Ir o contido principal
investigacion
Investigación

A metodoloxía COIL e a súa inclusión nas políticas de internacionalización no Sistema universitario de Galicia

: A aprendizaxe colaborativa internacional en liña, coñecida como COIL (Collaborative Online International Learning), é unha metodoloxía innovadora que contribúe á internacionalización do currículo académico nun contorno de intercambio virtual e intercultural. O obxectivo deste traballo é achegarse ao coñecemento desta metodoloxía (a súa significación, características e competencias relacionadas) e examinar a inclusión que esta ten dentro das políticas de internacionalización das institucións universitarias públicas de Galicia.

María González Blanco
maria.gonzalez [at] usc.es (maria[dot]gonzalez[at]usc[dot]es)
Silvana Longueira Matos
silvana.longueira [at] usc.es (silvana[dot]longueira[at]usc[dot]es)
María Esther Olveira Olveira
mariaesther.olveira [at] usc.es (mariaesther[dot]olveira[at]usc[dot]es)
Universidade de Santiago de Compostela

 

1. Introdución

A internacionalización no eido da educación superior pode ser entendida de diversas formas, posto que existen numerosas interpretacións e visións particulares sobre ela. Non obstante, case todas as definicións que abordan este termo coinciden en resaltar que se trata dun proceso que repercute e impacta en toda a estrutura, as actividades e a comunidade educativa de calquera institución de educación superior, como é o caso, por exemplo, das universidades. A este respecto, pode entenderse que a internacionalización é un proceso de carácter intencional que engloba unha serie de dimensións —internacional, intercultural e global— na educación postobrigatoria e que persegue como fin prioritario a mellora da calidade educativa e da investigación realizando achegas valiosas para a sociedade (Egron-Polak et al., 2015).

No contexto da educación universitaria, o Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) contribuíu ao desenvolvemento da internacionalización e co paso dos anos foron emerxendo e establecéndose neste ámbito diversas políticas educativas —nacionais, autonómicas ou das universidades— (Fundación CYD, 2023) e estratexias específicas no ámbito estatal —como, por exemplo, a Estratexia para a internacionalización das universidades españolas 2015-2020 (Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, 2016)— ou na esfera autonómica os plans de internacionalización das universidades.

En estreita conexión con estes plans referentes ás políticas de internacionalización, o traballo realizado focalízase primeiramente en aproximarse ao coñecemento do que é a metodoloxía COIL (Collaborative Online International Learning), que adquiriu unha gran relevancia e presenza en moitas universidades do mundo, posto que promove a internacionalización do currículo e dos plans de estudos (Rubin, 2017). E en segundo lugar, o que se pretende examinar neste estudo é a abordaxe e a inclusión que se fai sobre o COIL nas políticas de internacionalización das institucións universitarias públicas de Galicia.

 

2. A aprendizaxe colaborativa internacional en liña (COIL). Que é o COIL?

As siglas COIL derivan do nome en inglés de Collaborative Online International Learning, que traducido ao galego sería aprendizaxe colaborativa internacional en liña. O COIL é un modelo de aprendizaxe que naceu no seo da Universidade Estatal de Nova York (coñecida polas súas siglas en inglés como SUNY) no ano 2006 a raíz do traballo docente de Jon Rubin cun grupo de alumnado de diferentes países que realizou un curso sobre creación de vídeos interculturais en liña (Rubin, 2017). Inicialmente foi unha metodoloxía moi difundida nos Estados Unidos, pero a expansión dunha rede de universidades asociadas ao centro de COIL da Universidade Estatal de Nova York provocou que, de forma progresiva, o interese polo COIL chegase a outros territorios xeográficos como Europa (Hackett et al., 2024).

