Ir o contido principal
foro
Foro

Ensino de calidade no rural galego

Nesta proposta artéllanse as características máis destacadas dos centros educativos do ámbito rural na nosa comunidade, coas referencias normativas máis actuais e con diversas referencias bibliográficas. Baseándonos nesta relación, podemos considerar que o modelo educativo desenvolvido nos centros de ámbito rural é un referente tanto na atención ao alumnado coma na formación do profesorado.

 

 

Javier Rivas Barcala
Asesor de Formación do Profesorado no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), Santiago de Compostela (A Coruña)

 

 

Fundamentación

O enfoque deste artigo fundaméntase na flexibilidade curricular que se lles outorga aos centros educativos desde a entrada en vigor da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación ( para organizar o ensino das áreas por ámbitos de aprendizaxe e pretende a plena integración de todo o alumnado ao respectar a diversidade de intereses, ritmos de aprendizaxe e destrezas cognitivas presentes nun grupo multinivel. Esta proposta organizativa e pedagóxica asenta como sinal de identidade nos proxectos educativos e funcionais dos centros educativos galegos situados no ámbito rural, especialmente nos colexios rurais agrupados de Galicia (CRA).

En Abós Olivares, P. (2020), La escuela situada en territorios rurales: una escuela diferente, un reto pedagógico, a autora enfatiza que a escola situada no medio rural (porque é este o que é rural e non a escola en si mesma) se nos presenta neste momento como unha escola inclusiva (Domingo, 2012) que integra a cultura na que vive e é foco de creación de cultura (Lorenzo, 2014), e que ten a posibilidade non de ser laboratorios pedagóxicos, senón escenarios reais de procesos de innovación pedagóxica no seu importante papel de preservar o dereito á educación de toda a cidadanía. Tamén se considera de grande importancia a Moraleda-Ruano, Álvaro e Bernal-Romero, T. (2025), que, ademais de conformar unha base de datos amplísima e de gran calidade, destacan as referencias á formación específica do profesorado para traballar nun contorno educativo cunhas características completamente específicas. 

Se falamos de inclusión, podemos citar a María Isabel Quesada (2021), que define: «Enténdense por estratexias ou prácticas educativas inclusivas aquel tipo de estruturas, tarefas e/ou actividades que lle ofrecen oportunidades reais de aprender a todo o alumnado» (Chiner Sanz, 2011, p. 95).

É moi interesante tamén o artigo de Quílez Serrano, M. e Vázquez Recio, R. (2012) para pór en valor o enfoque dos grupos multigrao e analizar falsas crenzas, como as que relacionan a súa «imposición» nas escolas de ámbito rural co baixo número de alumnado e que non consideran o multigrao como unha vantaxe ou unha metodoloxía innovadora, senón como unha debilidade deste tipo de centros que lle causará un atraso na aprendizaxe ao seu alumnado.

 

Referencias legais

En primeiro lugar, a UNESCO e a súa iniciativa Educación 2030: Declaración de Incheon e Marco de acción para a realización do obxectivo de desenvolvemento sostible 4: Garantir unha educación inclusiva e equitativa de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe permanente para todos e todas.

No ámbito nacional, as referencias que hai que considerar inclúense na Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Como máis destacadas, podemos citar:

Artigo 1. Principios, que propón un enfoque integral da inclusión e enuncia diversos aspectos complementarios para conseguila. Así, prescríbese entre outros, como principio:

b) A equidade, que garante a igualdade de oportunidades para o pleno desenvolvemento da personalidade a través da educación, a inclusión educativa, a igualdade de dereitos e oportunidades, tamén entre mulleres e homes, que axuden a superar calquera discriminación e a accesibilidade universal á educación, e que actúe como elemento compensador das desigualdades persoais, culturais, económicas e sociais, con especial atención ás que deriven de calquera tipo de discapacidade, de acordo co establecido na Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade, ratificada en 2008, por España.

