Ir o contido principal
bibliotecas
Hora de ler

Sementar en primeiro para recoller en sexto

O valor de estender o club de lectura a toda a educación primaria: a experiencia do CEIP Plurilingüe de Seixalbo
Pode un club de lectura abarcar toda a educación primaria e converter as tardes do mércores, fóra do horario lectivo, na cita máis agardada da semana? No CEIP Plurilingüe de Seixalbo, cinco mestras voluntarias e unha comunidade entregada demostramos que si. A través do LeoClub os libros dan paso a xogos, radio, murais, cine etc. sementando desde idades temperás un hábito lector crítico, vivo, apoderado e cheo de ilusión compartida.

Yolanda González Guerra
CEIP Plurilingüe de Seixalbo (Ourense - Ourense)
ygguerra [at] edu.xunta.gal (ygguerra[at]edu[dot]xunta[dot]gal)

 

 

Image

 

Un faro cultural rodeado de natureza

Hai proxectos educativos que se limitan a cubrir un expediente e outros que, pola contra, teñen o poder de redefinir a identidade dun centro. Esta segunda opción é a que mellor define a andaina do LeoClub, o club de lectura do CEIP Plurilingüe de Seixalbo. Para comprender o nacemento e consolidación desta iniciativa, cómpre situarse primeiro no seu contexto no ámbito xeográfico e humano. O noso colexio pertence ao concello de Ourense, pero temos a sorte de estar afastados da trasfega do núcleo urbano e de contar cun contorno privilexiado onde a natureza é parte das aulas. Cun tamaño medio que rolda os 250 alumnos e alumnas, Seixalbo posúe a escala humana xusta para que todo o mundo se coñeza e se favoreza unha colaboración estreita e afectiva entre escola, familias e localidade. Neste escenario, a biblioteca funciona como o auténtico corazón do centro, un motor dinámico desde o cal irradian as propostas máis innovadoras. Foi precisamente nesta atmosfera de proximidade, dinamismo e compromiso onde xurdiu este proxecto de animación á lectura tan diferente a moitos outros. Así, no curso 2022/23 iniciaba a súa andaina o LeoCLub, coincidindo coa entrada do centro no Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE), un marco que nos deu o impulso necesario para converter unha inquedanza común nunha realidade. Desde o primeiro momento, no equipo da biblioteca tiñamos claro que o noso obxectivo era construír un grupo con identidade propia, un espazo no que o alumnado sentise que formar parte del era algo especial e único.

 

O ADN do LeoClub: identidade e compromiso

Para alcanzar ese sentimento de pertenza que consideramos crucial, o primeiro paso foi darlle un nome e unha imaxe ao proxecto. Foi así como naceu o LeoClub, tomando o nome na honra da nosa querida mascota da biblioteca, Leo. Para darlle unha identidade visual que o alumnado puidese recoñecer e facer súa, deseñouse un logotipo específico do club e, a maiores, materializamos esa identidade cun agasallo sinxelo, pero cargado de simbolismo: unhas resistentes carpetas con cremalleiras de diferentes cores vivas cun vinilo do logo en gran formato. Utilízanse para levar os libros e materiais de cada sesión e o alumnado consérvaas con agarimo ano tras ano. Cada vez que un novo membro se incorpora ao club, o primeiro día recibe a carpeta como benvida e sinal de que xa forma parte dun grupo privilexiado. Con estes pequenos xestos tentamos cambiar a idea da lectura como unha actividade de obriga académica e transformámola nunha actividade desexada.

Image

 

Pero se algo define a esencia do club, é o compromiso. Somos cinco mestras as que desde a ilusión e o traballo en equipo levamos adiante este proxecto: Bea, Elia, María, Rosa Mari e Yolanda. Á hora de poñelo en marcha valoramos a posibilidade de facelo en períodos non lectivos de mañá, xuntando recreo e Hora de Ler (cincuenta minutos en total), pero eramos conscientes de que ese tempo non sería real porque tamén é cando os nenos e nenas toman a súa merenda, polo que non sería proveitoso nin de calidade, ademais de que o alumnado tamén precisa o recreo para o seu esparexemento. Polo tanto, tiñamos claro que o máis axeitado era facelo pola tarde de 15:45 a 16:45, ofrecéndolles unha oportunidade máis de achegarse á lectura e de poder facelo durante unha hora completa. Os que se anotan quedan unha hora despois do comedor e os que van comer á casa fan o esforzo de volver ao centro pola tarde unicamente para participar no club. Este compromiso das familias é fundamental e moi importante pois, ao non haber transporte escolar nese período, elas son as que teñen que levar e recoller os seus fillos e fillas. Cómpre subliñar tamén que as cinco mestras coordinamos e dinamizamos estes grupos de maneira totalmente voluntaria, investindo o noso tempo persoal fóra da xornada laboral. O mércores xa non é un día calquera en Seixalbo, é o «Día do Club», un momento totalmente interiorizado pola comunidade educativa.

