Unha aproximación competencial ao estudo histórico das mulleres
Raquel Iglesias Estepa, profesora de Xeografía e Historia. Doutora en Historia Moderna
IES Xelmírez I (Santiago de Compostela - A Coruña)
raqueliglesiasestepa [at] edu.xunta.gal (raqueliglesiasestepa[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Introdución
O novo enfoque competencial do bacharelato e da Historia de España abre oportunidades e posibilidades para crear escenarios de aprendizaxe innovadores a través dos cales alcanzar os obxectivos da materia recollidos no Decreto 157/2022 e traballar os seus contidos. Neste artigo recollemos a experiencia dunha proposta didáctica levada a cabo co alumnado de segundo de bacharelato coa finalidade de traballar o obxectivo 7: «Incorporar a perspectiva de xénero na análise da España actual e da súa historia, a través da contextualización histórica de fontes literarias e artísticas e a investigación sobre o movemento feminista, para recoñecer a súa presenza na historia e promover actitudes en defensa da igualdade efectiva entre mulleres e homes»; así como contidos relativos á crítica de fontes, o traballo dos historiadores e historiadoras, a historiografía e a metodoloxía histórica.
En concreto, a través da actividade proposta pretendiamos que o alumnado:
- Se achegase á realidade social da muller galega de finais de Antigo Réxime a través do estudo da súa presenza na documentación xudicial.
- Descubrise unha faceta descoñecida do mundo feminino que contribuíse a completar a imaxe da muller do século XVIII e inicios do XIX.
- Reflexionase sobre a imaxe da muller que se transmite na documentación histórica da época, así como na súa infrarrepresentación.
- Tivese a posibilidade de construír o seu propio coñecemento histórico a través de fontes documentais innovadoras (previamente seleccionadas).
- Coñecese tendencias e métodos de investigación histórica actual.
- Consolidase actitudes de tolerancia e compromiso coa defensa da non violencia, a xustiza, a liberdade...
Metodoloxía
A maneira de abordar os obxectivos anteriormente mencionados consistiu en dedicar tres sesións lectivas para afondar na presenza da muller na criminalidade rexistrada en Galicia a finais do Antigo Réxime. O título e a estrutura da proposta didáctica eran os seguintes:
Muller e criminalidade: as dificultades das mulleres para defenderse dos seus agresores no século XVIII.
- Importancia do estudo da criminalidade como fonte de coñecemento da sociedade.
- Principais fontes de estudo da criminalidade na Idade Moderna (protocolos notariais e expedientes xudiciais).
- Traballo dunha selección documental por parte do alumnado co fin de coñecer os fontes documentais de primeira man e extraer información esencial destas.
- Exposición, co apoio dunha presentación, das principais conclusións sobre a presenza feminina na criminalidade galega de finais do século XVIII tanto no seu papel de vítima coma no de delincuente.
- Debate do alumnado, moderado pola docente, sobre a imaxe das mulleres proxectada polas fontes, a situación social da muller na época, a evolución histórica do concepto de crime, os cambios e permanencias nos comportamentos etc.
Por que estudar a criminalidade?
Nesta parte da actividade, a docente fixo reflexionar o alumnado sobre as seguintes cuestións:
- A conflitividade de carácter penal é unha forma de expresión habitual das tensións xeradas nas comunidades (forma parte da convivencia diaria na actualidade e ao longo da historia).
- O crime e os mecanismos empregados para reprimilo permiten comprender:
- As relacións sociais (quen demanda a quen)
- O sistema mental (que comportamentos se consideran delito e cales non)
- O funcionamento das institucións xudiciais do pasado (a cales se recorre máis, cales aplican sentenzas máis duras)
- O grao de desenvolvemento económico, social, cultural e político da poboación obxecto de estudo (a cada época correspóndelle un tipo de criminalidade).
Muller e criminalidade na Galicia de finais do Antigo Réxime
Algunhas aclaracións previas...
- Os datos expostos neste traballo proceden do estudo da criminalidade e da súa represión na Galicia de finais do Antigo Réxime, nomeadamente a antiga provincia de Santiago e a xurisdición de Noia entre 1700 e 1834.
- A fonte xudicial non permite coñecer a criminalidade real, senón simplemente a rexistrada, denunciada e/ou xulgada (dark figure ou cifra negra da impunidade).