Artigo 4. O ensino básico, que fundamenta este enfoque pola globalidade co disposto neste parágrafo:

Sen prexuízo de que ao longo do ensino básico se garante unha educación común para todo o alumnado, adoptarase a educación inclusiva como principio fundamental, co fin de atender a diversidade das necesidades de todo o alumnado, tanto do que ten especiais dificultades de aprendizaxe coma do que ten maior capacidade e motivación para aprender. Cando tal diversidade o requira, adoptaranse as medidas organizativas, metodolóxicas e curriculares pertinentes, segundo o disposto nesta lei, conforme os principios do deseño universal de aprendizaxe, garantindo en todo caso os dereitos da infancia e facilitando o acceso aos apoios que o alumnado requira.

Artigo 82. Igualdade de oportunidades no ámbito rural enfocado, sobre todo, á garantía sobre a igualdade de oportunidades para o alumnado e a dotación de recursos aos centros de ámbito rural.

Artigo 132. Competencias do director ou directora, que recolle, entre outras:

c) Exercer a dirección pedagóxica, promover a innovación educativa e impulsar plans para a consecución dos fins do proxecto educativo do centro.

l) Promover experimentacións, innovacións pedagóxicas, programas educativos, plans de traballo, formas de organización, normas de convivencia, ampliación do calendario escolar ou do horario lectivo de áreas ou materias, de acordo co recollido no artigo 120.4.

m) Fomentar a cualificación e formación do equipo docente, así como a investigación, a experimentación e a innovación educativa no centro.

Unha vez citadas as bases legais, a modo introdutorio preséntase a estrutura do artigo, que busca poñer en valor a calidade do ensino nos centros educativos do ámbito rural, analizando as súas características máis destacadas. Así mesmo, preséntase un modelo organizativo que relaciona estas características do ensino no rural coa agrupación de áreas en ámbitos de aprendizaxe entre as etapas de infantil e primaria. Aínda que esta proposta se presenta no contexto do sistema educativo galego, podemos constatar nos últimos anos a posta en valor deste enfoque no ámbito nacional nos diversos congresos nacionais da escola rural, iniciados en Navalmoral de la Mata no ano 2023.

Image

 

Para contextualizar na nosa comunidade autónoma e tamén para poder valorar a ampla traxectoria do ensino no rural en Galicia, podemos citar como referencias nas etapas de infantil e primaria as EEI (escola educación infantil) e os CRA (colexio rural agrupado) e, como centro integrador de todas as etapas obrigatorias do ensino, os CPI (centro público integrado). Así, o Decreto 374/1996, do 17 de outubro, polo que se aproba o Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, no seu artigo 2º, entre outras disposicións, inclúe:

O colexio rural agrupado terá como obxectivo fundamental elevar a calidade do ensino das comunidades rurais, así como contribuír á súa revitalización socioeconómica e cultural, a través da elaboración e aplicación coordinada de proxectos educativos que permitan a integración das aprendizaxes nos contornos respectivos.

Analizando os decretos de currículo vixentes actualmente, así como as ordes que os desenvolven, atopamos os seguintes aspectos en común:

Decreto 155/2022 

(primaria)

Artigo 13 (apartados 3 e 4)

Decreto 150/2022 

(infantil)

Artigo 12 (apartados 3 e 4)

Orde do 26 de maio de 2023 (primaria)

Artigo 6

Orde do 30 de maio de 2023 (infantil)

Artigo 7

Resolución do 5 de xuño de 2025 (instrucións anuais 2025/26)

Autonomía dos centros

Así mesmo, os centros docentes poderán establecer medidas de flexibilización na organización das áreas, nas ensinanzas, nos espazos e nos tempos, e promover alternativas metodolóxicas, co fin de personalizar e mellorar a capacidade de aprendizaxe e o progreso de todo o alumnado, nos termos establecidos pola consellería con competencias en materia de educación.

No exercicio da súa autonomía, os centros poderán adoptar experimentacións, innovacións pedagóxicas, programas educativos, plans de traballo, formas de organización, normas de convivencia […].

Artigo 7. Coordinación entre ciclos e con educación primaria

Os centros establecerán mecanismos de coordinación entre o profesorado que imparte nesta etapa e o profesorado que imparte no primeiro ciclo da educación primaria.

