Ler, compartir, aprender
Ao longo do artigo iremos vendo como se estruturan e organizan as lecturas compartidas no CEIP de Outes, argumentando a súa pertinencia e beneficios en función dos obxectivos de lectura.
Alicia Nimo. Titora de educación primaria e coordinadora da biblioteca do centro
CEIP Plurilingüe de Outes (Outes- A Coruña)
alicia_nl [at] edu.xunta.es (alicia_nl[at]edu[dot]xunta[dot]es)
O contacto cun lector competente permítelle ao neno achegarse á lectura dun xeito pracenteiro e dálle a posibilidade de escoitar como soa un texto ben lido. Lerlles en voz alta aos nenos non é un luxo, é unha necesidade.
Emilia Ferreiro
É imprescindible que os nenos escoiten ler en voz alta a lectores competentes. Esta práctica non só serve de modelo de comportamento lector, senón que tamén transmite o pracer pola lectura, o ton, o ritmo, a entoación e a interpretación que lle dan sentido ao texto.
Myriam Nemirovsky
O CEIP de Outes atópase na cabeza da ría de Noia e Muros. É un centro de educación infantil e primaria que actualmente conta con aproximadamente 250 nenos e nenas. Desde hai uns anos atópase nun profundo e reflexionado proceso de cambio que comezou pensando a escola que queriamos e na que se contextualizan as prácticas lectoras das que falaremos ao longo do artigo. Camiñamos cara a unha escola pensada para todas as persoas que a habitan, especialmente para a infancia: unha escola aberta á diversidade, que inclúe, respecta e valora a cada nena e neno; que ofrece espazos estimulantes onde aprender con liberdade, desenvolver a autonomía e compartir; que favorece a convivencia, o traballo en equipo e a amizade; e que esperta nos nenos o compromiso co coidado e a conservación do lugar que comparten.
Cremos firmemente que abordar as tarefas de aprendizaxe de maneira colaborativa favorece a comprensión e a asimilación a través do intercambio de ideas, reforza a motivación e o compromiso, impulsa a autonomía e a responsabilidade mediante a colaboración, e promove habilidades sociais nun contexto que valora a diversidade de perspectivas.
E dentro dese enfoque, apostamos polas lecturas compartidas valorando que este tipo de abordaxe achega numerosas e importantes vantaxes:
- Permiten compartir un espazo e unha experiencia común que xera identidade grupal arredor da lectura e reforza a idea desta como actividade valorada dentro da comunidade escolar.
- Promoven o exemplo e a motivación social para o desenvolvemento do hábito lector.
- Dan lugar á curiosidade e á socialización da lectura, fomentando o intercambio e a ampliación de intereses lectores.
- Crean un ambiente de lectura pracenteiro, relaxante e estimulante, favorecendo vínculos emocionais con esta.
- Fortalecen a cultura lectora como práctica habitual e colectiva, fomentando un hábito lector sostible.
Esta práctica, instaurada de forma sistemática no centro, contribuíu ao incremento do préstamo bibliotecario e á mellora da actitude lectora do alumnado. Ao longo do artigo iremos vendo como se estruturan e organizan as lecturas compartidas no CEIPP de Outes, argumentando a súa pertinencia e beneficios en función dos obxectivos de lectura, os cales empregaremos como eixe de análise para a súa comprensión, entendendo que, na práctica, son indivisibles e que non se pode obviar o pracer das lecturas para aprender nin, pola contra, a aprendizaxe que se dá nas lecturas por pracer.
Modelo de lectura
A importancia do acompañamento na creación do hábito lector. Escollas de calidade cun modelo lector experto en mecánica e actitude.
Englobamos neste obxectivo todas as lecturas mediadas por unha persoa lectora competente que as introduce e media como referente de calidade entre o texto e as persoas oíntes deste. Na vida do centro son moitos os momentos nos que se dá este tipo de mediación. Por exemplo, cando as mestras e mestres len para o alumnado, práctica que recomendamos como asidua e ao longo de toda a etapa de infantil e primaria. Observamos que é unha práctica habitual en educación infantil e nos primeiros cursos de educación primaria, pero que de xeito moi frecuente se abandona cando o alumnado comeza a ter certa fluidez na mecánica lectora. No noso caso consideramos que esta práctica é igualmente importante nos cursos altos, tanto polo exemplo de lectura de calidade que segue a ser en fluidez, entoación, ritmo, expresividade... coma polo propio modelo de vínculo emocional coa tarefa en si, o que consideramos ineludible na procura da conexión emocional necesaria para desenvolver o hábito lector.