- Na época, acudir aos tribunais é o derradeiro mecanismo para solucionar un conflito («os preitos son longos e custosos e as súas conclusións incertas»).
- Máis habitual é recorrer á infraxustiza ou paraxustiza (a vinganza, o ruxe-ruxe, a reconvención por parte de familiares, amigos, veciños, líderes comunitarios eclesiásticos ou segrares, os convenios ou acordos escritos ante notario...).
- A fonte de estudo esencial foron os protocolos notariais, en concreto os poderes para preito: vía de coñecemento do «nivel cero» dos procesos xudiciais.
O crime nos poderes para preito



Categorías e tipos de delitos nas fontes consultadas
Principais conclusións sobre as mulleres e a criminalidade galega de finais do Antigo Réxime
- Na Galicia de finais do Antigo Réxime, a criminalidade é fundamentalmente masculina (igual ca na maioría de países europeos).
- Nos ámbitos estudados, os homes supoñen o 78,14 % dos demandantes e o 85,35 % dos acusados.
- Sorprende a escasa participación das mulleres nas protestas de tipo xudicial se temos en conta que a ratio intersexual M/V 16-40 anos en 1787 é 1,22 en Santiago e 1,20 en Noia (A. Eiras Roel, 1996) como consecuencia da:
- Maior mobilidade dos varóns (emigración, matrícula do mar).
- Maior taxa de mortalidade destes.
- A infrarrepresentación das mulleres como demandantes atende á súa dependencia xurídica e económica do home.
- Debe contar coa colaboración do home para levar a cabo unha demanda xudicial.
- A lei establece que só poden acudir por si mesmas as viúvas e «solteiras con casa aberta», tamén as esposas de emigrantes ou varóns momentaneamente ausentes (desaparecidos, presos, incapacitados) logo da licenza marital ou xudicial.
- A maioría destas mulleres concéntranse nos núcleos urbanos (cidades e vilas).
- A taxa de participación feminina como demandante en causas de tipo penal nos ámbitos estudados é comparable aos niveis doutras áreas europeas coetáneas (15 % nas zonas rurais e 20 % nas urbanas).
Como vítimas, as demandas femininas teñen que ver esencialmente coa defensa do honor:
- Estupro: ultraxe por embarazo baixo promesa de matrimonio.
- Inxurias contra a súa castidade e conduta sexual.
- Violencia física habitualmente acompañada de insultos de carácter sexual.
Teñen escasa presenza de denuncias por:
- Maltrato doméstico.
- Violencia sexual.

O estupro fai referencia ao mantemento de relacións carnais baixo promesa de matrimonio. A ruptura do compromiso nupcial afecta:
1º. Á muller: perde o seu honor e pode ser obxecto de novos ataques sexuais por parte doutros varóns da comunidade.
2º. Ao seu proxenitor: responsable directo da súa conduta/ofensa á súa autoridade.
3º. Á Igrexa: transgresión ao carácter sagrado da unión matrimonial. É un pecado mortal nos manuais de confesión da época.

O estupro denúnciase ante a xustiza só en caso de embarazo (proba do pecado). A ausencia de testemuñas que demostren a existencia de compromiso matrimonial previo á relación sexual dificulta a defensa da muller. En consecuencia, o éxito da demanda depende da capacidade da vítima de lle demostrar ao maxistrado a súa honestidade. Nas fontes estes relatos son estereotipados, pois responden ao seguinte esquema:
- Muller nova vítima dun sedutor sen escrúpulos.
- Insistencia na súa castidade.
- Resistencia inicial ás intencións do varón.
- Acaba cedendo debido á debilidade propia do seu sexo e sempre baixo promesa de matrimonio.
- Fidelidade ao seu amante durante o tempo que durou a relación.
- Abandono do home unha vez que se produce o embarazo.
A defensa da vítima fundaméntase na súa reputación dentro da comunidade, polo que na documentación son habituais expresións do tipo: «Pobre doncella honesta y recogida, quieta y sosegada, que vivía casta y honestamente sin dar nota ni escándalo a ninguna persona bajo la tutelar obediencia de mi padre». «Jamás ha sido notada ni murmurada».
A defensa do acusado consiste en contradicir a versión dada pola demandante (relato estereotipado):
- Consentimento da suposta vítima.
- Protagonista dunha vida libertina e promiscua («Tiene frequencia con diversos sugetos permitiéndoles la entrada en sitios y oras sospechosas»).