 

Artigo 6. Coordinación entre etapas

Os centros establecerán mecanismos de coordinación entre o profesorado que imparte nesta etapa e o profesorado que imparte na etapa de educación secundaria obrigatoria. Así mesmo, establecerán mecanismos de coordinación entre os equipos docentes que imparten no segundo ciclo de educación infantil e os que imparten na educación primaria.

Décimo. Aspectos xerais na educación primaria

A planificación do primeiro ciclo de educación primaria basearase en metodoloxías que non supoñan unha ruptura abrupta respecto das empregadas durante a etapa de educación infantil.

Para atender o alumnado de forma coordinada nos aspectos educativos e emocionais, cómpre prestar especial atención á transición entre niveis e ciclos dentro desta etapa e será especialmente necesaria a colaboración entre os equipos docentes.

 

Obxectivos

Obxectivo xeral

A finalidade que se persegue é implementar boas prácticas educativas en diversos ámbitos, tales como a inclusión e a aprendizaxe cooperativa, nos centros educativos de tipoloxía rural.

Obxectivos específicos

1. Favorecer unha aprendizaxe competencial e integradora de contidos interdisciplinarios.

2. Mellorar o clima da aula.

3. Desenvolver as potencialidades persoais, sociais e académicas de cada alumno.

4. Levar á práctica enfoques organizativos e pedagóxicos innovadores.

5. Respectar as características individuais no proceso de ensino-aprendizaxe.

 

Contidos

Partindo dun traballo conxunto ao longo de toda a educación regrada das competencias clave (comúns a todas as etapas), a continuación faise unha proposta de agrupación das áreas de primaria similar á estrutura curricular de infantil. Segundo a descrición e bloques das áreas incluída no anexo II (Currículo das áreas do Decreto 150/2022) e as súas equivalencias cos bloques de contidos das áreas de primaria, establecidas no anexo II (Currículo das áreas do Decreto 155/2022). Así, poderase establecer unha equivalencia de áreas baseada na desagregación dos respectivos bloques de contidos:

A área de Comunicación e Representación da Realidade pretende promover nas nenas e nos nenos as capacidades que lles permitan comunicarse e interpretar a realidade a través de diferentes linguaxes e formas de expresión como medio para construír a súa identidade, representar a realidade e relacionarse coas demais persoas. Esta área correspondería coas áreas lingüísticas (Galega, Castelá e Estranxeira) e coas áreas de Linguaxe Artística (Música e Danza e Educación Plástica e Visual).

A área de Crecemento en Harmonía céntrase nas dimensións persoal e social da nena ou do neno, entendidas como inseparables e complementarias, que se desenvolven e regulan de maneira progresiva, conxunta e harmónica, aínda que só adquire sentido desde a complementariedade coas outras dúas, xa que se produce nunha contorna física e natural determinada e precisa da utilización de distintas linguaxes e representacións da realidade. Esta área correspondería coas áreas de Educación Física e Proxecto Competencial.

A área de Descubrimento e Exploración da Contorna fai referencia ao descubrimento, exploración e comprensión daquilo que configura a realidade das nenas e dos nenos, considerando as súas múltiples relacións e interdependencias, coa finalidade de construír un coñecemento sobre o medio físico, natural e social cada vez máis axustado. O medio é un todo integrado, onde os elementos naturais e culturais se relacionan e se inflúen mutuamente.

É importante que durante esta etapa educativa a nena e o neno, ademais de identificar os distintos elementos que conforman o medio, descubran e comprendan progresivamente as relacións entre os distintos obxectos, fenómenos e feitos. Esta área correspondería coas áreas STEM (Matemáticas, Ciencias Sociais e Ciencias da Natureza).