 

Rompendo moldes: lectura para todos desde os seis anos

O habitual na maioría dos centros educativos que desenvolven clubs de lectura é ofrecérllelos aos cursos superiores. No CEIP Plurilingüe de Seixalbo decidimos desafiar a idea de que os máis pequenos non teñen autonomía lectora ou capacidade crítica para soster un debate literario. Nós cremos que precisamente esa autonomía se desenvolve exercéndoa e practicándoa, aínda que non empreguen un vocabulario técnico ou non teñan a mesma capacidade analítica ca os máis grandes. Se son capaces de imaxinar un final diferente, xulgar comportamentos, facer interpretacións, detectar emocións, inxustizas etc., están aprendendo a ler criticamente. Por que entón excluílos e negarlles a participación en clubs de lectura? Así pois, no segundo ano de vida do noso club de lectura (2023/24), demos o paso de amplialo a primeiro e segundo de primaria. O noso obxectivo era que os máis pequenos e pequenas comezasen a crear un vínculo coa lectura, unha experiencia afectiva e emocional arredor dos libros. Asociar os libros co pracer, a curiosidade e a imaxinación fomentando a animación lectora para ofrecerlles unha experiencia significativa. Consideramos que é fundamental crear hábitos lectores desde os primeiros pasos na escola e poder pertencer a un club de lectura xa desde idades temperás é unha oportunidade educativa e cultural moi valiosa.

A proposta tivo moi boa acollida e pasamos de ter 29 alumnos e alumnas o primeiro ano a ter 40 no segundo ano.

 

Estrutura das sesións: faladoiros e creatividade

No mes de setembro envíase a información ás familias e organízanse os grupos e o calendario detallado de todo o ano, que se lles envía ás familias para facilitar a conciliación e previsión. Cada mércores do mes reúnese un grupo do LeoClub. Dependendo do alumnado apuntado fanse os grupos, intentando non superar os doce alumnos e alumnas por grupo.  En outubro comezamos as xuntanzas e rematamos en maio, deixando o mes de xuño para unha actividade final todos os grupos xuntos.

Como traballamos no LeoClub? A primeira parte da sesión é un faladoiro sobre o libro proposto. Dependendo da programación da sesión, podemos sentar en círculo no chan ou en mesas e é cando compartimos as nosas impresións: que nos gustou?, que non entendemos?, que personaxe che interesou máis?, que lles dirías aos teus amigos sobre este libro?… No caso dos cursos superiores, vemos como co paso dos anos melloran na argumentación e como comezan a relacionar unhas lecturas con outras, identificando temas transversais como o apoderamento feminino ou a inxustiza social. Este pensamento crítico espontáneo supón para nós o mellor dos premios. Pola contra, cos cursos de primeiro e segundo de primaria, a dinámica adoita incluír unha relectura conxunta outorgando especial importancia á lectura de imaxes para unha completa comprensión da trama. Tamén nestes grupos nos fixamos en quen escribe e quen ilustra o libro e se son homes ou mulleres para facelos conscientes de que detrás de cada libro hai persoas reais. 

Image

 

A segunda parte da sesión é, para moitos e moitas, a favorita: as actividades creativas vencelladas á lectura. Buscamos que a lectura non se limite só ao feito de ler unha obra, senón que esta, ou algunha parte dela, se «materialice» dalgún xeito a través de diferentes propostas: xogos de rol, de mesa, actividades de deseño ou plásticas, elaboración de murais, dramatizacións etc. Para iso botamos man de todos os recursos dispoñibles na biblioteca: cortadora láser, impresora 3D, radio escolar, máquina de facer chapas, tabletas etc.

 

Exemplos que deixan pegada

Para comprender a magnitude do que facemos, imos mergullarnos nalgúns exemplos.

No grupo de primeiro de primaria leron A abelliña que perdeu as ás, de Ramón Romero Nogueira. Tras un faladoiro no que lembraron con precisión todos os animais aos que a abelliña protagonista interrogaba na busca angustiosa das súas ás, pasamos á parte lúdica. Tiñamos preparado un xogo de tarxetas para traballar a historia, pero ao ir buscalo no armario… Desaparecera misteriosamente! Comezaba así a estratexia de ganmificación en tempo real que tiñamos programada: o alumnado saíu de expedición por todo o colexio, replicando a viaxe da abelliña. Percorreron as aulas, sala de profesores, conserxería etc. interrogando o persoal docente e non docente que atopaban ao seu paso. A emoción foi máxima cando se decataron de que estaban encarnando a mesmísima aventura do conto que leran. Ao final, os sobres coas tarxetas do xogo apareceron colgadas con pinzas da roupa nunha corda (ao igual ca no conto, no que as ás estaban a secar despois de seren lavadas). Deste xeito conseguimos deixar gravada nos seus recordos unha experiencia de lectura totalmente vivencial. 

