Ir o contido principal
foro
Foro

Cuartos de marabillosas heterotopías

Gonzalo Xosé Francisco da Rocha
IES María Casares (Oleiros - A Coruña)

 

 

A historia, alén a memoria de datos e datas, xunto cos procedementos de análise de documentos, debe potenciar a dimensión dos principios e valores, sempre que contribúan á promoción de actitudes que supoñan unha achega interesante para o alumnado no proceso de maduración afectiva, pois esta materia é unha ciencia social.

En «Señorío de si» (EDUGA núm. 89) figura o marco legal que ampara esta nova colaboración elaborada polo mesmo alumnado do curso 2024/25 durante o último trimestre, á par dos contidos do currículo e en consonancia co seu interese por unha vivencia que os volvese situar como protagonistas da aprendizaxe. A partir de aquí, o formato rompe co utilizado habitualmente pois pretende emular unha heterotopía.

 

Domenico Remps, Gabinete de Curiosidades

 

Na obra Jardinosofía. Una historia filosófica de los jardines, o profesor Santiago Beruete define heterotopía «por oposición ás utopías —lugares idílicos sen unha localización real— como lugares fóra de todo lugar, aínda que fisicamente localizables, que teñen o poder de xustapoñer nun único sitio varios espazos en si mesmos incompatibles» e cita como exemplos os museos, as bibliotecas, as coleccións —incluídos os xardíns botánicos— ou tamén un evento teatral no que espazos e tempos heteroxéneos conflúen no escenario recreados coa tremoia. A taxonomía resúltalles un tanto allea, pero está nas orixes da ciencia, aínda no coñecemento intuitivo, na curiosidade.

Tratouse de coñecer a manifestación protocientífica do «gabinete de curiosidades/cuarto de marabillas» do espírito do Renacemento co esplendor Barroco. Analizar o xénero pictórico das vanitas e valorar a importancia do «almario» como tesouro afectivo propio. Certamente, conceptos novos.

Difícil identificar nas ruínas da vila campestre de Hadrián (76-138 d. C.), na contorna de Roma, as paraxes que o emperador emulou como lembranza das viaxes. Máis ao norte, en Viterbo, o mecenas Orsini imaxina o Sacro Bosco de Bomarzogiardino delle meraviglie— coma heterotopía cun relato íntimo de difícil desciframento. Manuel Mujica Laínez visitouno e non puido evitar a novela homónima. Nela ponlle voz a Pier Francesco. «Soñei que estaba nun parque rochoso, poboado de enormes esculturas (...) Eu non podía entendelo aínda, pero ese era o parque futuro de Bomarzo, a miña obra peregrina». Alí «entretiña de tanta mediocridade ordenando as miñas coleccións nacentes (...) estudei a armadura que me regalara a miña avoa, os vasos, as furnas, o espello, os peites (...) as medallas e os camafeos que en Roma adquirira (...) era feliz entre eses obxectos que me afastaban da realidade». (...) «As miñas coleccións creceran insolitamente. Eran o meu fiel reflexo, por absurdas, por complexas, quizais por mostrosas, tamén por frívolas» recoñecendo que «non chegaban tan lonxe dos gabinetes de arte e curiosidades que posuíran os emperadores de Alemaña (...). Sentín desde a nenez a atracción do singular e tiven eu, en Bomarzo, os meus cuartos case secretos nos que o tempo foi superpoñendo a máis diversa, a máis desconcertante e fascinante acumulación de creacións suxestivas (...) A miña vida transfigurada en símbolos...». Xa o advertía á entrada á cita «Chi con ciglia inarcate / et labra strette / non va por questo loco / manco ammira / le famose del mondo moli sette».

O simbólico como motivo de aprendizaxe é destacado pola filósofa Catherine Chalier porque a «transmisión de xeración en xeración» vai alén o funcional para transcender, «para dar (...) unha maneira de inscribirse no simbólico. Dar a vida é unha cousa, pero é necesario acompañala de palabras, significados, historias...» en definitiva, o «relato» de Lola López no «Señorío de si».

 

Heterotopías

 

Na comarca das Mariñas, o Parque do Pasatempo, o exemplo paradigmático. Un parque enciclopédico de principios do XX coa ánima do xardín paisaxista inglés nunha paraxe domesticada sutilmente con diversidade de escenarios naturais e elementos decorativos —arquitecturas, esculturas— que remiten a lugares alleos no espazo e no tempo ao xeito do eclecticismo do Palacio Ideal do carteiro Cheval, en Hauterives, co uso de materiais humildes como a arxila, as pedras e as cunchas.