- Presentarse el mesmo como vítima da muller (excepción).
O dereito canónico e criminal establecen como pena desposar ou dotar a vítima. A indemnización económica foi a solución maioritaria (análoga á recibida no caso de voda e acorde coa posición social da «desflorada»):
- Restaura os danos morais causados á vítima e á súa familia.
- Satisfai necesidades materiais en caso de descendencia.
- Evita o inconveniente de alianzas matrimoniais entre persoas de distinto nivel social.
As dificultades para coñecer a verdade dos feitos pola reiteración e estereotipia das probas presentadas polas partes leva a tres posibles opcións:
1. A promesa de matrimonio pode ser o argumento de certos homes para conseguir favores sexuais.
2. O consentimento do trato carnal podería tratarse dunha estratexia empregada por mulleres sen esperanza de casar para obter un descendente que as asista na vellez.
3. O consentimento do trato carnal sería a estratexia utilizada por rapazas de baixo status social para forzar un matrimonio ou, cando menos, un dote que lles permita entrar no mercado matrimonial en condicións económicas favorables.
O estudo do estupro nas fontes notariais e xudiciais demostra a tolerancia e permisividade da sociedade galega de finais do Antigo Réxime cara ás relacións prematrimoniais debido tanto ao desequilibrio da ratio sexual (especialmente nas zonas de forte emigración) coma ás dificultades de contraer matrimonio en contextos de endurecemento das condicións de vida (que teñen lugar segunda metade do século XVIII). Neste sentido, dous indicadores da actitude aberta e comprensiva da poboación galega da época son o progresivo descenso da persecución por vía xudicial dos comportamentos sexuais «desviados» e o feito de que numerosas nais solteiras contraen matrimonio posteriormente con homes da veciñanza (entre o 5,6 % e o 8,4 % na Galicia occidental de 1750-1800 segundo ten demostrado Isidro Dubert, 1991).
Polo que respecta aos casos de malos tratos de palabra ou inxurias, as fontes non permiten coñecer con detalle os insultos proferidos, pois adóitase recorrer á seguinte fórmula: «ser objeto de palabras denigrativas, indecentes, desconcertadas y mal sonantes ofensivas a su crédito, buena fama y opinión y que no caben en su cualidad». Cando se explicitan, o vocabulario é estereotipado e, no caso das mulleres, céntrase case en exclusiva na súa actitude sexual: «puta», «alcahueta», «sorregeira», «querida de solteros y casados».
Polo tanto, o honor feminino asóciase a valores específicos relacionados coa honestidade, o recato, a castidade e o matrimonio. Da moral sexual da muller dependía non só a súa reputación senón a de toda a súa familia (de aí, a obriga dos parentes masculinos de defender a honra das mulleres da súa casa, acusados indirectamente de non exercer un suficiente control sobre a sexualidade feminina).
En canto aos malos tratos de obra ou lesións, adoitan derivar da defensa do honor, a propiedade e os dereitos de uso. No caso das mulleres, normalmente maltratan as súas iguais (non a homes). Ademais, adoitan non ser premeditados nin gratuítos, mais si espontáneos. Na maioría dos casos teñen lugar a plena luz do día. Comprobamos que as fontes fan unha descrición estereotipada das circunstancias do enfrontamento para demostrar o inxustificado do maltrato recibido.
Un caso especial de malos tratos sería o referido ao maltrato doméstico, pero só un número moi reducido de casos chega ata os tribunais debido a varias razóns:
- Dificultades xurídicas e económicas das maltratadas para presentarse ante o xuíz.
- Igrexa, dereito e sociedade recoñecen a autoridade do pater familias na súa casa e o seu papel como corrector dos seus subordinados (muller, fillos, criados).
- Dependencia económica con respecto ao maltratador, administrador do patrimonio da muller.
- A familia protexe a súa intimidade e o seu honor: en caso dunha eventual condena do maltratador, esta afecta á reputación da muller e dos fillos.
- A denuncia ante a xustiza non garante a condena do agresor: a lexislación réxese polos principios patriarcais de suxeición ao marido en termos de inferioridade e obediencia.
- Capacidade de intimidación do agresor: ameazas, medo a represalias...
O maltrato doméstico pode exercerse en sentido descendente, isto é, do pai ou patrón cara aos fillos e fillas ou criados e criadas. Xustifícase polo deber deste de disciplinar os integrantes da casa se contestan a súa autoridade ou se a actitude dos seus dependentes é contraria ao honor e reputación familiar. Tamén pode ser exercido en sentido horizontal, é dicir, do marido sobre a muller, en caso de:
- Suposta infidelidade da muller.
