravas, publicada na Coruña en 1923: «Xa podemos voltar a Portugal, que Don Miguel nos perdoa», páx. 34.
Máis de dous séculos, por tanto, leva este termo entre nós, convivindo co seu sinónimo «volver».
Na constatación documental desta afirmación, por evidentes razóns de espazo, vémonos obrigados a resumir e recortar o número considerábel de autores e de exemplos en que esta forma aparece espallada.
3. «Voltar» en escritores e académicos
Significativa é a súa utilización por varios presidentes da RAG:
ALONSO MONTERO, X. (1969), «Quen é Neira Vilas: esquema en dez tempos», prólogo a Memorias dun neno labrego, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro, 1979 (oitava edición): «¿Qué Galicia dibuxaría Neira Vilas si, como Anteo, voltase á Terra, á realidade concreta de hoxe?», páx. 12.
GARCÍA SABELL, D. (1966), «Esquema de Spranger», páx. 74, Grial, Revista galega de cultura, número 11, xaneiro, febreiro, marzo 1966. Santiago: «Xa recobrado volve a Leipzig e alí vive a derrota de Alemania i a revolución. En 1920 volta para Berlín, despóis de ter refugado o chamamento, en 1917, da Universidade de Viena». E tamén no «Prólogo», en Viqueira, Xohán Vicente, Ensaios e poesías, Vigo: Galaxia (1974): «Por iso Viqueira volta do estranxeiro ainda máis galeguizado do que marchóu», páx. 18.
MÉNDEZ FERRÍN, X. L. (1991), Arraianos, Vigo: Xerais: «noto alguén no cuarto e desexo a Dorinda e coido que vai voltar a desgraza a Lobosandaus», páx. 45; «A súa irmá voltouse contra miña como unha gata de Algalia», páx. 52; «Non querían mais, chegados a non se sabe onde, e voltaron a trepar nunha verea vella», páx. 54; «O rapaz non voltou á vida», páx.174.
SALVADOR LORENZANA (1966), «Reencontro con Baudelaire», Vigo, Grial, Revista galega de cultura, número 11, xaneiro, febreiro, marzo 1966, páxs. 78-82: «en voltar polas vías do ensoño cara un mundo acalmado e de orde; “non o home que soio anceia voltar a ser neno».
A eles sumamos importantes e egrexios escritores, moitos deles académicos, con recoñecido prestixio e criterio de autoridade nas nosas letras:
ALCALÁ, X. (1988), Voltar, Vigo: Galaxia. Xa se reflicte no propio título do libro.

ÁLVAREZ GALLEGO, G. (1959), Eufonía. Pubricación periódica de circulación intercontiñental antre os galegos, núm. 1, Bós Aires. Edición facsimilar de Luís Alonso Girgado, María Cuquejo Enríquez e Manuel Quintáns Suárez, Xunta de Galicia, 2005: «facía que as xentes voltasen a testa ó seu paso», páx. 24.
BLANCO-AMOR, E. (1972, 1985, cuarta edición), Xente ao lonxe, Galaxia: Vigo: «que a señora Andrea non quixera voltar (¿pra ónde?)», páx. 40; «todos os mamóns voltaban á xogueta, e perdían», páx. 42; «e voltóu a chamala», páx. 69; «que se fora casada a Buenos Aires e voltara viuva sin fillos e sin un ollo», páx. 76; «que xa podía voltar», páx. 78; «que moitos días voltaba do traballo esmorecida de todo», páx. 81; «e que voltáramos de contado», páx. 102; «e voltar ao meu ser», páx. 146; «E voltéi da galeiría», páx. 147; «desque voltara de Cuba», páx. 155; «voltamos á sáa do comezo», páx. 170; «Cando voltéi da cociña coa vasoira erguida», páx. 178; «e voltóu o buraco do torno», páx. 189; «voltóuse pra min», páx. 190; «o domingo voltaríamos ao mosteiro de Usaira», páx. 237; «ou millor dito que non voltasen», páx. 249; «e obrigados a voltar», páx. 250; «Eisí voltaban pra a súa insinificancia», páx. 298; «Os rapaces tencionaban voltaren de contado», páx. 303; «e recoñecéndose vellos en demasía pra voltar», páx. 304; «cando voltaron dixo o Pedro que nos agardaba acima», páx. 307; «ou agardar catro anos pra voltar a velo», páx. 318.