En Betanzos as homenaxes comezaban na entrada cos leóns dun mausoleo papal. Unha avenida con bustos de emperadores romanos e outra con escritores das diferentes linguas. Fontes con escenas da mitoloxía grecorromana en estanques que acumulaban máis bustos. O exótico nun xardín xaponés, miradoiros chineses ou as pirámides exipcias, ademais de divertimentos vexetais que emulaban mobiliario doméstico. Un invernadoiro de especies foráneas e un labirinto arbustivo. Hoxe só podemos imaxinar, a partir das fotografías, os murais na zona dos xardíns colgantes con reproducións fantásticas de fitos tecnolóxicos, históricos e literarios: un aeroplano, a locomotora, o dirixible, o canal de Panamá, a gran muralla da China, todos comunicados por camiños revoltos con grutas. Ao xeito de Bomarzo, palabras e frases nas paredes xogaban coa intelixencia e a ética do lector que tiña que descifrar e aprender. Non faltaba un zoolóxico —outra heterotopía en si— con especies estrañas e comúns. O conxunto inspirado polos Naveira era citado nas guías internacionais do incipiente turismo da época.

Para os rapaces das Rías Baixas da xeración do baby boom, nas primeiras viaxes domésticas antes da normalización dos desprazamentos de lecer como síntoma do benestar, o Portugal dos Pequenitos era a heterotopía alén o Miño máis próxima, unha promesa cumprida naquel espazo que segue reunindo a arquitectura monumental e a rexional do país luso e dos históricos territorios de ultramar en África, Asia e América. O lúdico e o educativo reunidos en harmonía.

Desde un emperador antigo, un humanista tardío, un burgués indiano ou un estado, a ánima gárdase no almario, concepto recreado a partir do termo «armario», lugar que garda as armas para o amparo. No almario custódiase o ser íntimo do individuo, aquilo que o caracteriza como orixinal. Por iso foi necesaria a confianza cultivada durante todo o curso para que o alumnado abrise as portas do seu cuarto particular, non sen reserva.

... paseaba por aquel cuarto coma se o fixese por primeira vez. (...) inspeccionou as súas cousas, acariñándoas, examinándoas cun coidado case ritual (...) Ordenou todas as posesións da súa infancia en dúas pulcras moreas. Unha delas compoñíase de xoguetes e bagatelas que adquirira ela mesma, fotografías e cartas secretas de amigas do colexio, agasallos que recibira algunha vez de familiares afastados...

Na adolescencia, o cuarto propio é o espazo tridimensional onde anovar unha cuarta dimensión, aquela ideal sobre as tres esenciais que permiten a existencia. O cuarto é unha imaxe do vindeiro con trazos da experiencia en forma de heterotopía. O escenario onde se representa simbolicamente a actuación futura. Lugar con autonomía consentida pola familia para a construción persoal que pronto terá a súa oportunidade cando a soberanía sexa plena. O recordo, sexa ou non souvenir, conforma a un. Inconscientemente reprodúcese un cuarto de marabillas segundo o xénero pictórico barroco, unha manifestación artística exuberante e emocional en moitos aspectos formais case coma a xuventude. O Gabinete de curiosidades de Domenico Remps levou a emular o trompe l`oeil (enganaollos) da colección do armario. Apenas foi necesario tempo para comprendelo. Coa experiencia da publicación previa, dúas xornadas por aula, as derradeiras do curso, suficientes para compoñer a súa escolma de obxectos e transmitir o seu valor simbólico. Evidente a retribución emocional.

O simbólico é tan antigo coma o humano. No xacemento de El Castillo, en Cantabria, este 2025 foi localizada unha evidencia do noso extinto parente neandertal que, por volta do Paleolítico Superior, posuía coitelos de sílex das Landas galas, a máis de 400 quilómetros, segundo certificou o profesor Diego Herrero da Universidade de Vigo. Tiña valor alén o utilitario este material exótico? Na sepultura chairega de Vilapedre, o defunto acompañado dunha machada de xadeíta, material do curso alto do río Po, a miles de quilómetros, 6.000 anos atrás. Ramón Fábregas, da USC, afirma que «era ornamental, un colgante, unha xoia, un artigo de luxo que acompañou o dono na tumba». No museo arqueolóxico de Vigo, un recipiente para os óleos traídos de Terra Santa e atopado no Areal cando era peirao romano. Aquí xa non hai dúbida do souvenir. Teima humana na necrópole medieval da Pobra do Brollón, onde o arqueólogo Xurxo Ayán identifica material lítico de formas xeométricas e puídas intencionadas con outros materiais certamente útiles. Pequenas vanitas que se atesouran ata o barroquismo dos gabinetes de curiosidades.