- Desatención e descoido das tarefas domésticas.
- Descoido dos fillos.
- Falta de respecto.
- Ausentarse sen permiso.
- Desobedecer as ordes dadas.
- Negarse a manter relacións sexuais.
- A muller ser un obstáculo para a vida extramarital do esposo.
Cómpre dicir que na sociedade da época existe tolerancia cara a este comportamento e crítica no caso de non exercer a violencia correctiva (o marido que non disciplina é obxecto de accións de escarnio colectivas).
Os mecanismos de defensa da vítima poden ser:
- Abandonar o fogar conxugal e refuxiarse na casa dalgún familiar (existe posibilidade de represalias).
- Intervención da comunidade, xa que a veciñanza coñece con detalle a vida dos seus integrantes debido aos baixos niveis de intimidade familiar e saben diferenciar perfectamente entre a violencia «disciplinadora» (admitida) e a violencia despótica (condenada), que vén marcada polo escándalo.
- Corrección infraxudicial a través do ruxe-ruxe, a amoestación do párroco, os notables ou «homes bos», algaradas nocturnas... (as denuncias ante a xustiza poñen en dúbida a eficacia destas solucións).
- Denuncia ante a xustiza polo cura párroco, o procurador público ou o mordomo pedáneo (representantes da voz pública).
En calquera caso, nin dereito, nin Igrexa, nin sociedade amparan a muller maltratada física ou psicoloxicamente polo seu home, polo que é habitual a súa submisión e autocensura co fin de evitar a violencia do cónxuxe.
Na documentación notarial e xudicial son excepcionais as demandas por agresión sexual (enorme cifra negra). A vítima inhíbese de levar o caso ante a xustiza para evitar danos no honor propio e familiar. A apertura dun preito supón a publicidade do delito, é dicir, o coñecemento da deshonra da muller por toda a comunidade. Ademais, o seguimento do proceso obriga a muller a someter á investigación dos xuíces a súa moralidade, pois a súa inocencia depende en exclusiva da súa capacidade de demostrar a súa virxindade/castidade. Porén, a sociedade, a Igrexa e a xustiza da época poñen en dúbida a total ausencia de culpabilidade por parte da muller que denuncia ser obxecto dunha agresión sexual e, ao facelo, corre o risco de ser difamada, pois os agresores adoitan recorrer á difamación para evitar a condena. Noutros casos, a denuncia é imposible ao depender a vítima económica ou afectivamente do agresor (que é o seu patrón ou familiar). Aínda así, atópanse referencias a agresións de tipo sexual nas acusacións de maltrato e estupro, xa que moitas delas remiten a situacións de acoso sexual.

O acoso sexual era una realidade cotiá para as mulleres galegas de finais do Antigo Réxime e a súa fraxilidade e vulnerabilidade era maior canto maior fose a dependencia respecto do agresor. O caso máis frecuente na documentación xudicial manexada é o abuso sexual sobre a criada, que presenta o seguinte modelo:

Cadro-resumo do patrón de acoso sexual
As mulleres como delincuentes están máis infrarrepresentadas nas fontes ca como demandantes. As posibles explicacións son as seguintes:
- Os actos delituosos protagonizados por mulleres refírense maioritariamente á súa moral sexual (adulterio, incontinencia, ilexitimidade....) e probablemente serían xulgados en tribunais de carácter eclesiástico.
- Os privilexios dos matriculados do mar son extensibles ás súas esposas e fillas, e posúen instancias de xustiza propias.
- A crenza das autoridades civís e eclesiásticas, así como do pobo, na suposta inferioridade de entendemento das mulleres: son denunciadas menos ao considerar as súas ofensas como de «carácter menor» (só o 12,77 % das denuncias realizadas por homes inculpan a muller).
- A menor participación na criminalidade é unha consecuencia do sistema patriarcal no que están inmersas (papel social e económico máis limitado ca o dos homes). Proba disto é que os maiores niveis de delincuencia feminina se dan nas cidades e vilas, onde desenvolven un papel máis dinámico e son obxecto de maior vulnerabilidade.
