As ciencias sociais. Señorío de si
Gonzalo Xosé Francisco da Rocha
IES María Casares (Oleiros - A Coruña)
A historia, alén da memoria de datos e datas, xunto cos procedementos de análise de documentos, debe potenciar a dimensión dos principios e valores sempre que contribúan á promoción de actitudes que supoñan unha achega interesante para o alumnado no proceso de maduración do seu comportamento cidadán, pois esta materia é unha ciencia social.
Marco legal
Na LOE aparece, entre os principios e fins destacados, especificamente na ESO, a adquisición dos «elementos básicos da cultura, especialmente nos seus aspectos humanísticos, artísticos (...)» e establece como primeiro obxectivo desta «asumir responsablemente os seus deberes, coñecer e exercer os seus dereitos no respecto aos demais, practicar a tolerancia, a cooperación e a solidariedade entre persoas e grupos, exercendo o diálogo (...)» ademais de «fortalecer as súas capacidades afectivas en todos os ámbitos da personalidade nas súas relacións cos demais (...)» incluíndo «utilizar fontes de información para, con sentido crítico, adquirir novos coñecementos (...)» e «desenvolver (...) a confianza en si mesmo, a participación, o sentido crítico, a iniciativa persoal e a capacidade de aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades». Sen descoidar o «coñecer, valorar e respectar os aspectos básicos da cultura e historia propias e dos demais, así coma o patrimonio artístico e cultural».
Todos estes aspectos teñen tratamento nesta experiencia educativa que pretendeu superar o estereotipo que adxectiva os sucesos dos tempos máis antigos como pouco transcendentes para o día de hoxe, froito da concepción do «progreso» inherente á nosa civilización que establece unha liña temporal na que o actual sempre é mellor. A historia segue a ser mestra de experiencia e, aínda que non se repita, orienta. Neste caso, a pequena investigación dun código moral do século VI mantén boa parte da súa vixencia, pois a humanidade soubo darse consellos baseados nunha ética da virtude, aquí identificada como «fortalezas de carácter».
O opúsculo Formula vitae honestae culminou cun inusitado éxito (hoxe un best seller). Escrito arredor do 578 por Martiño, bispo-abade do mosteiro de Dume, na contorna de Bracara, capital do reino, para o príncipe Miro, fillo do monarca Teodomiro. Reúne as dimensións pedagóxica —unha misiva con consellos— e moral polos contidos normativos. Da súa lectura sorprende a case nula xustificación relixiosa, pois non hai condicións de «retribución salvífica» —premio ou castigo divino—, aspecto propio das Escrituras (2 Mac12, 44-45) (Mt 25, 46). Poderíase especular un precedente da Biblia de Thomas Jefferson, un dos pais da nación norteamericana cando, ilustrado de razón, peneirou o libro alicerce de Occidente para concluír, á marxe dos misterios de fe, un compendio da sabedoría do mestre práctica para o Século das Luces. Martiño só puntualmente cita a ortodoxia cristiá e afirma que a súa carta educativa existe «sen necesidade dos preceptos das divinas escrituras, só grazas á lei natural da humana intelixencia».
Redacta un «espello de príncipes» para o «nobre», termo do latín nobilis, en relación con nosco e notus, coñecer e coñecido, respectivamente. Polo tanto, un duplo valor: o de saber e o de ser valorado por ese saber. Algo que aprecia calquera estudante «notable». A influencia estoica está tan presente que, ao longo da Idade Media, a obra lle foi atribuída a Séneca, seccionadas as palabras iniciais que Martiño lle dedica ao educando Miro, e circula en innumerables copias por toda Europa baixo o xenérico De quattuor virtutibus cardinalibus. Esa atribución á Séneca foi determinante para tan amplo éxito por todo o continente con tanta lonxevidade segundo a historiadora Laura Ranero Riestra.
Obxectivos
- Coñecer preceptos ideolóxicos esenciais para o exercicio da soberanía real (e propia) na monarquía sueva na Gallaecia.
- Analizar os elementos constitutivos do opúsculo Formula vitae honestae.
- Valorar a importancia das «fortalezas» para a progresión da autonomía persoal cara á adultez.