 

Almarios de 2º ESO A

 

Regaloumo... a miña familia de Alemaña; o meu avó e por iso é importante; a miña irmá desde Braga; o meu curmán en Moscova; a miña amiga polo meu aniversario; o meu pai cando fomos ver o meu tío que estaba enfermo nas Canarias; a monitora do comedor no derradeiro día de sexto de primaria; a miña nai para ter sorte; meu pai dunha viaxe a México e ten moito valor sentimental; os meus pais da súa viaxe a Roma á que me encantaría viaxar; a miña madriña en Londres; a miña madriña antes de se ir do país e ten máis valor sentimental ca calquera outro obxecto que posúa; meu tío e fixo un deseño cun debuxo e as miñas iniciais sobre a pedra; a nai dun amigo a quen lle cortei por primeira vez o cabelo; a miña adestradora de fútbol cando era pequena; a miña adestradora e é unha medalla que ela gañou cando patinaba; a miña nai cando foi de viaxe de traballo a Londres; a miña avoa e ten moito valor para min porque o fixo ela para min; un amigo do meu pai que colecciona minerais por ser tan bo amigo do seu fillo; un amigo co que fun en moto; os meus pais da súa viaxe a Toledo porque é a espada do Cid; a miña profesora de TEDI en primeiro da ESO, un can feito coa impresora 3D; a miña mellor amiga cando fomos ao cine ver Vania; os meus pais porque llelo regalaron a eles cando eu nacín; a policía que traballa coa miña nai; unha nena que era a miña mellor amiga e levo sen saber dela desde os nove anos; o meu avó esta cruz; a miña profesora de quinto de primaria e sígolle gardando cariño; a miña avoa que morreu hai cinco anos; a miña nai cando foi ao Sáhara para min e cada un dos meus irmáns; a miña avoa da praia de Santander; a miña nai que o herdou da miña avoa de cando ela era nova; a miña nai porque de pequena me gustaba moito ver as nubes; a miña avoa cando traballaba de profesora e ela facía colares con cousas da praia; a miña nai que a usaba de pequena como peto e agora úsoa para gardar cousas importantes para min; nun campamento o ano pasado; a miña mellor amiga para que non estivese triste cando romperon outros; a miña amiga cando fun de viaxe na súa caravana.

Porque me gusta... ler; escribir; os xogos de mesa; debuxar; escoitar música para desconectar ou motivarme; os animais; esta serie; ver as carreiras de motos co meu pai; os xoguetes de construción; este videoxogo portátil que me acompañou en moitas viaxes longas; o baloncesto; o fútbol; o ping-pong; facer festas cos meus amigos na casa; os coches de competición; ver películas de Batman; o xogador Lebron Jones; xogar cos meus amigos e familia ao Uno; esta materia sobre todas as demais; os perfumes e este é o meu favorito; a Nutella nas crêpes e tortiñas; as tartarugas e teño unha como mascota que vai para oito anos; a tortilla de patacas con cebola desde pequena; o atardecer na praia é o meu momento favorito; resolver o cubo de Rubik; os quebracabezas porque me relaxan e me entreteñen; as películas de Harry Potter; os zapatos Jordan; o equipo de baloncesto da Coruña e encántame ir ver os partidos; xogar ao fútbol que é a miña paixón desde que era moi pequena; o xogo de mesa do Virus é o meu preferido; o meu can e estas chuches (caninas) son moi especiais; a idea de ir a París; a patinaxe artística que levo practicando desde os catro anos; o grupo de música Imagine Dragons; a historia e é o primeiro regalo que me fixeron dela e ten moito contido; o estado de ánimo que representa este monstro da felicidade; todo o que teña que ver co mar e a cuncha representa o meu amor por el; o coleccionismo e son fanático dos «funkos»; ulir as velas; facer ciclismo; a cor verde do verniz de uñas; as flores e na miña casa sempre as teño e esta é a miña favorita.

