Estudo multicaso sobre a inspección educativa desde unha perspectiva de xénero
Noelia Pérez Varela
Doutora en Ciencias da Educación pola UDC
noelia.perez5 [at] yahoo.es (noelia[dot]perez5[at]yahoo[dot]es)
"O futuro da inspección educativa escribirase en feminino"
Zacarías Ramo Traver, 1999, p. 227 e p. 228
Contextualización
Neste artigo preséntase unha síntese do proceso de investigación que se seguiu para a realización da tese de doutoramento titulada A inspección educativa. Unha perspectiva de xénero (2017).
Pilar Ballarín sinalou que «a igualdade na educación aínda conta con moitas lagoas, silencios e esquecementos» (Ballarín, 2011, p. 77). Precisamente por iso, nesta investigación preténdeselles dar voz ás inspectoras de educación, aínda hoxe en día infrarrepresentadas neste cargo en Galicia.
Como unha das finalidades deste estudo era nacer para achegar unha pequena contribución ao cambio do papel da muller nos postos de responsabilidade, considerouse que os relatos biográficos eran un instrumento valioso para acometer este propósito. Como afirma Pujadas, o relato biográfico eríxese como un instrumento poderoso naqueles estudos que teñen como finalidade realizar unha transformación social para ver como foi mudando socialmente a situación dun individuo ou grupo de pertenza (Pujadas, 1992).
A investigación con historias de vida da inspección educativa desde unha perspectiva de xénero non foi tampouco moi abordada; a pesar de que se trata dun gremio que cumpre unha función indispensable no seo do sistema educativo: «A inspección sempre foi un faro, unha referencia para os centros e os profesores» (Sarasúa, 2013). Precisamente como referente directo para as institucións educativas, a imaxe que proxecta en canto á presenza de varóns e mulleres desempeñando este cargo dista moito de ser igualitaria se, para comezar, existe un claro desequilibrio en canto ao número de varóns e mulleres que ocupan este cargo, aínda que se produciu un considerable avance nos últimos anos na nosa comunidade autónoma, como se verá posteriormente nas figuras 1 e 2.
Por esta razón, resulta de interese coñecer e facer visible a traxectoria persoal e profesional das inspectoras e inspectores e ver que dificultades encararon uns e outras no seu camiño cara á inspección educativa, por iso, expoñer as súas historias de vida pode aclarar moitos aspectos sobre como as mulleres e os varóns chegan a este posto de responsabilidade. Só coñecendo estas dimensións, poderemos comprobar se tanto varóns como mulleres afrontaron os mesmos retos, obstáculos e desafíos. Deste xeito, unha vez obtidos os resultados, veremos que factores se deberían ter en consideración para que o camiño das mulleres cara á inspección se vexa máis achandado e, na medida do posible, expoñer os aspectos que están actuando para que non haxa tantas mulleres como varóns desempeñando este cargo.
É sabido que un dos problemas das mulleres para acadar a igualdade se atopa na consecución de postos de responsabilidade, terreo que elas van lentamente conquistando (Camps, 1998), e neste traballo pretendeuse pescudar a razón pola que non hai máis mulleres na inspección educativa. Segundo as palabras de Enrique J. Díez Gutiérrez et aliae, podemos concluír que hai un sector educativo cuxa voz é preciso que resoe para que se coñeza pormenorizadamente a situación pola que atravesan e pola que pasaron para chegar a estes postos de responsabilidade, como é o caso da inspección, onde, ao igual que sucede nos cargos directivos de secundaria, hai máis varóns desempeñándoos (Díez et aliae, 2002). A razón pola que hai poucas mulleres en cargos de responsabilidade no ámbito educativo (dirección, xefatura, inspección…) é que a competencia educativa se lles adoita atribuír aos varóns, «ao tradicionalismo da cultura e mentalidade patriarcal» (Surovikina, 2015, p. 125).
Foron moitas as voces que se alzaron sobre a necesidade dunha investigación que incluíse a óptica da inspección desde a perspectiva de xénero, como foi o caso de Ángel Lorente Lorente (2012), e tamén houbo autores que reclamaban que se complementasen os testemuños das directoras cos da Inspección Educativa (Padilla Carmona, 2008), aspecto que se realizou neste estudo, xa que se complementaron os testemuños da Inspección Educativa coas entrevistas realizadas a directoras para obter unhas bases teóricas máis robustas.
