cREAgal: recursos para unha nova maneira de aprender
Diego Abarca Rodríguez
Xosé Manuel García García
Francisco Javier Macías Puente
Adolfo José Saá Sarria
Felipe Suárez Pereiro
Servizo de Innovación e Programas Educativos
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Cando un cambio curricular esixe novos recursos
Os cambios educativos chegan ás aulas cando interpelan directamente a maneira de ensinar e se realizan cambios no proceso ensinanza-aprendizaxe. Nos últimos anos, a nova lexislación desprazou o foco desde a acumulación de contidos cara á mobilización de saberes en contextos significativos; desde a repetición cara á aplicación; desde a actividade illada cara á experiencia global.
No centro deste cambio metodolóxico aparecen as situacións de aprendizaxe, chamadas a converterse na unidade básica desde a que organizar a práctica educativa e dar resposta a unha necesidade compartida por moitos docentes, a de traducir o currículo á súa realidade diaria da aula.
O proxecto cREAgal xorde coa intención de lle ofrecer ao profesorado recursos que non só respondan ás esixencias normativas do novo currículo, senón que o fagan desde unha mirada pedagóxica coherente, flexible e próxima á realidade educativa galega, para que poidan ser utilizados en todos os centros educativos, independentemente dos seus recursos.
Os REA (recursos educativos abertos) do proxecto —que están á disposición de todos os centros educativos para o seu uso voluntario e gratuíto— pretenden incidir na demanda por parte da comunidade escolar de recursos educativos que faciliten un ensino híbrido de calidade.
A intención é máis ambiciosa que crear materiais illados ou ampliar un repositorio de contidos. A proposta pretende elaborar recursos de calidade, desde dentro do propio sistema educativo, capaces de acompañar as novas formas de ensinar e aprender e maximizando a accesibilidade.
Os recursos do proxecto cREAgal desenvolven integramente os currículos de cada materia e publícanse no repositorio de contidos e E-Dixgal, espazos onde poden atoparse os recursos para o alumnado e as correspondentes guías didácticas para o profesorado, as cales explican como aplicalos na aula e a súa relación coa programación de exemplo de Proens.
Un proxecto colaborativo que medra desde a práctica docente
O proceso de construción do proxecto cREAgal foi medrando de forma progresiva desde o ano 2023 a través da participación directa de profesorado galego e creando recursos abertos de xeito colaborativo, converténdose este modo de traballo nun dos sinais de identidade do proxecto.
Docentes de distintas etapas, áreas e materias foron incorporándose ao proceso de creación, achegando non só coñecemento curricular, senón tamén experiencia pedagóxica, visión metodolóxica e coñecemento profundo da realidade escolar. Porque, cando os recursos son elaborados por quen coñece os tempos da aula, as dificultades reais da implementación e as necesidades concretas do alumnado, o resultado adquire unha calidade e solidez difícil de conseguir doutro xeito.
Na actualidade, o proxecto conta xa con centos de docentes implicados e máis de 150 recursos publicados, configurando unha rede profesional de creación compartida que continúa medrando. A oferta de REA irá paulatinamente cubrindo as materias desde quinto de educación primaria ata cuarto curso da ESO, tendo en conta que é nestes cursos cando o alumnado galego comeza a empregar recursos didácticos dixitais con carácter xeral.
Pero máis alá dos datos, o valor de cREAgal está no modelo que representa, no que o profesorado galego deixa de ser só usuario de materiais para converterse tamén en creador de coñecemento pedagóxico.
Ademais, estes recursos poden modificarse e difundirse libremente, coa única condición de respectar a licenza aberta (CC BY-NC-SA) que teñen. Así, poden adaptarse ao contexto de cada aula, alumno e centro, o que os fai universais e personalizables.
As situacións de aprendizaxe como punto de partida
Se hai unha idea que articula toda a proposta dos recursos cREAgal, esa é a do emprego das situacións de aprendizaxe como unha maneira concreta de entender a educación, reforzando o enfoque competencial do ensino. O currículo galego sitúa estas situacións como espazos nos que o alumnado pode mobilizar aprendizaxes diversas para afrontar retos significativos e conectados coa súa realidade.
Cada REA está construído arredor dun reto, dun proxecto ou dunha proposta de acción que lle dá sentido a todo o proceso de aprendizaxe. A partir dese punto, o alumnado explora o que xa sabe, incorpora novos coñecementos, desenvolve tarefas diversas e remata elaborando un produto final que materializa a aprendizaxe realizada.
Así, por exemplo, nas situacións de aprendizaxe de Tecnoloxía e Dixitalización, o alumnado pode deseñar e programar prototipos ou robots capaces de responder a situacións reais; nos recursos de Lingua créanse pódcasts, campañas de sensibilización, exposicións orais ou produtos audiovisuais; mentres que en Matemáticas os retos poden desembocar na construción de maquetas, na análise de datos da contorna ou na resolución de problemas vinculados a situacións cotiás. Noutros casos, os produtos finais tradúcense en investigacións sobre o patrimonio, propostas de mellora para o centro, murais colaborativos ou creacións artísticas conectadas coa realidade próxima do alumnado.