Para afondar nestas relacións e posibles transferencias positivas, pódese valorar a concordancia entre os bloques de contidos das áreas citadas:

DESCUBRIMENTO E EXPLORACIÓN DA CONTORNA 

150/2022

MATEMÁTICAS

 155/2022

 

Bloque 1. Diálogo corporal coa contorna. Exploración creativa de obxectos, materiais e espazos

 

Bloque 2. Experimentación na contorna. Curiosidade, pensamento científico e creatividade

 

Bloque 3. Indagación no medio físico e natural. Coidado, valoración e respecto

 

Bloque 4. Descubrimento e participación na contorna social. Relacións, servizos e actividades culturais

 

1. Sentido numérico

2. Sentido da medida

3. Sentido espacial

4. Sentido alxébrico e pensamento computacional

5. Sentido estocástico

6. Sentido socioemocional

CIENCIAS NATUREZA 155/2022

1. Cultura científica

2. A vida no noso planeta

3. Materia, forza e enerxía

4. Tecnoloxía e dixitalización

CIENCIAS SOCIAIS 155/2022

1. Ciencia e tecnoloxía

2. O mundo e o desenvolvemento sostible

3. Vivir en sociedade

4. Leccións do pasado

 

CRECEMENTO EN HARMONÍA 

150/2022

EDUCACIÓN FÍSICA

 155/2022

Bloque 1. O corpo e o seu control progresivo

Bloque 2. Equilibrio emocional e desenvolvemento da afectividade

Bloque 3. Hábitos de vida saudable para o autocoidado e o coidado da contorna

Bloque 4. Interacción socioemocional na contorna. A vida coas demais persoas

 

Bloque 1. Vida activa e saudable

Bloque 2. Organización e xestión da actividade física

Bloque 3. Resolución de problemas en situacións motrices

Bloque 4. Autorregulación emocional e interacción social en situacións motrices

Bloque 5. Manifestacións da cultura motriz

Bloque 6. Interacción eficiente e sostible coa contorna

 

COMUNICACIÓN E REPRESENTACIÓN DA REALIDADE  

150/2022

LINGUAS CASTELÁ E GALEGA 

155/2022

Bloque 1. Intención e interacción comunicativa

Bloque 2. As linguas e os seus falantes

Bloque 3. Comunicación verbal oral. Comprensión-expresión-diálogo

Bloque 4. Aproximación á linguaxe escrita

Bloque 5. Aproximación á educación literaria

Bloque 6. Linguaxe e expresión musical

Bloque 7. Linguaxe e expresión plástica e visual

Bloque 8. Linguaxe e expresión corporal

Bloque 9. Alfabetización dixital

1. As linguas e os seus falantes

2. Comunicación oral

3. Comunicación escrita

4. Alfabetización mediática e informacional

5. Educación literaria

6. Reflexión sobre a lingua e os seus usos no marco de propostas de produción e comprensión de textos orais, escritos ou multimodais

LINGUA ESTRANXEIRA 155/2022

1. Comunicación

2. Plurilingüismo

3. Interculturalidade

MÚSICA E DANZA 155/2022

1. Educación musical: percepción e análise

2. Educación musical: creación e interpretación

3. Educación en artes escénicas e performativas: percepción e análise

4. Educación en artes escénicas e performativas: creación e interpretación

EDUCACIÓN PLÁSTICA E VISUAL 155/2022

1. Educación plástica e visual: percepción e análise

2. Educación plástica e visual: creación e interpretación

3. Educación audiovisual: percepción e análise

4. Educación audiovisual: creación e interpretación

 

 

Metodoloxía

No II Congreso Nacional de Educación no Ámbito Rural, realizado en maio de 2024 en Ribadavia (Ourense), diversos relatorios deron a coñecer a aplicación práctica nas aulas de diversas comunidades autónomas do enfoque educativo integrado que aquí se desenvolve. A profesora universitaria Pilar Abós presentou un relatorio no que expuxo datos moi concretos partindo dun estudo en profundidade de diferentes variables, que xustifica a necesidade de seguir avogando por un modelo educativo diferenciado. No momento actual, identifícase de forma inequívoca co ámbito rural, que presenta como sinais de identidade a inclusión, a globalidade nas aprendizaxes e o dinamismo das metodoloxías innovadoras.

Image

 

A normativa educativa actual, tanto no ámbito nacional (LOMLOE) coma no autonómico (decretos e ordes do currículo), centra o proceso de ensino-aprendizaxe no desenvolvemento das competencias clave (comúns a todas as etapas educativas). Se se poden establecer sinerxías entre ambas as etapas e compartir enfoques metodolóxicos, o desenvolvemento das competencias sería máis elevado que separando as propostas didácticas en áreas de coñecemento parceladas.