Por outra parte, nas investigacións sobre a temática de igualdade de xénero realizadas ata o de agora, tan só se tivo en conta a perspectiva dos “dominados”, as mulleres. Nesta tese, ademais de incluír a perspectiva das inspectoras, tamén se recolleron os puntos de vista dos inspectores varóns para que a argumentación se vise máis reforzada e sen desviacións de ningún tipo, por iso «é esencial analizar o punto de vista tanto dos dominantes como dos dominados» (García de León, 2001, p. 468). Precisamente, noutros estudos vinculados coa igualdade de xénero, como é o de Juan José Vera, sinalouse que en boa parte das investigacións sobre conciliación só se tivo en conta a perspectiva das mulleres ou dos varóns, pero de só un dos membros, «baseándose en mostras compostas por persoas dun só sexo» (Vera, 2009, p. 108).
Obxectivo da investigación
O propósito fundamental desta investigación é coñecer, a través da súa traxectoria persoal e profesional, as vivencias das mulleres e dos varóns no seu camiño cara á inspección educativa e poder inferir as razóns da menor representación de inspectoras en Galicia.

Figura 1. Gráfico que representa a evolución do número total de inspectores e inspectoras de educación. Comparativa desde o curso 2005/06 ata o curso 2014/15.
Fonte: Elaboración propia con datos proporcionados pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para a realización desta tese (2014).

Figura 2. Gráfico que amosa a porcentaxe de inspectoras e inspectores en Galicia desde o curso académico 2005/06 ata o curso 2014/15.
Fonte: Elaboración propia con datos proporcionados pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para a realización desta tese (2014).
En Galicia, o colectivo da inspección amosa unha presenza feminina inferior á porcentaxe estipulada polo Consello de Europa e ás medidas de paridade da Lei orgánica para a igualdade efectiva de mulleres e homes (2007). En ningún dos cursos desde o ano 2005/06 ata o curso 2014/15 a porcentaxe de inspectoras acadou o 40 %, mentres que a presenza de inspectores adoita situarse en valores arredor do 67-70 %, do que se deduce que non hai unha repartición equitativa de mulleres e varóns neste gremio. Do mesmo xeito que acontece no traballo de Sánchez Rivas en Andalucía no ano 2008 (Sánchez Rivas, 2011), aquí tamén vemos como os varóns ingresan en maior porcentaxe ca as mulleres ao Servizo de Inspección Educativa; mentres que para elas parece non presentarse como un cargo atractivo. Así mesmo, vemos como se trata dun colectivo inamovible ao longo da década, onde non hai grandes variacións en canto á presenza de mulleres e de varóns. No curso 2014/15, incrementouse o número de inspectoras se o comparamos co curso académico 2005/06, chegando naquel momento ao 32,89 %, fronte ao 67,11% dos inspectores varóns. Nunha perspectiva lonxitudinal de 10 anos (de 2005 a 2015), podemos sinalar que o aumento na promoción das mulleres á inspección educativa na nosa comunidade autónoma foi de 3,9 puntos porcentuais. No entanto, nesa mesma franxa de dez anos, diminuíu tamén en 3,9 puntos porcentuais a presenza de inspectores varóns, o que pode indicar que se está producindo unha certa tendencia cara á paridade; non obstante, para velo, será preciso realizar unha nova análise nos próximos anos. Tendo en conta os datos absolutos do primeiro gráfico, vemos como o número de inspectores varóns é sempre superior ao de inspectoras.
Metodoloxía
Para coñecer a perspectiva das inspectoras e inspectores como axentes directamente implicados, optouse polo desenvolvemento dun estudo multicaso instrumental constituído por dez casos de estudo conformados por cinco inspectoras e cinco inspectores e, á parte, seis casos incrustados (Stake, 2006) ou tamén denominados minicasos, e que estaban compostos por seis directoras de institutos de educación secundaria que permitían triangular a información proporcionada pola Inspección. O estudo multicaso instrumental permitía analizar este fenómeno no seu conxunto e desvelar as converxencias e diverxencias que gardan entre si os dez casos principais. Deste xeito, poderase resolver o quintain que nesta investigación sería: analizar os factores que inciden na presenza de varóns e mulleres nos postos de inspección educativa.
A relevancia deste estudo multicaso, aínda que outorgaba a facultade de coñecer cada un dos casos de xeito particularizado e permitía afondar neles, residía en pertencer a un conxunto de casos que tiñan un obxectivo moi claro e que axudaban a acadar unha comprensión maior sobre a temática de estudo: o coñecemento da traxectoria vital e profesional da inspección desde unha óptica de xénero. Como afirma o propio Stake, o estudo multicaso non é un deseño para comparar casos, senón que os casos estudados conforman un grupo de exemplos nos que o obxectivo é comprender mellor o quintain (Stake, 2006).