Calendario
Primeira semana. Desenvolvemento dos contidos sobre os pobos bárbaros na Península, especificamente os suevos na Gallaecia ata constituíren o primeiro reino soberano tras a caída do imperio romano de Occidente. Reino cun esplendor pioneiro co seu logro na efectiva administración territorial do Parrochiale Suevum, delimitación da parroquia, xurisdición máis próxima á poboación que, por influencia da Igrexa, única institución cunha cosmovisión transcendente, normativiza un cristianismo incipiente, ao tempo relixión e código de convivencia. Os concilios de Braga, anteriores aos visigodos, confirman unha elite ilustrada asociada á nova monarquía que acuñou moeda coa efixie dos reis propios, símbolo de soberanía e poder efectivo.
Segunda semana. Desenvolvemento dos contidos relacionados cos visigodos, pobo que ocupa a meseta e que na historiografía ocupa o protagonismo, desvirtuando a importancia dos seus competidores polo espazo peninsular, os suevos, os cales supuxeron un precedente imprescindible para o éxito posterior na organización do seu reino tras a conquista. Os concilios toledanos, tanto na constitución da ortodoxia católica como na eficiencia administrativa, ao modo dos bracarenses previos, son exemplares.
Terceira semana. Desenvolvemento dos contidos relacionados co feudalismo, na alta Idade Media, coa comprensión da sociedade estamental na que xa non ten cabida, por influxo cristián, a escravitude romana. Os estamentos responden a un programa ideolóxico que xustifica a desigualdade por nacemento exemplificada no «corpo social» das tres ordes: o campesiñado servo, as pernas que sustentan co traballo da terra; os señores nobres, tronco e brazos que defenden o corpo social coas armas e, finalmente, a Igrexa, cabeza ideolóxica que dispón o código da fe e o código para a convivencia cos dez mandamentos da Antiga Alianza (Ex 20 e 23, 1-9 / Xob e Probervios, ambos libros sapienciais) e o amor ao próximo da Nova Alianza, respectivamente (Mateo 19, 16-21 Marcos 9, 33-37)

Cristo no lavatorio dos pés. Exposición "Hospitalitas", Vilafranca do Bierzo / Santiago de Compostela
Cuarta semana. Á par dos contidos do feudalismo, lectura da Formula vitae honestae ou «Como levar unha vida honesta» do mestre Martiño a Miro (2 Cro 1, 10-11) para a educación dun princeps, destinado —o Unxido— (1 Re 1, 39-40) á soberanía para establecer un reino celeste na terra mediante o cumprimento do código de comportamento (1 Re 2, 3) que identifica a humanidade na procura do ben (1 Re 3, 9). Outra mostra do nivel de refinamento intelectual acadado neste «reino bárbaro» —prexuízo da civilización romana para alcumar os foráneos a pesar de seren xa parcialmente latinizados— no confín do mundo coñecido. Martiño parte de catro virtudes: prudencia, magnanimidade, continencia e xustiza para, como el afirma, «manterse dono de si», logo soberano (1 Re 5, 4), señor de acción nobre, segundo o dicionario da RAG «(...) que ten grandes calidades morais» (vil é o antónimo).
Quinta semana. Realizada a avaliación dos coñecementos, unha dinámica lúdica emulando os escudos de armas cos deseños simbólicos das fortalezas e logros nobres. Cumpría adaptalo partindo do interese que espertou a lectura das leccións de Martiño e reflexionar ata 24 fortalezas de carácter, baseadas nas virtudes clásicas e practicamente comúns ao xénero humano, segundo a proposta de Seligman e Peterson para ser, asemade, «señor de si», gañar autonomía e convivir cos demais, obxectivo derradeiro da educación, especialmente no eido das ciencias sociais. Primeiro hai que analizar as seis que delimitan cada ámbito e ordenalas nunha proposta individual, logo representalas no «escudo de fortalezas» de xeito que graficamente cadaquén coñeza cales precisan dunha maior atención (véxase a táboa de resultados globais e o vídeo dos escudos individuais).