Segundo o detallou De Wit (2013), dentro da súa significación terminolóxica, hai catro dimensións fundamentais que fan alusión a cada unha das verbas que configuran a súa denominación como COIL e que teñen relación coa mobilidade virtual:

a) A colaboración compartida entre o alumnado e o profesorado (Collaboration)

b) O uso da tecnoloxía e o intercambio virtual (Online)

c) A contribución á internacionalización (International)

d) A súa inclusión no proceso de ensino (Learning)

 

A metodoloxía COIL 

 

Ao redor do termo COIL xeráronse múltiples e diferentes definicións. Unha das máis coñecidas e difundidas é a do SUNY-COIL Center (2020) que define o COIL como un enfoque no que o alumnado e o profesorado colaboran para desenvolver unha aprendizaxe, nun espazo intercultural, mediante o deseño didáctico conxunto dunha experiencia significativa dentro dun curso de estudos específico. Non obstante, esta concepción terminolóxica foi ampliada por Hackett et al. (2024) que detallaron que se trata dun método de ensino-aprendizaxe de carácter inclusivo que contribúe a internacionalizar o plan de estudos e que é respectuoso co medio ambiente. Así mesmo, o COIL require dunha planificación conxunta das tarefas por realizar, as cales se integran dentro do currículo e se levan a cabo de forma colaborativa e en liña (Hackett et al., 2024).

En síntese, ambas as concepcións do termo reflicten que o COIL consiste en deseñar e planificar unha proposta didáctica —principalmente proxectos— entre dous ou dúas docentes pertencentes a dúas institucións educativas de dous países diferentes, na cal se acordan os obxectivos, as tarefas, o uso das linguas ou a avaliación. De feito, o profesorado debe ter en conta tamén outros elementos que inciden na planificación dos proxectos COIL como son, por exemplo, os horarios, os calendarios ou as ferramentas tecnolóxicas (Ramírez e Bustos-Aguirre, 2022). Neste tipo de proxectos COIL o alumnado debe integrarse en grupos mixtos de traballo para así cooperar na proposta didáctica que se leva a cabo de forma virtual e que adoita ter un enfoque interdisciplinario.

Nos últimos anos, foron xurdindo outros termos que se relacionan de forma directa co COIL e que teñen incidencia na súa definición e comprensión. A este respecto, Rubin (2022) destacou o concepto de «intercambio virtual» (virtual exchange), entendendo que este se refire a un termo amplo e de carácter inclusivo e que o COIL é algo máis específico. Nesta mesma idea coinciden Hackett et al. (2024), posto que para eles o «intercambio virtual» é un termo xenérico que designa diferentes accións de ensino ou de aprendizaxe en liña, mentres que o COIL —inda que se inclúa en moitas publicacións e traballos de investigación baixo a denominación de «intercambio virtual»— é un enfoque específico que vai máis alá da súa mera concepción como un simple intercambio virtual. Malia todo, nalgúns traballos pode atoparse a denominación de «COIL Virtual Exchange» (Rubin e Guth, 2022).

2.1. Cales son as principais características do COIL?

Hai que ter presente que o COIL posúe unhas características concretas que o diferencian doutro tipo de intercambios virtuais. Entres elas destaca que se pode aplicar en calquera materia académica; que contribúe ao desenvolvemento dunha aprendizaxe activa e ao fomento do traballo en equipo; que adoita ter unha duración de entre 5 e 15 semanas; e que facilita as relacións interculturais e a comprensión mutua (SUNY-COIL Center, 2020).

Complementando estes atributos, Rubin (2022) detallou como singularidades propias do COIL as seguintes: que o COIL non é unha actividade extracurricular, senón que se inclúe en cursos académicos de nivel postsecundario; que con frecuencia é levado a cabo de forma conxunta por docentes de diferentes países e culturas que son os e as que se encargan de deseñalo e impartilo; que o seu deseño se centra no traballo colaborativo do alumnado; que busca a equidade e a participación activa do alumnado; que considera a fluidez lingüística dos axentes implicados de cada grupo; que relaciona de forma frecuente materias moi diversas; que se adoita incluír dentro dun curso ou dun módulo de cinco a oito semanas de duración; que contribúe ao desenvolvemento de colaboracións institucionais de carácter internacional; e que o alumnado é cualificado na súa entidade de orixe (Rubin, 2022).

