A lectura fácil como ferramenta real para a inclusión
Miriam Rodríguez Vázquez
CEE Infanta Elena (Monforte de Lemos - Lugo)
miriamrodriguezvazquez [at] edu.xunta.gal (miriamrodriguezvazquez[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
A lectura é unha capacidade humana de grande importancia no desenvolvemento de calquera persoa sexa cal sexa a súa condición e, grazas a ela, a toma de decisións e a autodeterminación están garantidas.
Este artigo non vai de que é a lectura, iso xa todas e todos o sabemos, senón de lectura fácil (de agora en diante, LF). Comezaremos por ofrecer algúns datos curiosos e contextualizar a súa orixe, definición e certos aspectos legais desta potente ferramenta inclusiva antes de pasar a falar do papel da LF na biblioteca escolar que eu coordino desde xa hai catro cursos consecutivos.
Estudos de ámbito internacional amosan que máis dun 25 % da poboación adulta na maioría de países non chega a un nivel de alfabetización ou destreza lectora logo de pasar pola educación formal. Nalgúns destes países mesmo alcanza entre o 40 % e 50 % da poboación total (Enquisa internacional de alfabetización de adultos, IALS, 1998).
Os datos cos que contamos non son algo do pasado, senón que na actualidade as dificultades en materia de lectura seguen sendo preocupantes, xa que queda de manifesto que unha maior proporción de estudantes ten limitadas as habilidades lectoras (PIRLS, 2021).
A realidade é que o 30 % da poboación ten dificultades lectoras (IFLA, 2010) por diversas razóns: imposibilidade ou dificultade de acceso á educación, abandono escolar, discapacidade intelectual e trastornos asociados, enfermidades neurodexenerativas, situacións persoais variadas etc.; ou sexa, a realidade reflicte unha porcentaxe importante de persoas que ten dificultades para enfrontarse a situacións que requiren da comprensión lectora na súa vida cotiá.
A diario escoitamos que xorden dificultades á hora de comprender documentos, aplicacións, carteis nas rúas, o menú dun restaurante etc. Todas elas, na maioría dos casos, derivan desas razóns citadas no anterior parágrafo e tamén de respostas non axeitadas por parte de organizacións, institucións, establecementos que non fan documentos ou indicacións que todos e todas comprendan.
A lectura como tal é un dereito democrático, xa que todas as persoas teñen dereito á cultura, literatura e información de xeito comprensible; porén, a interpretación dos dereitos humanos (Declaración Universal, 1948), o dereito á educación (Constitución española, art. 27) e o dereito á cultura (art. 44.1) serían quen de soportar unha boa defensa ante tal feito.
A lectura permite vivir nunha sociedade (normas, ideas, opinións etc.), acceder á educación e á cultura, á participación en asuntos públicos, ao ámbito laboral e incluso pode salvarche a vida.
A promoción da lectura e a necesidade de materiais de lectura fácil teñen un forte apoio na Convención e normas uniformes das Nacións Unidas, no Manifesto das bibliotecas públicas da UNESCO e na Carta para o lector da Asociación Internacional de Editores e a Comisión Internacional do Libro (IFLA Professional Report 120, 2010).
Cal é a orixe da LF?
Apareceu por primeira vez en Suecia en 1968 coa publicación do primeiro libro en LF froito dun estudo experimental.
A definición de LF chegou en 1997 a través da Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas (IFLA), revisada novamente no 2010:
A lectura fácil é unha solución de accesibilidade universal que, como tal, favorece a todas as persoas. Non obstante, existen grupos concretos que son os principais beneficiarios e a quen se dirixen principalmente as obras adaptadas, debido ás súas dificultades específicas de comprensión lectora.
Este documento da IFLA é a primeira guía para elaborar textos en LF aplicando unhas pautas. Deixo aquí a ligazón da IFLA por se queredes pescudar máis.
Un dato importante é que a primeira norma de calidade no ámbito mundial sobre LF é do 2018. Tamén que o noso país é o segundo con máis libros publicados en formato LF.
Paréceme axeitado, ademais, deixar aquí a ligazón á páxina de Plena Inclusión, na cal poderedes ampliar o anteriormente citado e moita máis información sobre LF (normativa, cronoloxía, pautas, actuacións, formación etc., así como a das diversas asociacións en materia de LF no ámbito español:
- Asociación Lectura Fácil de Cataluña, con máis de 20 anos dende a súa creación.
- Asociación de Lectura Fácil de Euskadi.
- Asociación de Lectura Fácil na Comunidade Valenciana, creada recentemente.