Nos Xogos Olímpicos de París, os logos dos deportes emularon escudos de armas medievais no país que se gaba de ser o único que non utiliza esta representación simbólica para se identificar. Rematou con ela cando comezou a xeneralización dos principios revolucionarios da liberdade, a igualdade e a fraternidade, aqueles que establecen para todos a posibilidade de seren chamados á nobreza, non o substantivo que identifica a aquel antigo estamento social privilexiado, senón o adxectivo que cualifica un comportamento digno de ser gabado pola súa bondade. As virtudes, modelos exemplares de comportamento, xa foran especuladas por Aristóteles na súa proposta para unha vida satisfactoria, non só efectiva na convivencia, tamén colmada de benestar debido á plena utilización das nosas capacidades procurando mellorar, superando o hedonismo que o filósofo consideraba inferior fronte aos praceres que dispensa o cultivo intelectual, especificamente a pescuda da boa conduta polo exercicio desas virtudes. Nesta praxe e en liña con Sócrates, «unha vida sen exame non pode ser satisfactoria» porque non avalía nin fins nin medios. Desa avaliación xorde o camiño que leva á eudaimonía, termo do pensador grego que inclúe a idea de ben —eu— e divino —daimonía— como definición acabada.
Martiño dispón unha ética da virtude para o educando Miro e identifica a súa ansia de coñecer intelectual como a «moi ardente sede da túa mente desexa (...) beber nos copos da sabedoría e ardentemente buscas os ríos dos que manan os regatos da ciencia moral», aclarando que «non o escribín (só) para a vosa instrución en especial, (...) senón, de xeito xeral, para os que contigo colaboran no teu ministerio (de goberno): a eles convenlles lelo, entendelo e interiorizalo». Pero o máis sorprendente é cando manifesta non ensinar tales virtudes como «patrimonio duns poucos e egrexios servidores de Deus (o clero), senón que exhorta respecto das que poden cumprir os leigos que viven recta e honestamente sen necesidade dos preceptos das divinas escrituras, só grazas á lei natural da humana intelixencia». Certamente, Aristóteles non dubidaría en subscribir estas liñas para «quen quere» aprender «bos costumes» e ser «persoa honesta», pois o filósofo, que tamén exerceu a docencia ética de príncipes, afirmaba que as xentes poderían vivir máis felizmente se comprendesen que tal estado depende, nunha porción importante, do seu propio comportamento e da súa avaliación, sen xuízos divinos. O «señorío de si» expresouno co termo autárkeia, a plena soberanía propia, sen dependencias de calquera caste. Incluso afirmou que as persoas inmorais viven nunha infelicidade condicionada polos seus actos, reprobables a ollos dos demais. Polo tanto, e seguindo a «senda de Aristóteles» de Edith Hall cando nos indica que «todos temos o deber de axudar os novos a identificar as súas potencialidades e realizalas; os pais e quen, entre nós, se dedican á ensinanza» porque, seguindo as palabras do filósofo «ten unha importancia fundamental para a prosperidade da comunidade».
Ningunha persoa ou sociedade está á altura dos principios que proclama, pero o seu recoñecemento establece o canon. Ao alumnado de segundo da ESO (13-14 anos), dominado pola consecución inmediata da satisfacción, xa polo desenvolvemento psicoevolutivo propio da idade, xa agravada pola rapidez das redes de comunicación dixital, a lectura da breve misiva a un príncipe, probablemente tan novo coma eles, espertoulle curiosidade, sobre todo na medida en que comprobaban a vixencia práctica daqueles consellos de hai mil cincocentos anos: como ser dono de si, como adquirir maior autonomía persoal, como convivir satisfactoriamente. A materia das ciencias sociais deixa de atender só á memorización de datas e datos para ser «significativa» hoxe grazas á experiencia que ofrece a historia da nosa temperá e pioneira Idade Media.