 

Características principais do COIL 

 

No que atinxe ás características descritas, hai que pór de relevo que a duración indicada é o aconsellable para a posta en práctica dun proxecto COIL. Non obstante, debe considerarse que a duración é un aspecto variable e flexible e que o COIL pode ter lugar de forma puntual en relación cun tema ou pode desenvolverse ao longo dunha materia (Ramírez e Bustos-Aguirre, 2022).

2.2. Que obxectivos persegue o COIL?

O obxectivo principal desta metodoloxía é desenvolver a conciencia intercultural do alumnado que traballa e colabora en liña nunha serie de actividades que son planificadas por docentes de dúas institucións de ensino superior pertencentes a dous países diferentes (Rubin, 2017). De modo específico, o COIL focalízase en ofrecer experiencias internacionais e interculturais que sexan valiosas e enriquecedoras para o alumnado e o profesorado (Rubin e Guth, 2022). Neste sentido, en opinión de Hackett et al. (2024), o COIL ten como obxectivo promover o desenvolvemento de diversas competencias e habilidades no alumnado, entre elas a competencia intercultural, as habilidades colaborativas e a aprendizaxe de contidos do currículo mediante a cooperación.

 

Principais obxectivos do COIL 

 

Á vista dos obxectivos descritos, infírese que o COIL achega un gran beneficio para a aprendizaxe intercultural e o desenvolvemento de competencias interculturais tendo en conta a interacción que se produce entre o alumnado de diversas orixes e considerando non só o intercambio de coñecementos, senón tamén o desenvolvemento efectivo de competencias ou o cambio de actitude (Deardorff, 2022). En referencia a esta casuística, e en relación cos obxectivos prioritarios do COIL, hai que tomar en consideración a avaliación dos resultados de aprendizaxe referentes aos aspectos interculturais dentro dos proxectos COIL, posto que non é suficiente con que o alumnado comparta un espazo para que se acade este tipo de aprendizaxe (Deardorff, 2022).

2.3. Cales son as principais fases dun proxecto COIL?

Os proxectos COIL estrutúranse en catro fases concretas que permiten dotar a proposta pedagóxica dunha lóxica interna entre os diversos elementos que a compoñen. Deste modo, a primeira fase correspóndese coa formación dos grupos de traballo mediante o coñecemento mutuo do alumnado e das diversas culturas de orixe de cada discente. Nesta primeira fase lévanse a cabo as presentacións de cada alumno e de cada alumna e diversas actividades que sirvan para romper o xeo. A segunda fase focalízase na organización do proxecto a través de diferentes discusións comparativas entre o alumnado (debates etc.). A terceira fase pon o seu foco de atención na actividade principal que ten que realizar o alumnado no proxecto, quen debe aplicar os seus coñecementos para levar a cabo a actividade ou actividades propostas (as tarefas colaborativas). A cuarta fase céntrase na presentación do traballo realizado e na reflexión concernente aos contidos, ás aprendizaxes ou a outros aspectos (Haug, 2024; Ramírez e Bustos-Aguirre, 2022; SUNY-COIL Center, 2020). Ademais destas catro fases, frecuentemente tamén se inclúe unha preparación previa do alumnado, na cal se lle explica a proposta e se trata de motivalo (Doscher e Rubin, 2022). Esta acción non se inclúe na fase primeira, senón que é como unha prefase inicial de carácter introdutorio.

 

3. A aprendizaxe colaborativa internacional en liña (COIL) nas políticas de internacionalización do Sistema universitario de Galicia