O patrón criminal feminino coincide co masculino, aínda que as súas ofensas revisten menor gravidade. Cando protagonizan malos tratos de obra e de palabra, golpean e inxurian para protexer o seu honor, os focos onde exercen a violencia son restrinxidos (é dicir, non agriden nas tabernas ou nas feiras, como fan os homes) e adoitan ter unha posición secundaria (como cómplices de pais, esposos e fillos).

Nos delitos contra o patrimonio, son acusadas de furtos relacionados coa súa función de subministradora de alimentos á familia e adoitan actuar en solitario e sen contacto directo coas vítimas. Unha excepción sería a súa participación nas gavelas de bandoleiros, onde desenvolven un papel secundario como subministradoras de información e acubillo ou vendedoras dos obxectos roubados no mercado.
No relativo ao comportamento inmoral feminino, os procesos son iniciados de oficio ante o escándalo que a súa actitude sexual causa na comunidade xa sexa polo avanzado estado de xestación de solteiras e viúvas ou polo amancebamento continuado co mesmo varón sen estar casada.
Avaliación da proposta didáctica
Traballar a materia de Historia en segundo de bacharelato non é tarefa doada nin para o alumnado nin para o profesorado. O nivel de esixencia e estrés que implica este curso finalista debido á necesidade de preparar a proba ABAU (actual PAU) obriga os docentes a impartir todo o temario de xeito «apresurado», sen afondar demasiado nos contidos e incidindo fundamentalmente nas estratexias necesarias para superar co maior éxito posible os exames. Ademais, ao tratarse dunha materia obrigatoria para todo o alumnado, unha parte considerable deste non se sente motivado cara a ela e considéraa unha das máis difíciles pola cantidade de datos que debe memorizar para afrontar as probas escritas. Aínda así, traballar a Historia doutro xeito neste nivel educativo é posible e esta experiencia didáctica é unha proba.
Consideramos que os obxectivos que nos propuxemos cando deseñamos esta proposta foron acadados e que resultou enriquecedora para o alumnado, xa que:
- O traballo directo con fontes da época (seleccionadas, transcritas e adaptadas á linguaxe actual) propiciou o pensamento crítico por parte do alumnado participante na experiencia, ao tempo que lle deu a coñecer os rudimentos básicos do método de traballo histórico.
- O grao de motivación dos e das estudantes durante as diferentes sesións foi bo, especialmente na dedicada ao debate arredor dos distintos temas abordados: o concepto de crime no pasado, o papel dos tribunais na resolución dos conflitos, a «subordinación legal da muller», a permanencia de comportamentos sociais como a valoración da súa reputación á hora de crer se foi vítima dun delito (especialmente de natureza sexual) etc.
- En relación co anterior, cómpre salientar o alto nivel de reflexión e participación do alumnado no debate suscitado a raíz da análise do delito de «estupro», que os levou a establecer relacións entre pasado-presente ao vinculalo co tema actual do consentimento sexual (reflexión sobre a polémica lei do «só si é si»).
En conclusión, no desenvolvemento desta proposta didáctica observáronse aprendizaxes moi importantes non só de carácter conceptual senón tamén no ámbito procedemental e actitudinal por parte do alumnado participante, o cal, desde o noso punto de vista profesional como docentes, foi o aspecto máis enriquecedor da experiencia.
Dubert García, I. (1990). La conflictividad familiar en el ámbito de los tribunales señoriales y reales de la Galicia del Antiguo Régimen (1600-1830). Obradoiro de Historia Moderna (pp. 73-102).
Dubert García, I. (1991). Los comportamientos sexuales premaritales en la sociedad gallega del Antiguo Régimen. Studia Histórica, IX, 117-142.
Dubert García, I. (1992). Historia de la familia en Galicia durante la Época Moderna, 1550-1830: estructura, modelos hereditarios y conflictividad.
González Fernández, J. M. (1996). «Amancebados y maldivertidos» en la Galicia rural del siglo XVIII. La labor de la justicia ordinaria local en la represión de los comportamientos sexuales heterodoxos (I). Pontevedra. Revista de Estudios Provinciais, 12, 233-264.
Iglesias Estepa, R. (2007). Crimen, criminales y reos. La delincuencia y su represión en la antigua provincia de Santiago entre 1700 y 1834. Consorcio de Santiago&Nigratrea.
Rial García, S. (1999). Las mujeres "solas" en la sociedad semiurbana gallega del siglo XVIII. Obradoiro de Historia Moderna, 8, 169-197.