Ir o contido principal
experiencias
Experiencias

Unha mirada ao que nos afecta

A complexidade do mundo actual precisa formar unha cidadanía responsable. Recollemos aquí dúas experiencias nas aulas de educación infantil nas que, a través do diálogo e dunha ollada crítica a creativa á realidade máis próxima, o alumnado é quen de posicionarse e deseñar accións socialmente significativas.

Javier F. Rouco Ferreiro, mestre de educación infantil no CEIP Rosalía de Castro (A Coruña)
javier.frouco [at] edu.xunta.gal (javier[dot]frouco[at]edu[dot]xunta[dot]gal)
M. Mar Santiago Arca, mestra de educación infantil no CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña)
marsantiago [at] edu.xunta.gal (marsantiago[at]edu[dot]xunta[dot]gal)

 

A cidadanía creativa asume que é fundamental un cidadán razoable, capaz de asegurar unha xusta articulación dos intereses individuais e os dereitos fundamentais para todos os cidadáns. (Sátiro, 2018)

 

Cando o escritor ruso Máximo Gorki (1868-1936) lembraba os seus primeiros anos, referíase a eles deste xeito:

Teño a impresión de que fun na miña infancia unha colmea á que as xentes máis diversas traían, coma se fosen abellas, o mel da súa experiencia; cada unha delas enriquecía xenerosamente a miña alma. Ás veces ese mel era impuro e amargo, pero que importa, todo coñecemento é un precioso botín. (Gorki, 1932, p. 151)

 

Esta fermosísima metáfora subliña a incontestable relevancia da experiencia infantil como fonte de aprendizaxe. Sabemos que o pensamento das infancias axuda a mellorar a nosa sociedade, pero moitas veces limitamos o alumnado a ser un mero reprodutor das ideas dos maiores, sen considerar que a estas idades temperás son xa persoas activas socialmente e creadoras de cultura, aínda que non poidan participar na toma de decisións a través de órganos gobernamentais.

A infancia ten o privilexio da observación sen présa, pero a partir del debemos convocar a nenas e nenos ao exercicio da cidadanía. O camiño é longo e só se percorre axeitadamente se partimos das súas reflexións, das súas decisións, deixando medrar con especial agarimo aquelas máis críticas, creativas, coidadosas e cargadas de valores éticos.

Cómpre artellar, no día a día das aulas, un diálogo equitativo entre as preguntas do profesorado e a fala do alumnado sobre as súas experiencias, o que os emociona ou asombra; permitirlles abrir a súa mirada, describir, buscar razóns convincentes para as súas hipóteses, descubrir alternativas ou dar explicacións. É dicir, desenvolver a súa capacidade de actuar como individuos activos.

En educación infantil, os pensamentos agroman da intuición e da plurisensorialidade das nenas e dos nenos para, posteriormente, ir tomando sentido a través dos recursos que ofrece a sociedade na que vivimos (textos, linguaxes, persoas expertas, medios de comunicación, asociacións, institucións etc.). O demais vén só, simplemente dándolle visibilidade a unha cativada que traballa para adaptar a escola ao momento que está a vivir.

Esta actitude implica un claro esforzo: tomar acordos, organizarse e persistir na superación de dúbidas e inseguridades. Nós, desde o exercicio da nosa profesionalidade, sabemos que existen outros xeitos máis sinxelos de enfrontar o día a día e poderiamos caer na tentación de acomodarnos nun modesto repertorio de materiais descontextualizados. O noso sentido do rigor pedagóxico non nolo permite e por iso imos compartir unhas experiencias de pensamento cidadán desenvolvidas en dous centros educativos distintos para que, coma as migas de pan de Hansel e Gretel, axuden a non perder a ilusión polo camiño.

 

Poxa solidaria

Se estás no hospital, non podes xogar nin ir ao parque e botas de menos os amigos do colexio. (Aura, 5 anos)

O alumnado de educación infantil do CEIP Rosalía de Castro decide axudar a nenos e nenas oncolóxicos que están hospitalizados xuntando cartos para a súa asociación.

