A Primavera das Letras agroma no Pombal
Daniel García Reigosa, director do CEIP Plurilingüe O Pombal (Vigo - Pontevedra)
ceip.opombal [at] edu.xunta.gal (ceip[dot]opombal[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
Begoña Caamaño, a homenaxeada nas Letras Galegas 2026
A escola como espazo de sorpresa, experiencia e emoción
Un centro educativo debe ofrecer experiencias alén das puramente académicas para converterse nunha escola viva que integre a comunidade. As experiencias que deixan pegada no alumnado, nas familias e nos docentes convértense en lembranzas que, pasados os anos, se recordan con emoción e crean ligazóns entre as persoas e a entidade.
O CEIP Plurilingüe O Pombal caracterízase por colaborar de xeito habitual con organismos e institucións do barrio e da cidade, como a biblioteca pública municipal Neira Vilas, o mercado do Calvario, a Asociación de Veciños do Calvario, o IES Castelao etc.
Porén, este curso tivemos o privilexio de vivir unha desas experiencias indelebles e marabillosas que xa forma parte da historia do noso centro: colaborar coa Real Academia Galega, máxima institución na defensa e promoción do galego. Por ofrecemento seu acollemos nas nosas instalacións a presentación de Primavera das Letras, un fito que xa forma parte da prolongada historia do centro de case oitenta anos.
Begoña Caamaño na súa época escolar
Os docentes sabemos que cada día na escola nos agardan sorpresas, unhas veces agradables e outras menos positivas. Xa dicía o escritor italiano Cesare Pavese que «a sorpresa é o móbil de cada descubrimento» e quen escribe estas liñas confirma esta sentenza, pois unha chamada inesperada, nun día tan normal e corrente que podería ser un xoves, un venres ou se cadra un mércores, descubriríame a Begoña Caamaño, a escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas a quen non tivera o pracer de ler.
Imitando a súa primeira novela, poderiamos dicir que unha ave en forma de chamada telefónica trouxo consigo unha mensaxe para os habitantes do noso centro educativo. Non é Ítaca, mais O Pombal ben podería ser comparado cunha illa no balbordo que emana da zona peonil do Calvario, un barrio con grande actividade comercial que viu nacer e medrar a Begoña Caamaño.
O inesperado do ofrecemento fíxome titubear, pois en plena época de avaliacións, informes, notas e tarefas burocráticas invisibles pero imprescindibles, isto non estaba na axenda. Primavera das Letras é un referente pedagóxico e didáctico con enorme acollida pola axuda que supón para achegar a figura homenaxeada nas Letras Galegas ao público infantil que a Real Academia Galega leva desenvolvendo desde 2016, polo que obviamente, e malia a vertixe que supuña tal responsabilidade, a resposta foi positiva. E así comezou unha aventura para toda a comunidade educativa, que dista de ser comparada coas de Ulises ou Merlín que inspiraron a Caamaño.
Cómpre, antes de explicar o traballo realizado, dar a coñecer a muller sabia e a escritora transgresora para comprender como o profesorado, as familias e o alumnado quedamos enfeitizados pola maxia desta veciña nosa.
Begoña Caamaño, o sorriso incansable
A viguesa a quen se lle dedican as Letras Galegas deste ano naceu en outubro de 1964 no barrio obreiro do Calvario, onde tamén se sitúa O Pombal. Caamaño foi unha activista incansable de causas como o feminismo, o antimilitarismo e a defensa do galego. Nunca se agochou e soubo combinar este activismo e as súas ideas políticas coa súa profesión de xornalista, o que ben merece un recoñecemento nestes tempos onde todo o incuestionable é cuestionado.
Fíxoo cunha voz crítica e valente, defendendo o valor dos medios públicos e advertindo que «a falta de coñecemento leva á alienación, á falta de liberdade». Tampouco agochou nunca que era feminista, pois sostiña que «o feminismo é unha cosmovisión, un xeito de entender o mundo», o que demostrará nas súas obras, cargadas de feminismo, como se explicará na seguinte sección.
Begoña nos micros da Radio Galega
A traxectoria profesional de Caamaño como xornalista comezou na emisora viguesa Radio Noroeste, seguiu na COPE e chegou ata a Radio Galega, e foi ademais colaboradora de varias axencias e xornais. Traballadora incansable da palabra e da actualidade, Begoña Caamaño só tivo tempo de publicar dúas novelas, as cales brillan pola súa revolucionaria visión e o seu talento literario.