CARBALLO CALERO, R. (1971), 4 pezas. A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro, Vigo: Galaxia: «non falla un día de voltar a tentar a sorte», páx. 119; e na Historia da literatura galega contemporánea. 1808-1936, (1981), Vigo: Galaxia, terceira edición: «Voltamos a atopar nil a muller asoballada…», páx. 482.
CARRÉ ALVARELLOS, L. (1918), «Os segadores», artigo publicado en Aurora, revista informativa-literaria, núm. 2, Villalba, Lugo, enero 1919: «¡Un máis que non voltaba para súa casa! ¡Mal pocado!», e en Gramática gallega, A Coruña: Editorial Moret (1967), falando dos participios, aparece «voltar» ao lado de «volver»: «voltar-voltado-volto».
CUNQUEIRO, Á. (1968), Merlín e familia, Vigo: Editorial Galaxia, segunda edición, páx. 58: «Ambos miráronse longamente, i a rapariga, voltando ao acougo da pintada seda, púxose colorada».
FERNÁNDEZ OXEA, X. R. (1959), Eufonía. Pubricación periódica de circulación intercontiñental antre os galegos, núm. 2, Bós Aires. Edición facsimilar de Luís Alonso Girgado, María Cuquejo Enríquez e Manuel Quintáns Suárez, Xunta de Galicia, 2005: «i o mozo ó voltar da feira», páx. 18.
FERREIRO, C. E. (1975, primeira edición 1955), O soño sulagado, Madrid: Akal editor, Coleución Arealonguiña: «Pasaban de ruada os fortes mozos // que voltaran da guerra tan contentes», páx. 9; «Un día voltaréi, nativa, terra», páx. 17.
FOLE, Á. (1958), Pauto do demo, Buenos Aires: Editorial Citania: «Sal a Subela e volta c-un fachuco de pallas», páx. 34; «Atende ós parroquianos, que nos voltaremos loguiño», páx. 35.
GONZÁLEZ LÓPEZ, E. (1959), «As cantigas de amigo i o misterio da vida», en Eufonía. Pubricación periódica de circulación intercontiñental antre os galegos, núm. 1, Bós Aires. Edición facsimilar de Luís Alonso Girgado, María Cuquejo Enríquez e Manuel Quintáns Suárez, Xunta de Galicia, 2005: «todas as cousas perden súa individualidade pra voltar á unidade primitiva», páx. 16; «temos a obriga de voltar a emprender o camiño da creación poética», páx. 16.
MANUEL MARÍA (1959), Eufonía. Pubricación periódica de circulación intercontiñental antre os galegos, núm. 2, Bós Aires. Edición facsimilar de Luís Alonso Girgado, María Cuquejo Enríquez e Manuel Quintáns Suárez, Xunta de Galicia, 2005: «i as cousas vóltanseme craras», páx. 9.
NEIRA VILAS, X. (1969), A muller de ferro, Vigo: Galaxia: «Os homes voltaban cansos da feira», páx. 11; «cada movemento voltou ó seu», páx. 25; «Moitos deles caíron e erguéronse e voltaron a caír», páx. 43; «e dempóis voltar ó seu recanto», páx. 47; «Os tres irmaos voltaron prá casa», páx. 61; «Coa navalla voltóu a esnicar nas beiras», páx. 68; «Cansouse axiña e voltóu a sentarse», páx. 68; «fíxoo voltar ó comenzo», páx. 68; «Entramentras, voltóu a chegar a noite», páx. 68; «E elas voltaban a fundirse na escuridade», páx. 85; «A vida foise voltando un angurioso atafego», páx. 86; «Dempóis, volta a escurecer», páx. 91; «Coma se non quixese voltar a saír o sol», páx. 99;
«Compre vixialo pra que non volte a erguerse», páx.113.
En 1980 aparecen casos na novena edición de Memorias dun neno labrego, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro: «Erguinme de súpeto, pero volteime a anagar», páx. 31; «se meu pai me voltaba a soscar», páx. 31; «dende que voltóu do servicio», páx. 41; «Voltéi pra casa chorando», páx. 84; «Voltei a mirar pra o río», páx. 95; «Aquela tardiña voltaba eu do prado», páx. 120; «A secura da gorxa voltóuseme acedume», páx. 121; «Caín dúas veces e voltéime a erguer súpetamente», páx. 124; «Manolito xa voltóu», páx. 130.
OTERO PEDRAYO, R. (1929), «Prosas galegas. Entre Sahagún e Monforte», Eco de Galicia, Revista gráfica y de información regional, ano XIII, número 352, La Habana, 20 de septiembre de 1929: «Voltaba us días a Galiza despois de moitos anos…».