Recórdame... a viaxe a Andorra cos meus compañeiros; o Nadal que paso coa miña familia; o meu avó que morreu hai uns meses; o meu curmán pequeno con quen xogaba; a viaxe a Atenas cos meus pais e tíos; a Portugal o pasado verán; o meu can que leva moitos anos na casa; a miña infancia; todos os sábados que xantamos pizza na casa; a praia de Santa Cruz; a viaxe para o bautizo do meu curmán; cando xogaba aos naipes coa miña avoa; a miña viaxe a Francia para esquiar e vivir aventuras na neve; a viaxe a Barcelona, unha cidade chea de fútbol; a praia das fins de semana e tráeme lembranzas do sol e das mareas neste cristal; as vacacións en Eivisa de nena, cheas de descubrimentos; o meu primeiro partido de fútbol cando a atopei no campo e me quedou como símbolo de sorte; o meu can que me alegra todos os días; cando era pequena porque son as miñas primeiras zapatillas de ballet; a miña avoa cando fomos as dúas á praia e a atopamos na area; a miña viaxe a Tenerife e ao Teide; a miña curmá cando a encontramos xuntas nunha praia próxima a Santiago; unha das miñas plantas favoritas; o meu equipo e ten un valor moi importante porque me lesionei ao principio da tempada; o Deportivo da Coruña e é a primeira que tiven do equipo; a operación da miña man e sempre a poño para xogar ao fútbol e represéntame; a miña avoa e xogamos con esta baralla ás cartas desde que era pequeno; a miña última competición, que foi unha das mellores, e por iso me aperto moi forte coa miña adestradora nun momento de euforia; o castelo de Santa Cruz porque é un dos meus lugares preferidos e precioso e ao atardecer alí sinto moita paz; o meu irmán, a miña persoa favorita; o meu avó con esta foto que é unha das últimas imaxes; o meu libro favorito; os meus cadros favoritos que son o Bico de Klint e os Mirasois de Van Gogh; as miñas amigas favoritas un día que comemos xuntas as tres; o zoo de Madrid; o parque de Santa Cristina porque sempre ía alí co meu pai; a derradeira viaxe que fixemos cos meus pais antes de que se separasen; o meu piloto de rallys favorito Iván Ares e o copiloto Juan Pintor e está asinado; a primeira vez que vin a neve en Andorra polo Nadal; a praia de Bastiagueiro que é a miña favorita, outra é do Caribe.

Conseguín, gañei... co meu equipo este trofeo; o primeiro torneo e represéntame moito; esta medalla en Narón e é un símbolo de esforzo e diversión; esta pelota asinada cando coñecín o mellor xogador do mundo de ping-pong; este trofeo nunha carreira o 12 de novembro de 2016; esta tesoira de peiteado despois de facer moitos cortes e con esforzo puiden comprala co meu diñeiro; esta medalla co meu equipo nun torneo no que quedamos subcampioas e o pasamos moi ben; merquei esta figura dunha das nosas personaxes favoritas de serie co meu irmán nunha feira en León; merquei este colgante na feira medieval de Betanzos; merquei de recordo este vaso de café Harrod´s; merqueino en Alfaroleiros, a onde vou cada ano; unha medalla de judo que representa o meu lado competitivo; dentro do roscón de Reis e decidín gardalo como recordo; a miña primeira medalla de judo; a medalla de ximnasia nunha exhibición en Sada; merqueina cando fun ao Coliseum ver un espectáculo de motos freestyle; merqueino cando fun a Asturias coa miña familia; merqueino co meu irmán en Venecia; medallas dos campionatos galegos de patinaxe de velocidade; é unha das primeiras cousas que merquei cos meus cartos.

Manualidade... dunha árbore con paxaros que representa o meu lado artístico; dun insignia que fixen cando era pequeno; fago moitas; fixen este peluche durante o confinamento e lémbrame o meu pasado; esta letra fíxena coa miña avoa de Granada e botamos moito tempo facéndoa e pasámolo moi ben; un colar que fixen para o asalto ao castelo (de Vimianzo) no verán; pinteino eu nun taller en sexto de primaria; decorei o moedeiro coa miña nai cando era pequena.

 

Almarios de 2º ESO B

 

Regaloumo... a miña tía cando foi a Nova York; a nosa adestradora cando rematou a tempada de fútbol; a miña avoa este corpiño; a miña profesora de catequese; un amigo moi próximo que morreu; a miña nai cando era pequena; a miña avoa esta imaxe da Virxe María cando era pequena; uns amigos da súa viaxe a Tenerife hai oito anos; a miña avoa cando foi de viaxe; a neta da amiga da miña avoa; o meu avó cando era pequena, este dicionario; a miña nai para que me deran sorte; o meu curmán; nun campamento en Soria con scouts de todo o mundo; unha das miñas mellores amigas de Alemaña, un para cada unha; a miña curmá esta felicitación tan ben feita; a miña bisavoa esta derradeira carta que me escribiu; escribiuma un inglés na academia de inglés; unha amiga polo meu aniversario e dentro ten trinta frases bonitas; a miña curmá que vive no Brasil; a primeira vez que fun esquiar; os meus pais de pequena esta pulseira; a miña avoa e díxome que era unha castaña da sorte; a miña bisavoa esta pelota saltarica cando era pequeno; a miña irmá este cabalo de mar; o meu pai nunha feira; o mozo da miña irmá de cando foi aos Estados Unidos; a miña profesora de primaria esta moeda da súa viaxe á China; unha moi boa amiga da miña nai que lle encantaba coser; a miña avoa e a este reloxo téñolle moito cariño e respecto; a miña avoa cando me caeu o primeiro dente; unha antiga adestradora antes de se ir a outro club; o meu avó deixounos esta cruz de Caravaca a min e ao meu irmán cando morreu; o meu tío que foi á India e son moi importantes porque son iguais aos da miña nai e aos da miña avoa; a miña tía cando foi de cruceiro; a miña curmá no Primark de Madrid; o meu pai e é do seu equipo; a miña nai para aprender a facer historias; a miña avoa dun mercado de Portugal; os meus avós este tren da súa primeira viaxe; regalouma o meu pai esta cuncha cando fixo o Camiño de Santiago; cando era moi pequena e crecín con este oso de peluche; un amigo un cromo do Mundial de España de 2010; na tenda da miña irmá.