A revolución literaria: desmontando os clásicos
O universo literario de Begoña Caamaño é interesantísimo, pero desafortunadamente breve porque a da gadaña pecharía o libro da súa vida moi cedo, xusto feito medio século, deixando dúas novelas publicadas, outra en camiño e varios proxectos pendentes. Porén, esta brevidade non conseguiu restarlles valor á súa prosa e ao seu activismo a prol da lingua.
Non hai nada máis atemporal, estático e espremido ca os clásicos literarios. Concibidos séculos atrás e en culturas hoxe alleas, logran superar as barreiras temporais e culturais para sobrevivir, literal e literariamente. Porén, Begoña Caamaño atreveuse a reformular os mitos clásicos, cuestionando a perspectiva masculina e o androcentrismo cunha aposta revolucionariamente feminista. Ela mesma o confesou de maneira aberta na entrevista que lle fixo Montse Dopico: «O entendemento mutuo entre as mulleres, a sororidade é unha arma de defensa e de apoderamento que só pode facernos máis fortes e máis libres».
Na súa primeira novela, Circe ou o pracer do azul (Galaxia, 2009), reinterpreta o clásico de A Odisea cunha perspectiva feminista que racha totalmente cos tópicos patriarcais. Como lembrará o lector, Homero narra neste clásico grego o retorno a Ítaca do heroe Ulises após vencer na guerra de Troia. O que debía ser unha viaxe curta convértese nunha «odisea» de dez anos, un dos cales o heroe e os seus homes fican retidos na illa de Eea contra a súa vontade polo meigallo da malvada feiticeira Circe.
Neste capítulo de A Odisea é onde Caamaño centra a súa obra. Porén, a autora outórgalles o protagonismo a Circe e a Penélope e quítallo a Ulises, quen pasa a un segundo plano. Así, as mulleres secundarias e irrelevantes no texto orixinal eríxense como protagonistas e o heroe masculino convértese nun secundario.
Non contenta con esta revolucionaria inversión de roles, Caamaño reescribe tamén o perfil das personaxes. Se no texto orixinal Circe é presentada como a meiga feiticeira que odia os homes e os castiga, Caamaño preséntaa como unha deusa que cae no máis humano dos sentimentos: o amor. Pola súa banda, a raíña submisa e anulada no texto orixinal vai evolucionado na súa versión ata converterse nunha Penélope firme e segura grazas á relación epistolar que comezan a manter ambas as mulleres e que é o nó desta obra.
A novela tamén racha con outro aspecto do orixinal, pois, en contraposición á orixinal relación de confrontación entre ambas as mulleres, aquí dáse unha relación de cooperación e «sororidade» (termo empregado pola propia autora), malia estar enfrontadas polo amor do mesmo home. A profesora universitaria María Teresa Bermúdez Montes interpretou isto como «unha aposta pola creación de redes femininas e a construción de discursos alternativos ao patriarcal».
A segunda obra publicada por Begoña Caamaño é Morgana en Esmelle (Galaxia, 2012), outra reinterpretación dun clásico que desta volta nos leva ao ciclo artúrico e á época celta. Non é unha temática nova na literatura galega, pois Cunqueiro, Méndez Ferrín ou Darío Xohán Cabana, entre outros, xa a trataran, mais si é innovador contar cunha muller nesa escolma e que ademais Caamaño volva reinventar a trama e os personaxes cunha óptica feminista e transgresora.
Merlín é outro secundario no feminismo de Caamaño
Como ela mesma explicou, a obra fala de ser conscientes das consecuencias dos nosos actos e decisións. Presenta unha dicotomía entre o afán de poder de Merlín e a procura da felicidade das outras personaxes, e, como non pode ser doutro xeito nas obras de Caamaño, reinventa os perfís, as motivacións e as aspiracións dos personaxes.
Alumnado e profesorado póñense en marcha
Como se escribiu ao comezo, o propósito deste texto non é literario senón vivencial. Cómpre agora dar conta do proceso que permitiu desenvolver un acto emotivo, reivindicativo e de gran valor simbólico.
Após a sorpresa inicial que supuxo que Iolanda, traballadora da Real Academia Galega, chamase ao centro para ofrecernos acoller a presentación da Primavera das Letras, o profesorado comezou a organizarse. Buliron as ideas como agroman as flores na primavera e un folio en branco encheuse de proxectos como un lenzo novo se enche de pinceladas.
Repartindo tarefas entre o profesorado, aspecto clave para o éxito de calquera quefacer colectivo, preparouse todo o necesario, que non era pouco, pois o plan era ambicioso: converter o noso humilde centro público no epicentro da literatura galega cun acto institucional á altura do que merece Begoña Caamaño.