O proceso de internacionalización da educación superior adquiriu un importante impulso coa creación do Espazo Europeo de Educación Superior tras a Declaración de Boloña (1999), na cal se incluían como factores clave de internacionalización a mobilidade, o recoñecemento da formación ou a cooperación no ámbito educativo (Ministros europeos de Educación, 1999). Tras este primeiro acordo, terían lugar outros encontros en Praga (2001), Berlín (2003), Bergen (2005), Londres (2007), Lovaina (2009), Budapest-Viena (2010), Bucarest (2012), Yerevan (2015), París (2018), Roma (2020) e Tirana (2024) nos cales se irían reformulando e engadindo elementos referentes á internacionalización con respecto á primeira declaración asinada. Ademais destes encontros, tamén hai que pór de relevo a creación do Espazo Europeo de Investigación (2000) e a súa posterior renovación no ano 2020, tendo como fin o crear un espazo no eido da investigación de grande impacto e innovador para toda a cidadanía europea (Consello Europeo, Consello da Unión Europea, 2025). E, de igual modo, hai que mencionar a xeración do Espazo Europeo de Educación (2017) que tiña como obxectivo crear unha axenda compartida en materia de educación en Europa.

En todos os marcos europeos descritos se inclúen elementos de internacionalización que seguen as liñas iniciais da Declaración de Boloña (1999), pero que son estratexias máis ambiciosas en relación coa mobilidade ou a cooperación e que se encamiñan cara á mellora da educación.

Na esfera estatal, e dentro do marco do sistema universitario español, a Estratexia para a internacionalización das universidades españolas 2015-2020 (Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, 2016) recolle e concreta ata oito factores clave de internacionalización que se enuncian a continuación:

a) A mobilidade do alumnado, do profesorado e do persoal investigador e do persoal de administración e servizos

b) O recoñecemento da formación realizada e das titulacións

c) A acreditación do persoal docente e investigador valorando a súa experiencia internacional en diferentes procesos (de selección ou de promoción)

d) A acreditación das titulacións

e) O fomento da investigación mediante o doutoramento internacional

f) A transferencia de coñecemento, tecnoloxía e innovación entre o eido educativo e o empresarial

g) A empregabilidade a través da mobilidade ou da observación da adecuación dos programas educativos de ámbito internacional

) A cooperación no ámbito educativo con outros territorios do mundo que contribúan a reforzar redes de colaboración

No eido autonómico, as políticas de internacionalización no marco do sistema universitario público galego atópanse recollidas principalmente nos plans e estratexias de internacionalización de cada institución. Os documentos clave, e actualmente vixentes, das tres universidades públicas galegas que abordan a internacionalización son o Plan de internacionalización 2024-2026 da Universidade de Santiago de Compostela, a Estratexia de internacionalización da Universidade da Coruña (2025-2027) e o I Plan de internacionalización da Universidade de Vigo (2025).

Inda que cada un dos plans ten as súas propias características e singularidades, de forma global pódese sinalar que as políticas de internacionalización das universidades públicas galegas —mediante os plans integrais— tratan de incluír de forma transversal unha dimensión de carácter internacional e intercultural en todos os axentes da comunidade universitaria, as áreas e os servizos. Neste sentido, a finalidade das políticas de internacionalización no marco universitario —dentro do eido da investigación, do ensino e da administración ou da xestión institucional— focalízase na mellora da visibilidade, da transferencia, das redes de colaboración, da mobilidade, da formación intercultural e lingüística e da calidade educativa.

No que atinxe a metodoloxía COIL, a análise realizada permite constatar que as tres universidades públicas galegas recollen nos seus respectivos plans de internacionalización —en maior ou menor profundidade— algunha mención ou alusión a esta metodoloxía inda que con certas diferenzas, tal e como se describen de forma resumida nas seguintes epígrafes.

3.1. O COIL no Plan de internacionalización da Universidade de Santiago de Compostela (USC)

No que respecta ao Plan de internacionalización 2024-2026 da Universidade de Santiago de Compostela (USC, 2024), este estrutúrase en cinco liñas estratéxicas, nas cales o COIL, segundo se detalla na información examinada, aparece de forma prioritaria e mencionado literalmente nas liñas 1, 3, 4 e 5 e de forma indirecta na liña 2.