Outro título que lle gustou moito ao alumnado destas idades foi Cómo bañar a un marciano de Franco Vaccarini, unha historia cargada de humor que aborda con moita ironía a chegada dun irmán á casa. Nesta ocasión, o alumnado realizou un vídeo explicativo no que, con moita graza, daba as pautas para bañar ese extraterrestre que acababa de chegar á casa. 

No caso do grupo de segundo de primaria, os cómics da personaxe Miñoca creados por Ramón D. Veiga foron unha excelente ferramenta para traballar os elementos da linguaxe narrativa gráfica. Analizamos os diferentes tipos de bocadillos: de diálogo, pensamento e berro, practicamos a súa lectura dramatizada coa entoación e ritmo axeitados e finalizamos cun reto colaborativo: espallados polo chan había numerosos bocadillos e os rapaces e rapazas tiveron que debater, negociar e poñerse de acordo para construír unha historia coherente con todos eles.

Image

 

A lectura de Os Mug atrapados no móbil de Begoña Oro narra as aventuras dunha peculiar familia que descoñece a existencia e utilidade deses aparellos. Esa circunstancia deunos pé para levar á sesión unha serie de obxectos xa en desuso como un teléfono de roda, unha prensa de laranxas etc. para que o alumnado adiviñase para que servían e así deste xeito empatizar coa familia da historia. 

E un último exemplo deste curso de segundo de primaria foi a creación de raps cos poemas de Antonio García Teijeiro do seu libro Cacarabín Cacarabón. 

Vexamos agora algunha dinamización realizada nos cursos do segundo ciclo. Coa obra de Fina Casalderrey O misterio da casa do Pombal deseñamos unha proba de enxeño coa que abrir un cofre que reproducía o da lectura, pero que nesta ocasión tiña dez pechaduras. Para poder abrilas tiñan que responder dúas preguntas sobre a historia e recibían unha das chaves se as respostas eran correctas. O repaso colectivo e a cooperación foron claves para conseguir o obxectivo

Co libro Casas de Paula Carballeira detivémonos nun capítulo específico que narra como no Xapón as casas tradicionais utilizan o papel como elemento de construción. Iso deunos pé para que cada alumno e alumna elaborase a súa propia casiña de papel e no seu interior, ao abrir as portas, cadaquén puido escribir e gardar o que quixo: segredos, desexos, trabalinguas etc. “

Nos cursos superiores, o LeoClub adquire unha dimensión social de moita importancia, na que o pensamento crítico e o activismo son moi relevantes. Da lectura de O equipo das rapazas de Pasqual Alapont xurdiu un fondo debate sobre a igualdade de xénero no eido deportivo e os estereotipos de roles sociais. O punto de partida do traballo realizado arredor desta lectura foi a partir dunha cita literal extraída da lectura: «Se fose por xente coma ti, Rosa Parks aínda iría de pé no autobús». Propuxémoslle ao grupo investigar quen era aquela muller e que significado tivera aquel xesto revolucionario. Coincidindo co 8M, o alumnado gravou na radio escolar un programa para lle dar a coñecer a vida de Rosa Parks a todo o colexio. Ao mesmo tempo iniciaron un gran mural que realizaban nos tempos do recreo e no que conseguiron involucrar a compañeiros e compañeiras que nin sequera formaban parte do club de lectura. O punto final deste proxecto foi en abril cando, coincidindo coa celebración do Día do Libro, o grupo foi polas aulas de infantil, primeiro e segundo contando o conto adaptado sobre a vida de Rosa Parks, converténdose en mediadores da xustiza social.

Image

 

Cun espírito similar, a novela gráfica Saínza a Punkiereteira de María Canosa serviu como fío condutor para conmemorar o 25N. Analizando a personalidade rebelde da protagonista e do seu grupo de amigas, o alumnado reflexionou sobre a importancia de ser fiel a un mesmo fronte ás presións estéticas ou de grupo. Eles mesmos chegaron á conclusión de que a protagonista desta historia era unha muller apoderada como Pippi Mediaslongas ou Ana de las Tejas Verdes, protagonistas doutras lecturas realizadas polo grupo. A parte creativa desta lectura podémola definir como «tecnoloxicomusical». As alumnas que sabían tocar a pandeireta (ao igual que facían as personaxes do libro) levárona á sesión para amenizar con ritmos tradicionais e cantigas ao tempo que outros membros do grupo realizaban na impresora 3D o símbolo feminino. O peche da actividade foi tamén a creación dun gran mural durante os recreos coa participación do resto de compañeiros e compañeiras do curso.