Nos diálogos que mantemos na aula aparece recorrentemente o tema das enfermidades e as súas implicacións: compañeiros que non veñen ao colexio por estaren enfermos, familiares que están «maliños», nenos e nenas que levan escaiola ou máscara, que teñen que tomar algunha medicina ou que van poñer vacinas. Son situacións que non por cotiás deixan de formar arestas e xerar punzadas; esa «repetición» (nova petición, etimoloxicamente falando) supón o impulso, a anticipación de que algo está a piques de suceder.

Como responder a esta interpelación do alumnado que se amosa interesado pola infancia que sofre? Será a propia realidade (observada e dialogada) a que nos conduza á elección do camiño; escoitar será sempre o primeiro chanzo para a toma de decisións: só atendendo á palabra atoparemos a realidade na que instalármonos.

A través dunha familia da clase xa coñeciamos o traballo de ASANOG (Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia) e foi ese contacto o que abriu a necesidade de axudar. Como sabemos que cantos máis e mellores textos escritos de uso real empreguemos nas aulas maior será a aprendizaxe do alumnado, foi doado decatarse de que se abría ante nós unha nova posibilidade: organizar unha poxa con algunha das obras plásticas que facemos a favor da nosa asociación amiga e elaborar un catálogo para tal efecto.

No noso afán por salientar os traballos do alumnado e buscar producións de calidade, sempre contamos nas aulas con lenzos «dos que usan os pintores» e reservámolos para pintar inspirándonos nalgún artista que nos chame especialmente a atención. Así foron aparecendo ao longo dos cursos Imi Koebel, Menchu Lamas, Matisse, Picasso, Judit Scott etc. e da man das súas obras cada nena e cada neno elabora anualmente unha pintura «de verdade, coma as que hai nos museos e nas casas, porque son importantes».

Colaxes

 

A arte ten o seu xermolo no pensamento e na vontade: no traballo conxunto que desenvolvemos no colexio. Antes de pintar hai que mirar e dialogar sobre o que vemos, hai que deixar que os nosos ollos sexan guiados polas palabras dos outros, hai que permitirlles ás nosas mans que experimenten e fagan bosquexos e que vaian planificando a obra futura. En resumo, hai que xuntar razón e sentimento para lle dar realidade ao imaxinado.

Cada cadro supón unha investigación, unha viaxe, un investimento ilusionado de traballo e tempo compartidos; acompañamos deste xeito unha infancia que sente e pensa, que busca as razóns, que indaga a relación das causas cos efectos.

Coas obras xa rematadas, o traballo centrouse na preparación do catálogo da poxa e o proceso foi o que se emprega sempre que unha nova tipoloxía textual aparece na aula: primeiro hai que familiarizarse con diferentes catálogos, telos á disposición de nenas e nenos e dialogar sobre eles (que información conteñen, como a presentan, semellanzas e diferenzas etc.). Despois cómpre tomar decisións sobre como queremos que sexa o noso catálogo (poñemos foto do cadro ou non?,  incluímos os apelidos dos autores? etc.). Aproveitamos unha das visitas dos padriños e madriñas lectores para pedirlles que nos axudasen a medir os cadros, a facer a súa descrición e tamén a poñerlles un título.

Apadriñamento para elaborar o catálogo da poxa

 

Cando o catálogo estivo listo para ser usado, só restaba convocar a poxa. Non fai falta dicir que ese día foi unha festa: familias, nenas e nenos, profesorado e membros da asociación gozando das obras de arte, poxando por elas e xuntando unha cantidade de cartos que fala moito da solidariedade da veciñanza dun barrio de clase traballadora da Coruña.

O éxito obtido na primeira edición en 2018 fixo que esta experiencia se convertese nunha tradición que nos fai sentir orgullo das familias do noso centro. Trátase non só de cumprir cun deber de solidariedade senón tamén de aprender a vivir xuntos democraticamente.

Poxa solidaria

 

Usa papeleiras

Ser maior é diferente de cando es pequeno, os nenos temos máis curiosidade! (Helena, 4 anos)

A segunda experiencia xorde cando o alumnado de quinto de educación infantil do CEIP Emilia Pardo Bazán atopa grandes cantidades de residuos no patio do seu colexio e busca o xeito de concienciar a todos os seus compañeiros e compañeiras do impacto que produce o lixo sobre nós mesmos e sobre o noso planeta.

