A "exempla" románica non é romántica
Gonzalo Xosé Francisco da Rocha
IES María Casares (Oleiros - A Coruña)
Contextualización histórica e cultural
O predicado no título desta proposta define co mesmo resultado dunha afirmación. Gomá Lanzón, en Universal concreto —un valioso ensaio sobre a exemplaridade—, enuncia que a cultura occidental admite ser dividida en tres períodos: o segundo xorde coa Ilustración do XVIII e dá especificamente no movemento do romanticismo caracterizado polo «eu» que posteriormente, nun terceiro período, producira un «nós» manifesto no presente democrático. No primeiro período, previo a ambos, os habitantes do continente reconstruíron, tras da caída do imperio de Roma, un cosmos cristián no que a subxectividade da primeira persoa do singular non tiña cabida no pensamento daquelas xentes como a entendemos hoxe.
Foron as crises de fe na modernidade do século XVI (ruptura da unidade cristiá de Occidente coas distintas propostas alcumadas protestantes), en parte relacionadas cos descubrimentos atlánticos e unhas realidades que non constaban nas Escrituras —obra sapiencial en tanto recolle coñecementos dignos de seren transmitidos segundo aquelas comunidades de crentes—, as que rematan con dez séculos de permanencia dunha cosmovisión cunha metafísica que trataba de emular o «ideal» con toda a bagaxe cultural que supón. Así, por volta do século XV, a fins do medievo, os irmandiños, como noutras revoltas sociais en Europa, volveron traballar as terras dos señores por centos de anos sen formular ningún cambio sociopolítico no momento en que remataron os malos usos señoriais. Simplemente, porque a persoa era un «microcosmos» inserido no «macrocosmos» no que habita e non admite mutación. Na excepcional novela O nome da rosa, Umberto Eco preséntanos o debate entre Guillermo e Xurxo. Os monxes custodian na biblioteca fortificada un saber que consideran destrutivo para o cosmos —orde— edificado e edificante. «Durante o tempo da cosmovisión, imitar un modelo, ideal, precedente e normativo, constitúe a suprema posibilidade humana» segundo Gomá Lanzón. Non existe o culto ao xenio romántico e libre, ao individuo revolucionario da contemporaneidade.
Cada libro escrito por este home destruíu unha parte do saber que a cristiandade acumulara ao longo dos séculos. Os pais dixeron o que había que saber sobre o poder da Palabra e bastou con que Boecio lle comentase ao Filósofo (Aristóteles) para que o misterio divino do Verbo se transformase na parodia humana das categorías e do siloxismo. O libro da Xénese di o que hai que saber sobre a composición do cosmos. (...) Deste xeito, o cosmos, que para o Areopaxita se lle manifestaba ao que sabía elevar a mirada cara á luminosa fervenza da causa primeira exemplar, converteuse nunha reserva de indicios terrestres.
Umberto Eco, O nome da rosa
Peter Sloterdijk ofrece no seu ensaio Hacer hablar al cielo unha teoría da relixión —de re ligare, volver ligar— como instrumento humano. «O que supera todo o que os seres humanos son quen de facer, incluso como heroes, sabios e santos, proxéctase en virtudes divinizadas a un ceo». Un ceo que comparte a etimoloxía de Zeus, logo Deus. E continúa explicando que «as tensións verticais que expoñen ao individuo que mira cara arriba as novas sobreesixencias que o configuran a si mesmo». Un código de ascese —ascenso— transcendente recollido no Novo Testamento, «Noso Pai que estás no Ceo, santificado sexa o teu nome...» (Mateo 6, 9), que actualiza o Vello Testamento, «O noso Deus está no Ceo» (Salmo 115), para os crentes, daquela todos, pois non hai alternativa fóra da comunidade.
Os seres humanos trataban de «adaptarse ás ilusións (ideais) que se fan con respecto ao que eles consideran o superior», sinónimo factible de alto. O propio Sloterdijk cita neste contexto como as «catedrais medievais en Europa persisten con vestixios dun impulso de altura». Tamén Jean Delumeau na súa Historia do Paraíso rescata unha cita do século XII, de Hugo de San Víctor, na que rexistra como «a alma, elevada a alturas sublimes comprende a súa propia medida, recoñece que está por riba do mundo corporal, diríxese polo seu pensamento ao pensamento do Creador, que é o que fai senón tender, despois de se purificar (...) cara á serenidade do ceo e o silencio celestial». Tamén rescata unha cita de Georges Douby con respecto á fachada da catedral de Angoulême na que «o fiel é invitado a mirar desde o solo ata o grande óvalo no que aparece Cristo cos brazos abertos». Na catedral de peregrinación xacobea de Puy en Velay, a escaleira oeste magnifica o esforzo físico accedendo ao templo polo chan, no mesmo medio da nave principal, nunha sensación dramática que non deixa indiferente.