 

Os peches de curso do LeoClub e os PDI

O LeoClub non vive illado do resto do colexio. As nosas actividades finais sempre se vinculan ao noso proxecto documental integrado, o que reforza a conexión entre o club e a vida global do CEIP de Seixalbo. Estas actividades de clausura son uns dos momentos que agardamos con máis ilusión, xa que todos os grupos nos xuntamos nunha actividade colectiva que reforza o vínculo e o sentido de pertenza a un grupo especial. O primeiro ano de vida do LeoClub o PDI estivo dedicado aos países do mundo. Aproveitando que o grupo de sexto lera unha versión adaptada de  A volta ao mundo en 80 días, organizamos unha viaxe á vila de Allariz. Alí visitamos o Festival Internacional de Xardíns que precisamente levaba por título «A volta ao mundo en 11 xardíns» . A xornada completouse cunha visita ás librerías da localidade cheas de encanto e cousas sorprendentes. 

Durante o segundo ano, co PDI centrado no mundo dos animais, traballáronse materiais gráficos e cómics de profunda carga ecosocial como a Revista de Humor Gráfico Ambiental, editada por AMABUL. A nosa clausura consistiu nun obradoiro de observación de insectos da contorna natural do colexio. Tivemos a sorte de contar co pai dun alumno, biólogo de profesión, como guía, o cal transformou o contorno do colexio nun campo de investigación. Os rapaces recolleron mostras, analizáronas con microscopios e aprenderon a usar Google Lens nas tabletas para identificar as especies e os seus nomes comúns e científicos. Durante o obradoiro había dispoñibles numerosos exemplares da biblioteca sobre insectos, así como mostrarios de insectos grazas á colaboración do IES Otero Pedrayo.

No terceiro ano, o fío condutor do centro viaxou cara ao espazo exterior, e o PDI estaba dedicado ao universo. Todos os grupos do LeoClub leron diferentes adaptacións do clásico O principiño de Antoine de Saint-Exupéry. Para a clausura dese ano, a biblioteca transformouse nunha sala de cine e gozamos da súa fermosa adaptación cinematográfica animada.

Image

 

Máis aló destas actividades de clausura, a axenda do club pode gardar algunha sorpresa ao longo do ano. Tivo moi boa acollida a saída conxunta ao cine para ver a estrea de Wonka, motivada pola lectura do grupo de sexto de Charlie e a fábrica de chocolate

Ou a entrañable visita literaria de Rita Doallo, nai de dous alumnos do noso centro e recoñecida escritora, que tras a lectura do seu libro Que enleada coa piada nos grupos de primeiro e segundo se achegou á biblioteca para compartir un faladoiro cheo de risas e anécdotas sobre o oficio de escribir. 

 

O blog: o noso escaparate ao mundo

Nun proxecto onde a implicación familiar é tan alta, a comunicación é clave. Por iso, desde o primeiro ano todas as sesións se publicaban para facer partícipes as familias das actividades realizadas. O segundo ano de vida decidimos que as publicacións deixasen de estar no blog da biblioteca e abrimos un blog específico do LeoClub. Nel explicamos todas as actividades realizadas xunto con fotos e vídeos e publicamos o calendario anual para consultalo cando sexa necesario. Tamén deixamos rexistradas as lecturas realizadas polos diferentes grupos. As actividades tamén se publican na web do centro e moitas delas nas contas de Instagram do centro: #bibliotecaseixalbo e #ceipseixalbo.

 

Mirando cara ao futuro: conclusións e retos

Tras catro anos de funcionamento, podemos afirmar que o LeoClub xa forma parte da identidade de Seixalbo. O sentimento de pertenza é tan forte que os seus membros se senten especiais e recoñecidos. Non hai maior recompensa para o noso equipo de cinco mestras que escoitar os rapaces e rapazas preguntando con ilusión: «Cando é a próxima sesión?»

Non obstante, temos retos por diante, como manter o equilibrio perfecto entre a conversa literaria de calidade e o obradoiro lúdico, evitando que o club poida chegar a verse coma unha simple ludoteca. Tamén queremos establecer contactos con outros centros para realizar intercambios de exemplares e ampliar as experiencias lectoras do noso alumnado.

O LeoClub de Seixalbo demostra que, con compromiso, creatividade e o apoio dunha comunidade unida, a lectura compartida pode converterse nunha aventura que dure toda a vida. Porque ler en Seixalbo non é só un acto individual; e a forma en que construímos, xuntos, o noso propio universo.