Técnicas e instrumentos de recollida de datos para a realización desta investigación
Realizáronselle á Inspección dous tipos de entrevistas: unha entrevista inicial e unha entrevista biográfica (historia de vida).
Coa entrevista inicial pretendíanse coñecer as percepcións sobre a conciliación, o liderado (como eles e elas o viven e o exercen), a dirección escolar desempeñada por varóns e mulleres, como é o exercicio da inspección, os seus coñecementos e concepcións en materia de igualdade, as súas expectativas..., como os inspectores e inspectoras ven os procesos de igualdade neles mesmos e nos postos de máxima responsabilidade nos centros educativos, isto é, na dirección.
A entrevista biográfica para a reconstrución das historias de vida tiña como finalidade coñecer a vida persoal, académica e laboral das inspectoras e inspectores para ver que implicacións de xénero podía haber nas súas traxectorias, que procesos de igualdade-desigualdade viviron, a organización compartida, ou non compartida, da vida familiar. En definitiva, o propósito era facer unha lectura e interpretación das súas vidas desde a perspectiva de xénero.
Conclusións
Algunhas das conclusións que resultaron desta investigación foron:
O sistema de concurso-oposición que existe para entrar no corpo da Inspección Educativa favorece en maior medida o varón, que é o que, polo xeral, desempeña cargos de nivel 26 ou superior na Administración e que, pola súa vez, é un dos méritos que máis puntúa no concurso-oposición da nosa comunidade autónoma no ano 2016 para ser inspector ou inspectora de educación, xunto co de pertencer ao corpo de catedráticos (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, 2016, pp. 14243-14244). Á luz da convocatoria do concurso-oposición á Inspección, publicada no DOG o martes 19 de abril de 2016, constátase un feito que contradí as afirmacións expostas por algún inspector de que hai total igualdade tanto para varóns como para mulleres para chegar á inspección educativa. Entre os méritos que se computan, ter desenvolvido postos na Administración educativa de nivel 26 ou superior puntúa con 0,5 puntos e pertencer aos corpos de catedráticos, con 2 puntos; ademais, ter exercido cargos directivos e de coordinación didáctica, valorarase ata un máximo de 3 puntos (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, 2016, p. 14243-14244). Tradicional e historicamente, os que desempeñaron estes cargos elevados na Administración e os directores de centros educativos foron varóns, así como tamén o foron os que pertencen á categoría de catedráticos; polo tanto, estes contan cunhas condicións de partida favorables para chegar á inspección educativa se as comparamos coas das mulleres; polo que aquí xa se introduce unha asimetría nas condicións de entrada neste colectivo. En resumo, a desigualdade non se dá tanto no desempeño da profesión inspectora como nos requirimentos para chegar a ela. Para unha das inspectoras, os que máis méritos podían reunir eran os varóns; de xeito que, por concurso de méritos, eles entraban na inspección máis facilmente. Este feito xa foi documentado por Díez et aliae (2006) e considerábano un exemplo de discriminación indirecta que ía en menoscabo das mulleres xa que, tradicionalmente, ao ser o varón o que reunía máis credenciais, era o que desempeñaba máis postos de dirección e o que, polo tanto, chegaba á inspección dun xeito máis doado.
Das entrevistas ás inspectoras destaca a alta preparación académica que teñen. A maternidade para elas non supuxo un impedimento, xa que continuaron estudando e formándose, algunhas fixeron a tese de doutoramento compatibilizándoa coa experiencia de ser nais. Estas inspectoras tiveron unha carreira profesional, pero non renunciaron a ter fillos. Isto non coincide coa problemática sinalada por Kaufmann, na que ela percibe que as mulleres directivas máis novas que se entrevistaron na súa obra atoparon dificultades para combinar a parcela familiar e a laboral, polo que optaron por renunciar a unha delas, xeralmente, a ter descendentes (Kaufmann, 2007). Así o expresa esta autora: «As mulleres formulan a vida laboral dun modo dicotómico: ou o un ou o outro, en ningún caso pensan na integración de ambas as dimensións, o que as leva á renuncia, prioritariamente familiar» (Kaufmann, 2007, p. 124). Pero a maternidade non estivo exenta de dificultades para as inspectoras, xa que tres delas sinalaron como tiveron que idear o xeito de que os seus descendentes estivesen atendidos nos primeiros anos de vida mentres elas daban clase. Para iso, unha das inspectoras tiña unha persoa na súa casa e, cando os fillos estaban en idade de escolarizarse, ían con ela á escola. Outra inspectora tamén empregou esta estratexia de levar o seu fillo con ela ao centro educativo. En cambio, unha terceira non tiña axuda extrafamiliar; pero organizábase para dar atendido os seus tres fillos e para iso ela di que traballaba en equipo co seu marido no seu domicilio.