Otero Pedrayo cóntanos en A romaría de Xelmírez —bispo de Compostela— a viaxe a Roma para, entre outros logros, conseguir o status arcebispal. Na narración fabulosa da viaxe descansa en Caors e, xunto co bispo da cidade da Occitania, misa. A doutrina do Altísimo queda ben explicitada á comunidade crente que o escoita.
Mais pensade en achegarvos a maxinar a fermosura sen chata nin remorso da Xerusalén celeste. Flutuante nos aires coma unha nube, toda fabricada dun ouro en cuxa comparanza son chumbos os ouros do mundo, ten de pedras preciosas as cercas e as lexións de anxos as gardan, luz que só poden aturar os electos e que aos mortais mataría como a lanzada mata as tebras da noite. Lugar de divino folgo, alí achan premio as angueiras levadas coa virtude e paciencia (...) Algúns benaventurados teñen sido mirados subir por ela como aconteceu con santo Estevo de Grammont. Un inocente, un neno mirou os anxos descer pola escada e subir ao ceo a alma do santiño.
Ramón Otero Pedrayo, A romaría de Xelmírez
As basílicas das novas Xerusaléns celestes tiñan que orientarse a Oriente e esta redundancia intencionada demostra a importancia de atender ao transcendente, neste caso a Xerusalén terrestre, o lugar da morte e resurrección de Cristo. Unha alborada que reúne a imaxe do Salvador coa esperanza da luz do amencer cada día. No templo, o acceso á nave que facilita o transo é a través dunha portada emulación dun arco de triunfo que pode ser único ou tripartito e que volve chamar a atención cenital, pois o tímpano (A16, 24) e as arquivoltas (B1) son o espazo privilexiado para religar o terrestre co celeste. Os temas serán diversos, pero na fachada do solpor o Xuízo Final (B26 C4) ten o lugar axeitado. Só cambiará a forma escollida nas variantes rexionais. «Haec est porta coeli» séguese a ler na grada da porta románica de San Miniato. Chega logo o momento da ablución simbólica coa auga bendita para purificarse antes de entrar na dimensión do sagrado, pois «Esta é a porta do ceo». No interior, as mesuras físicas preludian a ascese unha vez máis. A verticalidade das columnas guía outra vez a vista ao alto, desde a base cadrada no solo, símbolo do terreo, aos arcos superiores coa sección do círculo, símbolo do divino. Renzo Manetti no ensaio The Language of the Angels sobre a basílica florentina de San Miniato explica como o zodíaco representado no solo «inserindo o círculo cósmico nun cadrado, aparenta indicar o desexo de ligar o simbolismo astronómico co da Xerusalén celestial mencionada na Apocalipse. (...) A cidade é iluminada pola luz do Logos, do cal o Sol no centro do zodíaco é alegórico». «El cielo en la tierra» é o título da documental ilustrativo do programa Crónicas (TVE2) que resume en 40 minutos as disquisicións simbólicas dos templos medievais á hora de os alzar. Son profesores da Escola de Arquitectura da Coruña os que explican nesa reportaxe algunhas das razóns a escasa distancia do propio instituto María Casares, na contemporánea e sorprendente igrexa de Santa Cruz, lugar de práctica relixiosa familiar e colectiva do alumnado. Para os participantes nesta tarefa, un detalle moi motivador é comprender esa universalidade cosmogónica presente na súa propia localidade.
Colección A
E xusto no alto das columnas o capitel —capitis— como lugar onde representar, unha vez máis, a mensaxe que prepara para a bóveda, símbolo da homónima celeste, o ceo de Deus. Así mesmo, a columnata, metáfora das árbores dun bosque pretérito e ancestral onde celebrar o rito sagrado, dirixe ata un novo arco de triunfo co altar onde o pontifex —pontífice— tende as pontes entre o aquén e o alén, orientada ao leste, agardando pola parusía, a agardada alborada da estrela, o Sol, metáfora do Señor, na cabeza da planta, preferiblemente unha cruz latina, composta cunha ábsida semicircular, outra vez a manifestación da unidade superior divina —o circo— que non distingue partes na súa perfección continua fronte aos distintos polígonos. Certo que pode haber decoración escultórica noutros lugares, xa no exterior —canzorros das cornixas dos tellados (A27)—, xa no interior —cornixas (A8) e outros (D9,10)—.