A Idade Media, desprezada no seu propio nome —aquela que sucede entre a Antiga, o referente clásico para emular, e a Moderna, que recupera aquel acervo e o reformula no Renacemento—, dispón o arquetipo do cabaleiro, o eterno protagonista das xestas que conducen ao galardón do señorío. O cabaleiro, co código da fe recibía do seu señor, xa o divino, xa o terreal, a bendición e o brasón, respectivamente. A historia —o relato— permanentemente repetida fala do «heroe das mil caras» (J. Campbell, 1949). O heroe nace á existencia na que se aventura entre benfeitores e malvados e, tras caer nos infernos, renace transformado pola experiencia purificadora. Referente de aprendizaxe cara á sabedoría vital desde o pasado ata o presente que segue engaiolando o espectador das sagas cinematográficas do Sr. Anderson, o Skywalker e diversos videoxogos de Tronos, como os cantares de xesta proclamaban daquela literariamente. A vixencia do «mito heroico» hoxe é síntoma da súa validez cando a razón debería solucionalo todo. Unha forma de coñecemento «máxico» ou «poético» (presente no estudo científico das cosmovisións simbólicas dos pobos —para os racionalistas «puros»— na Historia de la imaginación de Juan Arnau) máis efectivo ca o coñecemento racional, pois impulsa nos sucesivos «infernos» nos que se cae ao longo da existencia. O arquetipo universal e eterno «paraíso-caída-resurrección» propicia unha ilusión de control sobre o suceso á maneira do heroe, que na mitoloxía clásica está entre os homes e os deuses, unxido pola graza, disposto ao triunfo fronte a toda adversidade. Lola López detecta unha sociedade «sen relato» (2024) que non é quen de inserir a vivencia individual no acervo dese coñecemento poético acumulado polas xeracións anteriores de xeito que a pura racionalidade leva a persoas que «consumen el triple de ansiolíticos que hace dos décadas» (La Voz, 2-1-2025).
“Por trayzón tamén vendido / Xesús nosso Redentor, / e por aquestes treidores / Pedro Pardo, meu Señor”
(Cantiga popular que equipara o nobre na Frouxeira con Cristo no monte das Oliveiras)
O ciclo literario da materia de Bretaña nace á literatura universal no século XII por man do monxe galés Geoffrey de Monmouth, que recolle os relatos celtas lendarios, do século VI, dun líder, o rei Artur. No noso corpus literario é destacada a súa presenza e continuidade ao longo do tempo, desde as cantigas medievais de Afonso X e Don Dinis ata a literatura contemporánea de Cabanillas con «Na noite estrelecida», Cunqueiro con Merlín e familia, Ferrín con Amor de Artur, Cabana con Galbán en Saor, Begoña Caamaño con Morgana en Esmelle. O arquetipo do bo rei e logo os cabaleiros da Táboa Redonda aspiran a emular o Señor cos apóstolos —imitatio Cristi—, o mesmo que motivaba o Quixote a facer xestas e xustas, a descender tres días á cova de Montesinos, resucitar renovado e seguir os códigos da cabalaría tratando os demais con cortesía, tratamento propio dos cortesáns na corte, para asombro xeral, pois para el todos eran señores e señoras dignas de respecto, sen exclusións nin discriminacións de estamento. Unha loucura! Nas sociedades tradicionais, cativos, cegos e tolos tiñan venia, na súa «inocencia», de cantar a viva voz as verdades que a ortodoxia non toleraba, pero que deviñan consellos orientadores. Canto máis hoxe, cando vivimos nunha «sociedade que aspiraba á harmonía, ao traballo e á sabedoría (segundo os valores da Ilustración) e que, para enorme espanto (...), se transformou nunha sociedade dominada polo consumo e a diversión, a lixeireza, a ansiedade, o ruído e os desfeitos, a degradación das cidades e das relacións humanas que determinan a globalización» en palabras da escritora lusa Lídia Jorge. Unha auténtica «crise de confianza (...), produto da autoindulxencia e o consumo» no que «a identidade xa non se define polo que un fai, senón polo que posúe» segundo o célebre discurso do presidente dos EEUU Carter en 1979. Onde quedou o compromiso? Onde o ikigai ou propósito de vida que permite o florecemento persoal. Fernando Sabater informa de que a Tarea del héroe (1982) «non implica a negación ou aniquilación dos outros». Pero «co predominio da imaxe, a mente cambiou, (...) as pantallas substituíron a realidade ata case suprimila, favorecendo o rexistro imaxinario en detrimento do simbólico, isto é, reducindo o relato que recolle o común, o colectivo, os valores universais, para deixarnos absortos no noso propio narcisismo individual ou grupal, fragmentado» segundo Lola López Mondéjar en Sin relato.