Por unha parte, e de maneira global, o tratamento do COIL neste plan da USC pon o seu foco de atención na creación de novos convenios sobre os intercambios virtuais no eido da docencia relativos ao desenvolvemento do COIL (acción 1.5); o fomento de accións COIL para a mellora da participación de profesorado estranxeiro na USC (acción 3.5); a formación e divulgación na comunidade universitaria desta metodoloxía (acción 4.5); o recoñecemento tanto para o profesorado como para o alumnado que se implique en actividades de COIL (acción 4.5); o fomento de accións de telecolaboración, incluído o COIL, e o apoio a estas iniciativas coa creación dun premio que recoñeza as actividades de telecolaboración de maior repercusión en cada curso académico (acción 5.5).

Por outra parte, de forma indirecta e transversal, mediante a inclusión de aspectos referentes á internacionalización na casa, destácase unha serie de elementos relacionados co COIL como, por exemplo, a elaboración dun boletín no que se recollan actividades de internacionalización (acción 2.2); o desenvolvemento de competencias interculturais (acción 5.2) e a súa acreditación mediante o DiMI (diploma de méritos internacionais – acción 5.3 e acción 4.5), e a posta en marcha de actividades de internacionalización para o alumnado da USC ou o alumnado estranxeiro (aludindo aquí á internacionalización na casa – acción 5.4).

3.2. O COIL no Plan de internacionalización da Universidade da Coruña

En relación co plan de internacionalización da Universidade da Coruña (UDC, 2024), este denomínase Estratexia de internacionalización da Universidade da Coruña (2025-2027) e está organizado con base en 10 áreas clave de actuación. De forma específica, o COIL aparece integrado dentro da área número 4: «Desenvolvemento curricular internacional e formación intercultural». Nesta área sinálase como proposta de mellora da formación intercultural e do uso do inglés na docencia a necesidade da implementación desta metodoloxía, de tal modo que o alumnado poida colaborar en proxectos con outros e outras estudantes de universidades estranxeiras en liña sen ter que desprazarse.

Ademais, na área número 6: «Internacionalización na casa», inda que non se menciona de forma literal o COIL, nas propostas de mellora que se establecen nesta estratexia de internacionalización esta metodoloxía tamén tería un rol relevante. Así, descríbese a importancia que ten o fomento de interaccións entre o estudantado local e o internacional mediante o establecemento de grupos de carácter multicultural. E tamén a necesidade da inclusión de proxectos ou materias que adopten un enfoque global no cal se implique alumnado internacional, garantindo así a inclusión dunha dimensión internacional nas titulacións.

Outras áreas nas que de forma indirecta tería cabida o COIL, malia que non se mencione de forma expresa, son na área número 2: «Captación e mobilidade de estudantes, PDI e PTXAS», onde se formula como unha das propostas de mellora a oferta de incentivos para o profesorado ou o persoal técnico, de xestión e de administración e de servizos que participen en colaboracións internacionais ou a mobilidade internacional a través da posta en marcha de proxectos en liña. Na área número 3: «Alianzas estratéxicas internacionais», tampouco se menciona o COIL, pero entre as propostas de mellora que se recollen nesta área nº 3, a metodoloxía COIL si podería formar parte delas porque nalgunhas sinálase a necesidade de crear alianzas estratéxicas internacionais no eido da docencia ou igualmente a necesidade de participar en consorcios ou organizacións internacionais no eido da docencia; accións todas elas nas que se podería integrar o COIL.

3.3. O COIL no Plan de internacionalización da Universidade de Vigo

No que atinxe o I Plan de internacionalización da Universidade de Vigo (2025) (UVigo, 2025), este estrutúrase en catro eixes principais. De forma concreta, o COIL inclúese dentro do eixe número 3: «Plurilingüismo e multiculturalidade», na epígrafe de «Internacionalización na casa», entendida esta, segundo o propio plan da UVigo (2025), como un conxunto de estratexias que se levan a cabo na universidade co fin de fomentar a competencia cultural e lingüística do alumnado. Para poñer en marcha estas estratexias, menciónase a necesidade do uso da metodoloxía COIL en accións de aprendizaxe ou proxectos.

Coa inclusión desta metodoloxía agárdase acadar un dos obxectivos prioritarios que se establecen neste eixe e que se centra no incremento da participación de docentes estranxeiros nas accións formativas da UVigo.