Logo de ofrecer unhas primeiras nocións en materia de LF, imos falar do eido educativo. A lectura e as habilidades lectoras permítenlle ao alumnado interactuar cos contidos, comprender significados e textos, relacionar a información...; xa que logo, a lectura é unha competencia esencial para que se produza unha aprendizaxe e a participación activa no proceso de ensinanza-aprendizaxe.
A produción, publicación e difusión de textos medrou exponencialmente, pero isto, engadido á difusión por parte das tecnoloxías da información e da comunicación, non quere dicir que todo o que se produce se le ou se comprende. Neste panorama actual, a LF é unha solución real de inclusión e accesibilidade para todos e todas.
Por que a LF?
Como ben se mencionou anteriormente, é unha ferramenta inclusiva, axuda o alumnado a adquirir dominio lector facilitando a comprensión lectora, é motivadora para atraer a rapazada sen hábito lector, comprender aumenta a súa autoestima e autoconfianza, para moitos é a única vía de acceso á lectura, pode aplicarse en calquera ámbito curricular, é para absolutamente todas e todos.
Trátase de adaptar todo a LF?
Somos conscientes de que adaptar todo sería imposible ata o momento, xa que os recursos e o tempo na escola son limitados, a adaptación a LF de xeito indiscriminado pode ser un enorme erro. O primeiro é avaliar e valorar as necesidades reais do noso alumnado.
Antes de dar paso ao traballo na nosa biblioteca escolar, hai que destacar que o papel das bibliotecas tanto públicas coma escolares a prol da LF é un factor clave neste ámbito como promotoras de materiais e directrices para persoas con dificultades lectoras.
Hai que salientar tamén a capacidade das bibliotecas para traballar con grupos diana, coñecemento dos usuarios e, polo tanto, das súas necesidades, selección de materiais, facilitadoras de acceso a estes, identificándoos e difundíndoos axeitadamente.
A cooperación entre bibliotecas (públicas, escolares) é tamén un factor clave á hora de dinamizar, lograr boas prácticas e traballo en comunidade.
Como chegamos nós á LF?
Froito dun estudo e valoración de necesidades foi como a LF chegou á nosa biblioteca escolar. No curso 2021/22 cheguei ao CEE Infanta Elena e asumín por vontade propia e encantada a coordinación da biblioteca escolar do centro. Neste primeiro curso dediqueime á realización minuciosa do DAFO e á análise de necesidades en materia de lectura tendo en conta o alumnado, o profesorado, a comunidade educativa, o espazo e as necesidades reais dos usuarios da biblioteca escolar.
Na realización desta avaliación, ademais de empregar documentos de elaboración propia, empreguei como referencia os elaborados e recomendados pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia como, por exemplo, o cuestionario Situación da biblioteca escolar e o documento Bibliotecas escolares entre interrogantes? Ferramenta de autoavaliación.
Froito deste DAFO detectouse a gran necesidade de traballar en materia de comprensión lectora e hábitos lectores.
Foi un curso de ensaio-erro comprobando que actividades funcionaban e cales non, comezamos facilitando a lectura e procesos lectores. Os resultados deste primeiro curso facilitando a lectura e os procesos lectores foron moi positivos para o alumnado e o profesorado participante, así como para a comunidade educativa en xeral, xa que as iniciativas levadas a cabo permitiron facer da biblioteca escolar un proxecto firme, continuo no tempo e dinámico, os alumnos estaban motivados e deuse resposta a moitas necesidades, como adaptación de contidos, comprensión lectora, velocidade/ritmo lector, adquisición de novo vocabulario, traballo en grupo, autoestima e autopercepción persoal, recursos para o profesorado, actividades de calidade en materia de lectura, emprego da biblioteca escolar como espazo de aprendizaxe e investigación, alfabetizacións múltiples etc.
A finais do curso solicitamos o Plan de mellora de bibliotecas escolares de Galicia (Plambe) co obxectivo principal de que a biblioteca escolar medrase e tivese soporte económico que permitise realizar melloras, crear un fondo axeitado e actividades enriquecedoras como obradoiros e encontros con autores, entre outras.
No 2022/23 chegou o Plambe, o que supuxo unha gran nova. Puxemos en marcha o taller de LF de xeito semanal cos programas formativos do centro, Xardinería e Viveirismo e Restauración e Servizos de Cafetería. Comezamos cunha sesión semanal de 50 minutos cada un dos grupos e, de xeito excepcional, xuntándonos algunha vez no trimestre para actividades como o escape room ou a avaliación que o alumnado realiza de xeito trimestral do taller.