Segundo a normativa de constitución dos CRA de Galicia (regulamento orgánico de centros), nestes centros agrúpanse unidades mixtas de infantil e primaria (1º ciclo). Tamén se dá esta circunstancia en diversas EEI e CEIP con baixa matrícula.

Podemos falar de forma xeral nesta tipoloxía de centros de aulas multinivel, para aproveitar as vantaxes destes agrupamentos, dado o menor número de alumnado por aula e para aproveitar ao máximo as horas lectivas do profesorado. Respectando esta organización de centro, e para alcanzar a maior eficacia e calidade do proceso educativo, formúlase a posibilidade de fusionar as áreas de primaria en ámbitos para adaptarse o máis posible ás áreas de infantil e así poder planear tarefas abertas e adaptadas aos diversos niveis curriculares.

Nesta proposta tamén se recolle a posibilidade dunha docencia compartida, que comporta grandes vantaxes para alumnado e profesorado e persegue un maior aproveitamento dos recursos humanos para atender o alumnado.

Amatriain (2023) cita diferentes modelos para levar á práctica este labor conxunto do profesorado:

- Un leva a clase e o outro obsérvaa: con este modelo un docente fai a función de observador e o outro é quen leva a clase. Este modelo axuda a que outro docente axude a mellorar a súa docencia apuntando aspectos nos que pode mellorar. Para iso cómpre saber a actividade que se vai levar a cabo na práctica, así como o que se quere conseguir tras ela.

- Hai dous docentes, pero un dedícase a apoiar o alumnado que ten máis dificultade e o outro dirixe a clase. Este modelo axuda a atender o alumnado que ten maior dificultade. É importante que, cando se poña en práctica, non se realicen explicacións ou estas sexan moi curtas para que se poida aproveitar o apoio ou a presenza doutro docente.

- Ensino en grupos nos que rota o alumnado: constitúense diferentes grupos de alumnos heteroxéneos e neles realízanse distintos tipos de actividades polas cales se vai rotando o alumnado. Esta forma serve para introducir un tema novo, pero, sobre todo, para repasar e afianzar o aprendido desenvolvendo en cada grupo, por exemplo, diferentes destrezas como expresión oral, expresión escrita, cálculo, comprensión lectora, problemas...

- Ensino en paralelo: a clase divídese en dous anos de alumnos heteroxéneos que realizan a mesma actividade e serve para realizar esta contando con menor alumnado e así poder atender mellor á diversidade.

- Ensino alternativo: o alumnado da clase decide se para unha determinada tarefa que se vai levar a cabo —por exemplo, a realización dun esquema— necesita máis ou menos dificultade e, co alumnado que a necesita, créase un grupo na clase atendido por outro profesor ou profesora que lle axuda a este alumnado.

- Ensinanza compartida en equipo: hai dous profesores que dan clase e entre os dous lévano a cabo, os cales lle axudan ao alumnado que o necesite.

Así mesmo, este enfoque permitiría a adaptación aos diferentes ritmos e intereses de aprendizaxe do alumnado, seguindo os principios do DUA, ofrecendo situacións de aprendizaxe con diversos niveis de execución. De maneira xeral, pódese definir como un enfoque didáctico que considera a diversidade do alumno e pon a súa énfase en lograr a inclusión efectiva, minimizando as barreiras físicas, sensoriais, cognitivas e culturais.

Como autores de recoñecido prestixio no noso país podemos citar a Coral Elizondo, José Blas e Antonio Márquez. Baseámonos nun artigo destes dous últimos autores para recoller o seu punto de vista, resumido nesta reflexión:

O deseño universal para a aprendizaxe (DUA) é un modelo que, fundamentado nos resultados da práctica e a investigación educativa, as teorías da aprendizaxe, as tecnoloxías e os avances en neurociencia, combina unha mirada e un enfoque inclusivos do ensino con propostas para a súa aplicación na práctica.