Moitas accións cidadás dos nenos e nenas de educación infantil do CEIP Emilia Pardo Bazán xorden nas súas visitas ao seu «Jardín de Juanita», unha parcela verde onde interactúan desde o curso 2016/17. Conscientes de que a natureza precisa tantos coidados coma as persoas  («Acariñar é bo e é máxico, porque a miña mamá acariñoume e agora teño 4 anos. As flores son amigas, para acariñalas sen facerlles dano, dáslle unha caricia nos pétalos co dedo. Aos amigos acariñámolos con toda a man porque son grandes e as flores, pequenas»), o día que atoparon o patio exterior cheo de lixo ficaron sobrecollidos («Creo que os nenos ían merendando e, como non atopaban unha papeleira, deixárono no chan. Sería mellor que tirasen as cousas nunha papeleira e, se non hai, ir á clase tiralas»).

Patio do colexio cheo de residuos das merendas de media mañá

 

Custáballes crer que os compañeiros fosen responsables de tales feitos («Se cadra díxollelo unha profesora... Iso non o faría nunca unha profesora!, porque iso é contaminar e é malo para os nenos e para os paxaros») porque no colexio a recollida de restos orgánicos das merendas para facer compost é unha proposta estable e duradeira («Podemos tirar o lixo da comida! Ao merendar, primeiro tiro a pel do plátano na cestiña do compost e a da mandarina, laranxa ou mazá»). Saben moi ben que as consecuencias do mal uso dos residuos son «estragar o planeta. Así os bichos pensan que é comida, trágano e morren; as árbores tamén enferman se lles chegan os envases ao tronco cando o vento os arrastra».

Como sempre enfocan as súas reflexións establecendo paralelismos entre as súas vivencias e o que sucede ao seu arredor, axiña chegaron a focalizar en si mesmos o grave problema: «Tampouco nos gusta o lixo a nós. Poñémonos enfermos porque as cousas do chan non se poden coller, están sucias e quedamos enfermos, moi maliños e vomitamos; algún lixo é de cartón e as persoas non poden comer cartón».

Alegrounos ver que o seu xardín non estaba sucio e que o cartel que cravaran pedindo non tirar porcallada axudaba: «Hai que lelo, así xa saben que teñen que tirar o lixo na papeleira; se non o len, non o saben». Pensaron entón en elaborar outro máis resolutivo («Por favor, busca unha papeleira que estea preto. Grazas.») e en comunicarlle a súa preocupación á directora co desexo de que ela informase o resto do colexio. Alí mesmo propúxonos recoller as nosas argumentacións nunha carta, comprometéndose a facela chegar a todas as clases.

Non era un reto difícil porque os diferentes textos producidos pola nosa sociedade son grandes fontes de aprendizaxe e de achegamento á cultura, e calquera deles é susceptible de ser analizado, comentado e utilizado na nosa clase. Ademais, non había moito tempo que escribiramos conxuntamente a carta de Nadal e consensuar outra atendendo ao esquema deste tipo de texto (saúdo, contido e despedida), pero con distinta finalidade, levoulles pouco tempo.

Se na primeira sesión se podía ler «Nenos e nenas de primaria: Por favor, non tiredes lixo ao chan. Buscade unha papeleira que estea preto. Grazas.», nove borradores despois finalizaron: «Nenos e nenas de primaria: Por favor, non tiredes lixo ao chan. Buscade unha papeleira que estea preto. Había lixo no chan que estraga o noso planeta Terra, contamínao porque voan as peles da froita, as culleres, as bolsas, os vasos, os papeis do bocadillo…  e chega a moitos sitios. Todo está moi sucio e cheira fatal, a caca. Podemos plantar flores. Grazas.». Asinou a clase enteira e acompañaron a entrega colocando carteis nas portas de saída ao patio exterior. En resposta, as madriñas e padriños lectores, agasalláronos con sementes de flores coas que axardinar o colexio.