Outros momentos nos que se practica este modelo son aqueles nos que as nenas e nenos do equipo de Voluntariado de Lectura len para as máis pequenas ou cando poñemos en marcha maratóns de lectura en voz alta. Tamén en dinámicas nas que se convida as familias a ler, como foi a proposta «Tecendo comunidade», na que varias familias da nosa comunidade viñeron compartir lecturas dos seus países de orixe... E, como non, cada vez que organizamos dinamizacións lectoras nas que persoas profesionais da arte de contar son as que se converten neses modelos de lectura.

Exemplos das propostas expostas sobre os modelos de lectura
Lecturas elixidas e socializadas
As lecturas que queremos ler. É a escolla de lecturas coas que nos comprometemos, ao tempo que evoluciona o noso gusto lector creando un itinerario persoal.
Son as lecturas que se dan nas aulas cando na Hora de Ler se establece esa lectura de libre elección entre as propostas da biblioteca da aula (que deberán estar coidadosamente seleccionadas de forma previa da biblioteca do centro) ou nas sesións que cada titoría ten na biblioteca para realizar o préstamo semanal. Estas lecturas son, en moitas ocasións, lecturas individuais, pero o feito de que o fagan todos á vez converte a actividade nunha práctica social. Un encontro no que comparten un espazo e unha experiencia común, xerando unha identidade grupal sobre a lectura que resulta motivadora e significativa. Ademais, é habitual observar nenos que interaccionan sobre o que len, compartindo gustos, facéndose recomendacións… e ampliando, polo tanto, o repertorio de compañeiros e compañeiras dun xeito moi natural e fluído. Así vivimos momentos como no que Carmen escolle para o préstamo o conto Pescadoras porque foi un texto lido e socializado na aula ou no que Melinda escolle A figueira de Pelostortos porque alguén lle dixo que é un pouco gracioso… E coma esas escollas, moitas outras froito das interaccións sociais arredor da lectura.
Coidamos, ademais, que as lecturas dispoñibles representen tamén a diversidade das vivencias, culturas e sensibilidades do noso alumnado, ofrecendo materiais accesibles e títulos que reflictan diferentes realidades persoais, familiares e/ou sociais.
Tamén consideramos de grande importancia neste punto o coidado dos espazos de encontro lector. As bibliotecas de aula, as de ciclo ou a propia biblioteca do centro deben ser lugares acolledores que propicien que eses encontros sexan o máis agradables posible, favorecendo os aspectos anteriormente mencionados.
E como expresión máxima das propostas de lectura socializada, os clubs de lectura. A socialización formal da lectura, na que esta vén pautada por unha persoa mediadora e na que en moitas ocasións teñen, ademais, a oportunidade de contrastar a súa visión co autor do libro.

Lecturas paralelas, espazos de encontro e club de lectura en encontro co autor
Lecturas significativas
Ler con función, ler por necesidade, pola necesidade de abordar un proceso. Ler significativamente.
Vaia por diante de novo que esta reflexión está baseada nun eixe de análise, xa que, por suposto, todas as lecturas das que se fala ao longo do artigo son todas elas lecturas significativas. Pero queremos facer referencia neste punto a esas lecturas das que se fai necesario o acceso total ao contido para poder abordar a tarefa á que fan mención: textos instrutivos de xogos, enunciados ou instrucións de propostas e tarefas, cadros de repartición e organización de traballo… Lecturas que en moitos momentos se socializan por necesidade pura de acceder ao contido e poder levar a cabo a proposta, poder xogar a un xogo… ou ampliar o que sabemos dun proceso.
Neste sentido, e no marco desta tipoloxía de lecturas, temos dous aspectos importantes en conta:
- Non dar ese proceso feito e perder, polo tanto, unha oportunidade de aprendizaxe. Por exemplo, non explicar un xogo, senón poñer o texto instrutivo á disposición, ou non dicir cada día quen se encarga de cada útil concreto nos momentos de limpeza, senón establecelo nun cadro. Como acompañante, cómpre ter a paciencia de non intervir e de lle deixar espazo ao alumnado para que acceda autonomamente a esa información para executar a súa tarefa.