 

4. Conclusións

No que respecta á significación do COIL, este pode describirse como unha metodoloxía que fomenta a internacionalización do currículo académico e que axuda ao desenvolvemento de procesos de ensino-aprendizaxe de carácter innovador e de calidade mediante a interacción intercultural (González Blanco e Olveira Olveira, 2025).

Segundo se puido comprobar nos distintos plans de internacionalización das tres universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, o COIL considérase un recurso clave para a internacionalización. Non obstante, apréciase que a inclusión desta metodoloxía nas políticas de internacionalización ten unha abordaxe e unha visión diferente en cada universidade. Esta casuística, obviamente, obedece tamén á perspectiva que sobre a internacionalización posúe cada unha delas.

Malia isto, hai que ter presente que estes plans de internacionalización inda son recentes e polo momento teñen un carácter principalmente prospectivo. Polo tanto, é necesario que todas as accións que se recollen neles se cheguen a implementar e tras uns anos ver que resultados se acadaron porque, polo momento, inda son escasos os indicadores que se van obtendo en canto ao COIL.

O que si está claro é que, malia que o COIL se orixinou hai máis de quince anos nos Estados Unidos e adquiriu unha maior relevancia na época da pandemia da covid-19 —momento no cal diversos axentes da comunidade educativa fomentaron este tipo de intercambios virtuais de COIL— (De Wit, 2022), no eido do ensino universitario galego inda ten unha andaina futura moi importante que percorrer.

Como se constata nos plans examinados, a inclusión do COIL está relacionada fundamentalmente coa formación docente e do alumnado, co fin de mellorar as súas competencias culturais e lingüísticas. Á parte destas consideracións, tamén hai que pór de relevo que esta metodoloxía contribúe á adquisición e ao desenvolvemento doutro tipo de competencias de carácter transversal como, por exemplo, a autonomía, a empatía, a tolerancia, a organización ou a xestión do tempo (Ramírez e Bustos-Aguirre, 2022). É o que nalgún dos plans se poden identificar como «competencias internacionais» ou tamén nalgúns estudos se denominou como «competencia global», na cal se inclúen distintas dimensións (coñecementos, actitudes, valores ou habilidades) (Sanz Leal, Orozco Gómez e Toma, 2021).

Finalmente, un aspecto que cómpre destacar é que, para que esta metodoloxía se poña en marcha e acade unha maior difusión no ensino universitario, se precisa, por unha banda, formar e capacitar o persoal docente e, por outra, tamén hai que tratar de que as iniciativas de COIL, segundo se describe nalgún dos plans analizados, sexan recoñecidas institucionalmente —tanto para o profesorado coma para o alumnado que se implique nelas—, tal e como acontece con outro tipo de accións de formación e innovación docente que se desenvolven nas universidades desde hai anos.

 

 

Bibliografía

 

 

Consello Europeo, Consello da Unión Europea (2025). Espacio Europeo de Investigación. https://www.consilium.europa.eu/es/policies/european-research-area/

Deardorff, D. K. (2022). Assessing intercultural learning outcomes in COIL courses. En J. Rubin e S. Guth (eds.), The Guide to COIL Virtual Exchange. Implementing, Growing, and Sustaining Collaborative Online International Learning (pp. 287-297). Routledge.

De Wit, H. (1 de xuño de 2013). COIL–Virtual mobility without commercialisation. University World News. https://www.universityworldnews.com/post.php?story=20130528175741647

De Wit, H. (2022). Foreword. En J. Rubin e S. Guth (eds.), The Guide to COIL Virtual Exchange. Implementing, Growing, and Sustaining Collaborative Online International Learning (pp. xv-xviii). Routledge.

Doscher, S. e Rubin, J. (2022). Introduction to what instructors and support staff need to know about COIL Virtual Exchange. En J. Rubin e S. Guth (eds.), The Guide to COIL Virtual Exchange. Implementing, Growing, and Sustaining Collaborative Online International Learning (pp.187-199). Routledge.

