O Fogar das Musas
Irma Fernández Alonso
irmafernandez [at] edu.xunta.gal (irmafernandez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Patricia Cid Blanco
patricia.cid [at] edu.xunta.gal (patricia[dot]cid[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Silvia Rivero Dorado
silviarivero [at] edu.xunta.gal (silviarivero[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
María Carmen Valugo Rúa
mvalugo [at] edu.xunta.gal (mvalugo[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova - Ourense)

Como podemos facerlles ben á nosa comunidade educativa e á nosa vila? Que pon naquela inscrición medio borrada no alto dunha cornixa? A partir destas e doutras cuestións toma vida a campaña O Fogar das Musas, na que o IES Celanova Celso Emilio Ferreiro quere poñer en valor os espazos que habita para potenciar o activo cultural da vila e cultivar a sensibilidade de propios e alleos.
Aquí estamos, «onde o mundo se chama Celanova». Na Galicia profunda, arrodeados dun patrimonio formidable. Somos o IES Celanova Celso Emilio Ferreiro.
Celanova, a vila que naceu á beira dun mosteiro bieito. Celso Emilio Ferreiro, gran poeta das letras galegas, como outros moitos aos que esta vila viu nacer.
Precisamente o IES habita tal mosteiro desde hai... moitos anos. Iso condiciona o noso xeito de traballar, cremos que para ben. Non somos un centro considerado histórico, pero o noso edificio si o é, e precisamente este claustro senlleiro no que nos movemos cada día é un dos protagonistas deste artigo.

O IES Celanova CEF (abreviaremos así) é unha comunidade educativa de 43 docentes, arredor de 350 alumnos e alumnas (muda o número cada día) e 8 traballadoras non docentes. Así, en cifras, non parece un centro enorme, deses nos que a rapazada supera as mil e pico almas... pero tomando en conta as 10 liñas de autobuses que temos, xa albiscaredes as características da nosa demografía: alumnado de procedencia moi diversa no sociocultural e xeograficamente moi dispersa. Misión (im)posible: igualar as oportunidades deste alumnado coas do alumnado urbano, de entrada con máis opcións en educación, ocio e un longo etcétera.
Nesta misión atopamos no patrimonio un aliado insuperable. Desde hai moitos anos anda polos corredores un rumor: «O mosteiro educa». Por iso, unha constante nas nosas actividades do centro, nas nosas programacións e nas nosas campañas é o traballo arredor do mosteiro.
Con diversos formatos e desde diversas perspectivas, o noso edificio e, por extensión, o noso contorno son unha ferramenta didáctica de primeira magnitude. E aínda máis: a mellor maneira de cultivar a sensibilidade de cantos transitamos polo noso «poleiro».
Poleiro? O poleiro é unha peculiaridade arquitectónica que define o edificio: unha balconada corrida que percorre tres dos lados do claustro (excepto o norte, que linda co claustro procesional) e que divide en dous andares o que parece unha sola altura.

Este elemento elevado parécese ao acubillo das pitas cando van durmir... e máis sabendo que neste andar estaban as celas dos novizos: os poliños de entón que agora son adolescentes do século XXI. Así, o noso claustro, chamado Claustro Novo, por ser a última parte do mosteiro en ser rematada, pasa a chamarse popularmente Claustro do Poleiro.
Aquí todo se chama así, Poleiro: o blog da biblioteca, a revista de dinamización... É a marca da casa!
No Claustro do Poleiro hai espazos moi especiais. Pero a biblioteca é certamente o máis abraiante e cos anos, como dixo unha compañeira moi sabia, converteuse non só nun espazo, senón nun xeito de traballar. O equipo de biblioteca promoveu e promove moitos dos proxectos do centro, que xa de por si é moi dinámico e activo no seu conxunto. É este equipo o que puxo en marcha O Fogar das Musas que reza o título do artigo. Velaquí máis información sobre a nosa biblioteca.
Sexa esta introdución unha axuda para entender as nosas peculiaridades, aínda que, para moita máis información sobre a nosa historia como edificio e como centro, aquí vai unha ligazón ao texto que elaborou Isidora Gil, coordinadora do equipo de biblioteca durante máis de 15 anos, para o proxecto Catedrais Educativas.

Continuamos co noso graffiti
Pero vamos co noso graffiti. Corre o ano 2022. As integrantes do equipo de biblioteca cavilabamos a temática para a próxima campaña. Todos os días percorrendo o tránsito cara ás nosas aulas: ás presas, pensando nas nosas cousas... Nunca repararamos na inscrición que coroa a cornixa do lado sur... Que é o que di?: «Acabose en el año de...»
Non se ve! O pigmento foi desaparecendo e o ano de remate do edificio non o damos albiscado!