porque da cabalaría andante pódese dicir o mesmo que do amor se di: que todas as cousas iguala (I, 11) / Eu son quen ha de resucitar os da Mesa Redonda, os Doce de Francia e os Nove da Fama (I, 20) / A virtude é tan poderosa que, por si soa (...) sairá vencedora de todo transo (I, 47) / Vou pola angosta senda da cabalaría andante, por cuxo exercicio desprezo a facenda, pero non a honra (...) As miñas intencións sempre as enderezo a bos fins, que son de facer ben a todos e mal a ningún (II, 32)
Miguel de Cervantes, Don Quixote da Mancha
Aristóteles definiríao como un authékastos, «quen se mostra sincero, tal como realmente é». Edith Hall engade que son «persoas constantes, consecuentes, independentes; actúan do mesmo xeito con todos e non se preocupan excesivamente polo que dirán». Porque «o individualismo é unha opción nobre e heroica se é movido por un sincero altruísmo interior. Quen non se emociona ante as incomprendidas rarezas de don Quixote? Pero (non) cando é movido polo ideal utilitarista do lucro, poder e egoísmo» segundo Luís Racionero (2000). «Todas as súas empresas están inspiradas pola gratuidade, pola única necesidade de servir con entusiasmo aos seus ideais. (...) unha exaltación da ilusión que, a través da paixón polos ideais, alcanza a darlle sentido á vida» Nuccio Ordine (2013).
As alumnas poden sentirse alleas a un relato patriarcal. Hoxe, a banda deseñada da coruñesa Aldara Prado, Nimue (2024), dispón a materia artúrica cunha óptica de xénero ao interpretar o mito das personaxes femininas do ciclo. «Resulta moi doado que rapaces cunha cultura visual tan esaxerada entren a través da banda deseñada», afirma Álvaro Pons desde a Cátedra de Estudios del Cómic Fundación SM Universitat de València. Na Idade Media, só as abadesas tiñan potestades semellantes aos varóns como donas de mosteiros, alén da súa consideración estamental privilexiada. Pero as cantigas galego-portuguesas axudaron a achegar o «señorío de si» ás mulleres por medio do código do amor cortés: a dona é o senhor loado pola súa beleza intelectual e espiritual nun transo platónico e místico («Rosa das rosas, Fror das frores. Dona das donas, Senhor das senhores». Afonso X). Leonor de Aquitania, no ámbito da lingua de Oc, foi a súa grande impulsora. «A dona que eu amo e teño por Senhor» de Bernal de Bonaval, en versión de Amancio Prada, foi escoitada nas aulas. Diante das calidades da dama, o monarca trobador considera a valía do seu senhor para ser rei. A fadista Mísia cantoulle a «Penélope» convertida á fin na heroína da súa odisea persoal, cansa de agardar a vinda de Odiseo.
Pois que vos Deus fez, mia senhor, / fazer do bem sempr`o melhor / e vos én fez tan sabedor, / ua verdade vos direi, / se mi valha Nostro Senhor: erades boa pera rei. / E pois sabedes entender / sempr`o melhor e escolher, / verdade vos quero dizer, / senhor, que servi`e servirei: / pois vos Deus atal foi fazer, / erades boa para rei. / E pois vos Deus nunca fez par / de bon sén nen de ben falar, / nen fara ja, a meu cuidar, / mia senhor e quanto ben ei, / se o Deus quisesse guisar, / erades bôa pera rei.
Don Denis (1279-1325)
O alumnado tivo que seleccionar, de cada unha das catro virtudes propostas por Martiño, o consello que máis o sorprendeu. A continuación a escolma.