O modelo devén ideal, pois responde á concepción platónica que o pai da Igrexa santo Agostiño combinou co cristianismo, polo tanto, a ‘seguir’, significado da palabra «peregrinar», pois o peregrino segue —emula— unha senda xa trazada que o leva a un destino ansiado e esperado. Non hai sorpresa, só cumprimento. Así foi como o Camiño a Santiago resultou unha das vías principais de difusión da modelaxe románica polos territorios occidentais, ademais das fundacións monásticas cos seus claustros con bosques figurados de columnas coroadas con capiteis xeométricos (A21; D1, 23), vexetais (A19, 25, 26; B13, 14, 21; C2, 25; D5, 23), pero tamén figurativos humanos, zoomórficos (A12, B12) ou teriomórficos: basilisco, centauro (A22), dragón, grifón, harpía, serea ave ou serea peixe (D5), mostras do bestiario (A14; D1, 4, 15).
Xorde así un discurso estético único pero non uniforme. Esta decoración da arquitectura incide nas mensaxes edificantes, pois concentra escenas selectas para o fin proposto: a propedéutica do fiel ao ideal. Adaptadas ao marco, as imaxes son doutrina en pedra de fácil comprensión dentro do programa platónico que distinguen o ben, a beleza e a harmonía do mal e a carencia daquelas complementarias (B9, 26; C8). O profesor Gerardo Boto Varela, da Universidade de Xirona, rescata as palabras de Lucas de Tui, cóengo de san Isidoro de León por volta do século XIII, cando aseveraba que «a casa de Deus debe resplandecer para o culto con cousas variadas, que a súa beleza conduza aos homes cara a si e non inflixa tedio nos asistentes, elevando a mente ás cousas celestes» (B5, 16; D19) mentres que os monstros e os seus atributos conforman o oxímoro (B15). O sistema devén binario: ben/mal (A2), cosmos/caos. Lucas de Tui insiste no argumento de que «á beleza deste a beleza exterior diríxese (...) tendendo cara á súa beleza, representando o ornamento da patria celeste». En todo caso e seguindo o argumento de Boto Varela, «confeccionábanse imaxes (...) para que o lector-espectador activase uns procedementos mentais que lle permitisen rememorar argumentos e articular a súa exposición» porque nos bestiarios nada ten un significado único concluíndo que «sería presuntuoso e infundado soster que as representacións de criaturas imaxinadas sempre encerran un significado cifrado». Só o contexto decorativo pode dar pistas.
Colección B
A estética románica sorprende pola súa orixinalidade formal. De feito, o concepto foi utilizado ao identificar inspiración romana antiga, de aí o alcume que en lingua francesa é art romane, pero as influencias son varias, pois a escultura paleocristiá dos tempos iniciais da fe evidencia o influxo asemade de Bizancio, o imperio oriental con capital en Constantinopla e incluso, aínda que poida sorprender, a ánima musulmá. Arquitecturas de presenza clásica grecorromana, decoracións de África e Oriente demostran a personalidade propia do románico: cúpulas bizantinas en Zamora, Toro e Salamanca, nervaduras ismaelitas no mosteiro de Armenteira ou no hospital de San Blaise no confín de Zuberoa, ao norte dos Perineos. Arcos polilobulados e entrelazados en San Juan de Duero ou na catedral de Palermo, unha semellanza de mesquita dentro de San Baudelio de Berlanga. Nada de purismos. Mestizaxe.
Contextualización, temporalización e execución
A programación do currículo de segundo da ESO establece a unidade didáctica baixo o título «Arte islámica, románica e gótica». Durante as sesións correspondentes, o uso de materiais de apoio, especificamente esquemas con plantas e alzados dos arquetipos arquitectónicos, así como profusión de imaxes de exemplos destacados das manifestacións escultóricas, motivaron a sorpresa pola estética do románico en contraste coa romana, estudada no curso anterior. Os trazos xerais da escultura medieval —rixidez (B16), desproporción (A15), frontalidade (D17) e inexpresividade (B16)— leváronnos a lembrar aspectos da estatuaria grega primitiva en contraste coa beleza formal dos períodos clásicos de Grecia e Roma.