Nada que a tecnoloxía non poida resolver: o compañeiro da aula de audiovisuais, dron mediante, conseguiu unha foto excelente daquela cornixa tan alta para poder comprobar o que dicía o graffiti...: «1727».
Excitación xeral na biblio: pois parece que estamos a piques de cumprir 300 anos! E un evento así hai que celebralo como merece... Que faremos?
Comezamos unha nova campaña!
Está claro que este fabuloso espazo, monumento nacional, hai que compartilo. Sería unha mesquindade non facelo! Xa está desde hai tempo no percorrido turístico da vila e nós encantadas de acoller visitas en horario extraescolar, da man da Fundación Curros e do Servizo de Turismo do Concello: xa que a biblioteca abre tres días á semana un par de horiñas pola tarde, pois por que non?
Pero non queremos quedar aí: queremos saber máis sobre os nosos espazos, sobre as pezas arqueolóxicas que andaban un pouco esfareladas polo edificio adiante, queremos que o noso alumnado valore e coide o seu patrimonio, e queremos que o mundo saiba do Claustro do Poleiro. Así que argallamos iniciar un proceso de musealización con varios obxectivos:
- Coñecer mellor os nosos espazos para servirnos deles como ferramenta educativa.
- Inventariar e catalogar pezas, pola mesma razón e para que non «desaparezan».
- Ofrecerlle á vila un activo cultural máis, a maiores dos moitos que xa ten.
- Aumentar a nosa autoestima como comunidade educativa.
Esta idea de musealizar o centro xa a coñeciamos: o IES Otero Pedrayo de Ourense xa abrira á cidade os tesouros do seu museo pedagóxico. Así que, meu dito, meu feito, puxémonos a traballar, comezamos no curso 2023/24.
O primeiro, buscar un nome fermoso, inspirado, evocador, para a nosa campaña de musealización... Un libro, unha vez máis, veu na nosa axuda: O infinito nun xunco, de Irene Vallejo, deunos a clave para descubrir que os museos non son máis ca lugares onde atopar as musas, inspiradoras da creación artística. Pois aí estaba agochado o nome da nosa campaña: O Fogar das Musas. Iso é o que queremos ser: un lugar onde atopar arte, beleza, sabedoría, convivencia...
A continuación, e como en todo traballo rigoroso, precisabamos investigar o estado da cuestión. Que espazos visitables hai na nosa contorna? Démonos conta de que había moitísimos, pero non estaban «reunidos» en ningún lugar, así que por aí foi a nosa primeira liña de traballo: crear un repositorio de contidos que incluíse todos estes espazos, ademais de museos exemplares de toda a xeografía nos que inspirarnos.
A seguinte fase: información e formación. A biblioteca adquiriu exemplares relacionados co mundo dos museos e da museografía, tendo moi en conta que fosen de niveis diversos: para todos os públicos. Ao mesmo tempo, deseñamos a liña da biblioteca do Plan de formación permanente do profesorado (en diante, PFPP) para recibir docencia de persoas expertas en museografía. Así foi como petamos na porta do Museo Etnolóxico de Ribadavia e en que bo momento tomamos tal decisión! A sabedoría, entusiasmo e xenerosidade que atopamos no seu equipo de profesionais foron o mellor punto de partida, e déronnos uns azos que continúan ata hoxe. Con eles comprendemos canto traballo hai detrás dun museo que, coma un iceberg, amosa só unha pequena parte de todo canto alí se fai: recoller, recuperar, inventariar, catalogar, conservar, divulgar...
Deseguido, baixo as directrices dos nosos formadores, comezamos a inventariar as nosas pertenzas, a valorar o seu estado de conservación e a pescudar información sobre elas. Iniciamos a elaboración de fichas físicas e paralelamente rexistros virtuais na plataforma de xestión da biblioteca KOHA... mentres iamos pensando tamén nunha plataforma virtual vistosa e accesible que nos permitira mostrarlle ao mundo a nosa colección. Nace neste momento o noso Manual para museógrafas novatas.
Feito isto, xa comezamos a ter unha idea das pezas que compoñen a nosa colección e que clasificamos nas seguintes categorías:
- Obras de arte (doazóns recentes e pertenzas antigas).
- A escola de antonte (libros e material escolar que xa son historia).
- Arqueoloxía dixital (tecnoloxía obsoleta que nos axuda a entender a actual).
- Obxectos senlleiros (doazóns curiosas, obxectos atopados no centro froito da súa variada historia).
- Pezas arqueolóxicas (procedentes das sucesivas restauracións do mosteiro).
Ao mesmo tempo, pescudamos información sobre a historia do edificio, arquitectura, usos anteriores das diferentes dependencias, tentando optimizar o seu uso e á vez facelas visualmente atractivas. Queremos un edificio coidado, pero tamén vivido.