Prudencia. ZT: Calquera das cousas transitorias que posúas non as admires nin estimes moito, porque son algo caduco. AC: Dirixe a vista cara ao futuro e ten en mente todo o que poida ocorrer. NS: Que a túa fala non sexa baleira, senón que sirva para persuadir, aconsellar, consolar ou ensinar. Loa con sobriedade e recrimina aínda con maior sobriedade. TR: Debes perseverar nalgunhas cousas xa que as comezaches, máis nin sequera comezar aquelas nas que perseverar sexa prexudicial. CG: O teu espírito ha de dispoñer en función de tres tempos: ordena o presente, prevé o futuro, lembra o pasado. PA: O prudente non quere enganar nin pode ser enganado. LI: Has de vivir rectamente segundo a razón se antes de nada estimas e estableces a dignidade das cousas. AF: Non penses a cantos, senón a cales agradas. GG: Que non te mova a autoridade do que fala nin atendas por quen é, senón polo que di. PV: Déixate aconsellar con xenerosidade e recibe as críticas con paciencia.
Magnanimidade. NR: Que che resulte triste ser doado por xente infame. GV: Non te rebaixes ao nivel dos que o fan mal. FR: Sé humilde, pero non te axeonlles, recibe as críticas con paciencia. NS: Has evitar as adulacións e que che resulte tan triste ser loado por xente infame coma se foses loado a causa de cousas infames. Conténtate cada volta que desgustes os malvados e considera que as opinións malas dos malvados son a verdadeira loanza acerca de ti. LG: A verdadeira vinganza é poderte ter vingado. CG: Non ataques a ninguén con murmuracións, non danes a reputación de ninguén. CS: Só ao débil lle conveñen os enganos e o dolo. SF: Non finxas ser o que non es nin queiras semellar seres máis do que es. GS: Que as túas agudezas non resulten mordaces, as grazas non teñan vileza, a túa risa sen gargallada, a túa voz sen grito e o discurso sen boureo. ML: Nunca xulgarás a quen che fai unha ofensa.
Continencia. BG: Sé bo con todos, brando con ninguén, familiar con poucos, ecuánime con todos. AW: Quen é dabondo para si naceu con riqueza. GV: Sé xusto, paciente e humilde, axuda a todos (...) as boas accións deixan boa reputación. TR: Aparta de ti o innecesario e mantén en estreito cerco os teus desexos. AN: Aparta de ti o superfluo e haste atopar moi contento contigo mesmo. AC: Algo de humor entre a seriedade, pero atemperadamente. JA: Non chores polas túas cousas nin admires as alleas. SF: Dedicar a súa vida non só á utilidade propia, senón á de moitos. GB: Pide que che expliquen sen ocultar a túa ignorancia. GC: Non queiras ser un señor coñecido pola súa casa, senón que sexa a casa polo seu señor. MR: Non sexa patrimonio teu a burla, senón unha urbanidade agradable. CM: Cede facilmente ao que se che opón e non te rebaixes a altercados ou discusións. RR: Que o descanso non se converta en desidia. ND: Abstente das groserías, algunhas brincadeiras, mantén nelas a dignidade e a sabedoría. GS: Conténtate cada volta que desgustes os malvados.
Xustiza. BG: Non deberías facer dano, senón que tamén deberás impedírllelo aos que causan dano. JA: Ser beneficioso con todos e non mancar a ninguén. GV: Xusto con todo e todos, nin por pena nin poder debes rebaixarte. FR: Ser beneficioso a todos e non mancar a ninguén e entón todos te han chamar varón xusto e hante seguir, hante venerar e hante amar. NS: Non xeres controversia debido á ambigüidade dalgunha palabra. CG: Non fagas distinción entre o que afirmes e o que xures. GC: Non quebrantes a verdade para non quebrantar a lei da xustiza e ter así unha paz profunda. CP: Nin endurecido por unha moi severa crenza perdas a graza da amabilidade humana. PV: Castiga e corrixe os ladróns mesmos para que outros non lles teñan medo. GC: deberás gobernar baixo esta marca de moderación, para que a neglixencia non siga a un carácter pusilánime.