A segunda sorpresa, e que foi protagonista nesta experiencia, a cor sobre a escultura localizada en determinados lugares como complemento da arquitectura: tímpanos, arquivoltas, capiteis e canzorros, principalmente. Xa os mármores da escultura clásica perderan o maior naturalismo que ofrecía a tintura de vestimentas e corpos. Os pórticos medievais tamén presentaban unha dimensión multicolor que hoxe desconcerta pola severidade estilística que cremos apreciar. A terceira sorpresa e non menos importante: a concepción cosmogónica dos homes e mulleres do medievo, a cosmovisión premoderna que os condicionaba a «seguir o exemplar» das Sagradas Escrituras. A sociedade actual ten unha cosmovisión, en relación coa secularización, na que a exemplaridade se pode atopar non só nuns exempla relixiosos. A alternativa humanista e laica quedou explicitada na Ilustración con Kant quen traballou por formulala. No presente «predícase co exemplo», tal como manifesta o refrán popular e ese exemplo implica a toda a cidadanía no seu facer diario. Daquela predicábase cos exempla divinos.
Colección C
Finalmente, que o principal camiño de peregrinación na Europa occidental fose cara á nosa Compostela rematou de impulsar esta experiencia, pois Iago, Diego, Jakue, Jaume, Jacme, Jacques, James, Jacob e Jakob son as maneiras de atopar a Santiago nas linguas galega, castelá, éuscara, catalá, occitana, francesa, inglesa, neerlandesa e alemá. Que a capital de Galicia fose unha referencia espiritual no confín do mundo coñecido por medio da súa iconografía en moitos templos baixo o seu patrocinio tamén sorprendeu. O profesor Xosé Luís Barreiro Rivas no seu ensaio La fundación de occidente. El camino de Santiago en perspectiva política aborda con erudición tal dimensión cando afirma que «as peregrinacións medievais en Europa constituíron un eficaz instrumento para substituír a topografía sagrada da Antigüidade por unha nova topografía cristiá, que os fieis experimentan e ofician camiñando ao servizo de Deus». O inicio do fenómeno das peregrinacións enmarca a idea de Occidente desde a alborada de Xerusalén, a plenitude de Roma e o solpor de Compostela. O percorrido real e simbólico do Sol. Baixo esta bóveda real e simbólica fica o ser, alfa e omega, principio e fin. Aquí, no Finis Terrae, Compostela capital do reino no momento da súa maior expansión ata as beiras do río Mondego, en Coímbra, coa cátedra arcebispal conseguida por Diego Xelmírez en Roma, co seu mecenado na redacción da Historia compostelá, outra monumenta semellante ao gran Pórtico da Gloria, en definitiva, a doce gloria do século XII galego, xogando coa homofonía das palabras. O alumnado reflexionou que, aínda que coa maquillaxe barroca, a catedral está todos os días literalmente nas nosas mans nas moedas que manexamos, símbolo da súa significación no contemporáneo ideal do continente que ten por lema: «Europa, unida na diversidade».
Con estes intereses xurdiu a proposta de lle dar cor a un capitel (canzorro, tímpano ou arquivolta) ao tempo de interpretar ese exempla virtuoso para aqueles seguidores do ideal cristián. Primeiro houbo que procurar no arquivo fotográfico propio máis de seiscentas imaxes que tivesen unha perspectiva cenital, tal e como se contemplan nos templos. A peneira escolmou finalmente arredor da centena selecta polo seu valor de fondo e forma evitando as facturas deterioradas polo paso do tempo. Imaxes con escenas doutrinais da Biblia. Xa do Antigo Testamento (A9, 10, 11, 13; B5, 6, 10, 22, 23, 26; C9; D13, 22), xa do Novo Testamento (A1, 3, 4, 6, 17, 20; B2, 3, 4, 7, 11, 17, 18, 20; C1, 3, 7, 11, 14, 15, 17, 18, 23, 24; D2, 12, 18, 21), pero tamén outras habituais no imaxinario románico tales como a vida do mosteiro e os labores agrarios (B24, 25; C12, 13; D14), escenas corteses (A5, 18), o pecado (B8, C20), o martirio e a morte (C19, 21, 22).