En 1930, «Unha hestoria vulgar», Eco de Galicia, Revista gráfica y de información regional, ano XIV, número 355, La Habana, 1 de enero de 1930: «Ningún d-eles voltará».
En Arredor de sí (1970, segunda edición; 1930, primeira edición), Vigo: Galaxia: «Sadisfeito voltaba á cátedra e aos paseios voluntarios pola Moncloa», páx. 26; «Sobre todo cando voltaba dun viaxe a Toledo pra ouvir as campás», páx.30; «Non quixo voltar a Ourense», páx. 47; «Voltar a un cristianismo sinxelo», páx. 49; «deseguida se voltaba protesta demoníaca», páx. 119; «Toda aitividade vóltase tinxida da agricultura», páx. 126; «Voltaría pra estudar o ensino secundario da Filosofía», páx. 127.
Inclusive, o seu emprego tamén o achamos na lapela do libro, no comentario do editor da edición de 1970: «Naquel outono no que Adrián Solovio volta ao fogar nativo».
PENA, X. R. (1986), Literatura galega medieval I. A história, Santiago: Sotelo Blanco: «tamén sempre ha voltar onde nós», páx. 175.
RICÓN, A. (1981), Eduardo Pondal. Colec. Conciencia de Galicia. Galaxia: «Pero voltóu Fernando VII pra anular as liberdades concedidas polas Cortes de Cádiz».
TORRES, X. (1959), «Triloxía da terra», en Eufonía. Pubricación periódica de circulación intercontiñental antre os galegos, núm. 1, Bós Aires. Edición facsimilar de Luís Alonso Girgado, María Cuquejo Enríquez e Manuel Quintáns Suárez, Xunta de Galicia, 2005: «Cando sexas maor xa terás tempo // e voltarás sen présas cara a casa».
VARELA JÁCOME, B. (1973), Singraduras da narrativa galega de Castelao a Neira Vilas, Colección Ronsel, Editorial Librigal, Cubierta de Rodrigo Porral, La Coruña: Impr. Moret, M. de Amboage, 16, emprega a forma «voltar». Observemos, por exemplo, a páx. 12: «Con Esceas da terra e Todo mal é comenzar, de Manuel Barros Arbones voltamos á Galicia vilarenga e campesina», ou a páx. 19: «volta á terra pechado ca anguria do seu fracaso».
VÁZQUEZ, D. (1959), Eufonía. Pubricación periódica de circulación intercontiñental antre os galegos, núm. 2, Bós Aires. Edición facsimilar de Luís Alonso Girgado, María Cuquejo Enríquez e Manuel Quintáns Suárez, Xunta de Galicia, 2005: «¡Vóltamos prá chousa!», páx. 12.
VILLAR PONTE, A. (1930), no prólogo ao libro de Xosé Lesta Meis, Abellas de ouro, A Cruña: Nós Pubricazóns Galegas e Imprenta, escribe: «que Cristo levaría na sua compaña si voltase ô mundo…».
VIQUEIRA, X. V. (1974), Ensaios e poesías, Vigo: Galaxia: «Estes representantes dos ruinosos tempos que non voltarán, tamén dín que o noso movimento é antihespañolista», páx. 99.

UD Ourense Noticias
15 días para voltar! UD Ourense – Monterrei CF: VOLTA a febre da Copa
4. «Voltar» en gramáticos e investigadores
A esta exemplificación literaria podemos acrecentar a de prestixiosos gramáticos e investigadores:
Xa en Gallego 1, do Instituto da Lingua Galega (1975, terceira edición), Secretariado de Publicaciones da Universidad de Santiago, Salamanca: Gráficas Europa, no apartado «Vocabulario castellano-gallego», inclúen «volver: volver, voltar», chegando mesmo a sinalar o «o» aberto na pronuncia desta forma.
O lingüista e académico da RAE, Guillermo Rojo, no seu traballo «Perífrasis verbales en el gallego actual», publicado en Verba, Anejo 2, Universidade de Santiago de Compostela, 1974, que como indica na nota preliminar «el presente trabajo tiene por objeto el estudio y la descripción del sistema perifrástico verbal gallego», recolle, como é lóxico, a perífrase verbal «voltar+a+infinitivo», clasificándoa, na páxina 70, como unha construción da categoría aspectual e do tipo reiterativa, ao lado de «volver (a)+infinitivo».