Image

 

Así mesmo, é de obrigada citación o recurso interactivo elaborado por estes autores xunto ao resto do equipo de Aula Desigual, a Roda DUA 2024, que combina os recursos xa existentes en versións anteriores co uso da intelixencia artificial.

 

Temporalización e actividades

Para a implantación dos ámbitos de aprendizaxe, unha vez máis, citaremos a normativa da Comunidade Autónoma de Galicia, usada como referencia para este proxecto.

Por un lado, debemos de respectar os prazos fixados pola Administración educativa e, por outro, debemos de recoller a preparación da nosa comunidade educativa para este novo enfoque. Referímonos á comunidade educativa en xeral porque, ademais da innegable necesidade de formación do profesorado nun enfoque metodolóxico e organizativo novo, tamén debemos de explicarlles a nosa proposta ao alumnado e ás súas familias, para implicalos neste novo modelo organizativo e pedagóxico.

Para conseguir con éxito a implantación deste proxecto en calquera centro educativo, a solicitude faise a finais dun curso escolar. En Galicia adóitanse publicar no mes de maio unhas instrucións anuais para o desenvolvemento das ensinanzas no curso académico seguinte. Nas últimas instrucións, que se concretan na Resolución do 5 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato no réxime ordinario no curso académico 2025/26, o prazo de solicitude dun agrupamento de áreas en ámbitos abrangue ata o 15 de xullo.

A Inspección Educativa é o órgano asignado para a aprobación desta solicitude. Por suposto, hai unha normativa de carácter permanente que regula con máis detalle a agrupación de áreas en ámbitos e que dispón, entre outros aspectos, que os centros teñen autonomía para establecer estas agrupacións de áreas, conforme os criterios establecidos nas súas concrecións curriculares. A normativa á que nos referimos é a Orde do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa.

Unha vez aprobado o ámbito de aprendizaxe pola Inspección Educativa, habería que adaptar as programacións didácticas a esta nova organización curricular. Por suposto, tamén se farían partícipes deste enfoque pedagóxico as familias na reunión inicial de principio de curso, ao tempo que se lles trasladaría a información necesaria para garantir o dereito a unha avaliación obxectiva, tal como se establece na normativa vixente.

Para garantir o mellor desenvolvemento desta proposta, o claustro de profesorado do centro debería participar nun plan de formación permanente do profesorado, regulados na Resolución do 2 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca a selección de plans de formación permanente do profesorado que se van implantar en centros educativos públicos dependentes desta consellería no curso 2025/26.

Tendo en conta estas consideracións, o cronograma da aplicación podería ser:

Image

 

Avaliación

Unha das partes máis complexas do desenvolvemento de calquera novo proxecto é analizar o traballo realizado e, sobre todo, medir os resultados obtidos. Sempre se corre o risco de caer nunha visión totalmente subxectiva, xa que as persoas que deseñaron o proxecto e o están implementando son, pola súa vez, as persoas que fan a valoración. Isto implica moitas veces unha visión nesgada, en ocasións, demasiado compracente e, noutras circunstancias, excesivamente crítica.

É por iso que, para comprobar a transferencia do traballo que estamos realizando, é imprescindible definir previamente uns criterios consensuados, así como uns instrumentos de avaliación que nos permitan valoralos.

Formúlanse dous procesos de análise simultáneos, tanto en relación cos obxectivos do noso proxecto coma co deseño en si do proceso de cambio no noso centro educativo.

Avaliación da validez do deseño do proxecto:

Elemento de avaliación

Criterios de avaliación

Instrumento de avaliación

Participación do profesorado no plan de formación de centro (PFPP).Alcanzar máis dun 60 % de participación do profesorado.Certificación das actividades formativas
Implicar o alumnado nas áreas agrupadas en ámbitos.Mellorar a motivación do alumnado e a súa participación nas actividades propostas.Rúbrica de observación
Poñer en práctica e cumprir as programacións didácticas.Cumprir coa planificación establecida a inicio de curso.Seguimento das programacións (PROENS)

 

Avaliación do cumprimento dos obxectivos:

