Ars creandi e ars formalis
Iván Area Carracedo
IFCAE, Universidade de Vigo, Departamento de Matemática Aplicada II, E. E. Aeronáutica e do Espazo
area [at] uvigo.gal (area[at]uvigo[dot]gal)
No proceso de creación en calquera disciplina —xa falemos de matemáticas, música, filosofía, física, lingüística, historia ou calquera outra forma de coñecemento— existen, polo menos, dúas fases complementarias, pero profundamente distintas. A primeira é a ars creandi, a arte de crear, de inventar, de abrir camiños que antes non existían. A segunda é a ars formalis, a arte de organizar, sistematizar e transmitir esas ideas novas baixo un formato recoñecible, reproducible e avaliable.
A ars creandi é, das dúas, a esencial, xa que se trata do momento no que xorde o novo: unha demostración inesperada, un concepto que ninguén concibira, unha melodía que non se parece a ningunha anterior. Esta fase require unha combinación pouco frecuente de intuición, liberdade mental, valentía intelectual e esa chispa que acostumamos chamar «xenialidade». Non todas as persoas poden alcanzar ese nivel de innovación e as que o fan adoitan necesitalo facer en contextos onde a creatividade non quede afogada por estruturas ríxidas.
Na taxonomía revisada de Bloom, esta fase creativa sitúase no nivel cognitivo máis alto: crear (creāre). Trátase do estadio no que o individuo non só comprende, aplica, analiza ou avalía información existente, senón que é capaz de reorganizala, transformala e transcendela para producir algo realmente novo. Esta dimensión superior implica combinar elementos previamente illados, reformular enfoques establecidos e propoñer solucións orixinais a problemas abertos. De aquí infírese que as regras (nomia) de ordenación (taxis) ou clasificación dos obxectivos educativos e as accións (exercicios, actividades e tarefas) vinculadas a eles deben comezar sempre polo chanzo inferior, memorizar e ascender pola pirámide para acadar, no mellor dos casos, o cumio, que é crear. Algo que resulta contraditorio se temos en conta que a infancia sexa unha etapa especialmente propicia para a creatividade, ao considerar esta creatividade como a culminación natural do desenvolvemento intelectual. Porén, a ars creandi non se limita a reproducir ou perfeccionar o coñecido.
Se a infancia se presenta como unha etapa propicia para a creatividade, é en gran parte pola ausencia de prexuízos e pola menor interiorización de normas sociais e académicas estritas. As nenas e nenos abordan os problemas cunha apertura mental espontánea, capaces de combinar ideas afastadas, aceptar solucións inusuais e explorar sen medo ao erro nin ao xuízo externo. Esta liberdade cognitiva facilita formas de pensamento diverxente que, na vida adulta, adoitan verse restrinxidas pola presión normativa, polos hábitos adquiridos e polos sistemas de avaliación que premian a conformidade. Coartar esa capacidade creadora en idades temperás —por medio de prácticas educativas excesivamente ríxidas, centradas na repetición e na corrección continua— pode ter consecuencias negativas a longo prazo: non só limita o desenvolvemento da súa identidade intelectual, senón que tamén reduce a súa disposición futura a innovar, experimentar e asumir riscos conceptuais. En suma, a perda prematura desta liberdade creativa empobrece o potencial do individuo e condiciona a súa capacidade, xa na idade adulta, para contribuír con ideas orixinais á sociedade.
Unha das consecuencias máis visibles da desatención á creatividade manifesta nos procedementos educativos tradicionais é a proliferación de prácticas baseadas na repetición mecánica e na realización de exercicios uniformes e altamente pautados. Este tipo de metodoloxías, que buscan que o estudantado execute tarefas dun único xeito «correcto», reduce a aprendizaxe a un proceso de adestramento procedemental no que o éxito depende da fidelidade a un modelo preestablecido. Aínda que estas prácticas poden mellorar a automatización de certas destrezas, resultan profundamente limitantes nos dominios onde a flexibilidade cognitiva e a capacidade de combinar ideas diversas son cruciais. A repetición incesante non só desincentiva o pensamento diverxente, senón que tamén envía a mensaxe implícita de que desviarse do patrón é un erro e non unha oportunidade. Deste modo, fórmanse estudantes altamente competentes en reproducir algoritmos coñecidos, pero pouco preparados para formular preguntas novas, integrar coñecementos transversais ou propor solucións innovadoras. En última instancia, este enfoque pedagóxico actúa como un freo sistémico ao desenvolvemento das mentes máis creativas, que ven restrinxida a súa capacidade de exploración intelectual precisamente nos anos nos que esta debería ser máis estimulada.
A ars formalis é igual de necesaria, pero de natureza moi distinta. Aquí o que importa é a orde, a claridade e a capacidade de converter as ideas orixinais nun corpo de coñecemento estable. É nesta fase onde se redactan definicións, se establecen normas, se afinan partitura e linguaxe, e se deixa todo listo para que outros poidan aprender, comprender e replicar o proceso. Curiosamente, moitas das mentes máis creativas teñen dificultades nesta fase: a súa forza está no impulso orixinal, non sempre na capacidade de pechar ese impulso dentro dun sistema formal.
Porén, o sistema educativo actual pon case todo o peso na ars formalis. Practícase a memorización, a repetición, o procedemento, a resposta estándar. Ensínase o estudantado a seguir camiños que outros xa abriron, pero apenas se lles dá espazo —nin tempo, nin ferramentas, nin recoñecemento— para explorar, probar, errar ou crear. A etapa na que realmente se transforma o mundo, a creativa, queda relegada a un segundo plano, como se fose un luxo reservado a uns poucos.
O paradoxo é evidente: educamos para reproducir, non para innovar. Esquecemos que sen ars creandi non habería nada que formalizar, nada que ensinar, nada que memorizar. E así, ao privilexiar só a parte máis mecánica do coñecemento, estamos empobrecendo o potencial transformador das novas xeracións. A historia do coñecemento mostra que toda disciplina progresa grazas a unha interacción equilibrada entre creación e formalización. Negar ou minimizar a ars creandi no proceso educativo implica renunciar á posibilidade de formar persoas capaces de innovar. Recuperar este equilibrio non é un luxo, senón unha condición necesaria para que o sistema educativo responda aos retos dun mundo en constante transformación.
Recuperar o equilibrio entre ambas as fases non é só unha cuestión pedagóxica; é unha cuestión de futuro. Se queremos persoas capaces de cambiar o mundo, debemos darlles primeiro permiso —e despois medios— para inventalo.