Posteriormente, na páxina 150, volta a recoller «voltar+a+infinitivo» e acompáñaa a seguir cunha serie de exemplos da nosa literatura:
También «voltar», que coexiste con «volver» en su uso independiente, puede servir como auxiliar para la expresión de la modalidad de acción reiterativa:
«Eu xa non voltarei a baixar á praia» (A orella, 43). (Refírese a A orella no buraco de M.ª Xosé Queizán). «Foi o meu único amigo, o meu único confidente. Non voltei a falar con ninguén» (A orella, 17).
«E Tains (…) que nascéu para cobexar a un bohemio, e voltóu a nascer por segunda vez (…)» (Tains, 19). Memorias de Tains de G. R. Mourullo.
«Voltei a dicirlle: “Se és unha ialma en pena dime o que podo facer para salvarte.”» (Os vellos, 90). Os vellos non deben de namorarse de Castelao.
«Pero cada noite esmorecía a espranza que voltaba a xurdir pola mañán» (X. no rodicio, 33). Xente no rodicio de Neira Vilas.
«Esculcaba e voltaba a esculcar, escadriñaba e voltaba a escadriñar o cabaleiro (…)» (A xente, 73). A xente na Barreira de Ricardo Carballo Calero.
O catedrático da Universidade da Coruña, Xosé Ramón Freixeiro Mato (2009) fai fincapé na utilización de «voltar» como auxiliar das perífrases verbais. Así, en Lingua de calidade, Vigo: Xerais (páxs. 95-96), escribe:
Dentro das perífrases especificamente reiterativas, en contra da tendencia crecente á utilización de volver (a) + infinitivo como prototípica, acho que se debería dar preferencia a voltar a + infinitivo, pois é a que, sendo plenamente galega, mellor reforza a autenticidade do idioma e a súa incardinación no sistema lingüístico propio (Voltou a facer o mesmo); a meu ver, en todos os casos o uso de voltar debería priorizarse sobre volver.
En conclusión, a correcta utilización da perífrase ter + participio, a potenciación de voltar a + infinitivo e de ter de + infinitivo, e a diferenciación entre deber + infinitivo e deber de + infinitivo, ben como o uso da preposición a como elemento de enlace nas perífrases que así o exixiren (comezou a soar, chegou a dicir), son trazos que contribúen para un galego de calidade e con futuro.
Así mesmo, na súa Gramática da lingua galega II. Vigo: A Nosa Terra (2000), páxs. 461-462, volta a incidir no mesmo:
Reiterativas. Expresan a repetición dunha acción. Para alén do valor perfectivo-reiterativo de ter+participio, as perífrases reiterativas por excelencia en galego son volver (a)+infinitivo e voltar (tornar) a+infinitivo.
Voltar (tornar) a + infinitivo: neste caso, e sen mudar o seu significado a respeito da anterior (refírese a volver+infinitivo), a presenza do elemento de enlace é polo xeral constante: «Cando vos oio tocar, // campaniñas, campaniñas, // sin querer torno a chorar» (Rosalía, CG 65); «Pro en canto o desapartaba voltaba a chorar, virando os ollos para min o condanado» (Blanco-Amor, XL, 124). Xente ao lonxe, Galaxia, Vigo, 1976; «Pro ninguén voltou a ollala dende o día que chegaran» (Blanco-Amor, AE 37). A esmorga, Galaxia, Vigo, 1978.
Así mesmo, ÁLVAREZ, R., REGUEIRA, X. L., MONTEAGUDO, H. (1986), na Gramática galega, Vigo: Galaxia, no apartado dedicado ás perífrases reiterativas, expón que «a perífrase máis importante é volver + infinitivo», mais no apartado seguinte (perífrases incoativas), na mesma páxina 416, inclúen o seguinte exemplo: «Voltou o home para a casa, e como todo o que lle pedía ó anel todo llo daba, deu en ir para arriba que non había máis que ver».
5. «VOLTAR» en dicionarios e vocabularios
Alén dos citados anteriormente, esta forma áchase documentada en vocabularios e dicionarios de diferentes épocas e autores. Así:
AGUIRRE del RÍO, L. (1858), Diccionario del dialecto gallego, ed. de Carme Hermida Gulías, CSIC-IPS, 2007: «Voltar: Repetir la volta».
ALONSO ESTRAVÍS, I. (1986), Dicionário da língua galega, tomo III, Madrid: Alhena Ediciones. Aparece recollida esta forma e ao final indica a súa orixe: «lat. *voltare, por volutare». Como verbo intransitivo (10 acepcións), transitivo (sete acepcións) e reflexivo (5). Tamén recolle varias locucións, páx. 2676.