Unha vez pintadas coa inspiración dalgunhas esculturas que conservan a cor, procedeuse á súa exposición na aula emulando a visión que sitúa no alto a sabedoría sapiencial para aqueles homes e mulleres. Así, deuse cumprimento da programación que establece para esta unidade didáctica, entre outros, «sinalar os fundamentos da idea de Europa a través das diferentes experiencias históricas do pasado e identificar o legado histórico, institucional, artístico e cultural como patrimonio común (...)» cunha metodoloxía que «debe ser eminentemente práctica e activa poñendo o alumnado no reto de resolver as tarefas que se lle propoñen seguindo a máxima de que se aprende facendo» con «distintos métodos que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe e que favorezan a capacidade de aprender por si mesmos, o que vai permitir reforzar a autonomía, a reflexión e a responsabilidade». Finalmente, «a innovación, o deseño, a actividade e a creatividade son aspectos que hai que ter en conta nos métodos que se aplican na aula».
Colección D
Igual que en «As Ciencias Sociais. Señorío de si» (EDUGA núm. 89), o uso de banda deseñada foi útil para contextualizar a tarefa: Aleida, unha rapaza que vive descifrando un misterio na Compostela da construción do Pórtico valeu para tal fin. A escolma premeditada de A nosa cultura, mítica banda deseñada do ano 1981 que conformou para moitos de nós —daquela rapaces— a primeira imaxe sobre a nosa identidade cultural con preciosismo estético nos debuxos, prologada polo presidente da Real Academia Galega Domingo García-Sabell, tamén colaborou para achegar unha imaxe aproximada a aqueles tempos.
A música que acompaña é a mesma que escoitaban os peregrinos na catedral desde o século XII, pois no Códice calixtino consérvanse «Gratulantes celebremus festum» e «Congaudeant catholici», aquí interpretadas polo Grupo Universitario de Cámara de Compostela. Dúas xoias escollidas, patrimonio inmaterial sonoro que cómpre coñecer e gozar á par da creatividade pictórica nas coleccións.
Celebremos o festín con alegría, / todos a solemne festa de Santiago, / e na súa veneración / cantemos devotos as súas loanzas. / Ilustre pastor, santo Santiago, / apóstolo e amigo de Cristo, / aos teus servos e peregrinos / coida coa túa oración, / piadoso pedímoste.
Alégrense os católicos, / e moradores celestiais, / este día afánense os clérigos / con belos poemas e cánticos, / Este día, este día digno de loanza / ennobrecido con divino resplandor neste día / no que Santiago ascendeu ao palacio supremo. / Este día vencendo co premio / a Herodes do martirio este día. / Posto que carece de confíns / bendizamos ao Señor / este día ao gran Paterfamilias / tributémoslle grazas este día.
A avaliación da tarefa quedou en mans do propio alumnado que respondeu a tres cuestións valorativas.
1. Que opinión tes sobre este traballo? Está moi ben porque o resultado é bonito; unha boa idea e creo que levanta ánimos para esforzarse; como se aprende dunha maneira diferente; perfecto para a xente que non se lle dá ben a materia e así ten a posibilidade de sacar mellor nota; a maneira diferente de aprender e tamén de ensinar; que está bonito aprender a través da arte; que é xenial e sinxela pero clara e axuda moito; crea un ambiente de clase tranquilo, sen moito barullo; está moi ben para cambiar un pouco de dinámica; divertido porque me familiaricei co tema e axudoume a entendelo mellor; creativa porque é unha forma nova de estudar; que axuda a que nos guste máis a materia.
2. Que foi o que máis che gustou? Pintar xa que ten moitos detalles que igual non te decatas; non sempre estudar senón soltar a imaxinación; colorear as figuras e ver que parece que cobran vida; que podiamos colorear como queriamos nós; que me pareceu relaxante; pintar na clase e despois ver os nosos traballos colgados; pintar cos compañeiros franceses; o ambiente mentres o faciamos; aprender a través da imaxe; ver todo o noso esforzo; a música (de fondo) porque me axudou moito a concentrarme; o gusto polas clases de historia e as actividades dinámicas; pódese subir nota cunha actividade moi divertida e sen presión; traballar en equipo porque o pasamos moi ben todos xuntos; que mentres pintabamos imaxinaba esas persoas e escultores hai anos atrás; que traballamos en equipo e puidemos facer algo tan incrible coa esperanza de que o publiquen; colgar os debuxos na clase para que todos puidésemos ver o que pintamos.