Porque me gusta... a colección de figuras de Star Wars; o Depor e a bufanda era de cando meu pai era novo; o pádel que xogo desde os seis anos; o Barça de toda a vida; o equipo da miña cidade; o Barça e estes cromos traen os xogadores; moito Messi; o Depor é o meu equipo favorito; Batman é o meu heroe de película favorito; a piña é a mellor froita; ir aos acuarios de todas as cidades que visito; as cartas de Pokemon e de pequeno encantábame coleccionalas; coleccionar peluches coas miñas irmás; ler e escribir poemas e por iso me regalaron un libro de Gloria Fuertes; o libro de Invisible porque me gusta moito a historia que conta; o surf e o boxeo; as tendas de accesorios e este é da favorita; o baile galego e levo desde o tres anos e paréceme que conecto coa nosa cultura; escoitar música cando estou triste e entón sinto que conecto comigo mesma; os tres aneis que foran da miña nai cando era máis nova; o Real Madrid e Cristiano Ronaldo é o meu xogador favorito; facer baños relaxantes con estas «bombas de baño»; pintar as uñas; Kevin Medina, o meu xogador favorito do Málaga; a colección de moedas: co logo do Mundial que tivo lugar en España en 1982, de Portugal, de Moldavia —o país da miña nai—, de Polonia e de Francia; as colonias e gardo (o envase) porque así recordo o que vivín cando a usaba; os Playmobil eran os xoguetes que máis me gustaban de pequeno; xogar ao póker; estudar con esta candea de cacto que me encanta; o libro Diario de Greg, o primeiro que lin cando cheguei a España; tocar a guitarra; Harry Potter, o primeiro libro que lin enteiro só; o Samaín e esta araña é parte da decoración.

Recórdame... a miña irmá cando estivo nun campamento; cando fun á Feira de Sevilla; foi o meu primeiro peluche e garda moitos recordos; foi o meu primeiro ordenador; o meu tío que morreu; o «apagón» con esta lanterna; onde vive a metade da miña familia, en Romanía; a consola coa que xoguei toda a corentena; un porco que morreu hai uns meses; a viaxe a Andorra cuns compañeiros; a cuncha a praia de Sanxenxo á que vou de vacacións; o meu can; cando era pequena esta cámara fotográfica; a miña mellor amiga porque ela ten a metade do colgante e eu a outra; a miña mellor amiga o día da súa primeira comuñón; a Roma esta fotografía coa miña amiga; os meus bisavós o día do meu bautizo; a miña clase de infantil antes de cambiar de colexio; a miña cadela que morreu hai cinco anos; cando era pequena este chupete co meu nome; o día do meu aniversario coa miña madriña; a viaxe a Portugal esta cuncha; as vacacións de pequena no Grove esta cuncha; este reno o Nadal, a miña época favorita do ano; a covid, unha etapa longa que marcou moito a miña vida; a primeira vez que vin unha película en 3D; a miña cadela Nela coa que me criei; esta figura da torta da primeira comuñón e gárdolle un espazo nos meus recordos; o roscón de Reis onde viña a figura; a miña familia cando poñía esta luz cando era un bebé; a boleira á que ía de pequena; a colección de libros en miniatura do meu pai; o gato da casa dunha amiga; a miña familia nunha casa rural en Asturias onde había cabalos; os meus curmáns de Ourense que vexo todos os veráns; cando era máis nova e a miña nai me peiteaba o cabelo ao lado; a ra cando ía na Semana Santa a Salamanca de pequena; este elefantiño unha das primeiras palabras que dixen e é o meu peluche máis prezado e pasei moitas noites con el; o Circo do Sol que ao principio me daba medo e logo me pareceu algo impresionante; cando xogaba coa miña familia ao ping-pong; a casa na que vivo desde que nacín; o tempo no que xogaba á Play durante a corentena; a miña casa porque é onde crecín e teño moitos recordos; os meus cans que son coma os meus irmáns; o pillo que era de pequeno; cando fomos ao parque acuático en Tenerife e o pasamos xenial todos xuntos; unha das miñas viaxes favoritas coa familia a Cabo Verde; son os que levei á miña primeira competición de ximnasia artística; o meu antigo grupo de ximnasia artística no que o pasaba moi ben enredando con eles; a praia de Parameán en Esteiro onde veraneo e é unha das favoritas; o meu primeiro campionato de España e ten moito valor porque foi unha experiencia inesquecible; o meu bautizo e leva o meu nome e a data; cando era pequeno, esta lanterna, porque me daba medo a escuridade; a miña viaxe a Miami; a viaxe a Tenerife e un día que coñecemos uns ingleses e xogamos con eles ao billar; os meus avós e irmáns nesta foto; os meus primeiros pendentes; que llo regalei a miña nai polo Día da Nai; os partidos do Dépor este cartón de cor azul ou branco para o mosaico do estadio; o centenario do Marino de Mera esta foto miña no álbum de cromos do equipo de fútbol; o meu restaurante de pizza favorito; o meu irmán que traballou neste restaurante vegano, o meu preferido; o meu cambio do primeiro ao segundo trimestre deste curso neste boletín de notas; a película Flow que nos recomendaches e me gustou; os meus periquiños que levan moito tempo comigo e poden vivir ata quince anos; O Brasil que é o meu país; a miña avoa coa que xogaba moito aos xogos de mesa; a miña nai porque sempre decoramos moito a nosa casa polo Nadal; a miña última viaxe a Ribadeo coa miña familia; a miña viaxe de sexto de primaria a Segovia.