CARRÉ ALVARELLOS, L. (1928-1931, primeira edición): Diccionario galego-castelán, A Cruña: Lar: «Voltar: Volver. Dar vuelta o vueltas a una cosa. V. virar». Na segunda edición de 1933; na terceira de 1951 e na última de 1979 acrecentoulle tamén a significación de ‘repetir, regresar, restituír’.
FILGUEIRA VALVERDE, X., TOBÍO FERNANDEZ, L., MAGARIÑOS NEGREIRA, A. e CORDAL CARÚS, X. (1926): Vocabulario popular galego-castelán (publicado por entregas en El Pueblo Gallego): «VOLTAR: Volver. Girar. Devolver. Restituir. Retornar. Regresar. Repetir. Voltear».
FRANCO GRANDE, X. L., Diccionario galego-castelán e Vocabulario castelán-galego, Vigo: Editorial Galaxia, sexta edición, dá entrada a «Voltar: Dar vuelta o vueltas a una cosa // Regresar // Restituír // Repetir // VIRAR», páx. 841. No vocabulario aparece o castelán «volver» traducido por «volver, voltar, virar». Nas edicións anteriores figuran tamén todas estas entradas.
GONZÁLEZ, I. e outros (2000), Dicionario italiano-galego, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Centro Ramón Piñeiro: «Voltare… Virámo-lo barco para voltar á beira», páx. 601.
IBÁÑEZ FERNÁNDEZ, J. (1950): Diccionario galego da rima e galego-castelán, Madrid: «Voltar: Volver. Restituir. Regresar. Repetir».
PORTO REY, F. (1900): Diccionario gallego-castellano, ed. de María Xesús Bugarín e Begoña González Rei, A Coruña, Real Academia Galega, 2000: «Voltar: Repetir la vuelta o vueltas».
RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, E. (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Vigo: Galaxia: «Voltar: dar vuelta o vueltas a una cosa. Regresar, Restituír, Repetir. Virar».
Finalmente, aparece recollido no dicionario de sinónimos do ILG, co significado de ‘tornar regresar, retornar, volver’. E tamén no ALGa (Atlas lingüístico galego, mapa número 239, volume V, páxina 403) achamos voltar e indícase o seu significado: ‘volver’. Así mesmo, consultamos o tradutor Gaio da Xunta o día 25 de maio de 2025 e aparece voltar, coa correspondente tradución castelá «volver».
6. Conclusión
Como podemos observar, os nosos escritores (Blanco-Amor, Carvalho Calero, Álvaro Cunqueiro, García-Sabell, Neira Vilas, Otero Pedrayo e tantos outros), anteriores á autocensura, utilizaron habitualmente o termo «voltar», polo que podemos deducir que a maioría escribiría segundo ouvían falar a xente.
Na actualidade, ao non aparecer recollida no dicionario da RAG, os autores autocensúranse e usan repetidamente como única forma «volver», a pesar de que a Academia non «prohibe» o seu uso. Isto vai en detrimento da riqueza léxica de calquera obra creativa. Para testemuñar isto, atrevémonos a citar, por exemplo, a segunda novela do escritor Josiño Araújo, San Meteoro, publicada por Xerais en 2025, ou a obra Coa man esquerda de Xabier Quiroga (Xerais, Vigo, 2023), onde os autores decidiron prescindir da forma «voltar» e empregar constantemente «volver».
A consecuencia dese criterio é o empobrecemento do noso léxico. Deste xeito, pode acontecer que, pasado un tempo, as novas xeracións cheguen a considerar que se trata dun termo alleo ao idioma. E será nesa altura cando a RAG poida chegar a decidir suprimilo do vocabulario galego. Ducias e ducias de termos do tipo hándicap ‘desvantaxe, inconveniente’, round ‘asalto’, zalapastrán ‘baldeo, badanas’; Weltanschauung, alemán ‘visión do mundo’ e tantos outros, gozan da aceptación da Academia, mentres voltar se acha esquecido.
Lembrando a frase atribuída ao poeta británico Alexander Pope (1688-1744), «Errar é humano, perdoar é divino, rectificar é de sabios», aproveitamos para solicitar á RAG que reflexione e que inclúa no dicionario este termo que, alén dos ambientes populares, está presente hoxe nos sectores máis cultos da sociedade.

Riazor, RC. Deportivo da Coruña