Seguimos facilitando tamén a lectura con recursos novos adquiridos desde a biblioteca escolar como lupas, tableta, libro dixital , marcadores de lectura, micros, botóns etc. Ao inicio do curso, realízase a proposta ao alumnado e ao profesorado participante, opcións de textos e organización espazo-temporal elaborada para todo o curso por parte da coordinación da biblioteca escolar, primando a súa adaptación ao alumnado e a implementación real nas programacións didácticas.
Neste primeiro curso, a lectura escollida foi El club de los raros de Jordi Sierra i Fabra en LF. Comezamos o taller con varias premisas básicas:
- Motivar
- Desfrutar
- Ler
Ao chegar a cada sesión, comentamos brevemente o realizado na sesión anterior e o que faremos na actual; é importante anticiparlle e darlle varias opcións de actividade ao noso alumnado polas necesidades persoais de cada un e, sobre todo, por un factor clave: a motivación.
Na sesión, que sempre implica ler, pero non sempre do mesmo xeito, empregamos o texto, materiais elaborados ou o xogo (ABX), moi presente na nosa biblioteca escolar. Finalizamos cunha pequena valoración conxunta da sesión con dúbidas ou propostas de mellora, anticipando o proposto para a vindeira xuntanza. Téñense en conta sempre as propostas dos participantes, posto que é algo que os motiva enormemente e mellora a participación activa do alumnado.
No curso 2023/24 o taller semanal en LF xa está incluído no horario semanal, pero realízanse certas modificacións:
- Auméntase a dúas sesións continuas: mércores de 15:00 a 16:45.
- Xúntanse ambos os programas formativos, co que temos un grupo máis numeroso, e ademais comezamos a traballar como club de lectura coa finalidade de solicitar para o vindeiro curso 2024/25 o programa Clubs de Lectura da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia.
- A adaptación a LF do texto escollido, Plan de rescate de Antía Yáñez, é realizada na súa totalidade pola coordinadora da biblioteca escolar.
A organización da sesión é similar á do curso anterior, a diferenza de que o alumnado comeza a crear os seus propios materiais de apoio na lectura, con base nas TIC e na guía da coordinación da biblioteca escolar.
A lectura do libro de Antía Yáñez permitiu, ademais, visibilizar e expresar os aspectos que ás veces sofren, e moitas veces calan, as persoas con discapacidade.

O seguinte paso foi solicitar o programa Clubs de Lectura da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia para o curso 2024/25, o cal nos concederon e puxemos en marcha o segundo curso co club de alumnado e tamén por segundo curso consecutivo o club de adultos A Luz do Candil, composto por persoal do centro en activo e algún xubilado.
No curso 2024/25 seguimos mantendo a organización semanal e os dous programas formativos xuntos, pero introducimos un cambio nos textos empregados: este curso mercamos libros editados en LF na súa totalidade.
O texto escollido foi Marcus Marc y la ruta del cacao de Núria Martí Constans, logo do acordo entre o alumnado e as titorías, seleccionado entre varias opcións propostas ao inicio do curso.

Fomos un paso máis alá, xa que a escolla do texto é froito dunha pescuda e traballo minucioso intentando atopar un tema común a ambos os programas formativos —o cacao—: como vexetal, coidados ou orixe para Xardinería e como produto de uso en restauración e alimento para Restauración. Hai que dicir, así mesmo, que o texto tamén trata unha historia de amor e isto sempre triunfa, polo menos na nosa biblio.
Continuamos creando material complementario, neste caso como ampliación e investigación da lectura como, por exemplo, no ámbito de tratamento do cacao e tipos de produtos derivados.
Ademais, no caso do programa formativo de Xardinería, decidimos empregar dous textos relacionados cos contidos do curso para traballar na Hora de Ler, estes textos son Un ano ao redor do gran carballo e Un año en nuestro jardín, ambos os dous de Gerda Muller.

Por medio da dotación do Plambe adquirimos novos libros en LF para enriquecer o noso fondo e facelo máis inclusivo. Actualmente, o alumnado participante que conta con experiencia —nalgúns casos de catro cursos consecutivos— traballando neste tipo de dinámicas comeza a crear materiais en LF co apoio da coordinación da biblioteca escolar, seguindo as pautas IFLA anteriormente mencionadas. Deseguido citarei algunhas:
- Utilizar frases curtas.
- Realizar unha escritura en bandeira.
- Empregar linguaxe sinxela e clara.
- Usar sempre a mesma palabra para a mesma idea.
- Escribir as datas completas.
- Evitar palabras noutros idiomas.
- Empregar glosas para explicar palabras difíciles.
- Empezar frases nunha liña nova.
Para coñecelas en profundidade deixo a ligazón ao documento Resumen de pautas de lectura fácil completo.