Hai que aclarar que esa relativa facilidade para conciliar estaba favorecida polo feito de que eran mulleres que contaban con recursos económicos, xa que todas elas tiñan un traballo remunerado; o que lles permitía pagar polo servizo doméstico e polo coidado dos fillos, naqueles casos en que optaron por ter asistencia no fogar.
O feito de que elas puidesen chegar a ser inspectoras, despois de realizar unha carreira docente, tamén se ve favorecido por comezar dende moi novas a traballar neste ámbito laboral, o que lles permitía dispoñer dunha autonomía económica para decidir progresar neste sentido. Outra cuestión sería se tivesen que depender economicamente da parella ou de calquera outro membro da familia. A independencia económica que posuían permitíalles ter no seu domicilio persoal contratado para coidar dos fillos, o que lles posibilitaba desenvolver a súa profesión sen que os labores de coidado lles dificultasen o progreso laboral. É dicir, entran na inspección educativa nun momento da etapa vital en que a estabilidade económica xa está conseguida, o que lles facilita moito as cousas.
No discurso delas hai referencias explícitas ás renuncias vitais e sacrificios que tiveron que facer: durmir menos, multiplicarse por cinco, erguerse de madrugada para estudar, saír menos, pasar menos tempo coas amizades, estudar nas vacacións, reducir ou mesmo suprimir o tempo de lecer… Polo tanto, o seu progreso profesional foi tendo diferentes custos polo camiño. Un dos inspectores recoñecía tamén que o proceso de crianza da descendencia é gratificante, pero impide moito e constitúe un problema para o desenvolvemento da esfera laboral xa que, como el sinalou, quita moito tempo.
Estas inspectoras entrevistadas non teñen reparo en mostrarse como “supermulleres” que poden con todo e por iso teñen o convencemento de que calquera outra podería chegar a onde elas están e, se non o fan, é porque as propias mulleres se autoexclúen. De feito, no discurso dunha inspectora, esta sinalaba continuamente que o feito de que unha muller chegase a este cargo depende do que ela se propuxese, de onde unha queira chegar, pois o límite, segundo esta inspectora, marcábao cada unha. Ademais, ela non vía nada de excepcional no que ela conseguiu, xa que se autodefinía como unha muller normal. Pero en realidade, estas mulleres inspectoras son vítimas dunha “sobreselección social”, xa que para acadar ese cargo profesional tiveron que empregar máis recursos dos que utilizaría un varón e padeceron custos persoais superiores. Por iso se di que son “elites discriminadas” porque se sitúan nas marxes do sistema se as comparamos con outras mulleres e cos varóns (García de León, 2002, pp. 51-52).
A presenza da parella tamén é un factor importante; xa que inflúe moito a persoa coa que esa inspectora ou inspector comparte a vida, especialmente, á hora de facilitarlle a chegada a un posto de responsabilidade, porque implica que a corresponsabilidade sexa un feito verificable. E ademais, como dixo unha das inspectoras, debe entender as necesidades de promoción dunha muller. Neste sentido, outra inspectora sinalou que as mulleres teñen dificultades engadidas para chegar ao mesmo posto, pero poden chegar tendo axuda da parella na mesma proporción.
Estas inspectoras contaban co apoio do seu cónxuxe no sentido de que este parecía corresponsabilizarse na realización das angueiras domésticas e familiares; aínda que na análise se constatou que, en realidade, elas eran as coordinadoras destes traballos domésticos. En relación co sinalado por unha inspectora de que ela coordinaba a vida familiar e as cousas da casa, polo xeral, os varóns entrevistados progresaron, en parte, grazas á utilización do tempo das súas esposas, xa que eles se ocuparon fundamentalmente da vida profesional e lograron medrar neste ámbito; mentres tanto, as súas cónxuxes coidan dos fillos, dos pais etc.; non asumían eles, xa que logo, por moito que manifestasen a súa implicación, a parte de corresponsabilidade real que lles corresponde. En consecuencia, as súas mulleres non tiveron tanto tempo para desenvolver esa faceta profesional. Atopámonos, polo tanto, ante matrimonios tradicionais, a propósito dos cales sinalaba Hochschild que, canto máis alto chegue un varón directivo, máis probable é que teña un matrimonio convencional (Hochschild, 1997, citado por Willliams, 2000).