Conseguín, gañei... compreino na tenda do Barça en Barcelona; encontreina na praia; a unhas nenas cun posto de cunchas; nunha máquina de dar puñadas; comprei en Portugal este marcapáxinas tan caro; sequei estas flores que me regalaron as miñas amigas polo meu aniversario; porque me encantan as tartarugas e fixen esta durante a corentena; encontrei no meu primeiro campamento este trevo de catro follas da boa sorte; comprei a Torre de Eifell en París cando tiña sete anos; encontreina en Disneyland; collina nunha praia e gustoume moito; compreino en Andorra cando fun de viaxe co instituto; a primeira que gañei nun torneo de fútbol; no parque Warner de Madrid; foi a primeira medalla que gañei co meu equipo; esta medalla da liga de Oleiros cando quedei de terceiro en solitario; merquei esta bulideira cando viñeron ao colexio aprendernos a virala; no zoolóxico de Marcelle, en Lugo; esta derradeira medalla como infantil coa que te dás conta como vai pasando o tempo; mercaba un boneco dun animal sempre que ía ao Corte Inglés; compreino cando fun a Suíza esquiar por primeira vez; conseguino no colexio polo ben que o fixemos na biblioteca axudando; esta medalla de patinaxe na que quedei de primeira nunha competición en Lugo; esta medalla conseguina nun torneo en Narón o domingo 15 de xuño; merqueino en París nunha boutique; merqueino en Murcia, onda a miña casa de verán; esta cuncha nunha praia cando fun pasear; merquei este produto Nike que me encanta nunha tenda en Dubai.

Manualidade... fíxomo unha coidadora do meu antigo colexio; había un posto para pintar pedras e acórdome de Tenerife; esta carta que escribín en 2023, falando comigo mesma para lela cando sexa maior; fíxena coas miñas amigas o pasado verán; fíxoma a miña avoa esta pulseira; encántame facer manualidades; facía moito Lego; facía moitos coches en miniatura e regaleillo ao meu pai; fixen este tarro de recordos da praia coa miña amiga o verán pasado; o primeiro debuxo que fixen e nunca o rematei porque me dá moita pena estragalo; feita á man pola miña mellor amiga; fago figuras de resina manuais; fixémola unha amiga e eu cando eramos pequenas; pinteina en Plástica de primaria e fun á praia collela.

 

Almarios de 2º ESO C/E

 

Regaloumo... o meu pai de cando el era pequeno e tiña quince anos e iso significou moito para min; unha das miñas amigas e levo con eles máis de tres anos e ségueme encantando; o condutor do autobús cando o meu irmán se fixo dano e eu estaba asustada; un amigo que se tiña que ir vivir a outro país; unha amiga que morreu; esta carta ao Ratiño Pérez; o meu pai cando viaxou a Costa Rica; a miña tía polo meu aniversario; o meu curmán desde París e é unha das caixas máis importantes; a miña irmá pequena para relaxarme porque case sempre ando estresada; unha persoa da miña familia; a miña curmá pequena hai tempo este boneco; regaloumo a miña mellor amiga dunha praia; a miña avoa cando foi a Mallorca; o meu tío o elefante, o meu animal favorito; a miña avoa e é a miña primeira camisola do Dépor; o meu tío cando xogou tres anos ao fútbol sala no Xapón e trouxo esta moeda; a miña nai cando foi a Fuerteventura e esta cunca está no meu cuarto nun estante; o meu tío de cando estivo en Cuba; este libro de Stink que foi o primeiro; o meu pai este Lego e é moi especial; a miña curmá cando fomos de cámping e leva unha lanterna; o meu pai cando fomos a París; un profesor de primaria que foi a San Francisco; o meu curmán da súa viaxe ao Ecuador; o meu pai este conxunto Jordan; a moza do meu irmán e quero telo porque sei que mo regalou con moito amor; a primeira vez que cheguei a España; a miña amiga cando estabamos xuntas na clase esta caixiña branca cun corazón no medio; unha nena coa que xa non teño contacto e o anel recórdame a ela; unha amiga e durmo todos os días con este peluche.