Por outra banda, mentres puñamos en orde as nosas pertenzas, tomou forma unha das liñas de traballo máis potentes desta campaña: a relativa á memoria.
Da man do Comité de Memoria Histórica das Terras de Celanova e inspirados polo Departamento de Historia, comezamos a percorrer un camiño que se iniciou coa asistencia ás exhumacións da fosa común do cemiterio de San Breixo e continuou con abundantes froitos: a doazón ao centro de pezas senlleiras, como a Placa das Escolas da República; diversas actividades co alumnado, e mais este repositorio de contidos que imos enchendo coa documentación de pezas e espazos do centro relacionados coa memoria. Chamámoslle Centro de Interpretación da Memoria Histórica.
Como non vale parar, elaboramos co alumnado de bacharelato unha ruta (que inclúe os nosos propios espazos) que se difundiu en formato virtual e a continuación se realizou en físico, e continuamos traballando hoxe en día na elaboración de máis material informativo. Esta liña de traballo, que é un proxecto formidable en si mesmo, mereceu o premio Rafael Rodríguez Martín que outorga o Forum Europeo de Administradores da Educación na súa sede galega. Moi agradecidas porque nos deu moita visibilidade como centro e, o máis importante, recoñeceu o enorme traballo do alumnado e do profesorado.
Por suposto, coma noutros museos, elaboramos folletos turísticos en varios idiomas para que os nosos visitantes poidan estar informados das peculiaridades históricas e arquitectónicas do edificio, así como marcapáxinas e tarxetas de visita con QR onde se pode acceder ao repositorio de contidos de O Fogar das Musas.
Neste parnaso que queremos ser non pode faltar a música. A nosa biblioteca alberga concertos, recitais poéticos acompañados e mesmo danza. O noso piano de cola —con certa historia tamén, pois pertenceu ao Café Latino de Ourense— é un elemento xa insubstituíble desde que chegou en 2023. E como non, tampouco faltan as artes plásticas: nas aulas xa se estaba sentindo este terremoto museístico con traballos ben fermosos como As Versións das Musas e moitos outros, que ilustran os nosos corredores.
E, no curso seguinte...
Comezamos o curso 2024/25 con bastantes avances no inventario, algo máis de entendemento do que significa o labor museístico e moitas ganas de facer partícipe o alumnado destes achados, así como a toda a comunidade educativa.

Coa idea de parecernos aos mellores museos do mundo, comezamos a actividade chamada Peza do Mes, na que lle damos visibilidade a algunha referencia da nosa colección e a contextualizamos co chamado Tema do Mes. Unha vitrina ben xeitosa campa no corredor da biblio e muda cada mes con evento de presentación incluído, cada vez a cargo dun equipo de alumnado, que explica a peza e o tema a través dun breve material didáctico. Non sabiamos neste intre a de bos momentos que nos daría semellante idea!
Tamén coma nos grandes museos, realizamos co alumnado un pequeno vídeo de presentación do centro, que gravamos co alumnado de reforzo en galego e castelán.
Para continuar a nosa misión de dar a coñecer o patrimonio da comarca, creamos, baseándonos en iniciativas similares (Melide, abeancos.gal), un xogo da oca no que unhas ocas camanduleiras deseñadas por Zoe, de segundo da ESO, percorren os lugares senlleiros das Terras de Celanova, van de festa en festa e mesmo nadan na fonte da praza. O alumnado da FP Básica encargouse da selección dos lugares e da pescuda de información, e deuse conta polo camiño de que o ChatGPT sabe moi pouco ou nada sobre a nosa vila. Feito o xogo, deixamos copias na Oficina de Turismo e na Casa dos Poetas (e tamén na nosa biblio), e así poder agasallar a cativada que nos veña visitar.
Nesta festa de actividades co alumnado, continuamos a formación das profesoras. Desta vez, no Museo Arqueolóxico Provincial, da man do seu director César Llana, que anteriormente dirixira o Museo Etnolóxico de Ribadavia (e mais o Museo do Viño, formidables ambos). Cada vez máis admiradas polo gran traballo que se fai nestas institucións e que os cidadáns non coñecemos, continuou crecendo a nosa determinación por levar a cabo a nosa campaña con rigor e co firme compromiso de ser un activo máis na vida cultural de Celanova.
Desta colaboración xurdiu a elaboración dun material no que se puideron coñecer as pezas arqueolóxicas que adornan os nosos corredores. Puidemos identificar a procedencia dalgunhas e elucubrar un pouco sobre o resto. Polo menos, xa non son rochas anónimas que a ninguén lle importan, por iso titulamos ese material didáctico De Refugallo a Pezas de Museo.