- Dotar de bibliografía moitos espazos, xogos e propostas. Por exemplo, nas mesas de LEGO ou KAPPLA, ou nas propostas de stop-motion, dispoñemos de libros que acompañan a experiencia. Por suposto, os diferentes ámbitos de cada ciclo son espazos dotados tamén das súas propias bibliotecas onde calquera proposta, aínda que non leve un proceso de investigación directamente asociado, se acompaña con libros que poidan servir de ampliación do observado ou experimentado.
Dentro desta modalidade, cabe destacar tamén as lecturas que se dan no ámbito da radio, significativas e compartidas tanto na súa preparación coma na fase de gravación dos programas pertinentes.

Oportunidades de lecturas significativas compartidas
Lecturas para aprender
Poderiamos incluílas no parágrafo anterior porque serven a un proceso, o de dar acceso ao coñecemento e nutrir os nosos intereses.
Trátase de lecturas que se atopan no marco dos procesos de investigación individuais e dos proxectos de aula ou de centro. Lecturas que ao ser compartidas se poñen en consonancia e contraste coas experiencias e coñecementos previos de todo o grupo que as comparte, facendo do proceso de aprendizaxe e investigación un proceso moito máis integral e enriquecedor.
Dentro da socialización destas lecturas, promovemos o traballo en parellas como agrupamento especialmente recomendado polos beneficios que achega en canto á comprensión da información. Observamos que este agrupamento é especialmente interesante nas primeiras etapas de adquisición da lectura, xa que a falta de fluidez é un obstáculo moitas veces insalvable para acceder á comprensión do texto. Cando un neno ou nena se enfronta a unha lectura para obter información desta pon dous procesos en marcha: por un lado, a descodificación (tradución do signo gráfico no son correspondente) e, por outro, a propia comprensión. Cando as nenas e nenos están nun proceso de iniciación á descodificación, precisan poñer tanto esforzo cerebral nesa descodificación que se fai moi difícil acceder a unha comprensión efectiva. No traballo en parellas unha das partes pon ao servizo do acceso á información o esforzo de descodificación, mentres que a outra parte da parella, que accede á información a través da escoita e que é un proceso xa moito máis adestrado, facilita a comprensión. A proposta que se fai é que repitan o proceso dúas veces intercambiando os roles e que despois discutan o contido da información á que accederon (discusión na que, sen dúbida, conectarán tamén coas súas experiencias previas e desenvolverán a súa capacidade de análise crítica dos contidos), polo que a comprensión do texto adoita ser moito máis efectiva. É tamén por esta última parte do proceso pola que, aínda que consideramos esta estratexia especialmente efectiva nos primeiros niveis, a seguimos recomendando en niveis máis altos.
Por suposto, este agrupamento é tamén moi útil para permitir o acceso ao coñecemento escrito a través de persoas lectoras competentes se se organiza entre distintas idades ou distintos niveis de competencia lectora.

Esquema do proceso de investigación en parellas
Lecturas emocionais
Lecturas vinculadas á emoción, ao acompañamento, aos coidados. Ler por pracer.
Mencionamos xa con anterioridade a importancia do vínculo emocional coa lectura para favorecer un hábito lector sólido e sostible no tempo. Entendemos que todo tipo de experiencias lectoras mellora se está acompañado de pracer: o pracer de gozar dunha boa historia, o pracer de aprender, o pracer da relaxación que nos produce… O que non é antagónico con fomentar o compromiso. Pero todo é máis fácil se se comeza o proceso lector da man da sedución e do pracenteiro da lectura.
Para axudarnos nesta importante misión de crear o hábito lector desde esta perspectiva, podemos acudir ao que chamamos as lecturas emocionais, que son lecturas que van un paso máis alá na finalidade de buscar a conexión persoal con estas.
Algúns exemplos neste sentido son as lecturas que facemos polos aniversarios. Contos que elixen as persoas protagonistas para compartilas na súa celebración con compañeiros e compañeiras, ou as lecturas poéticas arroladas por música, xerando un clima especial que conecta dun xeito máis impactante. Outro exemplo deuse no marco dunha secuencia de texto informativo, onde escribimos cartas para enviarlles ás familias e ás que convidamos a que nos respondesen. A lectura desas cartas foi outro momento de forte conexión emocional.