Porque me gusta... debuxar; xogar co meu irmán cando eramos pequenos; os coches de Hot Wheels e coleccionábaos co meu irmán e dáme nostalxia cando vexo toda a colección; ese espello que é dunha marca exclusiva; a Nintendo para xogar co meu irmán; Neymar, o meu xogador favorito; Alex Bergantiños, o favorito do Dépor; este imán moito, aínda que non sexa importante para min; Lamine Yamal, o meu favorito; gustaríame moito viaxar a Nova York; xogar ao pádel; pintar as uñas para evitar comelas; a cantante Aitana e a súa colonia, lévoa todos os días; o Dépor e teño o carné de afeccionada; o coello, o meu animal favorito desde a infancia; desde pequena maquillarme e maquillar a xente; a serie Friend’s e estas personaxes especialmente; os libros de Agatha Cristie e de Harry Potter que me animan a ler máis; a música de antes, gustaríame ter vivido nos anos sesenta, setenta, oitenta e noventa; as historias de Mafalda, que é moi intelixente; Michael Jackson, o meu cantante favorito que non se pode comparar con ninguén; a orquídea, a miña flor preferida; o verán e tomar o sol; o Rei León, a miña película favorita; xogar ao bádminton; moito as festas; a posibilidade de viaxar a Australia ver koalas; as gambas, especialmente as de Palamós; Mike Tavers, o meu cantante favorito; coser; esta colonia que é o meu olor e é parte de min; cociñar; Messi, o mellor xogador da historia e o meu ídolo; pescar; espertar pronto; ser elegante con esta gravata de lazo; ver a televisión; xogar ao tenis; a impresión en 3D; Yeremay como xogador; a época do Nadal; os xogos de mesa; esa marca e teño moitas cousas dela; os Lego; esta colección de libros; Agassi e este libro trata sobre ese xogador de tenis; facer o cubo de Rubik, pero agora xa esquecín como facelo; escoitar música; o voleibol e uso esta xeonlleira; a saga de Jurasic e os dinosauros; o grupo AC/DC; estar no mar e nadar; as bolboretas e teño o cuarto con adhesivos delas.

Recórdame... a miña gata que tamén é gris; o meu pai que lle encanta esta banda de música e, cando escoito unha canción, lémbrame a el; que no campionato galego de ximnasia rítmica quedei de subcapiona; cando era pequena e pintaba; unha excursión aos Peares; cando fun visitar os meus avós e a miña familia á República Dominicana; cando comecei e cando me graduei na gardería, a miña viaxe a Roma; a mellor viaxe da miña vida, a Barcelona; o volcán do Teide e Timanfaya con estas pedras volcánicas; Mera que é onde vivo e onde me criei; a París cando fun de pequeno e encantoume; o extraterrestre ET, a miña película favorita; a miña viaxe ás illas de Cabo Verde; a miña nai e sempre o levo porque me dá boa sorte; a primeira comuñón coa miña curmá Adela; a praia coas miñas amigas tomando o sol; cando ía á casa da miña avoa xogar ás cartas; a miña bisavoa que morreu hai anos e dáme boa sorte; a amizade que teño con dúas amigas; que comecei a levar gafas aos oito anos e síntome rara se non as levo; o pazo de Meirás ao que fun nunha excursión; a voda da miña curmá na que sacamos unha foto o meu curmán e a súa rapaza comigo; un chocolate na miña casa cando tiña 6 anos; o meu irmán de bebé nesta foto; cando comecei a xogar ao fútbol con estas botas; cando gravaba vídeos con esta cámara de pequeno; a viaxe a Andorra cos meus amigos; as viaxes coa miña familia; o cruceiro coa miña familia; o Camiño de Santiago, o mellor daquel verán que coñecín moita xente; unha broma que teño cos meus amigos e o meu tío; lémbrame a outubro, o meu mes favorito; a miña nai porque esta boneca era dela; cando xogo ao fútbol con estas luvas; o meu bisavó; a Madrid, é moi bonito e está na neveira; o meu equipo que fixo un álbum de cromos cos xogadores; o meu irmán xogando con esta pistola de Segovia; o meu irmán cando era moi pequeno neste retrato; os meus curmáns cando viñeron de visita; o boxeo, o deporte que practico; canto xogaba de pequeno ás bolas; como me gustaba andar co patín; cando aprendín as táboas de multiplicar; a piñata dos meus dez anos; canto xoguei con esta boneca cando era pequena e gárdolle moito aprecio; o meu irmán xogando na piscina; os recreos en primaria cando xogaba con esta buxaina; a miña avoa e cando xogo con ela ás cartas na aldea; a corentena e o tempo que pasei no meu cuarto xogando; a miña antiga casa e encantábanme as súas vistas; a miña primeira foto de DNI e lembro moito ese día; cando a miña avoa viña á miña casa e xogabamos ás bólas; cando pasaba as tardes intentando facer este xogo de pelota; a miña avoa que non a vexo desde hai tres anos e sempre estiven con ela; a cerimonia dos 15 anos con esta coroa e as pulseiras; cando estaba en primeiro da ESO e eran tempos moi ledos e o olor da colonia lémbramo; moitas cousas e moitas persoas coas cancións deste cantante; a Galicia esta pulseira; o meu equipo, que é o Racing de Ferrol.