Xa comentei que a rapazada era quen de crear materiais. Algúns exemplos diso son o da foto que podedes ver a continuación: o alumnado está adaptando un texto sobre Rosalía de Castro para crear un documento destinado a unha das contadas dos xoves (actividade de carácter permanente para o fomento da lectura para os grupos de pequenos) e poder contárllelo ás demais aulas do centro. Foi un xeito de achegar a figura desta escritora galega de xeito comprensible para todos e aplicar os contidos e aprendizaxes das sesións de LF dos mércores.
Co gallo do Entroido, pescudamos en Internet e atopamos un texto con erros e imaxes de baixa calidade, decidimos adaptalo a LF e investigar sobre os datos incorrectos e corrixilos. O produto final foi un kamishibai que lles presentaron aos demais compañeiros e compañeiras do centro. Todos estes materiais elaborados atópanse na biblioteca escolar á disposición da comunidade educativa e con opción de empréstito.

O apartado da avaliación é vital no noso facer diario e o alumnado faino de xeito crítico por medio de ferramentas de elaboración propia, como as rúbricas de valoración de textos escritos que eles mesmos aplican e logo sacan as conclusións pertinentes.

Hai que destacar que este alumnado tamén traballa as competencias STEAM. Innovar é algo que se fai nas sesións de LF, na imaxe vedes unha alumna empregando un robot (Photon) que estivo na biblioteca escolar durante dous trimestres a través dun empréstito con Maker Store, o cal empregamos para traballar as competencias lectoras —aquí estamos traballando unha descrición por pasos dos personaxes de Plan de rescate—.

Cal é o propósito da nosa biblioteca escolar en materia de LF?
- Facer o alumnado protagonista da súa aprendizaxe.
- Mellorar as competencias lectoras.
- Mellorar a motivación, a autoestima e a socialización do alumnado.
- Proporcionar oportunidades para todos: factor compensador de desigualdades.
- Ter a lectura como compoñente natural do día a día.
- Conseguir que a biblioteca escolar sexa o eixe vertebrador de aprendizaxes e espazo seguro.
- Seguir sendo mostra de boas prácticas. Este curso 2024/25 tivemos ocasión, a través da coordinadora da biblioteca escolar, de asistir ao CFR de Vigo ás Xornadas Gálix e ás Xornadas Plambe en Santiago de Compostela, e tamén ao Décimo Primeiro Encontro de Lectura Fácil en Tarragona para expoñer o noso traballo en materia de lectura fácil e biblioteca inclusiva.
Para concluír, gustaríame agradecerlle á Asesoría de Bibiotecas Escolares de Galicia o ofrecemento desta oportunidade de dar a coñecer o traballo da nosa biblioteca escolar. Sempre me sentín comprendida e acompañada, sempre.
Recomendo o traballo en LF nos centos educativos e ao profesorado en xeral. Ás veces non é necesario facer grandes investimentos económicos ou empregar recursos supermegainnovadores, non, só fai falla que sexa para todos e lembrar, aínda que iso xa o sabemos todos, que unhas boas habilidades lectoras son fundamentais para a vida.
Eu estou tremendamente satisfeita cos resultados obtidos e moi moi orgullosa do traballo do alumnado e do seu avance e motivación cara á lectura, cun índice de participación do 100 % nos catro cursos. Foi e é un privilexio ver como medraron na lectura, ver o seu progreso no desenvolvemento na biblioteca escolar, a súa destreza á hora de formar outros usuarios e dinamizar o traballo da biblio, en definitiva, ver como o desfrutan. Grazas a eles e elas tamén, sono todo.
Outro logro foi e é ver como a biblioteca escolar conseguiu facer comunidade e ser un espazo para todas e todos, ver como caeron mitos como «na biblioteca só se le» e tecer redes con outras biblios, as librerías como espazos de apoio e intercambio de experiencias e formar parte de colectivos a prol da lectura e da cultura como o LEMOSLE, colectivo formado por bibliotecas públicas e escolares e a Asociación de Libreiros/as da Comarca de Lemos unidas por e para a lectura.
Aos compañeiros e compañeiras que apostaron pola biblio e traballaron nela apoiando en todo momento as súas iniciativas, ao equipo da biblio polo seu compromiso e bo facer, tamén por botar horas das cales non dispoñen, sei que non é fácil ás veces... Grazas a todos por tanto!
Aproveito para facer difusión e deixo a ligazón á web de centro (apartado biblioteca). Temos tamén un apartado STEAM e as redes sociais (Instagram). Botádelle un ollo ao que facemos: @o_recuncho_da_patilena