Os inspectores entrevistados para esta tese chegaron a ser catedráticos, doutores, directores de centros educativos; en cambio, nas súas biografías non hai datos que indiquen que as súas esposas acadaron unha posición profesional análoga. Este dato coincide co sinalado por García de León (2002), onde a autora expuxo que as esposas das elites masculinas non acadaban as mesmas cotas profesionais ca os maridos.
Hai que indicar que un dos inspectores tivo que renunciar a medrar profesionalmente ou a unha plena actualización profesional por coidar dos seus pais, o que indica que, cando o varón se ten que ocupar dos labores de coidado, isto tamén afecta a súa vida laboral.
BALLARÍN, P. (2011): “Memoria de la educación de las mujeres”. En LOMAS, C. (coord.), Lecciones contra el olvido. Memoria de la educación y educación de la memoria (pp. 77-110). Barcelona: Octaedro & Ministerio de Educación.
CAMPS, V. (1998): El siglo de las mujeres. Madrid: Cátedra (2.ª ed.)
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia (2016). Orde do 4 de abril de 2016 pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso ao corpo de inspectores de Educación, ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores técnicos de formación profesional, ao corpo de mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional e mestres da Comunidade Autónoma de Galicia, DOG do 19 de abril de 2016. Recuperado o 24 de maio de 2016.
DÍEZ GUTIÉRREZ, E. J.; TERRÓN BAÑUELOS, E. & ANGUITA MARTÍNEZ, R. (coords.) (2006): La cultura de género en las organizaciones escolares. Motivaciones y obstáculos para el acceso de las mujeres a los puestos de dirección. Barcelona: Octaedro.
España. Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, BOE do 23 de marzo de 2007, núm. 71, 12611-12645.
GARCÍA DE LEÓN, M. A. (2001): “Trayectorias bioprofesionales (análisis a través de las entrevistas en profundidad)”. En GARCÍA DE LEÓN, M. A. & GARCÍA DE CORTÁZAR, M. (codir.), Las académicas: profesorado universitario y género (pp. 427-499). Madrid: Instituto da Muller (Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais).
GARCÍA DE LEÓN, M. A. (2002): Herederas y heridas. Sobre las élites profesionales femeninas. Madrid; Cátedra, Instituto da Muller, Universitat de València.
KAUFMANN, A. E. (2007) Mujeres directivas: transición hacia la alta dirección. Madrid: CIS.
LORENTE LORENTE, Á. (2012): “La influencia del género en la dirección de los centros docentes”. Organización y gestión educativa, (20), 5-11.
PADILLA CARMONA, M. T. (2008): “Opiniones y experiencias en el desempeño de la dirección escolar de las mujeres directoras en Andalucía”. Revista Electrónica de Investigación y Evaluación Educativa (RELIEVE), 14, 1-27. Recuperado o 10 de setembro de 2015.
PUJADAS MUÑOZ, J. J. (1992): El método biográfico: el uso de las historias de vida en ciencias sociales. Madrid: Centro de Investigacións Sociolóxicas.
RAMO TRAVER, Z. (1999): ¿Para qué los inspectores? Barcelona: Praxis.
SÁNCHEZ RIVAS, E. (2011): “La igualdad en la profesión docente”. Avances en supervisión educativa. Revista de la Asociación de Inspectores de Educación de España, (14), 1-15.
SARASÚA ORTEGA, A. (2013): “Los pilares de la actuación inspectora en los centros educativos”. Educa Nova: colección de artículos técnicos de Educación, (4), 59-70.
STAKE, R. E. (2006): Multiple Case Study Analysis. New York: The Guilford Press.
SUROVIKINA, E. (2015): “Aproximaciones sistémicas a la gestión educativa: un estado del arte desde la perspectiva de género”. Revista Iberoamericana de Educación, (67), 121-138.
VERA, J. J. (2009): “Conflicto y conciliación entre demandas familiares y laborales”. En MARTÍNEZ MARTÍNEZ, M. C. (coord.), Género y conciliación de la vida familiar y laboral (pp. 77- 124). Murcia: Servizo de Publicacións da Universidade de Murcia.
WILLIAMS, J. (2000): Unbending gender. Why Family and Work Conflict and What to Do About It. Oxford: Oxford University Press.