E, por fin, abordamos a misión de crear un museo virtual para amosar as nosas pezas, clasificalas, facilitar a súa pescuda e incluír información de cada unha. O problema era que non dabamos coa plataforma axeitada, que tería que ser gratuíta, claro, e iso si, aloxada na nosa web iescelanova.gal.
A creatividade abriuse camiño e soubemos que nalgúns ciclos formativos de Comercio se utiliza para practicar unha plataforma gratuíta de venda de roupa en liña... Non se fale máis: a nosa asesoría do CFR conseguiunos a mellor docencia para aprender a manexar tal ferramenta e con Antonio e Eladio, do IES Chan do Monte de Marín, comezamos a utilizar Prestashop. Quitámoslle toda a parte comercial e fomos subindo pezas arqueolóxicas en vez de camisetas. Así foi como naceu o noso museo virtual.
Novo curso, novo equipo
Neste camiño, fomos perdendo efectivos. Algunhas compañeiras foron gañando o xubileo: Belén, Teresa e Isidora foron baixando do tren en cursos consecutivos, deixándonos unha herdanza impagable.
Por sorte, outras fóronse incorporando coa mesma determinación e ilusión por continuar avanzando cara ao noso obxectivo, que, por certo, tomou vida propia e foi mudando durante todo este tempo... Agora sabemos que isto non é para xa e que é posible que nunca estea totalmente finalizado, pero non importa: o traxecto, cos nosos formadores, co alumnado, coas colaboracións con diferentes institucións, ten valor por si mesmo, aínda que non se alcance unha meta en concreto.
Así é como chegamos ao curso actual 2025/26 cun novo equipo de biblioteca, nova coordinación, nova directiva e importantes cambios no claustro. Parece que polo momento todo o mundo está disposto a colaborar!
Desde que comezou o curso, xa levamos postas en marcha varias iniciativas e parece que os nosos espazos se están a facer moi famosos, acollendo todo tipo de eventos, desde gravacións televisivas ata o mesmísimo Consello da Xunta!
Polo momento hai un par de actividades que nos gustaría destacar:
Guía por un Día: visitas guiadas en horario extraescolar para facilitar a asistencia da veciñanza ou potenciais turistas aos que lles coincidise pasar por alí, sempre axudados polas guías turísticas «de verdade», tanto do Concello como da Fundación Curros. Foron catro sesións de tarde que partillamos con exalumnas, integrantes de diversas asociacións e familias, que se achegaron ao centro para comprobar o desempeño dos seus fillos e fillas, que o fixeron xenial. Pasamos un bo momento coñecendo mellor o corazón da nosa vila da man do alumnado de Oratoria, que así puxo en práctica as súas aprendizaxes.

E, como adiantamos xa hai uns cantos parágrafos, a Peza do Mes Invitada: un momento fermoso que vivimos no IES froito da interacción co equipo do Museo Arqueolóxico Provincial, ao que só lle podemos dedicar palabras de agradecemento.
O día 19 de novembro tivemos o privilexio de acoller unha peza moi especial: a Tabula Hospitalis de Castromao, a peza orixinal que recolle o acordo de hospitalidade entre os coelerni, habitantes do castro situado á beira da vila, e un prefecto romano.
Especialistas do museo prepararon o alumnado de primeiro da ESO: isto foi o punto de partida para que man a man coa súa profesora, Noelia Domínguez, exercesen de presentadores da peza e anfitrións do acto, no que estaba previsto homenaxear o coautor material do achado, que era un neno cando atopou a peza no ano 1970. A docente, ademais, elaborou material didáctico para repartírllelo ás persoas asistentes. Este acto, cunha clara finalidade pedagóxica, busca comprometer a rapazada co seu patrimonio, dando a coñecer a lección de civismo que amosou aquel rapaz ao atopar a Tabula e poñela á disposición da humanidade. Non puidemos ter con nós o descubridor, pero si a peza, que o alumnado de primeiro da ESO presentou con todo rigor nun acto ben emocionante, pois para Celanova é unha peza dunha enorme relevancia, case a súa partida de nacemento.
Agora mesmo atopámonos nun primeiro trimestre a piques de rematar. Estamos cada vez máis preto do 300º aniversario do noso edificio e aínda temos moitos fíos dos que tirar: catalogación de pezas, memoria histórica, museo pedagóxico, circo... Circo? Pois si: os nosos corredores albergaron provisionalmente o Circo dos Muchachos, aquela experiencia educativa adiantada ao seu tempo.
Continuaremos poñendo en valor, pescudando, colaborando, abrindo portas... Queremos que a nosa vila se sinta orgullosa do seu centro. Para os que integramos esta comunidade educativa é unha auténtica honra pasar parte da nosa vida aquí, no corazón de Celanova.