Deste xeito, a aprendizaxe deixa de limitarse á realización de actividades illadas para converterse nun proceso con propósito, no que os saberes adquiren sentido a través da acción e da creación.
Exemplos de produtos do proxecto cREAgal
cREAgal facilita algo especialmente valioso para o profesorado: converter os principios curriculares en prácticas reais e concretas, facendo operativas as situacións de aprendizaxe dentro da aula.
A intención é clara: facer que as aprendizaxes se vexan aplicadas na realidade; o que potencia a implicación, mellora a comprensión e facilita a adquisición de todas as competencias clave polo alumnado.
Nos REA do proxecto promóvese a autonomía persoal do alumnado e refórzase a competencia de aprender a aprender a través dun diario de aprendizaxe. O diario é o espazo no que reflexionan sobre as dificultades atopadas e sacan conclusións útiles para avanzar na situación de aprendizaxe e para abordar retos futuros.
Deseñar para todo o alumnado desde o principio
Se as situacións de aprendizaxe son o corazón metodolóxico do proxecto, a inclusión é unha das súas conviccións máis profundas. A diversidade forma parte da realidade de calquera aula e, polo tanto, tamén é unha obriga que forme parte da maneira de deseñar os recursos.
O proxecto cREAgal incorpora desde a súa propia concepción os principios do deseño universal para a aprendizaxe (DUA), entendendo que a accesibilidade non pode ser unha adaptación posterior, senón unha condición de partida. Isto significa pensar os recursos para ofrecer diferentes formas de acceso á información, distintas maneiras de participar e múltiples posibilidades para expresar o aprendido.
Cando entendemos que non todo o alumnado aprende do mesmo xeito nin ao mesmo ritmo e ofrecemos diferentes camiños para adquirir as competencias, mellora a calidade do recurso para a totalidade do alumnado; porque, cando un recurso é máis flexible, máis accesible e máis aberto, tamén é máis útil.
Enfoque híbrido dos recursos
Nun proxecto baseado en recursos dixitais podería parecer que a pantalla ocupa o centro da experiencia educativa, mais o deseño de cREAgal potencia que o dixital sexa unha ferramenta importante, pero non o lugar exclusivo onde sucede a aprendizaxe.
Os recursos, desenvolvidos coa ferramenta de autor eXeLearning, utilizan o soporte dixital para organizar os procesos, ofrecer materiais, propoñer actividades e estruturar a experiencia, pero os retos que propoñen están pensados para desbordar ese espazo e realizarse na realidade das aulas galegas.
Moitas das tarefas levan o alumnado a observar a contorna, a investigar, a dialogar, a construír materiais físicos ou a elaborar produtos que existen máis aló do dispositivo, materializando a aposta de cREAgal por un modelo híbrido. Así mesmo, os recursos conteñen materiais descargables para o alumnado coa posibilidade de usárense sen conexión ou sen dispositivos dixitais.
No modelo cREAgal conviven en harmonía o dixital e o analóxico, o virtual e o presencial, o interactivo e o manipulativo. O papel, por exemplo, segue a estar presente como ferramenta de reflexión, organización e creación: diarios de aprendizaxe, esquemas, rexistros ou materiais de apoio forman parte natural do proceso.
O carácter aberto dos recursos, cunha licenza (CC BY-NC-SA), permítelle ao profesorado editalos e modificalos empregando eXeLearning, ferramenta actualmente integrada nas aulas virtuais dos centros galegos. Isto permítelle decidir ao profesorado, segundo o seu criterio e a realidade da súa aula, a conveniencia de empregar en cada caso materiais analóxicos e dixitais.
Esta combinación responde á convicción de que aprender ben require soportes diversos e experiencias complementarias.
Unha maneira de facer escola
Co paso do tempo, cREAgal está demostrando que poñer en valor a experiencia docente, a coherencia curricular, a inclusión e a aprendizaxe significativa mellora a aprendizaxe nos nosos centros educativos.
Na realidade actual na que o profesorado necesita recursos fiables, contextualizados e adaptables, o proxecto ofrece unha resposta construída desde a propia práctica educativa.
E faino desde unha idea que resulta especialmente poderosa: os mellores recursos adoitan ser aqueles que nacen da experiencia compartida. Cando esa creación se fai colectivamente, conectada coa realidade e orientada á mellora da aprendizaxe, convértese nunha ferramenta de transformación educativa. Temos a proba nos éxitos acadados por experiencias educativas premiadas que xurdiron a partir de recursos cREAgal.
Iso é, no fondo, o que representa cREAgal: a capacidade da escola galega para pensar, crear e compartir os seus propios camiños de innovación.