Ao non termos un salón de actos, conseguimos converter o noso comedor nun precioso salón ao que non lle faltou detalle, como recoñecerían as persoas presentes. Baleiráronse as mesas e limpouse a fondo, dispuxéronse as cadeiras coma nun teatro, decorouse con motivos alusivos á música, ao galego e á homenaxeada. A ollada das persoas familiarizadas con ese espazo, agora irrecoñecible, demostraría a gran transformación e a capacidade de atopar solucións do profesorado, afeito a explotar os non demasiados recursos ao máximo.
No tocante ao material empregado, traballouse nunha presentación dixital que faría de soporte visual para o acto e que contiña fotografías de Begoña Caamaño, algunhas inéditas, e vídeos sobre ela. Asemade, creáronse diversos paneis informativos que contaban con códigos QR nos que se daba información e murais orixinais sobre a homenaxeada, pois era imprescindible facer que o público se mergullase na figura da Begoña Caamaño.
Ambientouse o espazo con paneis e fotografías
Porén, se algo tiñamos claro desde o comezo, tanto o centro como a Real Academia, era que o alumnado debía ser o protagonista, pois o proxecto Primavera das Letras vai dirixido ao público escolar, e así foi. Con moito esforzo e disposición, o alumnado de quinto de educación primaria preparou unhas cancións populares coa especialista de Música e algúns alumnos e alumnas voluntarias de sexto de primaria comezaron a ensaiar cunha titora unha pequena representación teatral, escrita pola coordinadora do EDLG.
Das ideas á realidade: o acto inaugural
E chegou o día no que renderlle homenaxe a Caamaño e presentar o proxecto Primavera das Letras, da Real Academia Galega. O acto tivo gran repercusión mediática, ora en prensa escrita ora nos diarios dixitais (pode consultarse este dosier). Se cadra foi que un colexio público no barrio traballador do Calvario fose elixido por unha prestixiosa institución era algo novo ou se cadra foi o simbólico de presentar a homenaxe no centro educativo público sito no barrio que a vira nacer. Sexa como for, a prensa deu unha ampla cobertura, asustando a cativada que estaba impresionada polas cámaras, os flashes e os micrófonos.
A cobertura da prensa foi ampla e diversa
Entre o público había autoridades políticas e educativas, membros do Consello Escolar do centro, membros da Real Academia, familiares de Begoña Caamaño, docentes e alumnado, destinatarios mais tamén protagonistas deste acto. A representación do alumnado de sexto de primaria, na que o alumnado de quinto puxo a banda sonora, foi marabillosa.
O alumnado de quinto de primaria interpretou varias cantigas tradicionais, con pandeireteira incluída
Cunha peza teatral situada nun quiosco que vendía xornais coa capa de Begoña Caamaño, os protagonistas, con moitísimo sentimento e un incrible nivel de galego, ían fiando maxistralmente a figura de Begoña con todas as actividades a prol da lingua que se fan no Pombal nun faladoiro que rematou cunha declaración que fixo que o público se erguese: «Begoñísima: seremos esas punks que soñabas, con cazadoras, piercings, tatuaxes, nenas do futuro falando e cantando galego cos nosos pandeiros, pandeiretas e gaitas!».
O alumnado de sexto de primaria foi ovacionado ao finalizar a peza teatral
Fina Casalderrey, académica da Real Academia, escritora prolífica e coordinadora do proxecto Primavera das Letras, foi a encargada de ir dirixindo o acto. Malia non ter unha variña nin ser Circe, enfeitizou a cativada presente coa maxia das palabras e, sen ser Penélope, teceu unhas intervencións naturais que combinaban sabedoría, sentimento e humanidade. «Non hai nada no mundo con máis forza ca as palabras, malia que moitas persoas con poder non o saben e recorren ás guerras», explicou. Entre anécdotas, chanzas e consellos, Fina ía dando paso ás persoas relatoras dun xeito próximo e ameno.
Tamén tivemos o pracer de coñecer e escoitar a escritora An Alfaya, creadora de Uuu-uuu, Begoña! (Teatro para a infancia cun lanzamento, tres lances e un desenlance). Nesta obra de teatro, xa descargable na web de Primavera das Letras, podemos coñecer a Begoña Caamaño da man de curuxas, Morgana, Circe, Merlín, a cantareira Uxía e ela mesma.