Egron-Polak, E., Howard, L., Wit, H. D. e Hunter, F. (2015). Internationalisation of higher education. European Parliament. https://data.europa.eu/doi/10.2861/444393

Fundación CYD (2023). El reto de la internacionalización de la universidad española. https://acortar.link/Bx3qpP

González Blanco, M. e Olveira Olveira, M.ª E. (2025). El desarrollo de competencias interculturales en la educación superior a través de la metodología COIL. En J. Núñez, J. García e D. Álvarez (Coords.), Congreso Internacional sobre Migraciones y Refugio en Europa. Aprender y servir desde la Universidad (pp. 68-71). Edicións USC. https://dx.doi.org/10.15304/cc.2025.1914

Hackett, S., Dawson, M., Janssen, J. e Van Tartwijk, J. (2024). Defining Collaborative Online International Learning (COIL) and Distinguishing it from Virtual Exchange. TechTrends, 68, 1078-1094. https://doi.org/10.1007/s11528-024-01000-w

Haug, E. (25 de novembro de 2024). Introducción a COIL. [Presentación de PowerPoint]. Curso do PFID da USC: Introdución á metodoloxía COIL como ferramenta para a internacionalización do currículo.

Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (2016). Estrategia para la Internacionalización de las Universidades Españolas 2015-2020. Secretaría General de Universidades. https://acortar.link/mbDUIJ

Ministros europeos de Educación (1999). El Espacio Europeo de la Enseñanza Superior. Declaración conjunta de los ministros europeos de educación reunidos en Bolonia el 19 de junio de 1999. https://acortar.link/RkBVMa

Ramírez, A. e Bustos-Aguirre, M. L. (2022). Beneficios, inconvenientes y retos de los cursos COIL: las experiencias de los académicos. Revista Educación Superior y Sociedad, 34 (2), 328-352. https://doi.org/10.54674/ess.v34i2.579

Rubin, J. (2017). Embedding Collaborative Online International Learning (COIL) at Higher Education Institutions. An evolutionary overview with exemplars. Internationalisation of Higher Education, 2, 27-44. https://acortar.link/YdA1Kv

Rubin, J. (2022). Preface to an evolving international educational landscape. En J. Rubin e S. Guth (eds.), The Guide to COIL Virtual Exchange. Implementing, Growing, and Sustaining Collaborative Online International Learning (pp. 3-18). Routledge.

Rubin, J. e Guth, S. (2022). The Guide to COIL Virtual Exchange. Implementing, Growing, and Sustaining Collaborative Online International Learning. Routledge.

Sanz Leal, M., Orozco Gómez, M. L. e Toma, R. B. (2021). Construcción conceptual de la competencia global en educación. Teoría de la Educación. Revista Interuniversitaria, 34(1), 83-103. https://doi.org/10.14201/teri.25394

State University of New York (SUNY)-COIL Center (2020). What is COIL? https://online.suny.edu/introtocoil/suny-coil-what-is/

Universidade da Coruña (2024). Estratexia de internacionalización da Universidade da Coruña (2025-2027). https://www.udc.es/novas/Estratexia-de-Internacionalizacion-da-Universidade-da-Coruna-2025-2027/

Universidade de Santiago de Compostela (2024). Plan de internacionalización 2024-2026 da Universidade de Santiago de Compostela. https://assets.usc.gal/sites/default/files/paragraphs/links/2024-03/USC_Plan_de_Internacionalizacio%CC%81n_2024-2026.pdf

Universidade de Vigo (2025). I Plan de internacionalización da Universidade de Vigo (2025). https://www.uvigo.gal/sites/uvigo.gal/files/docs/internacional/internacionalizacion/I_plan_internacionalizacion.pdf

 
 
Palabras clave

aprendizaxe colaborativa internacional en liña (COIL); educación superior; sistema universitario; políticas de internacionalización; Galicia

A metodoloxía COIL e a súa inclusión nas políticas de internacionalización no Sistema universitario de Galicia