Conseguín, gañei... merqueina coa miña mellor amiga que vive na Rioxa e levo catro anos sen a ver; nun mercado da Coruña cunhas amigas e, cando o vexo, lembro os bos tempos que pasei con elas; esta medalla de ouro do torneo galego de fútbol; compreino en París e por iso é importante para min; comprei en Riazor este vaso temático; esta sinatura do xogador Juangran que sempre me gustou moito; esta medalla nun torneo en Pontevedra onde o pasei xenial; esta medalla hai tres anos nun torneo de balonmán; compreina en Portugal porque me chamou a atención esta pedra; a medalla de subcampión de Galicia e outra de subcampión de España por equipos; compreina cando fun ao Open de Australia; comprei esta postal cando fun de viaxe a Málaga coa miña familia; compreina porque representa a esencia da cidade do Porto; esta medalla nos campionatos de España e quedei de terceiro na xeral contra sesenta e sete; compreina nun mercado de Majadahonda e é moi importante para min.

Manualidade... un colar que fixen nun entroido para disfrazarme de Patrulla Canina; esta «chapa» que lles dediquei aos meus irmáns; fixen esta trenza que me poñía no cabelo cando se levaba; esta figura dun gato de pequeno e téñolle moito cariño; comecei a escribir porque me encanta, aínda que me custa atopar a inspiración; fixen esta figura coa profesora de primaria e sempre a colgo na árbore de Nadal; esta pulseira de letras que fixen cando era pequena e non sabía ler nin escribir e inventaba que dicían as letras da pulseira; fíxoma a miña irmá nun campamento.

Ordenar, cuantificar? Canto valor inmaterial e incalculable neste museo de matices dentro dos pequenos armarios. «Agora. Cançâo aos novos» de Madredeus ten a letra e a melodía escollida na heterotopía musical propia para acompañar a visión das imaxes e a lectura dos textos.

«A vila era a tumba das viaxes, o último campamento do nómade, o equivalente, construído en mármore, das tendas e dos pavillóns dos príncipes de Asia (...) Eu mesmo mandei reproducir para a Vila o Hermafrodita e o Centauro, Niobe e Venus. Quixen vivir o máis posible entre esas melodías de formas (...) A Vila estaba suficientemente rematada como para mandar transportar as miñas coleccións (...) e algúns milleiros de libros mercados un pouco por todas partes no transcurso das miñas viaxes (...) Mandei construír ben no máis mesto daquel retiro un refuxio aínda máis afastado (...) ía alí na hora da sesta, para durmir, soñar ou ler».

Marguerite Yourcenar. Memorias de Hadrián

 

 

 

Bibliografía

 

 

-Beruete, S. (2016). Jardinosofía, una historia filosófica de los jardines. Turner

 Noema.

Chalier, C. (2025). Transmitir de generación en generación. Herder

De la Fuente, S. (1999). Los hermanos García Naveira y sus fundacionesAnuario Brigantino, 22.

López, L. (2024). Sin relato. Anagrama.

Mariño, D. (1999). El Pasatiempo, pionerismo escénico de jardín temático. Anuario Brigantino, 22.

Mujica, M. (2010). Bomarzo. Austral.

Williams, J. (2022). Stoner. Rinoceronte.

Yourcenar, M. (1998). Memorias de Hadrián. Positivas.