Pola súa banda, Laura Romero, ilustradora da obra, explicou de onde veu a súa inspiración e por que a cor violeta domina. Dando consellos sobre a ilustración e contando anécdotas como a súa dificultade para debuxar cabalos, malia que na obra aparecen tres, conseguiu dar unha lección de profesionalidade e paixón polo seu traballo.
Desde a esquerda: Laura Romero, Fina Casalderrey, An Alfaya, Iolanda Casal e Bea Caamaño
Como é lóxico, un dos momentos máis emotivos foi escoitar a Bea Caamaño, irmá da homenaxeada, animar as nenas a facer cousas, a empregar a voz e a cabeza para destacar nunha sociedade que aínda continúa a consideralas menos ca os homes. «O mundo está feito para ser cambiado, non vos conformedes e non caledes as inxustizas», aconsellou.
Como colofón final, Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, recoñeceu o valor da profesión docente e agradeceu o traballo que en todos os centros galegos se fai a prol da lingua. Precisamente, o proxecto Primavera das Letras tenta facilitar este compromiso lingüístico desde 2016 pois «a palabra é máxica, si, pero o traballo das persoas docentes é fundamental», recalcou nunha intervención sublime chea de emoción e compromiso.
Henrique Monteagudo e Beatriz Caamaño
Se é de interese de quen nos está a ler, pode gozar do acto completo na páxina web do centro, nun vídeo gravado e editado pola Real Academia Galega.
Recoñecemento final
Cómpre rematar agradecendo a oportunidade que nos deu a Real Academia Galega e que personalizamos en Iolanda, traballadora incansable; Fina, meiga da palabra; e Henrique, patrón do barco no que imos todas as persoas que amamos a lingua.
Darlle o protagonismo ao alumnado dun centro público demostra o compromiso da Academia cos servizos públicos, como tamén a lingua galega é un ben público, patrimonio do pobo galego que se resiste a vela esmorecer. «Se aínda somos galegos, é por obra e graza do idioma», sentenciaba maxistralmente Castelao e o traballo da RAG insufla forza ao compromiso co galego.
Acoller esta presentación foi unha experiencia educativa e persoal para todas as persoas que formamos a comunidade educativa. Puidemos coñecer grandes profesionais que senten paixón polo que fan, pois todas as persoas relatoras amosaron un orgullo profesional e un compromiso vocacional. Actividades deste tipo demostran que na escola xermola o compromiso e que educar non é só impartir coñecementos, senón vivir experiencias para formar persoas libres e críticas.
Non sería xusto rematar sen lle agradecer tamén a Begoña Caamaño que servise de ponte entre O Pombal e a Real Academia, entre a escola que quere vivir en galego e a institución que iso defende. Begoña, a feliz sabia rebelde, seguramente estaría emocionada por ser recoñecida nun centro público, ela que sempre defendeu os servizos públicos, sito ademais no Calvario, barrio que sempre levou no seu corazón, e da man dunha comunidade educativa comprometida co feminismo e coa misión de acadar un mundo mellor.
Foto de familia das persoas asistentes ao acto
Alfaya, A. (2026). Uuu-uuu Begoña! (teatro para a infancia). https://doi.org/10.32766/rag.458
Álvarez González, A. (2025, 2 de xullo). Begoña Caamaño. Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega). Recuperado o 24 de febreiro de 2026 de https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22279
Arias Chachero, P. (2012). Morgana en Esmelle: Begoña Caamaño. Recuperado o 15 de xaneiro de 2026 de https://www.andainamulleres.gal/pdf/Andaina%2060.pdf
Bermúdez Montes, M. T. (2023). Sororidade e mito en Circe ou o pracer azul de Begoña Caamaño. Revista de lenguas y literaturas catalana, gallega y vasca, 28, 163-180. https://doi.org/10.5944/rllcgv.vol.28.2023.38945
Caamaño, B. (2009). Circe ou o pracer do azul. Vigo: Editorial Galaxia.
Caamaño, B. (2017). Morgana en Esmelle. Vigo: Editorial Galaxia.
Dopico, M. (2012, 30 de abril). A sororidade é unha arma de apoderamento que só pode facernos máis libres. Praza.gal. Recuperado de https://praza.gal/cultura/la-sororidade-e-unha-arma-de-empoderamento-que-so-pode-facernos-mais-libres
Seoane Pérez, H. (2017). Morgana despierta nuestra conciencia. Revista Internacional de Culturas y Literaturas, 20, 130-144. https://doi.org/10.12795/RICL.2017.i20.10
Webgrafía