Tamén as lecturas dos coidados… alumnado colaborador que le, de xeito máis formal no marco do Voluntariado de Lectura, para nenos e nenas máis pequenos, ou de xeito máis informal cando se atopan nos tempos de lecer na biblioteca.
Tamén as lecturas que van da man dunha emoción en particular. A tranquilidade das lecturas no patio acompañadas dos sons da natureza, o medo dos relatos polo Samaín, as lecturas vinculadas á nosa identidade cando lemos as nosas poetas ou cando convidamos a comunidade a encontrarse coa lectura grupal, como fixemos na proposta «Lerte ben, camiños de papel», unha acción comunitaria para visibilizar a lectura como práctica compartida, na que ocupamos a praza que hai diante do cole con coloridas alfombras e persoas de todas as idades compartindo un tempo de lectura.
Estas lecturas tamén nos permiten conectar coa diversidade emocional do alumnado, ofrecendo espazos seguros onde expresar as súas vivencias de maneira personalizada.

Algúns dos exemplos de lecturas emocionais
Lecturas solidarias
Lecturas que acompañan, que proporcionan un servizo, que poñen ao alcance de todos historias e memorias.
No noso centro lecturas que se enmarcan no programa Voluntariado de Lectura e Bibliotecas Solidarias de Bibliotecas Escolares de Galicia, con dúas modalidades: Lecturas con... D (lecturas dentro do propio centro) e Lecturas con... F (lecturas compartidas fóra do centro, a outras entidades externas a este).
No Voluntariado de Lectura dentro do centro, un grupo de alumnos voluntarios de terceiro ciclo de primaria organízase por parellas para lerlles aos grupos de educación infantil e de primeiro ciclo de primaria. Unha experiencia que se comezou facendo nas Horas de Ler do mes de abril, facéndoo coincidir co mes do Día do Libro, e que, logo da súa avaliación, se distribuíu en todos os xoves desde o mes de xaneiro ata o mes de maio. O problema da modalidade anterior foi que supoñía unha interferencia demasiado disruptiva nas dinámicas periódicas que cada titoría establecía semanalmente para ese tempo de Hora de Ler, pasando deste xeito a converterse nunha rutina dese tempo en todas as aulas implicadas.
No Voluntariado de Lectura fóra do centro levan xa catro anos visitando o Centro de Día e a Escola Infantil Municipal de Outes, e desde hai dous anos a Residencia de Maiores Terramar. Froito da observación e da avaliación, esta proposta experimentou igualmente diversas modificacións ao longo do tempo. Inicialmente, as lecturas consistían nos contos destinados ao alumnado do centro, que si segue a realizar para a escola infantil, pero que non resultaban adecuadas para as persoas maiores por extensión e por desconexión coas historias. Así pois, foi preciso mudar cara a lecturas con maior carga vivencial, emocional ou que apelasen á súa experiencia persoal. Entre as lecturas que espertaron maior interese, destacaron as memorias recollidas sobre o río Tins (río que atravesa a poboación na que estamos), elaboradas a partir dos relatos das familias do centro. Estas lecturas actuaron case coma un obradoiro de memoria, xa que contribuíron a avivar recordos e experiencias persoais vinculadas ao río. Tamén tiveron unha acollida moi positiva as regueifas e coplas, coas que conectaron de inmediato.

Algúns dos exemplos de lecturas solidarias
Conclusións
As lecturas compartidas constitúen unha experiencia transversal e de éxito no noso centro con múltiples beneficios. Promoven o exemplo lector e a motivación social, ao tempo que favorecen o intercambio de experiencias, gustos e ideas arredor das lecturas persoais, ampliando os intereses lectores dun xeito moi natural e espontáneo. Converten a lectura nunha experiencia máis enriquecedora e significativa, facilitando a aprendizaxe e estimulando a creación de vínculos emocionais con esta. Todos estes aspectos contribúen a consolidar un hábito lector máis firme e sostible no tempo, especialmente cando se manteñen as dinámicas de xeito continuado e transversal dentro desa comunidade e cultura lectora que se constrúe colectivamente. Porque, ademais, ler en comunidade é tamén aprender a sentir, compartir e construír xuntas nun ineludible camiño de ida e volta.