Táboa. Suma das virtudes/fortalezas do alumnado en cada posición do escudo

Partindo da orde na que se presentan as seis virtudes (sabedoría, coraxe, humanidade, xustiza, moderación e transcendencia), pódese comprobar que o alumnado participante coloca a sabedoría, a habilidade de procurar respostas e coñecemento, nas primeiras posicións nos seus escudos persoais. Humanidade, preocuparse polos demais, parece ser a que segue nos seus sentimentos, superando a coraxe, a vontade para acadar propósitos. Xustiza, é dicir, o ben común e o civismo, en posicións modestas. Moderación e transcendencia, que implican a autorregulación e a magnitude da existencia individual no contexto global, respectivamente, ocupan as derradeiras posicións. Agora, o alumnado coñece as súas fortalezas e o lugar que ocupan e tamén pode tomar decisións ao respecto. Ten liberdade para reformalo con consciencia. Eles mesmos fixeron a valoración desta proposta como o pobo non dubidou en alcumar, no século XIV, un Andrade o Boo —Fernán Pérez— e a outro Andrade o Mao —Nuno Freire—, ambos os dous señores das Mariñas coruñesas.
«Creo que son boas virtudes e aínda serven hoxe en día para levar unha vida honesta. / Todas as virtudes son necesarias. / Moi entretido, parécenme moi interesantes as catro virtudes e o que máis me gustou foi o cómic. / Creo que está bastante ben porque indica como ser unha boa persoa. / Gustoume, pero eu poría algunha virtude máis, pero creo que é un bo libro que dá bos consellos. / É algo que hoxe en día seguimos facendo. Son unhas normas básicas, pero moi funcionais que polo sentido común xa sabemos. / Parécese moito á realidade e son valores que todos deberiamos ter. / O libriño fíxome reflexionar e o rei Miro foi ben aconsellado.»
Pasan xeracións de individuos (...) pero permanece a forma intemporal sustentadora. E cada quen descóbrese a si mesmo mellorado, enriquecido, apoiado e magnificado polo agrandamento na visión que supón aceptar este superindividuo (o heroe). O papel que desempeña (...) percíbese como algo intrínseco ao fermoso festival de imaxes do ser humano (...). Os deberes para coa sociedade levan a ensinanza deste festival á existencia común e corrente do día a día e reafirman aínda máis ao individuo. (...) O individuo desligado é puro despoxo, mentres que o home ou a muller que pode dicir francamente que asumiu o seu papel (...) será o que lle corresponda con todas as letras do verbo ser.
O heroe das mil caras, Joseph Campbell (1943)
O arquetipo da demanda do Graal procurado polos cabaleiros da Táboa Redonda simboliza a ansia de coñecer intelectual que a «moi ardente sede da túa mente desexa (...) beber nos copos da sabedoría e ardentemente buscas os ríos dos que manan os regatos da ciencia moral», argumenta Martiño ao comezar o ensino. O escudo do noso antigo reino ilumínao acompañado da lenda Hoc Misterium Firmiter Profitemur (cremos firmemente neste misterio), o da educación para o señorío de si. A escritora manchega Ana Iris manifestou recentemente que, se o laicismo consiste en «relegar a educación relixiosa ao ámbito privado, a brecha cultural entre as clases acrecentarase, pois, nunha sociedade secularizada como a nosa, só os fillos das clases ilustradas acabarán sabendo descodificar a súa propia cultura».
Arnau, J. Historia de la imaginación. Espasa
Arias, X. B. (2003). Antoloxía da lírica galego-portuguesa. Xerais
Campbell, J. (2020) El héroe de las mil caras. Atalanta
Gutiérrez, S., Lorenzo, P. (2001) A literatura artúrica en Galicia e Portugal na Idade Media. USC
Iris, A. (20 de decembro de 2024). Nuestro Dios anduvo en pañales. El País.
López, L. (2024). Sin relato. Anagrama
-Ordine, N., (2013). La utilidad de lo inútil. Manifiesto. Acantilado
-Peterson, C, Seligman, M. (2004). Character Strengths and Virtues. Oxford University Press
-Hall, E. La senda de Aristóteles. Anagrama
-Racionero, L. (2000). Oriente e Occidente. Anagrama
-Ranero, L. (2023). Como levar unha vida honesta. Consello da Cultura Galega
-Rubenstein, H., Clark, B. (2015). The gospel according to Thomas. Time Books
-Savater, F. (1982). La tarea del héroe. Ariel
TVG (2019). O reino suevo de Galicia (documental)
VVAA (2018). In Tempore Sueborum. Deputación de Ourense