Obxectivo específico

Criterios de avaliación

Instrumento de avaliación

Favorecer unha aprendizaxe competencial e integradora de contidos interdisciplinarios.Desenvolver as tarefas programadas.Diario de clase
Mellorar o clima da aula.Participar activamente en actividades cooperativas.Rúbrica de observación
Desenvolver as potencialidades persoais, sociais e académicas de cada alumno.Realizar unha avaliación global do proceso de ensino-aprendizaxe.Diana de autoavaliación
Levar á práctica enfoques organizativos e pedagóxicos innovadores.Implementar a docencia compartida como unha práctica habitual.Escala de valoración
Respectar as características individuais no proceso de ensino-aprendizaxe.Deseñar tarefas con diferentes graos de execución.Escala de valoración
 
 

Conclusión

A modo de reflexión final, cómpre destacar o enorme esforzo compartido por toda a comunidade educativa que conforma os centros educativos de ámbito rural. O alumnado e as súas familias, o profesorado e as administracións con competencias educativas, tanto locais coma autonómicas, converxen nunha finalidade común, que é a de elevar a calidade do ensino e continuar dinamizando as contornas onde se localizan.

Para promover a difusión deste modelo educativo, partimos no 2023 de Navalmoral de la Mata (Cáceres), pasamos en 2024 por Ribadavia (Ourense) e en 2025 por Teruel (Aragón). Neste ano 2026 o Congreso Nacional realizouse en Caravaca de la Cruz (Murcia) e para 2027, onde nos atoparemos?

 
 
 
Bibliografía

Abós, P. (2007). La escuela rural y sus condiciones ¿tiene implicaciones en la formación del profesorado? Aula Abierta 2007, 35(1,2), 83-90.

Abós Olivares, P. e Boix Tomás, R. (2017). Evaluación de los aprendizajes en escuelas rurales multigrado (No. ART-2017-133531).

Elizondo, C. (2018, January 8). Diseño universal para el aprendizaje, una respuesta inclusiva. Mon Petit Coin D’éducation. https://wp.me/p681Ic-1vL

Márquez, A., García, J. B. (2022). Metodologías activas y diseño universal para el aprendizaje. Influencia de las pautas DUA en el diseño de tareas, actividades y/o ejercicios de aula. JONED. Journal of Neuroeducation, 3(1), 109-118. doi: 10.134 4/joned.v3i1.39661

Mendías, J. S., Espigares, A. M. e Fernández, S. R. (2025). Análisis del diseño universal de aprendizaje-DUA y las TIC: Una visión del profesorado mediante Focus Group. Aula Abierta54(1), 29-37.

Moraleda-Ruano, Álvaro e Bernal-Romero, T. (2025). La escuela rural en España en el siglo XXI: Una revisión sistemática según el protocolo PRISMA. Revista de Educación, 1(407). https://doi.org/10.4438/1988-592X-RE-2025-407-666

Ordoñez, A. M. e Pérez, J. B. G. (2022). Metodologías activas y diseño universal para el aprendizaje: Influencia de las pautas DUA en el diseño de tareas, actividades y/o ejercicios de aula. Journal of Neuroeducation, 3(1).

Quílez Serrano, M. e Vázquez Recio, R. (2012). Aulas multigrado o el mito de la mala calidad de enseñanza en la escuela rural. Revista Iberoamericana de Educación, 59(2), 1-12. https://doi.org/10.35362/rie5921393

Rodrigo Moriche, M. P. (2019). El diseño de un currículo multinivel a partir de la autopercepción del alumnado de magisterio: una mirada empoderadora. Contextos educativos. Revista de Educación, (24), 27-43. https://doi.org/10.18172/con.3926

Vidondo, L. A. (2023, 21 marzo). La docencia compartida en el aula. Revista digital Ventana Abiertahttps://revistaventanaabierta.es/la-docencia-compartida-en-el-aula/

Referencias lexislativas

Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

DECRETO 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

ORDE do 30 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa.

DECRETO 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa.

Palabras clave

ensino no rural

Ensino de calidade no rural galego

Inclusión

Ensino de calidade no rural galego

aprendizaxe multinivel

Ensino de calidade no rural galego

ámbitos de aprendizaxe

Ensino de calidade no rural galego

Formación do profesorado

Ensino de calidade no rural galego