3. Que aprendemos? Que hai unha gran cantidade de diferentes capiteis e a maioría cun significado; que ata nós podemos crear e somos capaces de nos esforzar; como transmitían unha historia e o xeito sinxelo no que estaban feitas; que non eran imaxes sen sentido; o bonito que era mirar unha igrexa e ver o ceo; a identificar algunhas das historias e que non con moito se poden aprender moitas cousas; que cada capitel ten unha historia e sempre son moi interesantes; curiosidades e datos sobre as esculturas; a valorar un pouco máis a arte e a interesarme por ela; a valorar a miña parroquia (igrexa de Santa María de Dexo, consagrada polo arcebispo Diego Xelmírez no 1108, segundo o Códice calixtino); a pintar mellor; a apreciar máis as esculturas antigas porque son moi bonitas; a coñecer esculturas de diferentes lugares e, a pesar de estar lonxe, teñen relación; a valorar os meus compañeiros; que os capiteis antigamente estaban pintados pero se foron desgastando; que se expresaban coa escultura non coa escritura, é dicir, «lían» as esculturas; que todas as cousas con esforzo saen, moitas grazas pola proposta de traballo; a historia das diferentes culturas (xudía, cristiá e musulmá); que foi posible recrear como a xente aprendía, xa que as persoas no pasado miraban cara arriba; moito sobre o nome de santos e heroes como Sansón.
Colección Z
Para rematar, nesta experiencia contamos coa colaboración de participantes do intercambio do alumnado de lingua francesa procedente da Auvernia, no corazón de Europa. Residir na comarca de Clermond-Ferrand permitiu presentar un románico que ten exemplos sobranceiros nos templos de Notre Dame du Port e en Saint Nectaire, entre outros que aparecen nas imaxes (colección D). Para eses estudantes que teñen a afastada referencia da cidade de Santiago como a meta que buscan os camiñantes que pasan polas súas vilas e urbes, a sorpresa foi que desde este confín tamén contemplamos con admiración un patrimonio compartido.
Deseguido observou no ceo un camiño de estrelas que comezaba no mar de Frisia e, estendéndose entre Alemaña e Italia, entre Grecia e Aquitania, pasaba directamente por Gascuña, Vasconia, Navarra, e España ata Galicia, onde daquela se ocultaba, descoñecido, o corpo de Santiago. E como Carlomagno vírao algunhas veces cada noite, comezou a pensar con frecuencia que significaría...
Codex Calixtinus, libro IV, capítulo I
Na iconografía, o apóstolo peregrino porta —ademais de cuncha, cabaza, bolsa e o libro sapiencial— o bordón de apoio e seica de orientación. Este bordón dálle ao T da palabra «romántica», no título desta experiencia, a súa verdadeira significación na senda «román( )ica», o bastón ten a forma do tau (T) que agarra firme o Santiago do parteluz no Pórtico da Gloria para identificar nas estrelas da bóveda celeste a ruta do Sol —logos—, a estrela por antonomasia desde a Europa continental cara ao suroeste, a nosa Compostela (A7, D6) para interpretar os significados.
Barreiro Rivas, X. L. (2009). La fundación de occidente. El camino de Santiago en perspectiva política. Tecnos.
Bernárdez, C., Mariño Ferro, X. R. (2004). Bestiario en pedra. Animais fabulosos na arte medieval galega. Nigratrea.
Boto Varela, G. (2007). Representaciones románicas de monstruos y seres imaginarios. Pluralidad de atribuciones funcionales. Fundación Santa María la Real.
Boullón, V. (2016). Aleida. Cidade sen alma. Demo editorial.
Crónicas, El cielo en la tierra [Reportaxe]. TVE2
Delumeau, J. (2004). Historia del Paraíso. Taurus.
Equip Almirall Edicións. (1981). A nosa cultura, (pp. 9-12 e 14)
Gomá Lanzón, J. (2023). Universal concreto. Taurus.
Grupo Universitario de Cámara de Compostela. (2003). Cantigas de Santa María, Códice Calixtino e Martín Códax. La Voz de Galicia-Son de Galicia.
Manetti, R. (2011). The language of the angels. Edizioni Polistampa.
Sloterdijk, P. (2022). Hacer hablar al cielo. Siruela.