A directora recibe a carta e os carteis pedindo o uso de papeleiras

 

Pero nestas idades nas que todo o seu corpo é una fonte de aprendizaxe tamén enfocamos o seu proceso de alfabetización desde outras moitas linguaxes. Intuían que o diálogo, a escritura e un cartel non eran suficiente para difundir un slogan tan necesario. Lembraron a información proporcionada nos textos publicitarios que levaramos á nosa clase e, co desexo de chegar ao maior número de xente posible, soñaron cunha melodía pegadiza que puidesen cantar en calquera momento e incluso acompañar dun baile.

Mar Mariño, que traballa dirixindo grupos de canto coral e está moi vencellada coa nosa aula, é a persoa a que sempre lle pedimos colaboración para desenvolver accións musicais. Ela non só atende ás nosas peticións «con música suave porque, cando escoitas tan forte, non entenden ben o que dis, e que poidan bailar porque están ledos» senón que tamén nos axuda a aprender a cantar xuntos e nesta ocasión tamén a bailar o «Twist de la papelera». O episodio 2 da temporada 5 do programa da radio Onda ti-Emilia na onda,(minuto 35:10) foi a plataforma de lanzamento desta pequena canción; no espazo verde explicaron como xurdiu para resolver o problema urxente co que se atoparan.

Cantamos e bailamos para concienciar do mal uso das papeleiras

 

A realidade é que estas decisións axudaron a harmonizar a convivencia entre quen habita o colexio e as zonas verdes do patio exterior: nos seguintes trimestres toda a comunidade educativa foi máis coidadosa e a limpeza das zonas exteriores mellorou visiblemente («Hai lixo alí, pero hai menos!»).

 

Notas sobre un itinerario (a xeito de conclusión)

Tras repasar estas experiencias, fica claro para nós que o seu valor non está tanto no traballo feito coma nas esperanzas que nos permitiron albergar: o que ensinamos, moitas veces, ten o nesgo daqueles ríos que soterran as súas augas para logo, cando menos se agarda, facelas saír nunha corrente que sorprende e consola na súa frescura. Asumir esta vertixe non supón a negación da posibilidade senón a promesa dun efecto no noso alumnado e na sociedade.

Como profesionais da docencia non podemos deixarnos conquistar por pedagoxías centradas na individualidade que esquecen que nenas e nenos viven en sociedade e que é nela onde deben realizar as aprendizaxes. Non queremos unha infancia egocéntrica desconectada da realidade social, cultural e política:

A razón de ser da rede pública é axudar a construír un «nós» verdadeiramente inclusivo, que ten como referente o ben común; verse como cidadáns e cidadás que nun marco de pluralidade e de democracia aprenden a escoitar, dialogar, traballar e colaborar con quen pensa doutro xeito. (Torres, 2017, p. 25)

Repasando a enorme listaxe de problemas sociais que vemos nas escolas e desde estas resulta doado sentirse superado, pero é nesa realidade onde tomar forza para exercitar a vontade. A fenda entre o desánimo e a constancia haberá ser o noso acubillo.

Así as cousas, convivir co sufrimento e a imperfección non sería conformarse senón reconciliarse con eles a través de accións educativas. Trátase dunha cuestión máis de fins ca de medios: traballar para que os colexios sexan espazos afastados da obsesión por producir, onde a proximidade dos outros sexa a que nos mantén ergueitos.

 

 

Bibliografía

 

 

Gorki, M. (1932). Días de infancia. Barcelona: Bruguera.

Sátiro, A. (2018). Ciudadanía creativa en el Jardín de Juanita. El jardín como recurso para jugar a pensar y el pensamiento como recurso para reconectar con la naturaleza. Barcelona: Octaedro.

Torres, J. (2017). Políticas educativas y construcción de personalidades neoliberales y neocolonialistas. Madrid: Morata.

VVAA (2022). Crear Mundos nº 19. Actuar, pensar y sentir: ciudadanía creativa: Recuperado de http://www.crearmundos.net/asociacion/as/revista_files/Crearmundos%20n%C2%BA19.pdf

Palabras clave

aprendizaxe servizo

Unha mirada ao que nos afecta

filosofía para nenas e nenos

Unha mirada ao que nos afecta

educación e sociedade

Unha mirada ao que nos afecta

Diálogo

Unha mirada ao que nos afecta